Johann Gottlieb Fichte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Johann Gottlieb Fichte.

Johann Gottlieb Fichte, nado en Rammenau o 19 de maio de 1762 e finado en Berlín o 27 de xaneiro de 1814, foi un filósofo alemán continuador da filosofía crítica de Kant e precursor de Schelling e da filosofía do espírito de Hegel, considerado un dos pais do chamado idealismo alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Johann Gottlieb Fichte naceu nunha familia moi pobre de orixe campesiña. Durante os anos de mocidade coñeceu unha auténtica miseria, e para axudar a súa familia traballou como gardián de gansas. Porén, a miseria serviulle de elevada escola moral, e nunca se avergoñou das súas orixes, mostrándose en distintas ocasións moi orgulloso delas.

Grazas ao barón von Militz, cidadán nobre e rico, Fichte puido iniciar os seus estudos. O aristócrata ficou marabillado ao ouvir que o rapaz repetía á perfección un sermón ao cal von Militz non puidera asistir, e comprendeu que se atopaba ante unha excepcional intelixencia, co que se dedicou a axudalo. Despois de cursar o segundo ensino en Pforta, en 1780 Fichte matriculouse na facultade de teoloxía de Jena e desde aquí pasou a Leipzig. Foron anos moi duros, porque a axuda de von Militz era escasa e máis adiante desapareceu por completo. Fichte gañou a vida dando clases particulares e levando a cabo o humillante oficio de preceptor. Entre 1788 e 1790 foi preceptor en Zürich, onde coñeceu a Xoana Rahn, quen máis adiante se converterá na súa esposa.

O ano decisivo para a súa vida foi 1790. Ata aquela data Fichte fora vagamente spinozista e determinista. Non só lle interesara Spinoza se non tamén Montesquieu e as ideas da revolución francesa. A Kant só lle coñecía o nome. Non obstante, un alumno pediulle que lle ensinase a filosofía de Kant e Fichte viuse obrigado a ler as obras do filósofo de Kónigsberg, que constituíron para el unha auténtica revelación. A Crítica da Razón práctica abriulle os insospeitados horizontes da liberdade, suxeriulle un novo sentido da vida e fíxolle abandonar o pesimismo que o dominara. Fichte descubriu en Kant a clave da súa propia vocación e do seu propio destino. Aínda que carecía de medios materiais e apenas gañaba o imprescindible para vivir, escribiu que aquela descuberta o enriquecera interiormente até tal punto que agora se sentía un dos homes máis felices do mundo.

Fichte comprendeu tan ben o pensamento de Kant que, ao ano seguinte, despois de pasar unha tempada en Varsovia (onde fora para traballar como preceptor), estivo en condicións de escribir unha obra titulada Ensaio dunha crítica de toda revelación, na que aplicaba á perfección os principios do criticismo e que presentou ao mesmo Kant en Kónigsberg. Este escrito foi o comezo do éxito para Fichte. A solicitude de Kant, o editor Hartung publicouno en 1792, pero sen imprimir o nome do autor, polo que foi considerado como unha nova obra de Kant. Cando este interveu para revelar a verdade e o nome do autor, Fichte atinxiu a celebridade e en 1794 foi chamado -por indicación de Goethe- a dar clases na universidade de Jena (como sucesor de Reinhold), onde permaneceu ata 1799. Estes foron anos dourados, anos de éxito e popularidade. A eles pertencen as obras de maior sona, entre as que cómpre lembrar os Fundamentos da doutrina da ciencia (1794), os Discursos sobre a misión do douto (1794), os Fundamentos do dereito natural (1796) e o Sistema da doutrina moral (1798).

En 1799 desencadeouse unha viva polémica sobre o ateísmo, na que se viu complicado Fichte, debido a un artigo dun dos seus discípulos, Forberg. Fichte sostiña que Deus cadra coa orde moral do mundo e que polo tanto non se pode dubidar de Deus. En cambio, Forberg ía mais alá e defendía que se podía non crer en Deus e a pesar diso continuar sendo relixioso, porque para o ser era abondo con crer na virtude (podíase ser relixioso e, asemade, ateo ou agnóstico). Debido á imprudente conduta de Fichte en relación á autoridade política e á súa actitude fachendosa, a polémica dexenerou ata unha situación na que o filósofo acabou por dimitir do seu cargo docente.

