Atila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato anónimo de Atila (probabelmente do século XIX). Aparece representado como un europeo, aínda que os seus trazos deberon ser máis ben de tipo mongol ou centroasiático.

Atila (nacido cara ao 406 e morto no 453) foi o último e máis poderoso rei dos hunos. Gobernou o maior imperio europeo do seu tempo desde o 434 ata a súa morte. As súas posesións estendíanse desde Europa Central ata o Mar Negro, e desde o Danubio ata o Báltico. Durante o seu reinado foi un dos máis acérrimos inimigos dos Imperios romanos Oriental e Occidental: invadiu dúas veces os Balcáns, tomou a cidade de Roma e chegou a poñer sitio a Constantinopla na segunda das ocasións. Marchou a través de Francia ata chegar ata a Orleáns antes de que o obrigasen a retroceder na batalla dos Campos Cataláunicos (Châlons-sur-Marne), e logrou facer fuxir ao emperador Valentiniano III da súa capital, Rávena, no 452.

Aínda que o seu imperio morreu con el e non deixou ningunha herdanza destacada, converteuse nunha figura lendaria da historia de Europa. En gran parte da Europa Occidental recórdaselle como o paradigma da crueldade e a rapina. Algúns historiadores, en cambio, retratárono como un rei grande e nobre, e tres sagas escandinavas inclúeno entre os seus personaxes principais.

Orixes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hunos.

Os hunos europeos parecen ser unha póla occidental dos hsiung-nu, grupo proto-mongol ou proto-túrquico de tribos nómades do nordeste de China e da Asia Central. Estes pobos lograron superar militarmente aos seus rivais (moitos deles de refinada cultura e civilización) pola súa predisposición para a guerra, a súa asombrosa mobilidade e as súas armas específicas, tales como o arco huno.

Atila naceu en torno ao ano 406. En canto á súa infancia, descoñecemos calquera dato. A suposición de que a idade temperá era xa un xefe capaz e un avezado guerreiro é razoábel pero non existe forma de constatala.

O trono compartido[editar | editar a fonte]

Cara ao 432, os hunos unificáronse baixo o rei Ruga ou Rugila. No 434 morreu Ruga, deixando aos seus sobriños Atila e Bleda, fillos do seu irmán Mundzuk, ao mando de todas as tribos hunas. Naquel momento os hunos atopábanse en plena negociación cos embaixadores de Teodosio II acerca da entrega de varias tribos renegadas que se refuxiaran no seo do imperio de Oriente. Ao ano seguinte, Atila e Bleda tiveron un encontro coa legación imperial en Margus (actualmente Pozarevac) e, sentados todos na sela dos cabalos ao xeito huno, negociaron un tratado. Os romanos acordaron non só devolver as tribos fuxitivas (que foran un auxilio máis que benvido contra os vándalos), senón tamén duplicar o tributo anteriormente pagado polo imperio, de 350 libras romanas de ouro (case 115 kg), abrir os mercados aos comerciantes hunos e pagar un rescate de oito soldo por cada romano prisioneiro dos hunos. Estes, satisfeitos co tratado, levantaron os seus campamentos e partiron cara ao interior do continente, talvez co propósito de consolidar e fortalecer o seu imperio. Teodosio utilizou esta oportunidade para reforzar os muros de Constantinopla, construíndo as primeiras murallas marítimas da cidade, e para levantar liñas defensivas na fronteira ao longo do Danubio.

O imperio huno estendíase desde as estepas de Asia Central ata a actual Alemaña, e desde o Danubio ata o Báltico

Os hunos permaneceron fóra da vista dos romanos durante os seguintes cinco anos. Durante este tempo levaron a cabo unha invasión de Persia. Con todo, unha contraofensiva persa en Armenia concluíu coa derrota de Atila e Bleda, quen renunciaron aos seus plans de conquista. No 440 reapareceron nas fronteiras do imperio oriental, atacando aos mercadores da ribeira norte do Danubio, aos que protexía o tratado vixente. Atila e Bleda ameazaron coa guerra aberta, sostendo que os romanos faltaran aos seus compromisos e que o bispo de Margus (próxima á actual Belgrado) cruzara o Danubio para saquear e profanar as tumbas reais hunas da beira norte do Danubio. Cruzaron entón este río e arrasaron as cidades e fortes ilirios ao longo da ribeira, entre elas (segundo Prisco) Viminacium, que era unha cidade dos Moesios en Iliria. O seu avance comezou en Margus, xa que cando os romanos debateron a posibilidade de entregar ao bispo acusado de profanación, este fuxiu en segredo aos bárbaros e entregoulles a cidade.

