Célestin Freinet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCélestin Freinet

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de outubro de 1896 Editar o valor em Wikidata
Gars, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte8 de outubro de 1966 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Vence, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista , membro da resistencia francesa , esperantista , pedagogo Editar o valor em Wikidata
LinguaEsperanto e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeElise Freinet


Célestin Freinet (Gars, Alpes Marítimos, 15 de outubro de 1896[1][2] - Vence, Alpes Marítimos, 8 de outubro de 1966[2]) foi un mestre e pedagogo francés, creador das "Técnicas Freinet".[2] Atribúeselle a xestación do chamado "materialismo escolar", partindo da filosofía krausista e marxista. Propón a autoxestión, cooperación e solidariedade entre o alumnado a través da introdución da imprenta na escola, o texto libre e o método natural de lectura e escrita.[3] Foi o creador en 1928 da Cooperativa de Ensino Laico e da Escola proletaria, precedentes do Movemento da Escola Moderna de Freinet. Diferentes sectores de educadores e analistas considérano fundador da escola moderna-sindicalista. A súa obra máis coñecida naquel momento foi A imprenta na escola. Louis Legrand, un dos seus máis documentados biógrafos, sostén que Freinet "ábrenos no terreo da pedagoxía o camiño da razón e o corazón".[4]

Ao comezo do século XXI, existen diversos colexios e institucións de elite que levan o seu nome ou anuncian as técnicas Freinet, na súa maioría baixo a coordinación da FIMEM.[5]

Non podedes preparar aos vosos alumnos para que constrúan mañá o mundo dos seus soños, se xa non creedes neses soños; non podedes preparalos para a vida, se non creedes nela; non poderiades mostrar o camiño, se vos sentastes, cansados e desalentados na encrucillada dos camiños.
Célestin Freinet (1974)

Biografía[editar | editar a fonte]

Nacido nunha familia campesiña na Provenza francesa, na súa infancia foi pastor. Tras estudar en Grasse entre 1913 e 1919, ingresou na escola normal de mestres de Niza. Mobilizado durante a Primeira guerra mundial con apenas 19 anos, foi ferido gravemente nun pulmón, do que nunca se recuperou completamente. Recibiu a Lexión de Honra e tivo catro anos de convalecencia.[4]

Mestre de escola[editar | editar a fonte]

Caricatura de Célestin Freinet por Luis Ricardo, lenda "Célestin Freinet"
Caricatura de Célestin Freinet por Luis Ricardo.

En 1920 iniciouse como mestre de escola en Bar-sur-Loup, nos Alpes Marítimos. Nese período comeza a desenvolver a súa faceta activista pedagóxica con propostas como a imprenta na escola. Tamén comeza a publicar artigos na prensa profesional e política, e a participar nos congresos internacionais da chamada "Escola Nova".[4] Nesas reunións toma contacto con docentes franceses como Bovet, Cousinet, Ferrière e Claparède. Tamén le os clásicos da pedagoxía contemporánea para preparar as oposicións á inspección primaria, que con todo non aprobou. Decepcionado quizais, decide apartarse tanto da pedagoxía tradicional como da nova e a pesar da súa admiración pola obra de Ferrière.[4]

En Gars, o seu lugar de nacemento, crea unha cooperativa de traballadores para electrificar a poboación e convértese nun activista sindical nas filas do Partido Comunista, militancia que lle permite en 1925 viaxar á URSS cunha delegación sindical e coñecer alí a Krupskaia, Ministra de Educación e esposa de Lenin.[4]

Militancia sindicalista[editar | editar a fonte]

Freinet estivo influído polas correntes obreiras e socialistas de comezo do século XX. De aí a súa militancia sindicalista e a base marxista do seu discurso, as críticas á sociedade capitalista e as súas propostas dunha "Educación polo Traballo, dunha Escola do Pobo e dunha Pedagoxía Popular e Moderna".[6] Todo iso en clara resonancia coa Escola Nova. Aínda que os aspectos fundamentais de orientación pedagóxica de Freinet constitúen unha dura crítica á escola tradicional, tamén realiza críticas á Escola Nova, considerando que goza dunhas condicións económicas e ambientais moi favorábeis das que están privadas a maioría das escolas públicas.[6]

O casamento con Élise[editar | editar a fonte]

