Condado de Urgell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Situación do Condado de Urgell
Escudo de Urgell

O Condado de Urgell (en catalán: Comtat d'Urgell) foi un condado medieval histórico de Cataluña, independente entre 785 e 1413, cando quedou integrado definitivamente na Coroa de Aragón. O condado foi creado polos reis francos e pertenceu ao imperio Carolinxio (785-790).[1]

Orixinariamente reducido á comarca do Alt Urgell e Andorra, estendeuse cara ao sur polas comarcas da Noguera, o Solsonès, o Pla d'Urgell e o Urgell. Tiña a súa capital na cidade de Urgell, coñecida como La Seu polo dominio da súa catedral.[2] Máis tarde a residencia dos condes trasladouse a Balaguer e o crecente poder dos nobres comportou a aparición de capitais rexionais como Agramunt, Castelló de Farfanya, Ponts e Linyola.[3] Na vila de Agramunt acuñou a súa propia moeda, coñecida como agramuntesa.

O Condado de Urgell foi o máis destacado dos condados cataláns, só por detrás do condado de Barcelona, con política exterior estendida por Castela e Occitania.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes do condado de Urgell atópanse na conquista polos francos aos árabes do territorio correspondente, aproximadamente, ao actual Alt Urgell. Esa conquista tivo lugar entre os anos 785 e 790. O condado considerouse incluído dentro da Marca de Tolosa.

Dominio franco[editar | editar a fonte]

Os francos nomearon conde de Urgell a Borrell I (798), que tamén era conde de Cerdanya. No 820, Borrell foi destituído e o condado pasou ao conde de Aragón Asnar I Galíndez. Despois da súa morte en 832, o seu fillo Galíndez I Asnar conservou o dominio ata que foi expulsado en 838. Entón, o condado de Urgell pasou a ser gobernado por Sunifredo I, que fora investido conde no ano 834 por Lois I o Piadoso a petición do conde Berenguer de Tolosa. Segundo Ramon d'Abadal, Sunifredo era fillo de Belón I de Carcassonne, conde de Carcassonne en tempos de Carlomagno.[4] Despois do asasinato de Sunifredo (848) por Guillem, fillo de Bernat de Septimania, o condado de Urgell foi gobernado polo conde Salomón I (848-870), que non aparece nos documentos históricos. No 870, Carlos o Calvo concedeu o condado de Urgell, xunto co da Cerdanya, a Guifré I, que puido ser fillo de Sunifredo I e, polo tanto, neto de Belón I.

Independencia feudal[editar | editar a fonte]

A partir da morte do rei Lois o Tartamudo (879), o poder dos reis francos chegou a unha situación de crise terminal, ata que acabou desaparecendo. Por iso, durante o último cuarto do século IX, en todo o imperio Carolinxio, os condes deixaron de ser funcionarios nomeados polo rei e converteron os seus cargos en hereditarios. Nesa situación de descomposición do poder real, despois da morte de Guifré I, os seus fillos pasaron a gobernar os seus condados: Barcelona, Xirona, Besalú, Osona, Conflent, Urgell e Cerdanya, ata que acabaron repartíndose a herdanza. Nese repartimento, o condado de Urgell correspondeu a Sunifredo II (897-948).

Primeira dinastía: Barcelona-Urgell[editar | editar a fonte]

