Elizabeth Barrett Browning

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Elizabeth Barrett Browning
ElizabethBarrettBrowning.jpg
Nacemento6 de marzo de 1806
 Durham
Falecemento29 de xuño de 1861 e 30 de xuño de 1861
 Florencia
SoterradaFlorencia
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónpoeta, escritora, guionista, ensaísta, pamphleteer e tradutora
PaiEdward Moulton-Barrett
CónxuxeRobert Browning
FillosRobert Barrett Browning
Coñecido/a porThe Battle of Marathon: A Poem
editar datos en Wikidata ]

Elizabeth Barrett Browning, nada en Durham o 6 de marzo de 1806 e finada en Florencia o 29 de xuño de 1861, foi unha poeta inglesa, unha das máis respectadas da etapa vitoriana. Escribiu prolificamente sobre todo poesía aínda que tamén realizou prosa e traducións. Fixo campaña pola abolición da escravitude e a súa obra axudou a influír na reforma da lexislación sobre o traballo infantil. A súa produción literaria tivo unha grande influencia en destacados escritores do momento, entre os que se inclúen Edgar Allan Poe e a poeta Emily Dickinson.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Elizabeth Barrett Browning, chamada orixinalmente Elizabeth Barrett Moulton-Barrett, naceu en Cochoe Hall, preto de Durham, Inglaterra en 1806. Era filla do propietario de plantación Edward Moulton-Barrett, que adoptou o apelido "Barrett" ao herdar as leiras do seu avó en Xamaica. Foi bautizada na igrexa de Kelloe, onde unha placa a describe como unha "gran poeta, nobre muller, devota esposa". A súa nai chamábase Mary Graham-Clarke e proviña dunha familia adiñeirada de Newcastle upon Tyne, descendente do rei Eduardo III de Inglaterra.

Barrett foi educada no seu fogar e Daniel McSwiney foi o seu titor xunto co seu irmán máis vello.[1] Foi unha nena precoz e estudosa que comezou a escribir versos á idade de catro anos, lía novelas con seis, con oito deleitábase coas traducións de Homero e aos dez estudaba grego, de tal maneira que aos doce xa escribira a súa propia epopea homérica, The Battle of Marathon.[2]

En 1820, Barrett escribiu The Battle of Marathon, un poema de estilo épico cuxas copias permaneceron dentro da familia. A súa nai compilou a poesía da aínda nena na colección de "Poems by Elizabeth B. Barrett" que o seu pai chamou " Poet Laureate of Hope End" en alusión á mansión onde vivían. O resultado é unha das maiores coleccións de mocidade escrita en lingua inglesa.

Nesta época, Elizabeth comezou a loitar contra unha enfermidade, que a ciencia médica da época non puido diagnosticar. As tres irmás caeron coa mesma síndrome aínda que só persistiu en Elizabeth. Tiña dor intensa de cabeza e columna con perda de mobilidade. Enviada para recuperarse a Gloucester, foi tratada, en ausencia de síntomas que apoiasen outro diagnóstico, por un problema de columna vertebral. Aínda que esta doenza continuou durante o resto da súa vida, crese que non está relacionada coa afección pulmonar que desenvolveu máis tarde, en 1837.[3]

Para paliar as dores derivadas dos seus problemas de saúde, Barrett comezou a tomar opiáceos, láudano, seguido de morfina, entón comunmente prescrito, converténdose en dependente deles durante gran parte da súa vida adulta. Así mesmo, o uso desde unha idade temperá deste derivado do opio ben puido contribuír á súa fráxil saúde. Algúns biógrafos como Alethea Hayter suxeriron que isto tamén puido fomentar a viveza da súa imaxinación e ter impacto na poesía que produciu.[4][5]

En 1821, con quince anos, Elizabeth Barrett leu Vindicación dos dereitos da muller de Mary Wollstonecraft (1792), converténdose nunha apaixonada defensora das ideas desta pensadora e escritora referente do pensamento feminista.[4]

En 1828 faleceu a súa nai. A partir deste momento, foi a súa tía Mary Sarah Graham-Clarke quen se encargou principalmente de coidar os fillos da súa irmá. Tralas demandas e a abolición da escravitude, o pai de Elizabeth sufriu grandes perdas financeiras e de investimento que o forzaron a vender Hope End. Aínda que os Barrett nunca chegaron a ser pobres, o lugar foi confiscado e posto á venda para satisfacer os acredores, representando un duro golpe para a economía da famila.