En marzo de 1926 casa con Élise Lagier-Bruno, institutriz e artista, en Saint-Martin-de-Queyrières (unión da que nacerá unha filla, Madeleine, en agosto de 1929). En 1928, o matrimonio instálase temporalmente en Saint-Paul-de-Vence, onde Élise foi trasladada, e continúan desenvolvendo o corpo central da súa pedagoxía: a imprenta, a correspondencia interescolar, a cooperativa escolar e, a nivel nacional, a Cooperativa de Ensino Laico (CEL) que chegaría a converterse nunha verdadeira empresa de produción de material e edición de documentos pedagóxicos. Freinet xa é coñecido tanto a nivel nacional como internacional polos congresos nos que participaba ou organizaba.[4]

A Cooperativa de Ensino Laico[editar | editar a fonte]

En 1927 publica o libro "A imprenta na escola" e crea no marco da Cooperativa de Ensino Laico (CEL), conxuntamente coa aprobación dos seus estatutos, un boletín chamado "L’imprimerie à l’école" que en principio é mensual[7]. Posteriormente cambia a súa periodicidade a quincenal e en 1932 cambia o seu nome por "L'educateur prolétarien"[8]. Neste marco realizábanse anualmente congresos chegando a ter mil asociados en 1935.[9]

A orixe da escola libre experimental sitúase entre 1934 e 1935, cando Freinet pon en marcha unha escola en Vence, con apoio comunista. O alumnado é na súa maioría interno e pertencente ás capas sociais desfavorecidas ou a familias en apuros. Ao empezar a segunda guerra mundial, é considerado perigoso debido á súa militancia comunista e é internado nun campo de concentración, aínda que máis tarde sae en liberdade e únese ao maquis do Briançonnais, que máis tarde chegaría a dirixir. Concluída a guerra, preside o Comité de Liberación dos Altos Alpes e renova a súa actividade en Vence.[4]

O Instituto da Escola Moderna[editar | editar a fonte]

En 1948 a Cooperativa de Ensino Laico transfórmase no Instituto da Escola Moderna, que se traslada a Cannes. En 1953 Freinet foi expulsado do Partido Comunista, como disidente.[4] Nese período reforza o sistema de coordinación do traballo pedagóxico e didáctico dos seus discípulos, creando o Institut Coopératif de l'École Moderne (ICEM), que tivo o seu reflexo internacional en 1958, coa fundación da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM).[10]

Célestin Freinet faleceu en Vence oito días antes de cumprir os 70 anos de idade. O seu proxecto foi continuado pola súa compañeira Élise Freinet (1898-1983).[4]

Continuadores[editar | editar a fonte]

Expansión das técnicas Freinet representada pola FIMEM.

Aínda que a difusión das técnicas pedagóxicas de Freinet foi tan ampla como diversa, poden mencionarse algúns continuadores, por exemplo, en España, e durante o florecente período republicano, a Cooperativa Española da Imprenta na Escola, creada por Herminio Almendros e María Cuyás Ponsa, inspectores de ensino, e xerme da Revista Colaboración que organizaría varios congresos, algúns deles coa presenza de Freinet como ocorreu na Escola de Verán de Barcelona de 1933.[11]

Por mor da Guerra Civil Española e do proceso de persecución e aniquilación dunha pedagoxía progresista emprendido polo franquismo e a Igrexa católica española, moitos dos mestres e mestras no exilio difundiron as técnicas de Freinet en Latinoamérica. En España, segue a súa pedagoxía o Movemento Cooperativo de Escola Popular (MCEP), que pertence á FIMEM (Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna).[12]

As "técnicas de vida"[editar | editar a fonte]

Seguindo o testemuño de Élise Freinet, durante o período vivido en Bar-sur-Loup, Célestin experimentou dúas fases de "iluminación pedagóxica", interiorizando e superando a súa propia experiencia tras a Gran Guerra e o movemento para o novo modelo educativo que proporía. O grande descubrimento ou a clave de orixinalidade –común a case todos os movementos pedagóxicos contemporáneos de Freinet– foi "a necesidade imperiosa, física e psicolóxica, de saír da aula para ir buscar a vida na rica contorna do campo veciño e a artesanía aínda existente: a clase-paseo".[4] Sobre esta base, Freinet desenvolveu un abanico de actividades para estimular "a libre expresión infantil, a cooperación e a investigación da contorna".[4] A natureza axudaría ao pedagogo a elaborar unhas claves de traballo[13]. Un exemplo levado ao cine é o filme de José Luis Cuerda, A lingua das bolboretas (1999), que reflicte a actividade dun mestre e o seu alumnado entregados á observación da natureza.

