Timalinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Timalinos
Tímalos
Thymallinae

Rango fósil: eoceno - actualidade [1]
Thymallus arcticus
Thymallus arcticus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Protacanthopterygii
Orde: Salmoniformes
Familia: Salmonidae
Subfamilia: Thymallinae
Xénero: Thymallus
Linck, 1790
Especie tipo
Thymallus thymallus
(Linnaeus, 1758)
Especies
Ver no texto

A dos timalinos (Thymallinae) é unha subfamilia de peixes osteíctios da familia dos salmónidos, que inclúe un só xénero, Thymallus, cunhas poucas especies.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Os tímalos distínguense dos outros membros da familia dos salmónidos polas súas escamas máis grandes, as súas bocas pequenas con dentes no maxilar.

Porén, o máis característico destes peixes son as súas rechamangueiras velas (aletas dorsais).

Esta aleta é máis longa nos machos, e moi colorida, con manchas vermellas, alaranxadas, moradas ou verdes.

O corpo tamén é colorido; a cara dorsal é dun púrpura escura a negra azulada ou gris; os flancos son de cor azul escura ou gris prateada, e o ventre é abrancazado.

Ademais, o corpo está decorado cunha presa de pequenas manchas escuras, que son máis numerosas nos individuos xuvenís.

O maior dos tímalos é o ártico, T. arcticus, que pode alcanzar unha lonxitude máxima de 76 cm e un peso máximo de 3,8 kg. O tímalo común, T. thymallus, é algo máis pequeno, de até 60 cm, pero pode pesar moito máis, até os 6,7 kg.

Distribución, hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Thymallus arcticus capturados no río Colville, en Alasca.
Thymallus baikalensis.

As especies deste xénero son orixinarias das partes máis norteñas das rexións paleártica e neártica, estendéndose desde o Reino Unido e o norte de Europa en Eurasia até Siberia, así como polo norte de Norteamérica.

Thymallus thymallus está moi estendida en Europa, e T. arcticus preséntase xeralizadamente en toda a Eurasia ao leste dos montes Urais e no Neártico.

As outras especies localízanse no norte de Asia (excepto para o posibelmente taxon invalidado e de distribución disxunta T. yaluensis).

Estes peixes requiren augas frías e ben oxixenadas, preferibelmente con correntes rápidas; encóntranse en ríos e lagos en fondos de area ou grava, pero T. thymallus ocasionalmente pode encontrarse en augas salobres.

Como son moi sensíbeis aos cambios na calidade da auga, os tímalos poden considerarse especies indicadoras. T. arcticus arcticus desapareceu en gran parte da conca dos Grandes Lagos.

Os tímalos son omnívoros depredadores, alimentándose principalmente de crustáceos, insectos e zooplancto.

Para reproducírense, desovan nos ríos e non protexen ás súas crías, aínda que ocultan os ovos no limo.

Os peixes deste xénero poden vivir até os 18 anos ou máis.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie tipo do xénero (e da subfamilia) foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae baixo o nome de Salmo thymallus.[3]

Linneo tirou o epíteto thymallus do grego antigo θύμαλλος, thýmallos "olor de tomiño", debido ao tenue olor a tomiño, que emana da carne deste peixe.[4]

En 1790, Linck funda o novo xénero Thymallus,[5] ao que posteriormente se adscribiría o Salmo thymallus de Linneo,[3] que agora se considera como sinónimo de Thymallus thymallus.

Especies[editar | editar a fonte]

Como en todos os salmónidos a taxonomía das especies de cada xénero é moi controvertida.

De acordo con FishBase, o xénero conta con 13 especies diferentes:[6]

O Catalog of Fishes da Academia de Ciencias de California tamén inclúe a especie Thymallus baikalolenensis Matveyev, Samusenok, Pronin & Telpukhovsky, 2005. E recoñece a T. flavomaculatus como unha especie plena, pero non acepta a T. yaluensis como taxon independente.[7]

Pola súa parte o World Register of Marine Species só recoñece estas cinco especies:[2]

  • Thymallus arcticus (Pallas, 1776)
  • Thymallus grubii Dybowski, 1869
  • Thymallus mertensii Valenciennes, 1848
  • Thymallus pallasii Valenciennes, 1848
  • Thymallus thymallus (Linnaeus, 1758)

Nota: Para outras clasificacións véxanse as bases de datos indicadas nas ligazóns externas.

Relación cos humanos[editar | editar a fonte]

Debido ao agradábel sabor da súa carne, e á súa atractiva forma, as especies de tímalos son valoradas como alimento e como obxecto da pesca deportiva e, ocasionalmente, móstranse en acuarios públicos.

As especies economicamente máis importantes, tanto para a pesca como para a acuicultura, son o tímalo común (T. thymallus) e o ártico (T. arcticus).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sepkoski, Jack (2002). "A compendium of fossil marine animal genera". Bulletins of American Paleontology 364: 560. Consultado o 10-09-2014. 
  2. 2,0 2,1 Thymallus thymallus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 Salmo thymallus Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  4. Ingram, A.; Ibbotson, A.; Gallagher, M. "The Ecology and Management of the European Grayling Thymallus thymallus (Linnaeus)" (PDF). East Stoke, Wareham, U.K.: Institute of Freshwater Ecology. p. 3. Consultado o 10-09-2014. 
  5. Linck, H. F. (1790): "Versuch einer Eintheilung der Fische nach den Zähnen." Mag. Neuste Phys. Naturgesch. Gotha 6 (3): 28-38.
  6. Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2012): Especies do xénero Thymallus en FishBase.
  7. Eschmeyer F. Catalog of Fishes: Thymallus California Academy of Sciences (Versión 27 de agosto de 2014). Consultada o 11 de setembro de 2014.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eschmeyer, W. N. (ed.) (2014): Catalog of fishes: Genera, Species, References. California Academy of Sciences, department Ichtyology.
  • Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2008): Salmoniformes en FishBase.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Paris: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]