Saltar ao contido

Literatura do Romanticismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Literatura do romanticismo»)
Camiñante sobre o mar de néboa (1818), cadro do pintor romántico alemán Caspar David Friedrich.

A literatura do Romanticismo foi un movemento literario que se iniciou a fins do século XVIII (ca. 1770) en Alemaña, que se dispersou e cultivou por toda Europa ata fins do século XIX e que continúa exercendo a súa influencia ata a actualidade. Este movemento opúxose ao expansivo capitalismo industrial e ao racionalismo ilustrado. Entre as súas características principais atópanse a constante presenza de temas preindustriais como a natureza e os mitos grecolatinos e medievais. Tamén se caracterizaba pola procura constante da orixinalidade como unha forma de contrapoñerse á profesionalización do artista e da conversión da obra de arte nunha mercadoría, dado que os escritores profesionais servíanse de técnicas de escrituras xenéricas, efectivas no mercado. Tamén se caracterizaba por concibir ao artista como un intermediario entre o transcendental e o inmanente; o artista só escribía pola inspiración, tamén como unha forma de opoñerse ao profesionalismo na escritura.

Entre os autores románticos máis destacados atópanse Johann Wolfgang von Goethe, Friedrich Schiller, Friedrich Gottlieb Klopstock, Percy Bysshe Shelley, John Keats, William Wordsworth e Edgar Allan Poe.

Romanticismo en Europa

[editar | editar a fonte]

Romanticismo alemán

[editar | editar a fonte]

O Romanticismo alemán non foi un movemento unitario[1]. Por iso fálase nas historias literarias de varias fases do Romanticismo. Unha etapa fundamental foron os anos noventa do século XVIII (Primeiro Romanticismo), pero as últimas manifestacións alcanzan ata a metade do século XIX.

Unha grande importancia no seu nacemento tiveron dous movementos, un espiritual, o Pietismo, que se desenvolveu moito en Alemaña durante a segunda metade do século XVIII e o primeiro terzo do XIX e procuraba renovar a relixión protestante volvendo á relixiosidade individual e íntima fronte aos aspectos máis formalistas e teolóxicos do culto, para facer a relixión cada vez máis un asunto do corazón e da vida e non só da intelixencia, e outro de orde estética e anticlásico, o Sturm und Drang.

Os filósofos dominantes do romanticismo alemán foron Johann Georg Hamann e Johann Gottfried Herder e, sobre todo, Johann Gottlieb Fichte, coa súa insistencia na loita do eu contra o non-eu, creador do nacionalismo alemán e defensor do iusnaturalismo. Xunto con Friedrich Wilhelm Joseph Schelling crearán unha corrente fundamental do pensamento do século XIX, o Idealismo alemán, que culminará en Hegel.

En primeiro lugar, o Prerromanticismo reaccionou contra a Aufklärung ou ilustración alemá con autores como Albrecht von Haller e o seu poema Os Alpes, seguido pola admiración do infinito e o insignificante na paisaxe de Klopstock e o apaixonado e suicida poeta Heinrich von Kleist (1777-1811).

Despois viñeron autores máis importantes, a chamada primeira xeración romántica (Frühromantik). Son Goethe, autor da obra mestra desta estética en literatura, as dúas versións do drama Fausto, o dramaturgo Friedrich Schiller, os poetas Friedrich Hölderlin, Novalis e Karoline von Günderrode, así como os ensaístas Ludwig Tieck, irmáns August e Friedrich von Schlegel, Clemens Brentano e Achim von Arnim.

Na segunda etapa (jüngere Romantik) destacan os irmáns Grimm, Jakob e Wilhelm, importantes filólogos e compiladores de tradicións e contos populares, moitos deles de fadas; E. T. A. Hoffmann, creador de relatos fantásticos, e, no teatro, Georg Büchner fraguará dúas traxedias mestras: A morte de Dantón (1835) e Woyzeck. Outras figuras importantes son Adelbert von Chamisso (1781-1838), autor de A marabillosa historia de Peter Schlemnihl, tamén sobre o mito de Fausto, e Joseph von Eichendorff, autor dunha novela picaresca, Aus dem Leben eines Taugenichts ("Da vida dun tunante", 1826). O poeta máis importante é Heinrich Heine, autor dun Romanceiro e un Libro de cantares.

Romanticismo inglés

[editar | editar a fonte]
Retrato de John Keats por William Hilton

O Romanticismo comezou en Inglaterra case ao mesmo tempo que en Alemaña; no século XVIII xa deixaran sentir un certo apego reaccionario pola Idade Media (os prerrománticos Thomas Chatterton, James Macpherson) e unha nova sensibilidade melancólica fora explorada polos chamados Poetas de cemiterio, correntes ambas que converxen no Prerromanticismo inglés; pero o movemento xurdiu á luz do día cos chamados Poetas lakistas (Wordsworth, Coleridge, Southey), e o seu manifesto foi o prólogo de Wordsworth ás Baladas líricas publicadas conxuntamente polos dous primeiros, aínda que xa o presaxiaban no século XVIII Edward Young cos seus Pensamentos nocturnos ou William Blake.

