Valentiniano III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Valentiniano III
Nacemento2 de xullo de 419
Lugar de nacementoRávena
Falecemento16 de marzo de 455 (35 anos)
Lugar de falecementoRoma
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónmonarca e político
PaiConstâncio III
NaiGala Placidia
CónxuxeLicínia Eudóxia
FillosPlacidia e Princesa Eudócia
IrmánsJusta Grata Honória
Na rede
WikiTree: Flavii-1 Find a Grave: 40143328 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Valentiniano III, nado en Rávena o 2 de xullo de 419 e finado en Roma o 16 de marzo de 455, foi un emperador romano de Occidente entre os anos 424 e 455. Foi o fillo máis vello de Constancio III e Gala Placidia, filla do emperador Teodosio. Recibiu o título de césar o 23 de outubro de 424 en Constantinopla, e tras unha curta guerra en Italia, foi instituído como emperador (Augusto) de Occidente en Roma o 23 de outubro de 425.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tiña só seis anos de idade cando recibiu o título de Augusto, e durante a súa minoría de idade encargouse do goberno primeiro súa nai e despois, a partir de 433, Aecio. Súa nai arranxou o seu matrimonio con Eudoxia, filla de Teodosio II, emperador de Oriente. Con ela tivo dúas fillas: Eudoxia e Placidia.

O seu reinado resultou marcado polo desmembramento do Imperio de Occidente; a conquista da provincia de África polos vándalos en 439; o definitivo abandono de Britania en 446; a perda de gran parte de Hispania e Galia, nas que se estableceron os bárbaros; e o saqueo de Sicilia e das costas occidentais do Mediterráneo polas frotas de Xenserico.

En contrapartida, fronte a tantas calamidades, tamén se produciu a gran vitoria de Aecio sobre Atila en 451, cerca de Châlons na batalla dos Campos Cataláunicos, e as súas vitoriosas campañas contra os visigodos no sur de Galia (426, 429 e 436) e fronte a distintos invasores no río Rin e no río Danubio (428-431).

O peso dos impostos resultaba cada vez máis insoportábel segundo se ía debilitando o poder de Roma, e en consecuencia a lealdade das provincias que ían quedando ía a menos por momentos. Rávena foi a residencia habitual de Valentiniano, mais tivo que fuxir a Roma cando se acercou Atila, o cal, tras saquear o norte de Italia, morreu ao ano seguinte (453). Atila reclamaba que a irmá de Valentiniano -chamada Honraia- se lle entregara como esposa.

En 454, Aecio, cuxo fillo casara coa filla máis vella do emperador, foi asasinado a traizón por Valentiniano. Mais o 16 de marzo do ano seguinte, o propio emperador foi tamén asasinado por dous bárbaros clientes de Aecio. Valentiniano non só careceu da habilidade para gobernar o imperio nunha época de grave crise, senón que ademais agravou os perigos a causa do seu egotismo e o seu carácter vingativo.

As fontes orixinais que temos sobre o reinado de Valentiniano III son as Crónicas de Próspero de Aquitania, a Historia Gótica de Xordanes, escrita no século VI, e a obra do poeta Sidonio Apolinar.

Imperio Romano

Segue a:
Xoán Primicerius
Valentiniano III
Precede a:
Petronio Máximo
Teodosianos