Fichte trasladouse a Berlín onde trabou amizade (pouco duradeira, porén) cos románticos (Schlegel, Schleiermacher, Tieck) e deu clases particulares para se gañar o sustento. En 1805 foi chamado á universidade de Erlangen, que tivo que abandonar despois da paz de Tilsit, xa que a devandita cidade foi perdida por Prusia. O seu activo compromiso cultural e político, así como o programa que trazou nos Discursos á nación alemá de 1808 -onde sostiña a tese de que Alemaña se recuperaría da derrota político-militar a través dun relanzamento moral e cultural, e se reafirmaba a primacía espiritual da aldea alemá - concedéronlle unha nova notoriedade. En 1810, ao ser fundada a universidade de Berlín, o rei chamouno para que ocupase unha praza de catedrático e tamén foi elixido como reitor. Morreu en 1814 como consecuencia da cólera, contaxiada pola súa muller, quen contraera a enfermidade mentres se dedicaba a atender os soldados nos hospitais militares.

As obras do período berlinés indican unha evolución moi notable desde o punto de vista teórico no pensamento do noso filósofo. Ademais do Estado comercial pechado (1800), hai que mencionar Á misión do home (1800), a Introdución á vida benaventurada (1806) e os Riscos fundamentais da época actual (1806). Cómpre sinalar, no entanto, os innumerables reformulamentos da Doutrina da ciencia. Fichte adicouse a reescribir esta obra durante toda a súa vida. Os especialistas chegaron a enumerar uns quince escritos que constitúen de maneira explícita versións sucesivas ou que poden considerarse como tales. Moitos deles só se publicaron despois da morte do filósofo. Son importantes as redaccións de 1801, 1804, 1806, 1810, 1812 e 1813, nas que Fichte supera con toda claridade as perspectivas da primeira redacción.

Non obstante, o grande éxito do noso filósofo ficou sempre ligado coa Doutrina da ciencia de 1794, na que os románticos atoparon unha resposta fundamental aos seus formulamentos e do que F. Schlegel puido dicir que xunto co Wilhelm Meister de Goethe e a revolución francesa- representaba unha das tres directrices principais do século.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Fichte creou o idealismo, cuxas liñas mestras imos examinar a continuación:

A doutrina da ciencia e a estrutura do idealismo en Fichte

Primeiro principio do idealismo fichteano[editar | editar a fonte]

O "eu" ponse a si mesmo dentro da filosofía aristotélica o principio de non contradición constituía o principio incondicionado da ciencia. Para a filosofía moderna de Wolff ou do propio Kant, este principio incondicionado consistía no principio de identidade, A = A, considerado como aínda máis orixinario (no sentido de que aquel precede deste). Para Fichte, á súa vez, este principio derívase dun principio ulterior, cuxa natureza é do todo particular. O principio A = A é enxebremente formal e só nos indica que, se existe A, entón A = A. Niso, o único necesario é o nexo lóxico "se... entón". Este nexo lóxico non pode ser posto máis que polo "eu" que o pensa, o cal -ao pensar o nexo entre A e A- ademais do nexo lóxico tamén pon A: polo tanto, o principio supremo non é o da identidade lóxica A = A, porque é algo posto e, en consecuencia, non orixinario. O principio orixinario só poderá ser o mesmo "eu". E o "eu" non é posto por outro, se non que se antepón. "Eu" _ "eu" significa, pois, non unha identidade formal e abstracta, se non a dinámica identidade dun principio que se antepón. O principio primeiro é unha condición incondicionada. Se é condición de si mesmo, entón constrúese a si mesmo, é así porque se fai así, é posición de si mesmo. Nunha palabra, é autocreación.

Na metafísica clásica afirmábase: operari sequitur esse, a acción séguese do ser da cousa, para que unha cousa actúe primeiro ten que ser, o ser é a condición do actuar. A nova postura idealista inverte do todo o antigo axioma e afirma que esse sequitur operari, o cal significa que a acción precede o ser, o ser se deriva da acción, e non á inversa. Fichte di, con toda claridade, que o ser non é un concepto orixinario, se non derivado, deducido, isto é, un produto do actuar.

