Guerra dos Segadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A sublevación de Cataluña, revolta dos cataláns, guerra de Cataluña ou guerra dos Segadores (en catalán: Guerra dels Segadors) afectou a gran parte de Cataluña entre os anos 1640 e 1652. Tivo como efecto máis duradeiro a firma da Paz dos Pireneos entre a monarquía hispánica e o rei de Francia, pasando o condado do Rosellón e a metade do da Cerdaña, ata aquel momento partes integrantes do principado de Cataluña, un dos territorios da monarquía hispánica, a soberanía francesa.

A guerra comeza a raíz do malestar que xeraba na sociedade catalá a presenza de tropas, fundamentalmente castelás, durante as guerras entre Francia e España, enmarcadas dentro da guerra dos Trinta Anos (1618-1648). Os feitos do Corpus de Sangue de 1640, desencadeados polo levantamento dun grupo duns 400 ou 500 segadores que entraron en Barcelona e que conducirían á morte do conde de Santa Coloma, nobre catalán e vicerrei de Cataluña, marcan o inicio do conflito.