Entre 1833 e 1835, a familia trasladouse a Belle Vue en Sidmouth, rebautizado na actualidade como Cedar Shade, onde unha placa azul na entrada testemuña o paso de Barrett pola localidade. En 1838, algúns anos despois da venda de Hope End, os Barrett establecéronse no 50 Wimpole Street.

Durante 1837 e 38 o poeta sufriu unha nova enfermidade, con síntomas que hoxe suxiren unha ulceración tuberculosa dos pulmóns. Ese mesmo ano, como consecuencia da insistencia do seu médico, os Barrett volveron mudarse, neste caso de Londres a Torquay, na costa de Devonshire. Mais tarde dúas traxedias azoutaron a familia. En febreiro de 1840, o seu irmán Samuel morreu de febres en Xamaica e pouco despois, en xullo, o seu irmán favorito Edward ("Bro") afogou nun accidente de navegación en Torquay. Isto tivo un efecto grave na súa saúde, que xa era fráxil e a familia regresou á rúa Wimpole en 1841. Aquí Elizabeth Barrett Browning pasou a maior parte do seu tempo no seu cuarto de arriba, vendo poucas persoas fóra da súa contorna inmediata. Durante este illamento o seu can de augas Flush converteuse nunha importante compañía. A propia Elizabeth Barrett, coa perspectiva dos anos, describiu como sentía e como a afectou esta situación de soidade e desconexión co mundo, que percibía como unha clara desvantaxe para desenvolver a súa paixón pola escritura, que para ela representaba unha válvula de escape.

O período de 1841 a 1844 foron anos prolíficos en poesía, tradución e prosa. O poema "The Cry of the Children", publicado en Blackwoods en 1842, condenando o traballo infantil, axudou a realizar reformas legais mediante o apoio á lei das dez horas de Lord Shaftesbury (1844).

En 1844 publicou dous volumes de Poems, que incluíron "A Drama of Exile", "A Vision of Poets", e "Courtship de lady Geraldine" e dous importantes ensaios críticos para The Athenaeum. A liberación das tarefas domésticas que lle supuxo a súa enfermadad, permitiulle, a diferenza do que sucedía coas súas irmás e o que se esperaba de calquera mozo da época, centrarse e desenvolver a súa faceta intelectual e creativa, cultivando unha enorme correspondencia e lendo amplamente.

Robert Browning[editar | editar a fonte]

Os Poems publicados en 1844 trouxéronlle un grande éxito, atraendo a admiración do escritor Robert Browning, co que iniciou unha correspondencia secreta, que culminou nun matrimonio tamén secreto por temor á desaprobación do seu pai que, en efecto, se produciu, sendo pouco despois do enlace desherdada por este. A parella asentouse en Florencia, onde a saúde de Elizabeth mellorou. Aquí escribe Casa Guidi Windows (1851), considerada por moitos o seu traballo máis poderoso, inspirada pola loita toscana pola liberdade. O matrimonio instalou a súa residencia en Piazza San Felice, no apartamento que hoxe é o museo de Casa Guidi, dedicado á súa memoria. Durante a súa estadía nesta cidade Elizabeth Barrett fíxose moi amiga das poetas británicas Isabella Blagden e Theodosia Trollope Garrow. En 1848 naceu o seu único fillo, Robert Wiedeman Barrett.