Polo tanto, o "eu" fichteano é aquela intuición intelectual que Kant consideraba imposible que o home posuíse, porque cadraba coa intuición dun intelecto creador. A actividade do "eu" enxebre é, en sentido estrito, autointuición, encanto autoposición. Fichte chega mesmo a utilizar a expresión "eu en si" para indicar o "eu" como condición incondicionada, que non é un feito se non un acto, unha actividade orixinaria. Concluiremos a descrición deste primeiro principio citando un texto extraído da Primeira introdución á doutrina da ciencia, na que Fichte caracteriza así o "eu" enxebre e a intelixencia como principio supremo do idealismo: Resulta evidente que este "eu" e esta intelixencia non son o "eu" e a intelixencia do home empírico individual, se non o Eu absoluto, a "euidade" (Ichheit). O "eu" empírico, como veremos, aparece nun terceiro momento.

Segundo principio do idealismo fichteano[editar | editar a fonte]

O "eu" opón a si mesmo un "non eu" ao primeiro principio da posición (tese) ou autoposición do "eu" contraponse un segundo principio de oposición (antítese), que Fichte formula así: o "eu" opón a si mesmo un "non eu". Tamén neste caso podemos apelar a un principio da lóxica formal para entender o que afirma Fichte. Consideremos a proposición "non A non é = A". A devandita proposición supón a oposición de non A e a posición de A. Pero estas non son máis que actos do "eu", e ademais presupoñen a identidade do "eu". O "eu", ao igual que se pon a si mesmo, oponse a algo distinto de si. A dedución deste segundo principio resulta aínda máis clara e convértese en algo case obvio, se seguimos esta outra liña de pensamento. O "eu" ponse a si mesmo non como algo estático, se non como algo dinámico, como acción. Ponse encanto ponte, e ao pórse como ponte implica necesariamente que xurda outra cousa, a posición de algo distinto, e polo tanto a posición dun non eu (o distinto ao "eu" só pode ser un "non eu").

Evidentemente, este "non eu" non está fóra do "eu", se non no seu interior, dado que nada hai pensable fóra do "eu". Xa que logo, o "eu" ilimitado opón a si mesmo un "non eu" ilimitado. O primeiro momento era o da liberdade (a liberdade orixinaria), mentres que o segundo -o da oposición- é o momento da necesidade. Deseguido veremos que este momento resulta indispensable para explicar a actividade teórica (a conciencia e o coñecemento) e a actividade práctica (a vida moral e a liberdade da conciencia).

Terceiro principio do idealismo fichteano[editar | editar a fonte]

A limitación recíproca e a oposición no "eu" entre o "eu" limitado e o "non eu" limitado. O terceiro momento representa o momento da síntese. Como xa se viu, a oposición entre "eu" e "non eu" ten lugar no "eu". Agora ben, esta oposición non provoca que o "eu" elimine ao "non eu" ou á inversa, se non que ambos os dous se delimitan. Como é obvio, a produción do "non eu" só xorde como límite ou determinación do "eu". Polo tanto, o "non eu" determinado implica por necesidade un "eu" determinado. Fichte emprega o termo "divisible" para expresar este concepto, o cal aclara a fórmula con que o caracteriza: “o "eu" opón o "eu" divisible, no "eu", un "non eu" divisible".

Fichte identifica este terceiro momento coa síntese a priori kantiana, e nos dous primeiros momentos indica as condicións que a fan posible. Así mesmo Fichte está convencido de se atopar agora en condicións de deducir as categorías, que Kant pretendera obter de forma metódica seguindo un fío condutor, pero que en realidade extraera a partir da táboa dos xuízos. Dos tres principios examinados, por exemplo, dedúcense as tres categorías da calidade: 1) afirmación (primeiro principio), 2) negación (segundo principio) e 3) limitación (terceiro principio). Fichte procede a deducir dun modo análogo o resto das categorías.

A antítese entre "eu" e "non eu" e a recíproca limitación explican tanta a actividade cognoscitiva como a moral. 1) A actividade cognoscitiva fundaméntase no xeito polo cal o "eu" é determinado polo "non eu"; 2) en cambio, a actividade práctica está fundamentada no xeito polo cal o "eu" determina o "non eu". E como ambos os momentos se dan no ámbito do "eu" infinito, ten lugar por conseguinte unha dinámica que neses dous casos, e de maneira diferente, se manifesta a través dunha superación e un dominio progresivos do límite.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CRUZ RODRÍGUEZ, M., La filosofía contemporánea. Taurus, 2002.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]