Teodosio desgarnecera as defensas ribeiregas como consecuencia da captura de Cartago polo vándalo Xeiserico no 440 e a invasión de Armenia polo sasánida Iazdegerd II no 441. Isto deixou a Atila e Bleda o camiño aberto a través de Iliria e os Balcáns, que se apresuraron a invadir no mesmo 441. O exército huno, tras saquearen Margus e Viminacium, tomou Sigindunum (a moderna Belgrado) e Sirmium antes de deter as operacións. Seguiu entón unha tregua ao longo do 442, momento que aproveitou Teodosio para traer as súas tropas do norte de África e dispoñer unha grande emisión de moeda para financiar a guerra contra os hunos. Feitos estes preparativos, considerou que podía permitirse rexeitar as esixencias dos reis bárbaros.

A resposta de Atila e Bleda foi retomar a campaña (443). Golpeando ao longo do Danubio, tomaron os centros militares de Ratiara e sitiaron con éxito Naissus (actual Nis) mediante o emprego de arietes e torres de asalto rodantes (sofisticacións militares novidosas entre os hunos). Máis tarde, presionando ao longo do Nisava tomaron Serdica (actual Sofía), Filípópolis (Plovdiv) e Arcadiópole. Enfrontaron e destruíron tropas romanas nos arredores de Constantinopla e só se detiveron pola falta do adecuado material de asedio capaz de abrir brecha nas ciclópeas murallas da cidade. Teodosio admitiu a derrota e enviou ao cortesán Anatolio para que negociase os termos da paz, que foron máis rigorosos que no anterior tratado: o emperador acordou entregar máis de 6.000 libras romanas (uns 1.963 kg) de ouro como indemnización por faltar aos termos do pacto; o tributo anual triplicouse, alcanzando a cantidade de 2.100 libras romanas (uns 687 kg) de ouro; e o rescate por cada romano prisioneiro pasaba a ser de 12 soldos.

Satisfeitos durante un tempo os seus desexos, os reis hunos retiráronse ao interior do seu imperio. De acordo con Xordanes (quen segue a Prisco), nalgún momento do período de calma que seguiu á retirada dos hunos desde Bizancio (probabelmente en torno ao 445), Bleda morreu e Atila quedou como único rei. Existe abundante especulación histórica sobre se Atila asasinou ao seu irmán ou se Bleda morreu por outras causas. En todo caso, Atila era agora o señor indiscutido dos hunos e novamente volveuse cara ao imperio oriental.

Rei único[editar | editar a fonte]

Trala partida dos hunos, Constantinopla sufriu graves desastres, tanto naturais como causados polo home: sanguentos disturbios entre afeccionados ás carreiras de carros do Hipódromo; epidemias no 445 e 446, a segunda a continuación dunha fame negra; e toda unha serie de terremotos que durou catro meses, derruíu boa parte das murallas e matou a miles de persoas, ocasionando unha nova epidemia. Este último golpe tivo lugar no 447, xusto cando Atila, tras consolidar o seu poder, partiu de novo cara ao sur, entrando no imperio a través de Moesia. O exército romano, baixo o mando do magister militum godo Arnegisclo, fíxolle fronte no río Vit e foi vencido aínda que non sen antes ocasionar graves perdas ao inimigo. Os hunos quedaron sen oposición e dedicáronse á pillaxe ao longo dos Balcáns, chegando ata as Termópilas. Constantinopla mesma salvouse grazas á intervención do prefecto Flavio Constantino, quen organizou brigadas cidadás para a reconstrución das murallas danadas polos sismos (e, nalgúns lugares, para construír unha nova liña de fortificación diante da antiga).

chegou ata nós un relato da invasión:

A nación bárbara dos hunos, que habitaba en Tracia, chegou a ser tan grande que máis de cen cidades foron capturadas e Constantinopla chegou case a estar en perigo e a maioría dos homes fuxiron dela (?) E houbo tantos asasinatos e efusión de sangue que non se podía contar os mortos. ¡Ai, que mesmo capturaron igrexas e mosteiros e degolaron a monxes e doncelas en gran número!
Calínico, Vida de San Hipatio