As principais técnicas descritas ao longo da súa obra son:[14][15][16][17]

  • O texto libre: Texto realizado polos nenos e nenas seguindo estas fases: a escrita do texto, que constitúe unha actividade creativa e individual; a lectura ante todo o grupo, co que se traballa a entoación e a modulación da voz; o comentario de texto de forma colectiva; e outras técnicas como a impresión e reprodución dos textos para a revista escolar e a correspondencia. Ademais de exercitar a creatividade, o texto libre serve de soporte para a aprendizaxe da lectura. Como o texto procede dos propios nenos e nenas, séntense máis implicados e aprenden con maior facilidade.
  • A revista escolar: Froito do traballo dos pequenos e pequenas que se constrúe a partir da propia organización do traballo. Constitúe unha ferramenta para comunicarse coas familias. A gramática e a ortografía cobran sentido porque non se debe publicar un texto con erros ortográficos.
  • Os plans de traballo: Plans inseridos na planificación colectiva co alumnado e ao amparo dunhas decisións de grupo que, á súa vez, están na previsión xeral do curso. O neno ou a nena responsabilízanse do seu traballo e saben o que deben facer.
Nenos e nenas plantando leitugas nun horto escolar
Nenos e nenas plantando leitugas nun horto escolar
  • O horto escolar: Trátase de realizar cultivos e utilizalos como fontes de aprendizaxe conceptual, procedemental e actitudinal sobre o medio, a agricultura, as plantas, a tecnoloxía, a nutrición, a observación, a experimentación, a colaboración e o traballo.
  • As conferencias: Exposicións orais desenvoltas no marco do grupo-clase, as críticas á realidade por parte do alumnado e o seu posterior estudo.
  • Biblioteca de traballo: O material clasifícase de acordo coa dinámica e as necesidades de consulta do alumnado, que acceden libremente a el, pero tamén se responsabilizan de ordenalo e controlalo.
  • A asemblea de clase: Espazo e tempo destinados a expor problemas, debater e intercambiar ideas, e buscar medios para a súa resolución, para planificar e posibilitar a realización de proxectos. Desenvolve as competencias vencelladas á planificación, toma de decisións, participación e de revisión do traballo e da vida do grupo-clase.
  • A correspondencia escolar: A imprenta, pola súa divulgación escolar, social e humana inspirou a correspondencia escolar (interescolar, é dicir, entre escolas). Freinet consideraba necesario que os textos libres dos nenos e nenas fosen apreciados non só nas súas aldeas ou polos seus pais e nais, iniciando un intercambio dunha escola a outra de paquetes con postais, debuxos, cartas...
  • A axenda escolar: Onde estarían consignadas informes, preguntas e suxestións para ser expostas durante as clases ou como un forma de plasmar futuros traballos.
  • Intercambios escolares: Envío de mensaxes ou obxectos entre escolas para favorecer o texto libre e outras técnicas de vida.
  • O debuxo libre: Similar ao texto libre, pero co debuxo como técnica principal.
  • O ficheiro escolar cooperativo: Fichas onde se garda información que poida ser útil en traballos posteriores e contribuír coa resolución dos proxectos. O ficheiro nunca se acaba en tanto que todos os proxectos posteriores poden retroalimentala.
  • Os talleres de traballo: Lugares dentro da escola onde se favoreza o uso de diferentes ferramentas relacionados coas profesións, onde os pequerrechos e pequerrechas poderán expresarse e desenvolver capacidade ao redor dun oficio.
  • Carné escolar: Axuda á creación dun perfil do estudante, é unha forma de identificar ao alumnado durante as clases-paseo e ante as persoas que non pertenzan á escola.
  • Ficheiros autocorrectivos: Poden adoptar formas diversas como cadernos de traballo ou fichas individuais. Hai varios tipos de ficheiros conducentes á aprendizaxe individual e autorregulada de cada estudante: información xeral, explotación (traballo de campo, elaboración etc.), busca de palabras, guías de traballo e solucións (propiamente autocorrectivos).
  • Xornal mural: Permite unha creación grupal con novas que se poden organizar en seccións expostas na aula ou no centro traballando os textos, as fontes de información e as imaxes.