Sunifredo II morreu en 948 sen descendencia e deixou o condado ao seu sobriño Borrell II, conde de Barcelona, Xirona e Osona. No seu testamento, Borrell II, morto en 992, dividiu a súa herdanza entre os seus fillos: Barcelona, Xirona e Osona foron para Ramon Borrell (992-1017), mentres que Urgell foi para Ermengol I (992-1010), separando os títulos de Barcelona e Urgell. Con Ermengol I orixinouse a primeira dinastía de Urgell, que rexeu o condado dende finais do século X ata principios do século XIII. Orixinariamente, o condado de Urgell correspondía, máis ou menos, á actual comarca do Alt Urgell. A partir do século XI, co declive do poder de Al-Ándalus motivado pola disgregación do Califato de Córdoba en reinos de taifas, comezou a expansión territorial do condado de Urgell por terras que ata entón dominaban os árabes: pouco de despois do ano 1000 conquistaron a rexión de Ponts, o val de Artesa de Segre foi anexionado entre 1024 e 1026, igual que os vales de Meià (1018-1020), Àger (1034-1048), de Santa Linya (1036), Cubells e Camarasa (1050), Guissona (1020-1024) e Agramunt (1070). A conquista da serra de Almenara (1078) permitiu incorporar ao condado os actuais Urgell Mitjà e Baix Urgell ata Barbens e Linyola. En 1105 conquistouse Balaguer, que acabaría sendo a capital do condado. En 1130 conquistáronse os castelos de Castelló de Farfanya e Algerri. En 1149, conde participou na conquista de Lleida xunto co conde de Barcelona e os condes de urgell tiveron a cidade en feudo ata 1231 cando Aurembiaix renunciou a favor de Barcelona.

Ademais, en 1096, Guillem, fillo de Ermengol IV, herdou da súa nai Adelaida o condado de Forcalquier.

Os condes da primeira dinastía de Urgell foron:

Segunda dinastía: Cabrera-Urgell[editar | editar a fonte]

Cabrera-Urgell

A morte sen descendencia da condesa Aurembiaix (1231) significou a extinción da primeira dinastía de Urgell. Comezou entón un período de guerras e disputas entre os reis, que querían incorporar o condado á Coroa, e a casa de Cabrera, herdeira do condado polo seu parentesco coa primeira dinastía. En 1236, polo convenio de Tàrrega, Xaime I de Aragón recoñeceu a posesión do condado de Urgell a Ponç IV de Cabrera; posteriormente, a cuestión do domino de Urgell provocou dúas revoltas nobiliarias durante o reinado de Pedro III (1285-1291), que o rei conseguiu dominar.

Os condes da segunda dinastía de Urgell foron:

Terceira dinastía: Aragón-Urgell[editar | editar a fonte]

Armas da terceira dinastía

Ermengol X d'Urgell nomeou herdeira universal a súa sobriña Teresa de Entença, casada co infante Afonso o Benigno, fillo de Xaime II de Aragón. Posteriormente, o primoxénito, Xaime, renunciou á Coroa e os seus dereitos pasaron ao seu irmán Afonso, rei despois da morte do seu pai en 1327. O rei Afonso IV (1327-1336) separou o condado de Urgell da herdanza do seu primoxénito, o infante Pedro o Ceremonioso e concedeullo ao seu segundo fillo, Xaime I de Urgell.

Os condes da terceira dinastía de Urgell foron:

Cando morreu sen descendencia o rei Martiño I o Humano (1410), o conde Xaime II de Urgell, bisneto de Afonso IV, foi un dos aspirantes á Coroa. Non obstante, no Compromiso de Caspe de 1412, proclamouse rei ao príncipe castelán Fernando de Antequera (1412-1416), quen, por liña materna, era neto de Pedro IV e sobriño de Martiño I. En 1413, Xaime II de Urgell rebelouse contra o rei Fernando, quen o desposeeu de todos os seus dominios e condenouno a prisión perpetua. Foi entón cando o condado de Urgell quedou incorporado aos dominios da Coroa de Aragón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. L'Enciclopèdia: Comtat d'Urgell.
  2. de Estrada, Juan Antonio (1768). Poblacion general de España, sus reynos y provincias, ciudades, villas y pueblos, islas adjacentes y presidios de Africa, Volum 2 pp. 309. Madrid: Imprenta de Andrés Ramírez. 
  3. 3,0 3,1 Museu de la Noguera: Arquivado 26 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Comtat d'Urgell.
  4. Ramon d'Abadal, Els primers comtes catalans, La Magrana, Barcelona, 2011, pp. 47-48.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]