Portal:Colombia/Artigo destacado/Arquivo
Aquí están todos os artigos destacados no portal Colombia:
El Dorado é un reino ou cidade lendario, que supostamente se atopa no territorio do antigo Vicerreinado de Nova Granada, nunha zona onde se cría que existían abondosas minas de ouro. A lenda orixinouse no século XVI, en Quito (Ecuador), cando os conquistadores españois teñen novas dunha cerimonia realizada máis ó norte (Altiplano Cundiboyacense), onde un rei se cubría o corpo con po de ouro e realizaba ofrendas nunha lagoa sagrada. Hoxe en día, sábese que este pobo era o muisca e o sitio onde se realizaba a cerimonia era a lagoa de Guatavita (Colombia). A noticia da riqueza muisca atrouxo até a sabana de Bogotá expedicións orixinadas en Quito (Ecuador), Santa Marta (Colombia) e Coro (Venezuela). A suposta existencia dun reino dourado motivou numerosas expedicións e mantívose vixente até o século XIX, aínda que a súa localización foise trasladando dende Colombia cara a Güiana, a medida que avanzaba o proceso de conquista e colonización do territorio suramericano.
Cumbia é un xénero musical e un baile folclórico orixinario de Colombia e Panamá, así como nalgunhas outras áreas da zona caribeña. Xorde do sincretismo musical e cultural dos aborixes, negros e, en menor escala, dos europeos na rexión do delta do río Magdalena, con epicentro na rexión da poboación de El banco, Magdalena, até Barranquilla. Trátase dun ritmo popular en distintos países latinoamericanos, onde seguiu distintas adaptacións xa fóra da área caribeña e estendéndose a outras zonas como México ou a Arxentina.
O pobo wayuu (tamén chamados wayu, wayúu, guajiro, wahiro) son un pobo indíxena que habita na Península da Guajira, no norte de Colombia e o noroeste de Venezuela. A lingua wayuu forma parte da familia lingüística das linguas macroarauacas.
habitan nun territorio de 15 300 km2 dentro do departamento de la Guajira, Colombia, e 12 000 km2 dentro do estado Zulia, Venezuela, na costa do mar Caribe. O clima da sabana xerófila ó sur e occidente (Baixa Guajira) e de estepa árida ou semiárida ó norte e leste (Alta Guajira), é cálido e seco. A pluviosidade desta rexión é moi reducida e só hai chuvias no juyapu, entre setembro e decembro. Na Alta Guajira está o denominado Macizo Guajiro conformado polas serras Macuira, Jala'la, Chiare, Cojoro e Cocinas e o cerro Epitsú, que acada até 900 msnm. Ó sur da baixa Guajira corren, cara ó oeste o río Ranchería e o río Limón cara ó leste.
A arepa é un tipo de comida feita de fariña de millo propia da gastronomía de Colombia e Venezuela. É un prato que se consome acotío, comunmente como parte do almorzo ou a cea, e que pode servirse con diferentes acompañamentos, como queixo, aguacate, ou partido para facer un sándwich (especialmente en Venezuela). Pode ser de diferentes tamaños, formas e varía moito o xeito de preparación. É semellante na súa forma á gordita mexicana ou á pupusa salvadoreña. As arepas tamén se poden atopar en Panamá, Porto Rico, República Dominicana, Trinidad e Tobago e as Illas Canarias.
O Vicerreinado de Nova Granada (en castelán: Virreinato de Nueva Granada), tamén coñecido como Vicerreinado de Santafé ou Vicerreinado do Novo Reino de Granada, foi unha entidade territorial, integrante do Imperio Español, estabelecida pola Coroa (1717-1723, 1739-1810 e 1816-1819) na derradeira fase da colonización española de América. Foi creado polo rei Filipe V en 1717 dentro da nova política dos borbóns e suspendido en 1723, por problemas financeiros, sendo reinstaurado en 1739 até que o movemento independentista o disolve de novo en 1810. En 1815, foi reconquistado polo exército do rei Fernando VII, sendo novamente restaurado, até que o exército libertador logrou a súa independencia definitiva do poder español en 1819.
A capital do vicerreinado foi Santafé (Bogotá). O escudo de armas do vicerreinado foi herdado por Bogotá, que o conserva como insignia.
A conquista española das nacións chibchas refírese ó período de conquista levado a cabo polo Imperio Español das nacións chibchas, principalmente os muiscas e os taironas que habitaban a actual Colombia, comezando o proceso da colonización española de América. O primeiro español que navegou as costas do que hoxe é Colombia foi Alonso de Ojeda en 1499, que lideraba unha expedición polas costas da península de La Guajira no cabo de la Vela, entre cuxa tripulación se atopaba Juan de la Cosa, mais nunca desembarcaron. En 1502, Juan de la Cosa organizou a súa propia expedición e volveu a La Guajira.
En 1502, na outra costa da actual Colombia preto do Golfo de Urabá, os exploradores españois liderados por Vasco Núñez de Balboa conquistaron a área preto do río Atrato. Alí fundaron Santa María la Antigua del Darién (c. 1509) e a vila de San Sebastian de Urabá (c. 1508-1510), os dous primeiros asentamentos europeos na América continental.
