Novela gótica
A novela gótica é un dos subxéneros de novela que se crean no Romanticismo. Orixínase na Inglaterra do século XVIII coa obra de Horace Walpole The Castle of Otranto (1764), como reacción contra os ideais ilustrados que pretendían ofrecer unha explicación racional dos comportamentos e misterios do ser humano.
O nacemento dos monstros
[editar | editar a fonte]No verán de 1816, Percy B. Shelley e a súa esposa Mary visitaron a Lord Byron na casa deste en Suíza. Alí, Byron retou o matrimonio e o seu médico persoal, John W. Polidori, a escribir unha historia de terror. De alí xurdiu a idea de Frankenstein e o relato The Vampyre, escrito por Polidori. Ámbalas dúas historias son o pórtico do xénero de terror moderno: a criatura monstruosa e salvaxe (a Criatura de Frankenstein); e o ser maléfico, pero atractivo e sedutor (o vampiro). Soamente faltaba un terceiro monstro: o propio ser humano que se deixa levar polas súas máis baixas paixóns e que xa aparece no conto O corazón delator por Edgar A. Poe.
Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley é o exemplo máis vivo de novela gótica e unha síntese perfecta do movemento romántico. A obra aborda temas característicos do período:
- A rebeldía que leva ao doutor Victor Frankenstein a suplantar a Deus e dar e quitar a vida á súa Criatura coas ferramentas humanas: a ciencia e o coñecemento. Na novela, a rebeldía non caracteriza soamente o doutor, senón tamén a Criatura. Esta levántase contra a súa situación de soidade e abandono, levando a cabo a vinganza contra o seu creador, o doutor Frankenstein.
- A obsesión por saber desencadea a traxedia dos personaxes. O doutor quere coñecer tódolos secretos da vida, o que o acaba condenando. Con esta idea, Mary Shelley ataca un dos piares fundamentais da Ilustración: a racionalización dos misterios humanos. A novelista defende que é mellor renunciar ao coñecemento racional de certas parcelas que non son competencia humana.
- A Criatura non "nace" mala, senón que desenvolve a súa sede de vinganza ao verse abandonada polo doutor e, posteriormente, ser rexeitada pola súa aparencia física. Shelley, polo tanto, sitúase na liña de pensamento de Rousseau e cre que a bondade innata dos seres humanos é corrompida polas relacións sociais.