La Seu d'Urgell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°21′24.14″N 1°27′34.77″L / 42.3567056, -1.4596583

La Seu d'Urgell
Coat of Arms of La Seu d'Urgell.svg
Catedral seu d'urgell.jpg
Catedral de la Seu d'Urgell.
Localización
La Seu d'Urgell en Cataluña
La Seu d'Urgell
La Seu d'Urgell
La Seu d'Urgell en Provincia de Lleida
La Seu d'Urgell
La Seu d'Urgell
País España España
Comunidade autónoma Cataluña Cataluña
Provincia Diputació copy.jpg Lleida
Comarca Alt Urgell
Xeografía
Altitude 691 msnm
Superficie 15,44 km²
Demografía
Poboación 12 366 hab. (2014)
Densidade 800,91 hab./km²
Xentilicio Urgellenc, urgellenca
Urgellès, urgellesa
Outros datos
Código postal 25700
Alcalde Albert Batalla i Siscart (CiU)
Páxina oficial

La Seu d'Urgell (antigamente Urgell ou Ciutat d'Urgell)[1][2] é unha cidade e concello da provincia de Lleida, situado nos Pireneos cataláns, capital da comarca do Alt Urgell e cabeza do partido xudicial de La Seu d'Urgell.[3] É a sede do bispado de Urgell (o catalán seu é o equivalente do galego , "catedral") e foino tamén do antigo Condado de Urgell.

Atópase preto da confluencia dos ríos Segre e Valira, nunha terraza fluvial. Forma parte do Urgellet, comarca natural pirenaica formada por 16 concellos do Alt Urgell e que xuntamente con Andorra correspondíase co territorio orixinario do Condado de Urgell, con capital en La Seu ata a expansión cara ao sur. A proximidade con Andorra está a repercutir no seu desenvolvemento demográfico e económico. En 2016 tiña unha poboación de 12.185 habitantes.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A localidade está situada a 690 m sobre o nivel do mar, nas estribacións dos Pireneos, a tan só 10 km de Andorra, e no punto onde conflúen o río Segre e o máis pequeno Valira.

Limita ao norte co municipio de les Valls de Valira, con Montferrer i Castellbò ao oeste, con Ribera d'Urgellet ao suroeste, Alàs i Cerc ao sueste e Estamariu ao nordés.

O municipio está formado pola cidade de La Seu d'Urgell, a vila de Castellciutat, os arrabaldes de Sant Pere e El Poble-sec, a urbanización de Sant Antoni, as veciñanzas de Les Torres i Bell-lloc e os barrios de Santa Magdalena e Serrat de la Capella.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima de La Seu é de tipo mediterráneo, transformado pola montaña, por iso a maior parte da poboación da comarca do Alt Urgell concéntrase nas ribeiras.

As precipitacións son escasas, arredor dos 700 mm anuais, aínda que aumentan considerablemente coa altitude. No verán, o máximo de chuvias corresponde ás montañas. No inverno, as precipitacións son mínimas en toda a comarca. É, polo tanto, un clima seco e frío no inverno, fresco e chuvioso na primavera e comezo de verán, caloroso e seco o resto do verán e principios de outono, e fresco e húmido no outono.

A vexetación é continental, en gran parte submediterránea.

Historia[editar | editar a fonte]

Das orixes á consolidación do bispado[editar | editar a fonte]

Llibre de les Usances, Privilegis i Immunitats de la Ciutat d'Urgell

Segundo a tradición, la Seu d'Urgell foi fundada por Hércules o Exipcio no 1699 aC, cando pasaba unhas vacacións nos Pireneos. Descubriuse unha necrópole paleocristiá onde hoxe está o claustro da catedral e potentes muros que poderían formar parte do recinto urbano primitivo, así com un altar de tradición paleocristiá.[4]

Segundo Plinio o Vello e Estrabón, a primitiva cidade romana Orgellia, ocupada anteriormente polo poboado prehistórico de Arse-durgui, atopábase no outeiro de Castellciutat, camiño obrigado de Julia Lybica (Llívia) a Ilerda (Lleida), e polo tanto de gran importancia estratéxica. A cidade romana foi a capital dos ceretáns ou, segundo Ptolomeo, dos ilerxetes.

