Francisco Serrano Domínguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Serrano Domínguez.

Francisco Serrano Domínguez, nado en Isla de León (Cádiz) o 17 de decembro de 1810 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1885, Duque de la Torre, foi un militar e político español. Capitán Xeneral de Cuba (1859-1862), Presidente do Consello de Ministros (1868-1868, (1871-1871) e (1872-1872), Rexente (1869-1870) e Presidente do Goberno de España (1874-1874).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Serrano naceu durante o asedio francès de Cádiz, fillo dun militar liberal. Ingresou no exército en 1822, ascendendo por méritos propios durante a Primeira Guerra Carlista (1833-1840). En 1839 se incorporou ao partido progresista de Espartero.

Durante a Rexencia de Espartero (1841), foi nomeado por este mariscal e Ministro da Guerra. Despois, porén, virouse contra o excesivo poder do rexente, cooperando con Juan Prim para derrocalo (1843). Entre 1846-1848 sería amante da raiña Isabel II, sobre a cal exerceu unha grande influencia política.

Serrano despertaba receos entre os políticos moderados da época. En 1848, foi nomeado Capitán Xeneral de Granada, para telo alonxado da Corte. Decidiu apartarse da política, dimitindo do cargo que ostentaba, casa e dedícase a viaxar.

Cando en 1854 estala unha revolución progresista, Serrano volta a apoiar a Espartero. Ao longo do Bienio Progresista, que entón comezara, foi director xeneral de Artillaría, aliñándose cos centristas que impulsa O’Donnell a través do partido Unión Liberal.

Sería máis tarde embaixador en París, (1856); Capitán Xeneral de Cuba (1859-1862) e Ministro de Estado (1863). Foi nesa altura que a raiña, Isabel II, o nomea duque de la Torre.

Un ano despois da morte de O’Donnell (5-XI-1867), Serrano sucederalle como xefe da Unión Liberal, sumando este partido ás conspiracións antidinásticas de progresistas e demócratas. Participará de contado e decisivamente na Revolución de 1868, que destronaría a Isabel II, vencendo ás tropas gobernamentais na batalla de Alcolea.

Presidente de Goberno e Rexente[editar | editar a fonte]

Triunfante a revolución, de seguido foi nomeado Presidente do Goberno Provisorio (1868-1869) e, vacante a xefatura do Estado, recaeu sobre el, como Presidente do poder executivo (1869-1870). No tempo no que se aceptou a instauración dun réxime monárquico para España e, mentres non chegaba o novo rei, as Cortes nomearon a Serrano como Rexente, con tratamento de Alteza. Unha vez instaurada a monarquía democrática con a coroación de Amadeo de Savoia, Serrano devolveu os poderes de que fora investido. Con Amadeo foi chamado a presidir o goberno en dúas ocasións (1871 e 1872).

Cando estala a Terceira Guerra Carlista, Serrano derrotaría ao pretendente Carlos (VII) en Oroquieta, asinando o Acordo de Amorebieta, con a esperanza de acabar co conflito (1872). O rexeitamento deste convenio polas Cortes, provocaría a caída de Serrano do goberno. Admitiría a proclamación da Primeira República, aínda que tería que exiliarse pola súa implicación nunha conspiración (1873).

Xefe de Estado[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de estado do xeneral Pavía, que disolve as Cortes republicanas o 2 de xaneiro de 1874, Serrano será nomeado Presidente do goberno e do poder executivo, instaurando unha sorte de ditadura republicana de talante conservador. A súa ambición era perpetuarse como ditador, aínda que convidou ás tarefas gobernamentais tanto a Emilio Castelar como a Antonio Cánovas del Castillo, que refugaron. Ao tempo a destrución das forzas republicanas, e os conflitos carlista e cubano, que continuaban, abrirán camiño para a restauración dos Borbóns, precipitada a final daquel mesmo ano polo pronunciamento de Martínez Campos en Sagunto, 29 de decembro de 1874. Serrano acepta o novo rei, Alfonso XII, pretendendo xogar un papel importante no novo réxime como xefe do Partido Constitucional. Pero as súas aspiracións foran desdeñadas por Cánovas e polo rei, preferindo a Sagasta como líder liberal, razón pola cal se escindirá co grupo da Izquierda Dinástica (1881).

O seu labor de goberno, logo de tantas peripecias, resultou insignificante, amén de que foi un político sen ideais nin proxectos, cunha ambición de poder que o faría mudar frecuentemente de orientación e de lealdades: sería así alcumado o Xudas de Arjonilla, pola súa veleidade e polo lugar onde posuía unha propiedade).



Predecesor:
Emilio Castelar y Ripoll
Escudo del Gobierno Provisional y la Primera República Española.svg
Primeira República española
Presidente do Goberno de España

3 de xaneiro - 30 de decembro
1874
Sucesor:
Ninguén
(Reinado de Afonso XII)