Riscos da pedagoxía Freinet[editar | editar a fonte]

nenos e nenas imprimindo follas nunha imprenta artesanal
A imprenta Freinet na escola. Escuela Experimental Freinet, San Andrés Tuxtla, Veracruz (México)

A base das técnicas Freinet é o método natural, é dicir, ofrecer un ambiente favorábel ao descubrimento continuado, no que se reflicta a vida cotiá do alumnado e sexa posíbel a expresión libre, o intercambio e o contraste de ideas nunha institución que eles mesmos conforman. Outra das claves do desenvolvemento destas técnicas é a creación de talleres dedicados ao traballo manual. Todo iso nunha liña pedagóxica de actitude investigadora, incentivando a curiosidade polo que rodea ao alumnado, salvagardando o respecto polas propias realizacións e as dos demais, e autoxestionando o bo uso dos materiais como soporte da aprendizaxe.[14]

Xénese desde a práctica[editar | editar a fonte]

Aínda que Freinet fixo referencias a diversos autores e autoras contemporáneos e mesmo colaborou con eles en actividades, publicacións e congresos, para xustificar ou reforzar as súas propostas pedagóxicas, toda a súa produción nace da práctica docente e todas as súas técnicas son solucións a problemas da praxe da aula.

Non cabe esperar que Freinet producise textos académicos nos que teorizase formalmente a filosofía da súa práctica. Non hai dúbida de que Freinet leu e escribiu moito. Describiu o seu pensamento e acción en libros como L'education du travail (1949), Les dits de Mathieu (1949), L'essai de psychologie sensible appliquée à l'éducation (1950), L'ecole moderne française (1957), etc. Nos últimos anos da súa vida quixo incorporar ao seu movemento a teóricos da investigación docente, entre os que me atopaba eu mesmo, ao redor dunha revista, Techniques de Vie, que tivo unha vida efémera. En conxunto, a súa obra é concreta, pintoresca e afectiva.
Louis Legrand (1993)

Evolución permanente[editar | editar a fonte]

Freinet entende a pedagoxía como unha ciencia dinámica en constante diálogo coa vida que debe incorporar os adiantos e trocos que se producen permanentemente como consecuencia da evolución humana, dos descubrimentos científicos e das creacións culturais.

Freinet evolucionou continuamente e alimentouse das grandes correntes de pensamento da súa época, que asimilou e, sobre todo, transformou. Así ocorreu por exemplo coa reflexoloxía (véxase Élise Freinet, 1977, páx. 143), a cibernética, o ensino programado e o estruturalismo. A súa cultura no momento da súa formación como mestre e cando preparaba as oposicións a inspector xa era moi ampla. Serao máis aínda, cando con ocasión da celebración de congresos, trate a Ferrière, Decroly, Cousinet, Claperède, Dottrens, Wallon, Barbusse, Politzer e outros. Pero entre o principio, probabelmente marxista, e o final da súa vida, inspirado ao parecer por Teilhard de Chardin, que longo camiño percorrido!
Louis Legrand (1993)

O tenteo experimental[editar | editar a fonte]

No plano máis teórico e como base psicolóxica da súa proposta educativa, Freinet estimula a idea de "tenteo experimental". Considera que as aprendizaxes prodúcense a partir das propias experiencias, da manipulación da realidade que poden realizar os nenos e nenas, da expresión das súas vivencias, da organización do contexto (ambientes) no que o alumnado poida formular e expresar as súas experiencias. Debe considerarse a funcionalidade do traballo, crear institucións que impliquen que o traballo escolar teña un sentido, unha utilidade, unha función. Outra das achegas é o principio de cooperación, que exixe a creación dun ambiente na aula no que existan elementos mediadores na relación docente-alumnado.

A expresión máis clara e profunda da teoría en que se basean as técnicas Freinet é a formulada no seu Essai de psychologie sensible (1950): trátase do "tenteo experimental" que, ao seu xuízo, sintetiza o esencial das súas técnicas. A escola serve desde logo para aprender, pero a aprendizaxe non se pode realizar mediante unha intervención exterior ao alumno: "Non se pode obrigar a beber a un cabalo que non ten sede". O esencial debe proceder do propio alumno. Agora ben, a necesidade de saber nace do obstáculo, da descontinuidade da evidencia, da falta de comprensión e da busca do que permitirá comprender. Para que esta indagación sexa eficaz, ten que ser espontánea e movida pola necesidade interior do que busca, e ela mesma non pode estar libre de erro. Tenteando, probando, volvendo sobre a proba infrutuosa para rectificala, o neno e o adulto aprenden verdadeiramente. Á teoría clásica das probas e os erros que coñeceu a través de Pavlov, Freinet engade dous puntos fundamentais: por unha parte, a proba ten que facerse para responder a unha necesidade; por outra parte, o éxito supón a memorización espontánea do proceso e a súa repetición ulterior en situacións parecidas, o que constitúe toda a esencia da aprendizaxe.
Louis Legrand (1993)

