Teócrito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Teócrito de Siracusa»)
Infotaula de personaTeócrito

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(grc) Θεόκρῐτος Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento315 a. C. ↔ 300 a. C. Editar o valor em Wikidata
ancient Syracuse (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Mortec. 260 a. C. Editar o valor em Wikidata
Período helenístico de Exipto, posiblemente Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeancient Syracuse (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta , escritor Editar o valor em Wikidata
ProfesoresFiletas de Cos Editar o valor em Wikidata
AlumnosBión de Esmirna Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: e2c15269-1d2d-4295-9b5a-0d2b9456e6e9 Discogs: 2212218 Editar o valor em Wikidata

Teócrito (en grego antigo, Θεόκριτος Theocritos), nado en Siracusa, Sicilia, ca. -310 e finado ca. -260, foi un poeta grego fundador da poesía bucólica ou pastoril e un dos máis importantes do Helenismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sábese moi pouco del, máis aló do que se pode deducir a partir da súa obra. Crese que naceu en Siracusa e viviu moito tempo en Kos, unha das illas do mar Exeo. Protexérono o tirano Hierón II de Siracusa e o rei Tolomeo II Filadelfo en Alexandría, onde tamén residiu, chegando a coñecer a Calímaco. Nos seus versos alude a estes dous lugares e en ambos sitúa algúns dos seus poemas.

Non se sabe con certeza en que ano naceu, pero as principais etapas da súa vida deben de situarse entre os anos -300 e -260. Cara ao -274 residía aínda en Siracusa, xa que por entón compuxo o seu poema XVI, dedicado a Hierón II. En cambio, o XVII, unha homenaxe ao rei Tolomeo II Filadelfo, debeu escribirse entre o -274 e o -270, o que fai supoñer que o seu traslado desde Siracusa a Alexandría ocorreu entre estas dúas datas.

Teócrito, máis que ningún outro contemporáneo, é o poeta da cidade de Alexandría. Afinca nela xéneros exóticos como o mimo, de orixe siciliana, e responde á figura do poeta de corte, ao home urbano, o cal contradí en certo xeito a súa imaxe de fundador da bucólica[1].

Obra[editar | editar a fonte]

É considerado o poeta do amor e da simplicidade da natureza e os costumes campesiños. Soubo axuntar o dramático e o lírico nunha trintena dos seus chamados Idilios ('poemiñas' en grego), cancións dialogadas no seu maior parte entre pastores que se contan as súas penas de amor no medio dunha paisaxe paradisíaca que o autor identificou coa rexión grega de Arcadia. Tamén compuxo epigramas. Utilizou o dialecto dórico de Sicilia e creou un xénero que foi continuado por Mosco de Siracusa e Bión de Esmirna.

A súa obra poética pódese dividir en tres grupos, atendendo ao xénero: poemas bucólicos, poemas de tema mitolóxico e mimos.

Idilios e poemas bucólicos[editar | editar a fonte]

Os escenarios son campestres, os protagonistas son pastores, vaqueiros ou cabreiros, hai gando que pasta e multitude de termos pastorís. O tema adoita ser erótico e os cánticos e a música están presentes continuamente. Con todo, os feitos son máis complexos: por exemplo, o poema III reproduce o xénero como ou ronda, que é de orixe urbana.

A este grupo pertencen tamén poemas que, como o XX, XXI e XXVII, conteñen algúns elementos rurais. En bastantes deles altérnase o diálogo ou o relato con cancións, elemento que fai intervir a música e que quedará para a posteridade como un dos signos típicos da pastoral. Os temas destas cancións adoitan ser eróticos ou míticos.

Himnos e épica[editar | editar a fonte]

A este grupo pertencen todos os poemas que son de tema mitolóxico e que poden ser englobados en xéneros como a épica e o himno. É o caso dos poemas XIII, XVIII, XXII, XXIV, XXV e XXVI, así como o poema titulado Berenice [2].

Algúns destes textos representan un tipo de poesía con grandes innovacións respecto dos modelos antigos; as súas materias míticas son sometidas a un tratamento antiheroico e humanizador, que reduce a estatura moral dos heroes ata aproximalos ao home da época. No plano formal, isto se complementa co parcelamento das antigas sagas, de modo que aparece ante os nosos ollos tan só algún episodio illado.

Mimos[editar | editar a fonte]

Trátase de idilios de marcado carácter urbano, por exemplo o II e o XV. Nestes textos Teócrito practica un xénero que ao longo dos séculos -III e -II adquiriu un grande auxe, pero con claro distanciamento das súas orixes populares. Trátase dun tipo de mimo que, máis estritamente dramático no caso do seu contemporáneo Herodas, con frecuencia é contaminado en Teócrito con elementos épicos e líricos.

Influencia[editar | editar a fonte]

O xénero bucólico creado por Teócrito perdurou ata o século XVIII. Na súa propia época foi imitado por Mosco de Siracusa e Bión de Esmirna. Longo imitou o ambiente pastoril dos Idilios na súa novela Dafnis e Cloe e Virxilio reavivou esa tradición nas súas Bucólicas, que chamou Églogas. Durante o Renacemento, Giovanni Boccaccio (Ninfale d'Ameto) e Jacopo Sannazaro (Arcadia) inspiráronse na súa obra e a dos seus seguidores para crear a novela pastoril, que tería cultivo ata principios do século XVII. Máis tarde, o xénero bucólico reverdeceu a través dos poemas pastorís dos poetas do Neoclasicismo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brioso Sánchez, M. (1986). Bucólicos griegos. Akal. 
  2. Con respecto ao mito de Berenice, véxase o apartado "Mitoloxía" do artigo dedicado á constelación chamada "Coma Berenices"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]