Briançon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista de Briançon dende o castelo

Briançon (fr. e oc. Briançon) é unha cidade pequena e alpina de Francia, no departamento dos Alpes Altos, pertencente á rexión de Provenza-Alpes-Costa Azul.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Briançon localízase no cruzamento dos vales da Durance, da Guisane e da Cerveyrette, sobre un outeiro de formación glaciar, a unha elevada altitude. Os seus 1.326 m de media sobre o nivel do mar fan que se lle atribúa a condición de cidade máis elevada de Francia e a segunda de Europa, logo de Davos en Suíza. Porén, non é o poboamento humano estábel máis elevado. Viven nos seus 28,07 km² uns 10.737 habitantes (conforme o censo de 1999).

O val da Durance ábrelle dende o norte, polo monte Montgenèvre, vía cara a fronteira italiana, da que se atopa moi próxima, e dende o sur, camiño cara Gap e a Provenza. As terras de Italia están a só 15 km de Briançon (Turín está a 109 km) e a cidade de Grenoble a 115 km.

Briançon é ao tempo unha estación de esquí, fundada en 1941. É ademais, unha das cidades máis soleadas de Francia, cuns 300 días de sol ao ano e unhas 2.360 horas anuais (máis de 2.500 se descontamos as sombras que proxectan as montañas), e unha humidade relativa media de só o 40%. A peculiaridade do seu clima débese á orientación do val, en dirección norte-sur, o que é inusual dentro dos Alpes franceses, o que permite a entrada de aire quente procedente do Mediterráneo, e ao mesmo tempo as cadeas montañosas que bloquean a chegada de nubes.

Historia[editar | editar a fonte]

Briancon blason.gif

Coñécese a ocupación humana das terras de Briançon dende a Idade do Bronce. Determinados pobos celtoligures, chamados brigiani, deberían estar na orixe do nome romano Brigantium (coincidente co noso Brigantium). Teñen falado da cidade Estrabón, Ptolomeo, Tito Pomponio Ático, Ammiano Marcelino e Plinio o Vello. Na época romana, Briançon formaba parte dos Alpes Cotienos, gobernados no seu tempo polo rei Cotio, e era un punto de paso esencial polos Alpes na vía Domiciana que circulaba de Turín a Arles.

Como consecuencia das invasións bárbaras, a cidade romana reprégase á súa parte xeograficamente máis inexpugnábel, o outeiro que se formou trala erosión glaciar no medio do val da Durance. Pertenceu ao Delfinado dende 1024, pero conformou un territorio á parte, denominado o Couto Briançonés, conformado por cinco pequenas cidades que dispuxeron de prerrogativas especiais ata a Revolución Francesa, moito tempo despois de que o propio Delfinado fose anexionado ao reino de Francia (1349). Ao ser unha vía de paso entre Francia e Italia viviu as consecuencias de conflitos históricos importantes, e o 6 de agosto de 1590 foi tomada por François de Bonne de Lesdiguières no marco das Guerras de Relixión francesas.

Durante este tempo, Briançon avanzou na súa fortificación: despregáronse novas murallas, como a de 1690, e reforzáronse os edificios de carácter militar, creándose novas torres e casteliños nas montañas do arredor, defensas en boa medida deseñadas polo enxeñeiro e arquitecto Sébastien Le Prestre de Vauban. Iso non impediu que no verán de 1692 as tropas savoianas de Vítor Amadeo II de Savoia, no decurso dunha operación militar polo sur do Delfinado, queimase boa parte da cidade. Polo tratado de Ryswick pasa a pertencer aos estados de Savoia en 1697 e regresa a dominio francés en 1713 polo tratado de Utrecht.

En 1815, durante as guerras napoleónicas, Briançon resistiu os ataques dos aliados, e cando o tratado de París se asina, Briançon aínda non se rendera. O carácter militar da cidade non se perdeu, e en 1890 convértese en sede do 159º rexemento de infantería do exército francés e aínda na época actual ten unha importante vida militar.

En 1990 inaugúrase o sistema de telecabina entre a cidade e a estación de esquí próxima de Serre-Chevalier, co que Briançon se beneficiou do desenvolvemento turístico de inverno.

Cultura e turismo[editar | editar a fonte]

A fortificación de Vauban

Briançon é unha cidade con numerosos edificios históricos e onde o conxunto defensivo resiste bastante ben conservado. Por iso demandou o recoñecemento da Unesco como Patrimonio mundial canda outras doce vilas-fortaleza planificadas por Vauban, cando se facía o seu 300º cabodano. A decisión do organismo internacional non se coñecerá ata xullo de 2008.

Así pois, a maior importancia arquitectónica da cidade reside nos seus edificios de carácter defensivo e militar, coma o conxunto de casteliños que compoñen a fortificación da vila (o forte de Anjou, o do Randouillet, o das Salettes, así como a ponte do Jour ou a ponte de Asfeld), fundamentalmente edificados nos primeiros anos do século XVIII. A rota das construcións militares prosegue coas torres e defensas da cidade situadas nos montes do arredor, e que controlaban o acceso dos exércitos que procedían de Italia.

Ademais, entre o seu patrimonio relixioso destacan os campanarios da igrexa parroquial de Nosa Señora e San Nicolao (1705-1718), o da antiga capela dos Penitentes negros (segunda metade do XVI), e a antiga igrexa dos Cordeiros (s. XVII), agora propiedade do concello.

Cidades irmás[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]