Zheleznogorsk (en ruso: Железного́рск), anteriormente coñecida como Krasnoiarsk-26 (Красноярск-26) é unha cidaderusa, situada no krai de Krasnoiarsk. Foi fundada en 1950 como unha cidade pechada dedicada á industria nuclear.[1]
Foi creada en 1950 para a produción de plutonio para armamento e recibiu o nome de Krasnoiarsk-26.[2] A historia do lugar e o complexo de defensa están interconectados. En 1959, o goberno creou a oficina oriental da OKB-1 baixo a supervisión de MF Reshetnov. Os edificios de defensa incluían instalacións nucleares construídas en cavernas talladas na montaña ao norte da cidade, do mesmo xeito que as oficinas de investigación espacial.[3]
En 1992, con Boris Yeltsin no goberno, aprobouse un decreto no que se podían utilizar as nomenclaturas históricas, e a cidade empezou a aparecer nos mapas oficiais. Con todo, tal como marcaba a tradición nas cidades soviéticas con instalacións secretas, o número do antigo nome forma parte do código postal.
Dentro do sistema de divisións administrativas rusas, é xunto con outras cinco localidades rurais, parte do Territorio Administrativo Pechado de Zheleznogorsk, cuxa unidade administrativa equivale aos raions.[4]
Como municipio, está localizado dentro do Okug Urbano de Zheleznogorsk.[5]
Zheleznogorsk é coñecida polo seu complexo nuclear e xogou un papel importante nos primeiros anos da produción de armas nucleares na Unión Soviética.[6] Ademais, na cidade ten a súa sede o ISS Reshetnov, o maior fabricante de satélites do país e o principal promotor do programa GLONASS.