Unha das súas obras máis coñecidas The Sonnets from the Portuguese, de tema amoroso, relata a súa propia historia de amor, disfrazándoa escasamente co título. Comezou a escribilos en 1845, e non foi ata 1848 que llos deu a ler ao seu esposo. Finalmente publicounos en 1850, dentro dunha edición aumentada de Poems.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1856 publicouse Aurora Leigh, que Barrett considerou a súa obra máis madura, "aquela en que figuran as miñas conviccións máis elevadas sobre a vida e a arte". Trátase dun libro xestado durante moitos anos, que xa tiña en mente cando coñeceu o seu home. Aurora Leigh foi, ademais, unha das máis apreciadas polo público da época, como pon de manifesto que no ano 1873, dezasete desde a súa publicación, se chegasen a facer trece edicións deste libro.[6]

En 1860 saíu á luz unha edición completa dos seus poemas co título de Poems before Congress. Pouco tempo despois a súa saúde empeorou e Elizabeth Barrett Browning faleceu o 29 de xuño de 1861.[7] A súa tumba atópase no cemiterio protestante de Florencia. Unha colección dos seus últimos poemas foi publicada polo seu marido pouco despois da súa morte.

Importancia literaria[editar | editar a fonte]

Elizabeth Barrett Browning.

Xeralmente considérase a Barrett a máis grande poeta inglesa. As súas obras están cheas de tenrura e delicadeza, pero tamén de forza e fondura de pensamento. Os seus propios sufrimentos, combinados coa súa forza moral e intelectual, fixeron dela unha defensora dos oprimidos alí onde os atopase. O seu talento era sobre todo lírico, aínda que non toda a súa obra adopta esa forma. As súas debilidades son a falta de concisión, certo manierismo, e fallos en metro e rima.

A súa tumba no Cemiterio Inglés de Florencia.

Mentres os seus petrarquianos Sonnets from the Portuguese son exquisitos, tamén foi unha poetisa profética, mesmo épica, ao escribir Casa Guidi Windows en apoio do Risorgimento italiano, como Byron apoiara a independencia de Grecia respecto de Turquía.

Aurora Leigh é tamén outra das súas obras máis coñecidas, escrita en nove volumes que representan o número da muller. Aurora Leigh transcorre en Florencia, Inglaterra e París, empregando nela os seus coñecementos adquiridosa desde a infancia, da Biblia en hebreo, Homero, Esquilo, Sófocles, Apuleio, Dante, Langland, Madame de Stael, e George Sand.

Virginia Woolf di sobre esta obra de Barrett que a súa velocidade e enerxía, ademais dunha franqueza e seguridade absoluta manteñen cativadas ás persoas que len o texto.Resalta, así mesmo, que unha das impresións máis penetrantes cando se le esta obra é a sensación da presenza da autora, que "a través da voz da personaxe Aurora, resoan nos nosos oídos o carácter, as circunstancias, as peculiaridades de Elisabeth Barrett".

O goberno de Italia e o concello de Florencia celebraron a súa poesía con placas conmemorativas na Casa Guidi, onde os Browning viviron durante o seu quince anos de matrimonio. Lord Leighton deseñou a súa tumba no cemiterio inglés, realizándose a súa escultura, non moi fidedigna, en mármore de Carrara, por parte de Francesco Giovannozzo. En 2006 o concello de Florencia colocou unha coroa de loureiro sobre esta tumba para celebrar os douscentos anos transcorridos desde o seu nacemento.

Obra[editar | editar a fonte]

  • 1820: The Battle of Marathon: A Poem. Impreso privadamente
  • 1826: An Essay on Mind, with Other Poems. Londres: James Duncan
  • 1833: Prometheus Bound, Translated from the Greek of Aeschylus, and Miscellaneous Poems. Londres: A.J. Valpy
  • 1838: The Seraphim, and Other Poems. Londres: Saunders and Otley
  • 1844: Poems (UK) / A Drama of Exile, and other Poems (US). Londres: Edward Moxon. Nova York: Henry G. Langley
  • 1850: Poems ("New Edition", 2 vol.) Revisión da edición de 1844 engadindo Sonnets from the Portuguese e outros. Londres: Chapman & Hall
  • 1851: Casa Guidi Windows. Londres: Chapman & Hall
  • 1853: Poems (3.ª ed.). Londres: Chapman & Hall
  • 1854: Two Poems: "A Plea for the Ragged Schools of London" and "The Twins". Londres: Bradbury & Evans
  • 1856: Poems (4.ª ed.). Londres: Chapman & Hall
  • 1856: Aurora Leigh. Londres: Chapman & Hall
  • 1860: Poems Before Congress. Londres: Chapman & Hall
  • 1862: Last Poems. Londres: Chapman & Hall

