Cognomen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O cognomen ou cognome[1] (en latín: cognomen [kɔŋˈnoːmɛn]; en plural cognomina; de con- "xunto con" e (g)nomen "nome") era o terceiro nome dun cidadán da Roma Antiga e o Imperio Romano, baixo as convencións de nomenclatura romanas.

Historia[editar | editar a fonte]

As cognominas usábanse para aumentar o segundo nome, o gens (o apelido ou nome da familia), co fin de identificar unha rama particular dentro dunha familia ou clan familiar dos romanos especificaba a rama da familia (nomen) á que se pertencía, ou, nalgúns casos, era o alcume dun individuo en particular (por exemplo, Cicerón, Nasica etc); só o portaban os homes, pois as mulleres eran designadas unicamente polo nomen. Inicialmente era un alcume, pero foi perdendo ese propósito cando se converteu en hereditario.

Usos[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito ca o agnomen, adoitaba designar características físicas (moitas veces con sarcasmo), pero a diferenza do cognome, herdábase por vía paterna. Por exemplo:

  • Caio Xulio César (César facía referencia á cabeleira.)
  • Marco Emilio Escauro (Escauro indicaba pé zambo.)

Existe unha convención laxa para nomear os personaxes romanos:[2]

  • Aqueles coñecidos, desígnanse polo nomen ou o cognomen; así, por exemplo, a Gayo Suetonio Tranquilo chámaselle Suetonio ou a Lucio Anneo Séneca, chámaselle Séneca. Con todo, outros son coñecidos polo seu cognomen, por exemplo Lucio Sergio Catilina é soamente Catilina.
  • Non se usan os praenomina, excepto en casos moi especiais para distinguir entre dous membros da mesma familia, por exemplo, entre Tiberio e Gayo Graco; ou para os emperadores —sobre todo os da gens Claudia—, por exemplo Tiberio e non Tiberio Xulio César Augusto, Claudio pero non Tiberio Claudio César Augusto Germánico; noutros casos non se usan nunca, por exemplo, é Vespasiano aínda que o nome completo dese emperador era Perico Flavio Vespasiano, pero o seu sucesor é Perico a pesar de chamarse exactamente igual que o pai.
  • Algúns personaxes teñen convencións ríxidas para seren designados. Entre eles, cabe destacar a personaxes como Cicerón, Ovidio, Terencio, Virxilio, etcétera.

O número de cognomina que podía portar unha persoa non estaba, en principio, limitado por norma algunha e entre as inscricións que se conservan figura destacadamente o caso de Quinto Pompeio Seneción Roscio Murena Celio Sexto Xulio Frontino Silio Deciano Gayo Xulio Euricles Herculano Lucio Víbulo Pío Augustano Alpino Belicio Solerte Xulio Apro Ducenio Próculo Rutiliano Rufino Silio Valente Nigro Claudio Fusco Saxa Amintiano Sosio Prisco[3], un dos cónsules do ano 169 d. C.[4]

Algúns autores latinos citan casos nos que o Senado romano prohibiu o uso de certos cognomina en casos especiais. Tácito describe, por exemplo, que o Senado lles prohibiu aos membros da gens Escribonia que volvesen usar o cognomen "Druso", en castigo polo intento de asasinato do emperador Tiberio que protagonizou Marco Escribonio Libón Druso.[5]

Uso moderno[editar | editar a fonte]

O termo tamén adquiriu outros significados contemporáneos. En galego indica o sobrenome dunha persoa, que fai referencia aos seus trazos físicos, a algunha calidade moral, dedicación, etc. e pode ser un ou varios (por exemplo o cognome de Afonso IV de León é o Monxe e os de Afonso X son o Sabio ou o Astrónomo); noutros idiomas, coma o catalán, deu lugar á palabra para "apelido" (cognom).[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dicionario; cognome". Real Academia Galega. Consultado o 2022-03-20. 
  2. McKeown, James C. (2010). A Cabinet of Roman Curiosities: Strange Tales and Surprising Facts from the World's Greatest Empire. Oxford University Press. p. 33. 
  3. Corpus Inscriptionum Latinarum. 
  4. Salway, Benet (1994). "What's in a name? A survey of Roman onomastic practice from c.700 B.C. to 700 A.D." (84): 132. 
  5. Tácito. Anales. 
  6. "cognom - Diccionari Català - WordReference.com". www.wordreference.com (en inglés). Consultado o 2022-03-21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]