Non hai documentación sobre a súa cristianización, atribuída a un discípulo de Santiago o Maior, nin da erección do bispado de Urgell. Parece ser que este foi creado entre 516, data do concilio de Tarragona, no que non consta ningún bispo de Urgell, e 521, cando xa aparece mencionado.[5] O primeiro bispo, venerado despois como santo, foi Xusto, que asistiu aos concilios da España visigótica nos anos 527 e 546. Nesas datas xa aparece a característica esencial da cidade medieval e que dará nome á cidade: a sé episcopal (en catalán seu).

Pouco despois de ser liberada polos francos do dominio musulmán, a cidade de Urgell foi destruída polos sarracenos e entrou en crise pola represión do bispo Félix. Por eses dous motivos, a sé episcopal foi trasladada a unha nova localización. Do outeiro baixou ao val, onde naceu o vicus Sedis Urgelli, un barrio da cidade nunha terraza do río Segre, facilitando a súa defensa e o seu abastecemento de auga. A antiga cidade, despois de ser reconstruída, converteuse nunha fortaleza, residencia dos condes de Urgell ata a conquista de Agramunt e Balaguer (1105).

O Castell de Ciutat, antiga residencia dos Condes de Urgell.

O poder do bispado, baseado nunha permuta de béns co conde Borrell II de Barcelona-Urgell (988), foi en aumento e manifestouse no ambicioso plan de construcións e infraestruturas do bispo Ermengol (1010-1035): a nova catedral na localización actual, a igrexa de Sant Pere e Sant Andreu, a de Sant Miquel e as pontes de pedra sobre o Segre e a Valira, todo financiado co ouro musulmán conseguido na conquista do Baix Urgell. A cidade estendeuse ao longo do río, con forma triangular limitada polo Segre, o rego de Santa María e o camiño de Cerdanya, entre hortas, campos e viñas.

No século X, xa chamada Seu polos eclesiásticos, celebraba un mercado semanal, xa mentado en 1029, e unha feira coñecida en 1048, que manifestan a importancia do núcleo na comarca e nas rutas internacionais do comercio. Froito desta prosperidade é a construción dunha nova catedral, a actual, iniciada polo bispo San Ot (1095-1122) e inacabada polas loitas entre o bispado, o vizconde de Castellbò e o conde de Foix. A vila sufriu un asedio e un posterior saqueo (1195), e quedou liberada despois de pagar un elevado rescate. Nesas circunstancias, a catedral románica foi a gran defensa da vila, sen recinto amurallado pero con portas ben fortificadas e coa protección do río e do torrente. No século XI, iniciouse a obra de fortificación destinada a rodear os barrios de recente formación con muros novos, aínda que conservando tamén os vellos.

Malia os conflitos bélicos na vila nova, vicus Sedis Urgelli, acentuouse o desenvolvemento da poboación durante o século XII. Aínda que a palabra civitas quedara reservada para a antiga cidade do outeiro (Castellciutat), nos primeiros anos do século XIII xa hai unha distinción clara entre a vila vella e a nova. Esta última converteuse en pouco tempo nun centro dedicado á produción menestral e ao comercio.

O crecemento da cidade e as ocupacións[editar | editar a fonte]

Na segunda metade do século XIII xa aparece a denominación de cidade, como civitas Sedis Urgellensis, na titulación do notario público que exercía na localidade, dándolle á Seu unha categoría máis elevada, a correspondente a unha sé episcopal. A construción de muros arredor da cidade foi costeada polo pobo, que tivo que encargarse da distribución equitativa das cargas fiscais entre todos os veciós, de vixiar os pesos e medidas utilizados no mercado e de regular os prezos e outros aspectos do traballo de varios oficios. Malia os conflitos entre o bispado e os condes de Foix, que acabaron cos condominios (1278), a cidade viviu unha época de desenvolvemento ata 1348, data da terrible epidemia da peste negra, tan mortífera na Seu como no resto de Cataluña.