O 29 de xullo de 1525, foi fundada a cidade de Santa Marta na costa norte de Colombia polo conquistador Rodrigo de Bastidas. En 1536, Gonzalo Jiménez de Quesada liderou unha expedición con 600 soldados e 85 cabalos, deixando atrás Santa Marta e chegando a territorio muisca ese mesmo ano.
Tejo ou turmequé (tamén coñecido co nome da localidade de Turmequé) é un xogo que consiste en lanzar un disco metálico de preto de 680 gramos a través dunha cancha de arxila de 18 metros de longo para facer estoupar as mechas (pequenos sobres con pólvora) que se atopan no bocín (círculo metálico que se atopa na cancha) e así ir engadindo puntos. Está considerado deporte nacional de Colombia.
Este deporte autóctono de Colombia, era practicado xa hai máis de 500 anos polos habitantes do altiplano cundiboyacense nos departamentos de Cundinamarca e Boyacá. O xogo do turmequé consistía en lanzar un disco de ouro chamado "zepguagoscua", o cal evolucionou cos séculos no xogo do tejo practicado hoxe en Colombia. Ó popularizarse, o "zepguagoscua" foi substituído por un disco de pedra e no presente emprégase un de metal (tejo).
O tejo é un deporte de competencia, no cal se enfrontan xogadores de xeito individual ou conformando equipos. O xogo consiste en guindar o tejo dende unha cancha até a outra, co obxectivo de enterralo dentro do bocín, reventar unha mecha ou no seu defecto, enterralo máis preto do bocín que os demais competidores.
Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC-EP) son un grupo guerrilleiro marxista-leninista de Colombia. Son consideradas un grupo terrorista tanto en Colombia como a nivel internacional. As FARC operan en Colombia e na zona fronteiriza con Venezuela. Participan no conflito armado colombiano dende a súa conformación oficial en 1964 e eran dirixidas por un secretariado de sete membros que estivo baixo o comando de Pedro Antonio Marín, coñecido polos alias de Manuel Marulanda Vélez ou Tirofijo até o seu falecemento en marzo de 2008 por causas naturais. Dende entón, o seu líder en xefe foi Guillermo León Sáenz alias Alfonso Cano até que foi dado de baixa polo Exército de Colombia o día 4 de novembro de 2011. O 15 de novembro, a organización confirmou por medio dun comunicado que o seu novo Comandante en xefe era Rodrigo Londoño Echeverri, alias «Timochenko» ou «Timoleón Jiménez».
As orixes das FARC son anteriores a 1964, ano no que o daquela presidente Guillermo León Valencia decidiu bombardear Marquetalia, un lugar onde estaba asentado un grupo de homes, mulleres e nenos labregos liberais e comunistas. Estes lugares foron denunciados como repúblicas independentes.
As súas accións consistían no narcotráfico, guerra de guerrillas, minaría ilegal, así como técnicas terroristas como a implantación de minas antipersoa, o asasinato de civís, membros do goberno, policías e militares, o secuestro con fins políticos ou extorsivos, atentados con bombas e armas non convencionais (cilindros de gas, animais bomba), actos que provocaron desprazamentos forzados de civís, recrutamento de menores, destrución de pontes e estradas por medio de bombas con dinamita, ademais de destrución de estacións de policía e as casas dos civís que se atoparan preto. Segundo as Nacións Unidas, as FARC e o ELN son responsables do 12 % dos asasinatos de civís do Conflito armado en Colombia.
O Museo do Ouro do Banco da República de Colombia é unha institución que contén pezas de ourivaría e olaría de culturas indíxenas do período precolombiano. Atópase no centro histórico da cidade de Bogotá.
Posúe a meirande colección de ourivaría prehispánica do mundo con arredor de trinta e catro mil pezas de ouro e tumbaga, preto de vinte e cinco mil obxectos en cerámica, pedra, cuncha, ósos e téxtiles. Expón pezas de diferentes culturas indíxenas asentadas na actual Colombia antes da chegada dos conquistadores españois, entre as que destacan a calima, a muisca, a Nariño, a quimbaya, a zenú, a tairona, a San Agustín, a Tierradentro, a Tolima, entre outras cousas.
10
[editar a fonte]A lingua muisca ou chibcha é unha lingua case extinta da familia chibcha de Colombia, falada polo pobo muisca, unha das catro civilizacións indíxenas de América. Os muiscas habitaban nas terras altas centrais (Altiplano Cundiboyacense) do que hoxe se coñece como Colombia.
O nome da lingua, Muysccubun ou muyskkubun na súa propia lingua significa "lingua do pobo" ou "lingua dos homes", de muyska / muysca ("xente" ou "home") e kubun / cubun ("lingua" ou "verba"). O termo chibcha quere dicir "mira, home!".
Importantes estudosos que constribuíron ó coñecemento da lingua muisca foron Juan de Castellanos, Bernardo de Lugo, José Domingo Duquesne e Ezequiel Uricoechea.