Lord Byron, Percy Bysshe Shelley, Mary Shelley e John Keats son os líricos canónicos do Romanticismo inglés. Despois viñeron o narrador Thomas De Quincey, e os xa posrománticos Elizabeth Barrett Browning e o seu marido Robert Browning, este último creador dunha forma poética fundamental no mundo moderno, o monólogo dramático.

En narrativa destacan o escocés Walter Scott, creador do xénero de novela histórica moderna coas súas ficcións sobre a Idade Media inglesa e escocesa, imitadas en todo o mundo e ata na propia Escocia por Robert Louis Stevenson, e outro novo xénero romántico, as novelas góticas, entre as cales destacan Os misterios de Udolfo (1794), de Ann Radcliffe, As aventuras de Caleb Williams (1794) de William Godwin, O monxe de Matthew Lewis ou Melmoth o Errabundo, de Charles Maturin.

Romanticismo escandinavo

[editar | editar a fonte]

Aínda que o influxo da Ilustración foi fondo e persistente en Escandinavia, particularmente en Suecia, o Prerromanticismo arraigou pronto e estendeuse con facilidade, pois o clasicismo estético nunca chegou a penetrar de verdade nas literaturas nórdicas. Sen resistencia reviviron os temas das sagas e os escaldas, por exemplo en Rolf Krage e A morte de Balder do lírico danés Johannes Ewald (1743-1781), seica o máis inspirado dos poetas escandinavos do seu tempo. Tamén escribiu en prosa ensaios que contribuíron a fixar o estilo. Tras Ewald, o movemento aséntase e dá un gran poeta en Suecia: Erik Johan Stagnelius (1793-1823), e dous destacados autores en Dinamarca: Adam Oehlenschläger (1779-1850) e Bernhard Severin Ingemann (1789-1862).

Romanticismo neerlandés

[editar | editar a fonte]

O principal escritor romántico neerlandés é o poeta e clérigo calvinista Willem Bilderdijk (1756-1831), cuxos coterráneos adoitan situar xunto a Goethe e Lord Byron. Traduciu a Ossian entre 1802 e 1806. Acompañárono Hiëronymus van Alphen (1746-1803), Rhijnvis Feith (1753-1824), Hendrik Tollens (1780-1856) e Anthony Christiaan Winand Staring (1767-1840).

Romanticismo polaco

[editar | editar a fonte]
Daguerrotipo de Adam Mickiewicz

Bohemia e Polonia foron os únicos países eslavos que viviron desde antigo na órbita da cultura occidental, porque tiveron na Idade Media unha literatura latinoeclesiástica e coñeceron un renacemento humanístico importante. A poesía romántica de Polonia está rigorosamente unida aos afáns de restauración nacional; Polonia fora repartida entre Rusia, Austria e Alemaña e a nostalxia da nación perdida inspira o patriotismo dos escritores, moitos deles rebeldes, perseguidos e emigrados por mor deste nacionalismo.

O xenio da poesía polaca foi Adam Mickiewicz (1796-1885), cuxo poema «Dziady» («Os antepasados») está inspirado en tradicións lendarias do país e no seu Libro da peregrinación polaca narra as desventuras de Polonia. Juliusz Słowacki é o principal dramaturgo polaco do Romanticismo; escribe baixo o influxo de Goethe e Victor Hugo e sobresae tamén como poeta, escribindo lendas nacionais. Por último foi un lírico moi orixinal o visionario Zygmunt Krasiński, de inspiración relixiosa e dantesca. Estes tres autores son coñecidos como os Tres Bardos (Trzej Wieszcze en polaco). Outros autores importantes, pero pertencentes á rama do Romanticismo tardío, foron Cyprian Kamil Norwid e Stanisław Wyspiański.

Romanticismo italiano

[editar | editar a fonte]

O Romanticismo italiano tivo o seu manifesto na Lettera semiseria di Grisostomo al suo figliolo de Giovanni Berchet (1816) e destaca, sobre todo, pola figura dos escritores Ugo Foscolo (1778-1827), autor do famoso poema «Os sepulcros» e de Ultime lettere dei Jacopo Ortis («Últimas cartas de Jacopo Ortis»), unha novela epistolar inspirada no Werther de Johann Wolfgang von Goethe, considerada a primeira novela italiana moderna, e Giacomo Leopardi (1798-1837), cuxo profundo pesimismo vértese en composicións como «A si mesmo», «O infinito» ou «A Italia». O romanticismo italiano tivo tamén unha gran novela histórica, I promessi sposi (Os noivos), de Alessandro Manzoni.