Atila reclamou como condición para a paz que os romanos continuasen pagando un tributo en ouro e que evacuaran unha franxa de terra cuxa anchura ía das trescentas millas cara ao leste desde Sigindunum ata as cen millas ao sur do Danubio. As negociacións continuaron entre romanos e hunos durante aproximadamente tres anos. O historiador Prisco foi enviado como embaixador ao campamento de Atila no 448. Os fragmentos dos seus informes, conservados por Xordanes, ofrécennos unha gráfica descrición de Atila entres as súas numerosas esposas, o seu bufón escita e o seu anano mouro, impasíbel e sen xoias no medio do esplendor dos seus cortesáns:

”A Festa de Atila”, cadro do pintor húngaro Mór Than. Baséase no fragmento de Prisco, ao que representa de branco na parte dereita, sostendo o seu libro de historia.
Preparouse unha luxosa comida, servida en vaixela de prata, para nós e os nosos bárbaros hóspedes, pero Atila non comeu máis que carne nun prato de madeira. En todo o demais mostrouse tamén temperado; a súa copa era de madeira, mentres que ao resto dos nosos hóspedes ofrecíanselles cálices de ouro e prata. O seu vestido, igualmente, era moi simple, alardeando só de limpeza. A espada que levaba ao costado, os lazos dos seus zapatos escitas e a brida do seu cabalo carecían de adornos, a diferenza dos outros escitas, que levaban ouro ou xemas ou calquera outra cousa preciosa.

Durante estes tres anos, de acordo cunha lenda recollida por Xordanes, Atila descubriu a “Espada de Marte”:

Di o historiador Prisco que foi descuberta nas seguintes circunstancias: Certo pastor descubriu que un becerro do seu rabaño coxeaba e non foi capaz de atopar a causa da ferida. Seguiu ansiosamente o rastro do sangue e achou ao cabo unha espada coa que o animal se feriu mentres pastaba na herba. Recolleuna e levouna directamente a Atila. Este deleitouse co agasallo e, sendo ambicioso, pensou que estaba destinado a ser señor de todo o mundo e que por medio da Espada de Marte tiña garantida a supremacía en todas as guerras.
Xordanes, Orixe e xestas dos godos” (XXXV)

Máis tarde, os estudosos identificarían esta lenda como pertencente a un patrón de culto á espada común entre os nómades das estepas de Asia Central.

Atila en Occidente[editar | editar a fonte]

Xa no 450 proclamara Atila a súa intención de atacar ao poderoso reino visigodo de Tolosa en alianza co emperador Valentiniano III. Atila estivera anteriormente en boas relacións co imperio occidental e co seu gobernante de facto , Flavio Aecio. Aecio pasara un breve exilio entre os hunos no 433, e as tropas que Atila lle proporcionou contra os godos e os burgundios contribuíran a conseguirlle o título “máis que nada honorífico” de “magister militum” en occidente. Os agasallos e os esforzos diplomáticos de Xeiserico, que se opoñía e temía aos visigodos, puideron influír tamén nos plans de Atila.

En calquera caso, na primavera do 450, a irmá de Valentiniano, Honoria, á que contra a súa vontade prometeran cun senador, enviou ao rei huno unha demanda de axuda xuntamente co seu anel. Aínda que é probábel que Honoria non tivese intención de propoñerlle matrimonio, Atila escolleu interpretar así a súa mensaxe. Aceptou, pedíndolle como dote a metade do imperio occidental. Cando Valentiniano descubriu o sucedido, só a influencia da súa nai, Gala Placidia, conseguiu que enviase a Honoria ao exilio no canto de matala. Escribiu a Atila negando categoricamente a lexitimidade da suposta oferta de matrimonio. Atila, sen deixarse convencer, enviou unha embaixada a Rávena para proclamar a inocencia de Honoria e a lexitimidade da súa proposta de esponsais, así como que el mesmo se encargaría de vir reclamar o que era seu por dereito.

