Arsenio Martínez-Campos Antón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arsenio martinez campos.jpg

Arsenio Martínez-Campos Antón, nado en Segovia o 14 de decembro de 1831 e finado en Zarautz o 23 de setembro de 1900, foi un militar español. En 1874 proclamou un pronunciamento en contra da Primeira República Española, iniciando a restauración borbónica. Foi máis tarde Capitán Xeneral de Cuba e Presidente do Goberno Español en 1879.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi un militar de carreira que se formou na Escola do Estado Maior. En 1854 foi nomeado membro do Estado Maior español, do que máis tarde sería profesor. En 1860 foi destinado a África, nunha expedición conxunta con Francia e Inglaterra, acadando o grao de tenente coronel; tamén tomaría parte na campaña de 1862 en México so as ordes do xeneral Joan Prim.

En 1868 a raíña Isabel II foi destronada. Un ano despois Martínez-Campos será destinado a Cuba, onde acababa de comezar a Guerra dos Dez Anos. Regresa a España tres anos logo como brigadier por méritos de guerra. Unha vez na Península, recibe o mando dunha brigada para combater os carlistas en Cataluña. En 1873, durante a Primeira República española, o presidente Nicolás Salmerón, noméao Capitán Xeneral de Valencia e encárgalle someter os cantóns de Almansa e de Valencia, cousa que consegue sen demasiada dificultade, pero empregando toda a dureza posíbel; así a última cidade foi bombardeada e tomada a asalto.

O 2 de xaneiro de 1874 o xeneral Manuel Pavía disolveu as Cortes republicanas, aínda que a Primeira República sobreviviu case todo ese ano, dirixida por Serrano, estaba ferida xa de morte.

Mentres, Martínez-Campos, que estaba confinado en Mallorca, pasou a Castela, onde se dedicou a conspirar en favor da restauración da monarquía borbónica, a pesar da oposición de Antonio Cánovas del Castillo, que prefería chegar á mesma fin por vía parlamentaria. O 29 de decembro de 1874, o biografiado pronunciouse en Sagunto, a favor de Afonso de Borbón, fillo da exiliada Isabel II, precipitando a súa chegada ao trono como Afonso XII. Máis tarde será nomeado Capitán Xeneral de Cataluña, despois de derrotar os carlistas en Navarra e Cataluña (onde ocupou Olot e La Seu d'Urgell, en 1875). Na Restauración, foi destinado novamente a Cuba, en 1876, como Capitán Xeneral, asinando un tratado de paz en 1878, que outorga a Cuba maior autonomía.

Presidente do Goberno[editar | editar a fonte]

Volto a España, presidirá en 1879 o goberno, pero soamente so tutela de Cánovas del Castillo. Forzado a deixar o partido Conservador, logo de propor a total liberación dos negros de España. Pasou entón ás filas liberais, converténdose en Ministro de Guerra no gabinete Sagasta. Fundaría nese cargo a Academia Militar General.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1893, foi designado xeneral xefe do Exército de África, conseguindo cerrar un tratado de paz co Sultán magrebí en 1894. No mesmo ano de 1893, sufriu un atentado, do que puido saír ileso, en Barcelona, onde á sazón estaba destinado como Capitán Xeneral de Cataluña. Dous anos máis tarde, retornou a Cuba, pero enfrontado á necesidade de endurecer as medidas contra os rebeldes, nesa época apoiados polos Estados Unidos de América, dimite do seu posto para volver a España, onde sería nomeado presidente do Tribunal Supremo de Guerra e Mariña, cargo que exercería até a súa morte en 1900.

Predecesor:
Antonio Cánovas del Castillo
Presidente do Goberno de España
1879
Sucesor:
Antonio Cánovas del Castillo