Edda poética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Detalle dunha miniatura da Edda poética.

A Edda poética ou Edda maior é unha colección de poemas escritos en antigo nórdico preservados inicialmente no manuscrito medieval islandés coñecido como Codex Regius. Xunto coa Edda prosaica de Snorri Sturluson, a Edda poética é a fonte existente máis importante sobre mitoloxía escandinava e lendas heroicas xermanas.

O Codex Regius foi escrito no século XIII pero non se soubo nada do seu paradeiro ata 1643 cando parou nas mans de Brynjólfur Sveinsson, bispo de Skálholt. Daquela, as versións da Edda de Snorri eran ben coñecidas en Islandia, pero os estudosos especulaban que había outra, unha Edda maior que contiña os poemas pagáns que Snorri cita no seu libro. Cando se descubriu o Codex Regius creuse que esta fora probada. Brynjólfur atribuíu o manuscrito a Sæmundr o sabio, un sacerdote islandés do século XII. Porén, aínda que esta atribución é rexeitada polos eruditos modernos, o título Edda de Sæmundar aínda pode verse en ocasións.

O bispo Brynjólfur enviou o Codex Regius como agasallo ó rei dinamarqués, e de aí o nome. Fora gardado durante séculos na Biblioteca Real Danesa pero no ano 1971 foi devolto a Islandia.