Mentres tanto, Teodosio morreu a consecuencia dunha caída de cabalo e o seu sucesor, Marciano, interrompeu o pago do tributo a finais do 450. As sucesivas invasións dos hunos e doutras tribos deixaran os Balcáns con pouco que saquear. O rei dos salios morrera e a loita sucesoria entre os seus dous fillos conduciu a un enfrontamento entre Atila e Aecio. Atila apoiaba ao fillo maior e Aecio ao pequeno. Bury pensa que a intención de Atila ao marchar cara ao oeste era a de estender o seu reino “xa para entón o máis poderoso do continente” ata a Galia e as costas do Atlántico. Para cando reuniu a todos os seus vasalos (xépidos, ostrogodos, ruxianos, escirianos, hérulos, turinxios, alanos, burgundios, etc.) e iniciou a súa marcha cara ao oeste, xa enviara ofertas de alianza tanto aos visigodos como aos romanos.

No 451 a súa chegada a Bélxica cun exército que Xordanes cifra no medio millón de homes puxo pronto en claro cales eran as súas verdadeiras intencións. O 7 de abril tomou Metz, obrigando a Aecio a poñerse en movemento para facerlle fronte con tropas recrutadas entre os francos, burgundios e celtas. Unha embaixada de Avito e o constante avance de Atila cara ao oeste convenceron ao rei visigodo, Teodorico I, de aliarse cos romanos. O exército combinado de ambos chegou a Orleáns por diante de Atila, cortando así o seu avance. Aecio perseguiu aos hunos e deulles caza preto de Châlons-en-Champagne, trabando a batalla dos Campos Cataláunicos, que terminou coa vitoria da alianza godo-romana, aínda que Teodorico perdeu a vida no combate. Atila repregouse máis aló das súas fronteiras e os seus aliados desbandáronse.

Invasión de Italia e morte de Atila[editar | editar a fonte]

Atila e os seus hunos invadindo Italia.

Atila apareceu de novo no 452 para esixir o seu matrimonio con Honoria, invadindo e saqueando Italia ao seu paso. O seu exército someteu a pillaxe numerosas cidades e arrasou Aquilea ata os seus cimentos. Valentiniano fuxiu de Rávena a Roma. Aecio permaneceu en campaña, pero sen potencia militar suficiente para presentar batalla

Finalmente, Atila detívose no río Po, a onde acudiu unha embaixada formada, entre outros, polo prefecto Trixecio, o cónsul Avieno e o papa León I. Tralo encontro iniciou a retirada sen reclamar xa nin o seu matrimonio con Honoria nin os territorios que desexaba.

Ofrecéronse moitas explicacións para este feito. Poida que as epidemias e fames negras que coincidiron coa súa invasión debilitaran o seu exército, ou que as tropas que Marciano enviou alén do Danubio o forzasen a regresar, ou quizais ambas cousas. Prisco conta que un temor supersticioso ao destino de Alarico, que morreu pouco despois do saqueo de Roma no 410, fixo deterse aos hunos. Próspero de Aquitania afirma que o papa León, axudado por San Pedro e San Paulo, convenceuno para que se retirase da cidade. Seguramente a indubidábel personalidade de León Magno tivo máis que ver coa retirada de Atila que a entrega a este dunha gran cantidade de ouro, como supoñen algúns autores, dado que tiña xa ao alcance da súa man a plena posesión da fonte da que ese ouro manaba.

O encontro de San León Magno e Atila”, de Rafael, no que se pode ver a San Pedro e San Paulo apoiando ao papa desde o alto no seu encontro co rei huno.

Sexan cal foren as súas razóns, Atila deixou Italia e regresou ao seu palacio máis aló do Danubio. Desde alí planeou atacar novamente Constantinopla e esixir o tributo que Marciano deixara de pagar. Pero a morte sorprendeuno a comezos do 453. O relato de Prisco di que certa noite, tralos festexos de celebración da súa última voda (cunha goda chamada Ildico), sufriu unha grave hemorraxia nasal que lle ocasionou a morte. Os seus soldados, ao descubrir o seu falecemento, chorárono cortándose o pelo e feríndose coas espadas, pois (como sinala Xordanes) o máis grande de todos os guerreiros non había de ser chorado con queixumes de muller nin con bágoas, senón con sangue de homes. Enterrárono nun triplo sarcófago “de ouro, prata e ferro” xunto co botín das súas conquistas, e os que participaron no funeral foron executados para manter secreto o lugar de enterramento. Tras da súa morte, seguiu vivindo como figura lendaria: os personaxes de Etzel no Cantar dos Nibelungos e de Atli na Saga dos Volsung e a Edda poética inspíranse vagamente na súa figura.