A aprendizaxe da lectura e a escrita[editar | editar a fonte]

Primeira páxina dun xornal escolar co texto: L'expo classe, revista atípica e atípica de CE2, CM1 e CM2 do colexio Daniel Vincent Anor, "La foto de clase", Debuxo: Jakson e Thomas, maio de 2008, impreso na escola. Papel azul con texto negro e debuxo infantil. Escola Daniel Vincent (Anor, Hauts-de-France)
Portada dun xornal escolar de 2008 da Escola Primaria Daniel Vincent (Anor, Hauts-de-France)

A aprendizaxe da lectura é un dos primeiros descubrimentos de Freinet que rompe coa pedagoxía tradicional excesivamente racionalista (desde a perspectiva adulta) e que o induce a propor o método natural, defendendo o sentido común xerado da experiencia docente e da vida cotiá dos cativos e cativas. A lecto-escrita é o eixe vertebrador de boa parte das técnicas que deseñou e practicou como o texto libre, a revista escolar, a correspondencia escolar e o xornal mural.

O interese fundamental pola comunicación conducirá a unha práctica orixinal da "aprendizaxe da lectura". En Francia, entre as dúas guerras mundiais practicouse a técnica da construción sintética. Dos sons á letra, das letras á sílaba, das sílabas á palabra e das palabras á frase. Para esta aprendizaxe das simples combinacións utilízanse taboleiros ante os que os alumnos deben "descifrar" en coro: B-A: BA, etc. As palabras utilizadas son as que nacen desta produción sintética: "papá", "pipa", etc. Os textos que se leen son artificiais e "infantís", en todo caso totalmente alleos á vida real afectiva. O problema fundamental reside en pasar desta ximnasia formal á lectura de verdadeiros textos. Segundo Freinet, esta técnica supón a morte do espírito. Ler é buscar o sentido do que se lee. Por isto infórmase con interese das técnicas e as teorías de Decroly: a percepción do texto non é sintética, letra tras letra, senón global, segundo establece a "psicoloxía da forma". A base da "lectura global" é a aprendizaxe que vai das palabras, percibidas e recoñecidas globalmente, á sílabas, produto da descomposición das palabras mediante o recoñecemento das similitudes, até chegar aos sons descubertos da mesma maneira analítica. A partir de aí pódese pasar á composición de palabras novas e á escrita. Deste xeito defínese un método analítico-sintético que Freinet descubre e no que se inspirará, aínda que superando a perspectiva orixinal. O acceso ao texto escrito debe ser ante todo unha busca do seu sentido. Seguindo as intuicións de Rousseau, Freinet considera que o texto é ante todo o produto dunha vontade de comunicación e non esquece a necesidade de facilitar os coñecementos que faltan nos momentos adecuados.
Louis Legrand (1993)

O cálculo vivo[editar | editar a fonte]

Freinet tamén aborda co método natural outra das dificultades escolares tradicionais: as matemáticas. Para iso utiliza de novo as experiencias diarias, familiares e próximas dos rapaces e rapazas recollendo as súas propostas a partir das conversas e dos debates que se producen nas asembleas. Esta dinámica grupal e comunicativa permite motivar o alumnado implicándoo na selección dos contidos que se tratan na aula, identificar os temas habituais nas súas vidas cotiás, determinar os seus coñecementos e xerar un sentimento de aproveitamento e utilidade das aprendizaxes desenvoltas.

A aprendizaxe do cálculo sufrirá a mesma transformación radical. Para Freinet, o cálculo ten que ser un instrumento de acción sobre as cousas. Serve para medir os campos, pesar os produtos, calcular o prezo, os xuros que se deben ou se cobran. Todo iso xustifica a actividade aritmética, en vez do acceso descarnado aos números e as operacións.
Louis Legrand (1993)

A cooperativa escolar[editar | editar a fonte]

A cooperativa é unha das estratexias que se foi incorporando e mesmo institucionalizando entre todos os docentes e centros practicantes das técnicas Freinet. Permite unha estratexia organizativa, unha fonte de financiamento, unha oportunidade de participación e unha posibilidade de aprendizaxe.