A muralla tiña un percorrido bastante amplo con varias torres, doce a mediados do século XV, que rodeaba a gran sé, cunhas 200 casas e cuns límites que non ultrapasou ata o século XIX. En 1466 produciuse unha redución do perímetro do recinto amurallado como consecuencia da loita contra o rei Xoán II de Aragón que empobreceu e prexudicou á cidade.

Ademais, seguiron as incursións dos hugonotes dende o outro lado dos Pireneos, introducindo o calvinismo no Principado de Cataluña. O ambiente volveuse hostil aos eclesiásticos de Urgell, que eran atacados con frecuencia. A inseguridade agudizouse co bandoleirismo, mal endémico durante os séculos XVI e XVII, pero especialmente graves foron as loitas entre nyerros e cadells, señores de Nyer e de Arsèguel, respectivamente.

Producironse tamén na época ocupacións francesas, a primeira durante a Guerra dos Segadores, na que destacou o cóengo de Urgell Pau Claris, mentre o bispo Duran era partidario do rei Filipe I de Castela. Posteriormente, en 1691, o duque de Noailles conquistou o norte do Principado, onde actuou como lugartenente do rei francés. Na Guerra de Sucesión, a Seu foi partidaria do archiduque Carlos de Austria, mentres que o bispo Julián Cano, partidario de Filipe V, tivo que fuxir a Ávila en 1714.

O 31 de agosto de 1719, durante a Guerra da Cuádrupla Alianza, a cidade caeu en mans de James Fitz-James Stuart, que continuou cara á cidadela de Roses, que aguantou o asedio. Verboom asediou tamén á Seu o 22 de xaneiro de 1720, rendéndose o 29 de xaneiro, poucos días antes do fin da guerra.

Na chamada Guerra do Francés, logo de ser Cataluña incorporada ao imperio napoleónico, a comarca de la Seu foi incluída no departamento francés do Segre (1812-1814). Despois da liberación, a cidade manifestou signos evidentes dun predominio absolutista, como outras vilas da montaña, a diferenza do liberalismo predominante na franxa costeira catalá. Durante o Trienio Liberal, no verán de 1822, caeu en mans das partidas absolutistas de Joan Romagosa e Antonio Marañón, dando paso á Rexencia de Urgell.

Da Rexencia á actualidade[editar | editar a fonte]

A Xunta Suprema Provincial de Cataluña, co apoio do bispo Bernardo Francés, do concello e da maior parte dos veciños, preparou o establecemento da Rexencia de Urgell o 15 de agosto de 1822. Este goberno paralelo ao de Madrid foi constituído por tres persoas: Bernardo Mozo de Rosales, marqués de Mataflorida, Jaume Creus i Martí, bispo de Tarragona, e o barón de Eroles, que era do Pallars. Este último recibiu o mando supremo das forzas realistas e publicou un manifesto co programa político da rexencia. O exército do barón foi derrotado e os seus colegas fuxiron a Puigcerdà e Francia, mentres a cidade era recuperada polo brigadier Zarroquin.

La Seu foi un dos centros carlistas. En abril de 1837, o pretendente Carlos preparou a entrada á cidade, que foi abortada, e resultaron detidos algúns veciños. Durante a terceira guerra, caeron en mans de Rafael Tristany en 1874, pola división interna da poboación, en gran parte carlista e en parte liberal. Os primeiros tiñan o apoio do bispo Josep Caixal i Estradé, vigairo xeral castrense do exército de Carlos. O asedio do capitán xeral de Cataluña, Arsenio Martínez Campos, durou ata a rendición do 26 de agosto de 1875. Así caeu un dos últimos reductos carlistas do Principado, e o fillo do xeral victorioso foi recompensado co título de duque de La Seu d'Urgell.