Outra versión da súa morte é a que nos ofrece, oitenta anos despois do suceso, o cronista romano Conde Marcelino: Atila, rei dos hunos e saqueador das provincias de Europa, foi atravesado pola man e a daga da súa muller. Tamén a Saga dos Volsung e a Edda poética sosteñen que o rei Atli (Atila) morreu a mans da súa muller Gudrun, pero a maioría dos estudosos rexeitan estes relatos como puras fantasías románticas e prefiren a versión dada por Prisco, contemporáneo de Atila. Sendo este o fin de oito anos que durou as invasións dos hunos, os bárbaros que fixeron retroceder e extinguirse a Roma, o Imperio Romano de Occidente.

Os seus fillos Ellak (ao que designara herdeiro), Dengizik e Ernak loitaron pola sucesión e, divididos, foron vencidos e espallados o ano seguinte na batalla de Nedao por unha coalición de pobos diversos (ostrogodos, hérulos, xépidos, etc). O seu imperio non sobreviviu a Atila.

Nome, aparencia e carácter de Atila[editar | editar a fonte]

Atila. Dunha ilustración para a Edda Poética.

A principal fonte de información sobre Atila é Prisco, un historiador que viaxou con Maximino nunha embaixada de Teodosio II no 448. Describe o poboado construído polos nómades hunos, e no que se estableceron, como do tamaño dunha cidade grande, con sólidos muros de madeira. Ao propio Atila retrátao así:

Curto de estatura, de ancho peito e cabeza grande; os seus ollos eran pequenos, a súa barba fina e salpicada de canas; e tiña o nariz chata e o cute moreno, mostrando a evidencia da súa orixe.

A aparencia física de Atila debía ser, moi probabelmente, a de alguén do Extremo Oriente ou do tipo mongol, ou quizais unha mestura deste tipo e do dos pobos túrquicos de Asia Central. En realidade, seguramente mostraba trazos do oriente asiático, que os europeos non estaban afeitos ver, e por iso describírono con frecuencia en termos pouco eloxiosos.

Atila é coñecido na historia e a tradición occidentais como o inflexible “Azoute de Deus”, e o seu nome pasou a ser sinónimo de crueldade e barbarie. Algo disto puido xurdir da fusión dos seus trazos, na imaxinación popular, cos dos posteriores señores esteparios da guerra, como Genghis Khan e Tamerlán: todos eles comparten a mesma fama de crueis, intelixentes, sanguinarios e amantes da batalla e a pillaxe. A realidade sobre os seus carácteres respectivos pode ser máis complexa. Os hunos do tempo de Atila relacionáronse durante algún tempo coa civilización romana, particularmente a través dos aliados xermanos (foederati) da fronteira, de modo que cando Teodosio enviou a súa embaixada do 448, Prisco puido identificar como linguas comúns na horda o huno, o gótico e o latín. Conta tamén Prisco o seu encontro cun romano occidental cativo, que asimilara tan completamente a forma de vida dos hunos que non tiña ningún desexo de volver ao seu país de orixe. E a descrición do historiador bizantino da humildade e sinxeleza de Atila non ofrece dúbidas sobre a admiración que lle causa. Así mesmo, está claro a partir dos relatos do mesmo Prisco, que Atila non só falaba perfectamente o latín, senón que sabía escribilo; ademais falaba grega e outros idiomas, polo que moi probabelmente se tratou dun home de gran cultura para os canons da época.

O contexto histórico da vida de Atila tivo gran transcendencia á hora de configurar a súa posterior imaxe pública: Nos anos da decadencia do Imperio occidental, tanto os seus conflitos con Aecio (coñecido a miúdo como “o último romano”) como o alleo da súa cultura contribuíron a cubrilo coa máscara de bárbaro feroz e inimigo da civilización coa que foi reflectido nun grande número de películas e outras manifestacións artísticas. Os poemas xermanos nos que aparece ofrécennos un retrato máis matizado: é tanto un aliado nobre e xeneroso (o Etzel do Cantar dos Nibelungos) como cruel e rapaz (Atli, na Saga dos Volsung e na Edda poética). Algunhas historias nacionais, con todo, retrátano sempre baixo unha luz favorábel. En Hungría e Turquía os nomes de Atila e a súa última muller, Ildico, seguen sendo populares actualmente. De forma parecida, o escritor húngaro Geza Gardonyi, na súa novela A láthatatlan ember (publicada en español co título de O escravo de Atila ), ofrece unha imaxe positiva do rei huno, describíndoo como un xefe sabio e querido.