Publicacións póstumas[editar | editar a fonte]

  • 1863: The Greek Christian Poets and the English Poets. Londres: Chapman & Hall
  • 1877: The Earlier Poems of Elizabeth Barrett Browning, 1826–1833, ed. Richard Herne Shepherd. Londres: Bartholomew Robson
  • 1877: Letters of Elizabeth Barrett Browning Addressed to Richard Hengist Horne, with comments on contemporaries, 2 vols., ed. S.R.T. Mayer. Londres: Richard Bentley & Son
  • 1897: Letters of Elizabeth Barrett Browning, 2 vols., ed. Frederic G. Kenyon. Londres:Smith, Elder,& Co.
  • 1899: Letters of Robert Browning and Elizabeth Barrett Barrett 1845–1846, 2 vol., ed Robert W. Barrett Browning. Londres: Smith, Elder & Co.
  • 1914: New Poems by Robert Browning and Elizabeth Barrett Browning, ed. Frederic G Kenyon. Londres: Smith, Elder & Co.
  • 1929: Elizabeth Barrett Browning: Letters to Her Sister, 1846–1859, ed. Leonard Huxley. Londres: John Murray
  • 1935: Twenty-Two Unpublished Letters of Elizabeth Barrett Browning and Robert Browning to Henrietta and Arabella Moulton Barrett. Nova York: United Feature Syndicate
  • 1939: Letters from Elizabeth Barrett to B.R. Haydon, ed. Martha Hale Shackford. Nova York: Oxford University Press
  • 1954: Elizabeth Barrett to Miss Mitford, ed. Betty Miller. Londres: John Murray
  • 1955: Unpublished Letters of Elizabeth Barrett Browning to Hugh Stuart Boyd, ed. Barbara P. McCarthy. New Heaven, Conn.: Yale University Press
  • 1958: Letters of the Brownings to George Barrett, ed. Paul Landis with Ronald E. Freeman. Urbana: University of Illinois Press
  • 1974: Elizabeth Barrett Browning's Letters to Mrs. David Ogilvy, 1849–1861, ed. P. Heydon and P. Kelley. Nova York: Quadrangle, New York Times Book Co., and Browning Institute
  • 1984: The Brownings' Correspondence, ed. Phillip Kelley, Ronald Hudson, and Scott Lewis. Winfield, Kansas: Wedgestone Press

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Elizabeth Barrett Browning: The Origins of a New Poetry',. University of Chicago Press, ISBN 978-0226520391. 
  2. Bomarito, Jessica; Hunter, Jeffrey W., eds. (2005). "Browning, Elizabeth Barrett: Introduction.". Feminism in Literature: A Gale Critical Companion. Vol. 2: 19th Century, Topics & Authors (A-B). p. 467–469. 
  3. William B. Thesing (ed.). "Elizabeth Barrett Browning". Victorian Women Poets. Dictionary of Literary Biography Vol. 199. Literature Resource Center. 
  4. 4,0 4,1 Stone, Marjorie (outubro de 2008). Browning, Elizabeth Barrett (1806–1861) (en inglés). Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004. 
  5. Hayter, Alethea (1962). Mrs. Browning: a poet's work and its setting. Faber and Faber. pp. 61–66. 
  6. Woolf, Virginia (2017). Escritoras. Retratos de mujeres (en castelán). Palma: El Barquero. p. 106-128. 
  7. Browning, Elizabeth Barrett (3 de abril de 1999). "Elizabeth Barrett Browning". Elizabeth Barrett Browning (en inglés). Consultado o 14 de outubro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]