Construción das antigas leiterías.
Parque olímpico do Segre.

A principios do século XX, despois de superar a filoxera que acabou con todas as viñas en 1893, La Seu viviu uns anos de prosperidade e expansión, cambiando a base agrícola pola gandería. O artífice foi Josep Zulueta, que importou vacas suízas para a elaboración de leite e queixos e creou a Cooperativa Leiteira do Cadí en 1915. A paisaxe modificouse coa introdución de prados artificiais, rodeados de maceiras e pereiras, que ocuparon todos os regadíos onde pacían as vacas. Nesa época construíuse tamén a estrada comarcal do Urgell, ampliada cara a Andorra e a Cerdanya por obra do bispo Joan Benlloch (1907-1919), favorecendo a función comercial da cidade.

Pascual Sanz Barrera e Josep Puig i Cadafalch comezaron a estudar a catedral para realizar as primeiras restauracións. En 1923, o concello encargou ao arquitecto Joan Bergós a redacción dun plan de ordenación urbana, que propiciou o crecemento da cidade cara ao oeste, establecendo unha malla ortogonal aínda vixente hoxe en día.

Durante a república, a vitalidade cultural púxose de manifesto coa existencia dos semanarios El Cadí e L'Alt Urgell. Despois da guerra civil, en cambio, viviu un período de recesión económica e moral. Na década de 1960, La Seu comezou a experimentar un certo crecemento económico, grazas en parte ao impulso comercial de Andorra. É a época da urbanización do ensanche e da creación de barrios periféricos, ademais de intervencións culturais, como a maior parte das restauracións da catedral e a súa contorna urbana, e a posta en escena do Retablo de Sant Ermengol nos claustros.

O plan xeral de ordenación urbana de 1979 retomou a tradición de Bergós para racionalizar o crecemento da cidade e prever as expansións futuras. As riadas de novembro de 1982, que produciron varias víctimas mortais, propiciaron a canalización do Segre, unha aspiración centenaria, e un dos fitos de La Seu contemporánea: a construción do parque do Segre e a participación nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, como subsede da especialidade de piragüismo en augas bravas.

Demografía[editar | editar a fonte]

La Seu d'Urgell tiña en 2016 unha poboación de 12.185 habitantes, cunha densidade de 791,23 hab/km². É o concello máis poboado da comarca do Alt Urgell e tamén do ámbito funcional do Alt Pirineu i Aran, concentrando o 17,4% da poboación deste último. Xunto con Puigcerdà, reúne o 30% da poboación do ámbito.[6]

O núcleo de La Seu d'Urgell concentra a maior parte da poboación. Outros núcleos de poboación do concello son, de maior a menor poboación, Castellciutat (antes independente, anexionado en 1975), Santa Magdalena, Sant Antoni, el Poble-sec, Serrat de la Capella e Sant Pere.

Evolución demográfica
1900 1920 1940 1960 1981 2000 2016
3.520 3.636 4.564 7.773 10.681 10.943 12.185

Economía[editar | editar a fonte]

Feira de Sant Ermengol (1890).

Tradicionalmente La Seu foi unha rexión agrícola de subsistencia familiar. A introdución do regadío no século XVIII revolucionou a economía. Entre os seus cultivos, destacaban cebada, avea, millo, e dende o século XVII, legumes como faballóns e feixóns, froitas, hortalizas, aceite e tamén viño, que se exportaba a Andorra e outros lugares de montaña. Unha praga de filoxera en 1893 acabou coas viñas da zona e Josep Zulueta impulsou a transformación das terras de regadío en prados artificiais para o mantemento de vacas leiteiras que importou de Suíza. Creouse entón a Cooperativa Leiteira do Cadí. Actualmente prodúcense queixos e manteiga con denominación de orixe protexida.