Clasificouse a Atila como un "bárbaro" sen darse conta de que o romanos chamaban así a calquera pobo que non fose romano ou romanizado, sen importar o seu grado de cultura nin o seu estado de civilización. Hai que ter en conta, á hora de formarse unha idea correcta do personaxe, que o relatos que nos chegaron son todos de pluma dos seus inimigos, polo que é imprescindíbel un adecuado expurgo dos mesmos.

Aparte disto, non é improbábel que o xefe dunha nación guerreira (un xefe intelixente) sopesase a vantaxe propagandística de ser considerado polos seus inimigos "o Azoute de Deus", e que debido a iso fomentara esa imaxe entre eles.

O nome de Atila podería significar Paiciño, do gótico atta (pai), co sufixo diminutivo -la, xa que sabemos que moitos godos serviron nos seus exércitos. Podería ser tamén unha forma pre-turca, de orixe altaica (compárese con Ataturk e con Alma-Ata, a actual Almaty). É moi posíbel que proveña de atta (pai) e de il (‘terra’, ‘país’), co sentido de “terra paterna” ou “nai patria”. Atil era tamén o nome altaico do actual Volga, río que talvez deu o seu nome a Atila.

A herdanza de Atila[editar | editar a fonte]

Os Hunos están intentando na actualidade lograr o seu recoñecemento como minoría étnica en Hungría. Máis de 100.000 hunos descendentes do Azoute de Deus poderían vivir hoxe entre Hungría e os seus países veciños.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Prisco: Historia Bizantina (texto grego en Ludwig Dindorf: Historici Graeci Minores, Leipzig, B.G. Teubner, 1870). Pódese consultar unha tradución ao inglés de J.B. Bury en Priscus at the court of Attila
  • Xordanes: Orixe e xestas dos godos. Hai unha edición española de José María Sánchez Martín, Madrid, Cátedra, 2001. (en castelán).
  • Bock, Susan: Los hunos, tradición e historia. Universidad de Murcia, Secretariado de Publicaciones, 1992. ISBN B0000EDNA1
  • Bussagli, Mario: Atila. Madrid: Alianza Editorial, 2005. ISBN 84-206-0341-4 (en castelán).
  • Roberts, Wess: Atila, conquistador en el siglo V, líder en el siglo XX,. Madrid: Maeva, 2001. ISBN 84-86478-23-5 (en castelán).
  • Cebrián, Juan Antonio: Pasajes de la Historia. Madrid: Corona Borealis, 2001. (en castelán).
  • Bóna, István: Les huns: Le grand empire barbare d'Europe (IVe-Ve siècles). París: Errance, 2002. (en francés).
  • Kézai, Simon /Keszi, Simon: "A hunok és a magyarok cselekedetei". En Gesta Hunnorum et Hungarorum. Editado e traducido por László Veszprémy & Frank Schaer. Central European University, 1999. (en húngaro).
  • Blockley, R.C.: The Fragmentary Classicising Historians of the Later Roman Empire, vol. II (colección de fragmentos de Prisco, Olimpiodoro e outros, co texto orixinal e tradución ao inglés). ISBN 0-905205-15-4 (en inglés).
  • Gordon, C.D.: The Age of Attila: Fifth-century Byzantium and the Barbarians. Michigan: University of Michigan Press, 1960. (en inglés).
  • Maenchen-Helfen, Otto (ed. Max Knight): The World of the Huns: Studies in Their History and Culture. Berkeley: University of California Press, 1973. (en inglés).
  • Thompson, E.A.: A History of Attila and the Huns. Londres: Oxford University Press, 1999. ISBN 0-631-21443-7 (en inglés).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Imperio Huno

Segue a:
Bleda
Atila
Precede a:
Ernakh
Rei dos hunos