Romanticismo ruso

[editar | editar a fonte]

En Rusia, o Romanticismo supuxo toda unha revolución, pois autorizou como lingua literaria o ata entón pouco cultivado idioma ruso. Forxouse no Círculo Arzamás de San Petersburgo constituído entre 1815 e 1818 por Aleksandr Pushkin, Vasili Zhukovski, Konstantín Bátiushkov, Piotr Viázemski etc.> Pero a gran figura do movemento foi Aleksandr Pushkin, acompañado de numerosos seguidores e imitadores. O primeiro en escribir un poema romántico foi Vasili Zhukovski (1783-1852) con O cemiterio de aldea. Seguiulle o seu discípulo Konstantín Bátiushkov (1787-1855) e os chamados poetas decembristas rusos, os revolucionarios Kondrati Ryléyev (1795-1826), Wilhelm Küchelbecker (1797-1846) e Aleksandr Bestúzhev (1797-1837). Tras o romanticismo filosófico do grupo Liubomudri, formado polo poeta Dmitri Venevítinov (1805-1827) o último gran romántico ruso é Fiódor Tiútchev (1803-1873).

Romanticismo francés

[editar | editar a fonte]

O Romanticismo francés tivo o seu manifesto en Alemaña (1813), de Madame de Staël, aínda que o gran precursor no século XVIII foi Jean-Jacques Rousseau, autor de Confesións, Fantasías dun paseante solitario, o Emilio, Julia, ou A nova Eloísa e O contrato social, entre outras obras.

No século XIX sobresaíron François-René de Chateaubriand, Víctor Hugo, Charles Nodier, Alphonse de Lamartine, Alfred Victor de Vigny, Alfred de Musset, Gérard de Nerval, George Sand, Alexandre Dumas (tanto fillo como pai), entre outros; son os maiores representantes desta estética literaria.

Xunto a estes autores, cabe apuntar o rexurdimento de literaturas en linguas non oficiais como a provenzal, na que escribe o grupo Félibrige, acaudillado polo gran poeta Federico Mistral e que pretende restaurar a antiga poesía trovadoresca medieval. Entre as súas obras cabe destacar a Mireio de Mistral.

Romanticismo español

[editar | editar a fonte]

En España o movemento romántico tivo precedentes nos afrancesados ilustrados españois, como se aprecia nas Noites lúgubres (1775) de José de Cadalso ou nos poetas prerrománticos (Nicasio Álvarez Cienfuegos, Manuel José Quintana, José Marchena, Alberto Lista...), que reflicten unha nova ideoloxía presente xa en figuras disidentes do exilio, como José María Branco White. Pero a linguaxe romántica propiamente dito tardou en ser asimilado, debido á reacción emprendida por Fernando VII tras a Guerra da Independencia, que impermeabilizou en boa medida a asunción do novo ideario.

Romanticismo checo

[editar | editar a fonte]

Na literatura checa destacan os escritores Karel Hynek Mácha[2] e František Čelakovský e o eslovaco, e tamén ideólogo do paneslavismo romántico, Ján Kollár.

Romanticismo portugués

[editar | editar a fonte]

En Portugal introduciron o Romanticismo Almeida Garret e Alejandro Herculano; pode considerarse postromántico ao gran poeta Antero de Quental.

O feito decisivo na introdución do movemento foi a publicación do poema Camoens de Almeida Garret en 1825, tras a súa viaxe a Inglaterra, onde se imbuíu dos principios desta estética. A unha segunda xeración de escritores románticos pertencen Castello Branco e Julio Diniz.

Romanticismo húngaro e romanés

[editar | editar a fonte]

En Romanía, o seu máximo expoñente foi Mihai Eminescu e, entre os húngaros, sobresaíu o poeta Sándor Petőfi.

  1. "Romanticismo. Una odisea del espíritu alemán". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2016. Consultado o 09 de novembro de 2016. 
  2. James Naughton (2002). "CZECH LITERATURE, 1774 TO 1918". Consultado o 11/11/2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Abrams, M. H. (1975). El espejo y la lámpara. Barcelona: Barral. ISBN 978-84-211-0331-9. 
  • Berlín, Isaiah & Hardy, Henry (editor) (2000). Las raíces del romanticismo. Madrid: Taurus. ISBN 978-84-306-0369-5. 
  • De Paz, Alfredo (1986). La revolución romántica; poéticas, estéticas, ideologías. Traducción de María García Lozano. Madrid: Editorial Tecnos. ISBN 978-84-309-3960-2. 
  • VV.AA. (1994). Fragmentos para una teoría romántica del arte. Antología y edición de Javier Arnaldo. Madrid: Editorial Tecnos. ISBN 978-84-309-1388-6. 
  • Ward, Thomas (2004). La teoría literaria: Romanticismo, krausismo y modernismo ante la globalización industrial. University, Miss.: Romance Monographs. ISBN 978-1-889441-14-6.