No sector secundario, malia que a zona nunca se caracterizou pola súa industrialización, no século XIX había industria téxtil e tamén derivada do ferro. Actualmente, a industria máis importante é a do leite, xunto cos sectores da madeira, metal, energía e materiais da construción. A Cooperativa Leiteira do Cadí, con 375 socios, elabora uns 65 millóns de litros de leite anualmente.

Finalmente, o comercio sempre foi un selo característico da cidade. Do século XI data a feira de La Seu, que favoreceu os intercambios entre as terras de ambos os dous lados do Pireneo. No século XIII creáronse as medidas oficiais para todo tipo de cereais, que aínda se poden ver no Carrer Major.

Transporte e comunicacións[editar | editar a fonte]

O transporte de La Seu, así como o do resto dos Pireneos, sempre se viu dificultado pola orografía. O eixo principal de comunicacións sempre foi o val do Segre. A inexistencia de ferrocarril foi un freo para o desenvolvemento da comarca, que tampouco ten ningunha autoestrada.

As estradas máis importantes son a C-14, que une o Camp de Tarragona con La Seu, a N-260 que enlaza Figueres, Olot, Ripoll, Puigcerdà, la Seu, Sort, la Pobla de Segur e el Pont de Suert, e mais a ruta europea E09, coa construción do Túnel do Cadí. O ferrocarril nunca chegou á comarca, aínda que a liña Barcelona-Andorra é unha antiga reivindicación.

O aeroporto de Andorra-La Seu d'Urgell atópase a 5 km da cidade, no concello de Montferrer i Castellbò. Esta instalación, que deixou de operar en 1984, reabriu as súas portas en 2010, aínda que polo momento só acolle voos privados e de emerxencias.

No transporte público, hai que destacar que na estación de autobuses de La Seu paran diariamente servizos con orixe e destino Andorra, Barcelona, Lleida e Tarragona. Ademais, dende 2008, hai unha liña de autobús interurbano chamado Seubús que une as localidades do Alt Urgell. Tamén hai unha importante frota de taxis.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Carrer dels Canonges

Na cidade, sede do bispado de Urgell e con gran tradición eclesiástica, destacan varios monumentos relixiosos:

  • Catedral de Santa Maria d'Urgell, románica do século XII.
  • Museo Diocesano de Urgell
  • Pazo Episcopal, do século XV.
  • Biblioteca de Sant Agustí, situada na localización do antigo convento do mesmo nome.
  • Igrexa de Sant Miquel, románica do século XI.
  • Igrexa de Santa Immaculada
  • Antiga igrexa de Sant Domènec, actual sala de exposicións e parador de turismo.
  • Igrexa de Santa Magdalena
  • Seminario conciliar

Destaca tamén o súa zona vella, con rúas como o Carrer dels Canonges ou o Carrer Major, de alto valor arquitectónico, ademais do patio de Palau e a Plaça dels Oms, onde está a Casa da Cidade. O paseo de Joan Brudieu, no centro da localidade, é unha das rúas máis importantes e divisoria do centro histórico e o ensanche.

No núcleo de Castellciutat, ademais do centro histórico, destacan a Torre de Solsona, o Castelo de Ciutat e a Cidadela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. L'Enciclopèdia, la Seu d'Urgell.
  2. Salazar de Mendoza, Pedro (1770). Monarquía de España pp. 324. Madrid: D. Joachin Ibarra. 
  3. Generalitat de Catalunya (ed.). "Ajuntament de la Seu d'Urgell: situació geogràfica". Municat. Consultado o 3 de xaneiro de 2011. 
  4. Ajuntament de la Seu d'Urgell (ed.). "Història de la ciutat". Consultado o 3 de xaneiro de 2011. 
  5. L'Enciclopèdia (ed.). "la Seu d'Urgell: Els orígens de la Seu d'Urgell". GGCC. Consultado o 17 de xuño de 2012. 
  6. Generalitat de Catalunya (ed.). "El poblament i l'estructura urbana de l'Alt Pirineu i Aran" (PDF). Pla Territorial Parcial de l'Alt Pirineu i Aran. Consultado o 3 de xaneiro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]