A imprenta, o diario escolar, a correspondencia interescolar e as visitas distantes precisan diñeiro e nos municipios pobres non se pode esperar cartos do concello. É preciso por tanto atopar a maneira de obter financiamento. A cooperativa escolar nacerá desta dobre exixencia: motivar o cálculo e facer funcionar os obradoiros da escola. Diso dedúcese naturalmente que a cooperativa se converte en lugar de reflexión, de elaboración de proxectos, de adopción de decisións, de contabilidade e de estimación de posibilidades. O seu funcionamento require a elección do responsábel e reunións periódicas de debate e control. Deste modo, as técnicas de comunicación escolar convértense en instrumento dunha formación cívica pola acción, e non pola palabra, en institucións distantes ás que unicamente o funcionamento diario da institución escolar dará un significado concreto.
Louis Legrand (1993)

Obra[editar | editar a fonte]

O conxunto da obra de Freinet foi recompilado por Georges Piaton e publicado na Pensée pédagogique de Célestin Freinet (Tolosa, Editorial Privat, 1974) onde lle dedica medio centenar de páxinas reunindo mil setecentos títulos, na súa maioría artigos.[4]

Principais orixinais en francés[editar | editar a fonte]

  • L’Imprimerie à l’école, Boulogne, Ferrary, 1927.
  • L'École moderne française, París, Éditions Ophrys, 1946.
  • Conseils aux parents, Cannes, Éditions de l’École Moderne, 1943.
  • L'Éducation du travail, Cannes, Éditions de l’École Moderne, 1949.
  • Les Dits de Mathieu, Cannes, Éditions de l’École Moderne, 1949.
  • Essai de psychologie sensible appliquée à l'éducation, Cannes, Éditions de l’École Moderne, 1950.
  • Les Méthodes naturelles dans la pédagogie moderne, París, Éditions Bourrelier, 1956.
  • La Méthode naturelle, 3 volumes, Neuchâtel, Éditions Delachaux et Niestlé, 1968–69 (póstuma).
  • Pour l’école du peuple, París, Éditions Maspero, 1969 (póstuma).

Obras sobre Freinet[editar | editar a fonte]

Estudos en francés[editar | editar a fonte]

  • Clanché, P., Devarieux, E., Testaniere, J. (eds.) La pédagogie Freinet. Mises à jours et perspectives. Bordeus, Presses Universitaires de Bordeaux, 1993.
  • Legrand, Louis. Pour une pédagogie de l'étonnement. Neuchâtel, Delachaux & Niestlé, 1960.
  • Lobrot, M. La pédagogie institutionnelle. París, Gauthier-Villars, 1966.
  • Maury, L. Freinet et la pédagogie. París, Presses Universitaires de France, 1988.
  • Oury, F. E et Vasquez, A. Vers une pédagogie institutionnelle? París, Maspero, 1967.
  • Piaget, J. Psychologie et pédagogie. París, Denoël, 1969.
  • Piaton, G. La pensée pédagogique de Célestin Freinet, Tolosa, Privat, 1974.
  • Viario, J. "Pédagogie Freinet, pédagogie du travail, de l'aléatoire et da dédicace". En: Célestin Freinet, París, I.P.N., 1967.

Estudos en galego[editar | editar a fonte]

Estudos en español[editar | editar a fonte]

  • Costa Rico, A. D'abord les enfants: Freinet y la educación en España (1926-1975), Universidade de Santiago de Compostela, 2010.
  • Gertrúdix Romero de Ávila, S., Construyendo Escuela, Editorial Octaedro, 2017.
  • Gertrúdix Romero de Ávila, S., La Pedagogía Freinet. Principios y Técnicas de Trabajo, MCEP Publicaciones, 2019.
  • González-Monteagudo, J. El universo pedagógico de Célestin Freinet, Editorial Escuela Viva, 2018.
  • González-Monteagudo, J. La Pedagogía de Célestin Freinet: contexto, bases teóricas, influencia, Ministerio de Educación Cultura e Deporte, 1988.
  • Hernández Huerta, J. L., Freinet en España (1926-1939). Escuela popular, historia y pedagogía, Castilla Ediciones, 2012.
  • Imbernón Muñoz, F., Las invariantes pedagógicas y la pedagogía Freinet cincuenta años después, Editorial Graó, 2010.
  • Porto Ucha, A. S. e Vázquez Ramil, R. "Tras las huellas de la prensa freinetiana en Galicia durante la Segunda Reoública. Faro Infantil, periódico de los niños de la escuela de A Cañiza (Pontevedra)". La prensa de los escolares y estudiantes. Su contribución al patrimonio educativo, Universidade de Salamanca, pp. 165–178, 2015.

