Epidemia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Epidemia (ou andazo cando é benigna) é a ocorrencia, nunha comunidade ou rexión xeográfica concreta, de casos de doenza, accidente, malformación conxénita, comportamento especificamente relacionado coa saúde ou outros acontecementos relacionados coa saúde, claramente en exceso con respecto ás cifras de referencia habituais. Cando a expansión da epidemia afecta a varias rexións xeográficas simultaneamente, fálase de pandemia.

Aínda que tradicionalmente se deu especial énfase ás doenzas infecciosas transmisibles na definición do termo, hoxe en día aplícase a calquera outro fenómeno que afecta negativamente á saúde, e así pode falarse de epidemia de tabaquismo, epidemia de diabetes ou outras.

Cando se trata dunha enfermidade que se distribúe dunha forma similar entre os animais, fálase dunha epizootia.

O número de casos indicativos da presenza dunha epidemia debida a un axente transmisible varía de acordo co axente, dimensión, tipo e estado inmunitario da poboación exposta, experiencia ou falta de experiencia previa co axente responsable e co tempo, lugar e forma de ocorrencia. Está, polo tanto, relacionada coa frecuencia relativa da doenza na mesma área e na mesma poboación, na mesma estación ou período do ano.

A ocorrencia dun único caso dunha doenza transmisible hai moitos anos ausente na poboación en causa ou o primeiro caso dunha doenza ata entón descoñecida na área requiren notificación inmediata e unha investigación completa. A ocorrencia de dous casos dunha tal doenza, asociadas no espazo e no tempo na poboación en cuestión, é considerada como proba suficiente para confirmar unha epidemia.

Este termo ten orixe no grego clásico: epi (sobre) + demos (pobo) e xa o utilizou Hipócrates no século VI a.C..


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.