Sirmium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
sólido de Xuliano o Apóstata, da ceca de Sirmium
Pannonia secunda.png

Sirmium, a actual Sremska Mitrovica en Serbia, foi unha importante cidade de Panonia durante o Imperio romano. A actual rexión serbia e croata de Sirmia toma o seu nome desta cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Sirmium é unha das cidades máis antigas de Europa: os máis antigos restos dunha comunidade humana organizada nesta localización foron datados pola Arqueoloxía sobre o -5000. Cando os romanos conquistaron a cidade no século –I, Sirmium xa era unha cidade de longa tradición.

Durante o século I da nosa era, Sirmium adquiriu o status de colonia de Roma e converteuse nun posto militar estratéxico na provincia romana de Panonia. As expedicións militares dos emperadores Traxano, Marco Aurelio e Claudio II no centro e leste de Europa foron preparadas en Sirmium.

En 103, a Panonia foi dividida en Panonia Superior e Inferior, e Sirmium converteuse no capital desta última. En 296, Diocleciano estableceu unha nova subdivisión territorial de Panonia, partíndoa en catro provincias (Pannonia Prima, Pannonia Valeria, Pannonia Savia e Pannonia Secunda); Sirmium foi capital da Pannonia Secunda.

En 293, trala instauración da Tetrarquía, o Imperio romano pasou a estar dividido en catro partes, e Sirmium foi elixida como unha das catro capitais, ao mesmo nivel que Augusta Treverorum, Mediolanum e Nicomedia. Foi a capital do emperador Galerio e, trala creación da prefectura do pretorio en 318, Sirmium pasou a ser a capital da prefectura do Illyricum. En 379 a prefectura do Illyricum dividiuse en dous, oriental e occidental. Esta última, incluíndo a Sirmium, foi englobada na prefectura de Italia, mentres que a parte oriental mantivo a súa autonomía con capital en Tesalónica.

Coa chegada do cristianismo, a cidade converteuse nun importante centro de evanxelización e cabeza da diocese de Sirmium. Foi sede de cinco concilios diferentes.

En época romana, Sirmium tiña un palacio imperial, un circo, unha ceca, un anfiteatro, un teatro e unhas impresionantes termas.

A finais do século IV Sirmium foi conquistada polos visigodos, e despois anexada ao Imperio Romano de Oriente. Os hunos tomárona en 441 e desde aquel momento foi pasando a mans de diversos pobos bárbaros, como ostrogodos e xépidos (destes últimos foi temporalmente capital).

En 567 Sirmium incorporouse de novo ao Imperio Romano de Oriente, pero finalmente foi conquistada e destruída polos ávaros en 582.

Nas inmediacións da cidade librouse en 1167 a batalla de Sirmium.

Personaxes ilustres[editar | editar a fonte]

Seis emperadores romanos naceron na cidade de Sirmium ou nas súas proximidades:

O último emperador do Imperio romano unido, Teodosio I (378-395), foi proclamado en Sirmium. Tamén os usurpadores Inxenuo e Regaliano proclamáranse emperadores aquí (260), e outros moitos morreron nela.