Freinet no cine[editar | editar a fonte]

Jean-Paul Lle Chanois dirixiu en 1949 L'École buissonnière, longametraxe de 99 minutos estreado aquel ano en Francia, con guión do propio Lle Chanois, a partir dunha sinopse de Élise Freinet. O filme tivo como intérpretes principais a Bernard Blier, Juliette Faber, Édouard Delmont e Edmond Ardisson.[18] A acción transcorre en 1920, nunha aldea da Provenza, onde o señor Pascal, mozo mestre recentemente chegado ao lugar, fai radicais cambios sobre a metodoloxía tradicional do seu predecesor: "escoita aos nenos, inspírase nos seus descubrimentos, ponos en contacto coa natureza e dá valor ás capacidades de cada un".[18]

Outro exemplo similar pode atoparse na Lingua das bolboretas, dirixida en 1999 por José Luis Cuerda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Páxina do rexistro de Gars". Ordiecole.com (en francés). Consultado o 3/12/2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Freinet, Célestin (1896-1966)". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 03-12-2022. 
  3. Herraiz García, Carlos. "Célestin Freinet". mcnbiografias.com (en castelán). Consultado o 03-12-2022. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 Legrand, Louis (1993). "Célestin Freinet (1896-1966)" (PDF). Perspectivas: revista trimestral de educación comparada (en castelán) (UNESCO: Oficina Internacional de Educación). XXIII (1-2): 425–441. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06-11-2022. Consultado o 03-12-2022. 
  5. "Mouvement Freinet.". web.archive.org (en francés). 2015-09-18. Arquivado dende o orixinal o 18-09-2015. Consultado o 03-12-2022. 
  6. 6,0 6,1 Legrand, Louis (1960). Pour une pédagogie de l'étonnement. (en francés). Neuchâtel: Delachaux et Niestlé. 
  7. "L'Imprimerie à l'École". Coop'ICEM (en francés). Consultado o 03-12-2022. 
  8. "L'Éducateur Prolétarien". Coop'ICEM (en francés). Consultado o 03-12-2022. 
  9. Villaplana, Enric (2000). La escuela cooperativa (en castelán). Barcelona: Ciss Praxis. p. 72-75p. ISBN 84-7197-648-X. 
  10. "Freinet, Célestin (1896-1966). » MCNBiografias.com". www.mcnbiografias.com (en castelán). Consultado o 03-12-2022. 
  11. Hernández Huerta, José Luis (2012). Freinet en España (1926-1939). Escuela popular, historia y pedagogía (en castelán). Castilla Ediciones. ISBN 978-84-96186-78-1. 
  12. "Movimientos Freinet". MCEP (en castelán). 2016-04-20. Consultado o 03-12-2022. 
  13. "Celestin y Elise Freinet". educomunicacion.es (en castelán). Consultado o 03-12-2022. 
  14. 14,0 14,1 Freinet, Célestin (2005). Técnicas Freinet de la escuela moderna (en castelán) (26ª ed.). Siglo XXI. ISBN 978-968-23-1796-5. 
  15. Vergnioux, Alain (2000). La notion d’expérience dans la pédagogie Freinet (en francés). Presses universitaires de Caen. pp. 59–70. Consultado o 03-12-2022. 
  16. Fournès, Ginette; Dorance, Sylvia (2014). S'engager dans la pédagogie Freinet (en francés). París: École vivante. ISBN 978-2-36638-028-6. OCLC 894475529. 
  17. "La Pédagogie Freinet". Coop'ICEM (en francés). Consultado o 03-12-2022. 
  18. 18,0 18,1 Martínez-Salanova Sánchez, Enrique. "El matrimonio Freinet, pionero de la educación y la comunicación". uhu.es (en castelán). Consultado o 03-12-2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]