José de Salamanca Mayol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José de Salamanca Mayol
I marqués de Salamanca, I conde de los Llanos
Retrato de José de Salamanca durante a súa madurez

Nome completoJosé María de Salamanca y Mayol
Nacemento23 de maio de 1811
Málaga
Falecemento21 de xaneiro de 1883
Madrid
ConsortePetronila Livermore y Salas
Descendencia
ProxenitoresJosé María de Salamanca y Paz
María Polonia Mayol y Baso

José María de Salamanca y Mayol, nado en Málaga o 23 de maio de 1811 e finado en Carabanchel Bajo (Madrid) o 21 de xaneiro de 1883, I marqués de Salamanca e I conde de los Llanos, con Grandeza de España, foi un influínte estadista, destacada figura aristócrata e social e home de negocios durante o reinado de Isabel II de España.

Dá nome ao actual distrito de Salamanca de Madrid, parte do ensanche da cidade que impulsou. De vida aventureira con múltiples altibaixos, a José de Salamanca se lle atribúen numerosos negocios con grandes beneficios en sectores como o ferroviario, a construción, a banca ou o investimento bolsista; ademais foi acusado de varias corruptelas relacionadas coa especulación en bolsa; a miúdo como socio doutros destacados membros da sociedade española do momento, incluíndo a María Cristina de Borbón, nai de Isabel II e rexente durante a súa minoría de idade. Probabelmente chegou a posuír, nos seus mellores momentos, a maior fortuna de España.

Xuventude, estudos e alcaldías[editar | editar a fonte]

Nado en Málaga en 1811, era fillo do médico José María de Salamanca y Paz e da súa esposa, María Polonia Mayol y Baso. Cursou estudos de Filosofía e Dereito no Real Colexio Maior de San Bartolomé e Santiago de Granada, terminándoos en 1828. Nesta cidade probabelmente tomou contacto con grupos contrarios ao absolutismo de Fernando VII, incluíndo a Mariana Pineda, quen en 1831 sería xulgada e condenada a morte converténdose en mártir da causa liberal. Chegou a sentir afecto pola loita antiabsolutista durante a súa xuventude.

Cando regresou a Málaga foi detido o xeneral liberal José María Torrijos, en cuxo pronunciamento probabelmente Salamanca estivo involucrado e tras o cal acudiu a Madrid a solicitar o indulto do rei, tarefa na que fracasou. Os seus ardores revolucionarios calmáronse temporalmente e, grazas á amizade de seu pai con Cea Bermúdez (Presidente do Consello de Ministros), logrou a alcaldía de Monóvar (provincia de Alacant) en 1833.

Este ano morreu Fernando VII, ocupándose do goberno, como rexente, a súa esposa María Cristina de Borbón.

Os movementos revolucionarios acontecidos durante a rexencia catapultaron ao futuro marqués aos primeiros planos da escena nacional. En 1835 foi nomeado alcalde de Vera (provincia de Almería); tras isto, foi elixido para representar a dita provincia na Xunta Revolucionaria de Sevilla.

En 1836 tivo lugar o pronunciamento de La Granja, que obrigou á raíña rexente a restituír a Constitución liberal de 1812 elaborándose a nueva progresista de 1837. Nas novas Cortes formadas, José Salamanca foi elixido deputado por Málaga, trasladándose á capital (Madrid) para exercer este cargo.

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

Retrato de José de Salamanca durante a súa xuventude

En 1835 Salamanca casou con Petronila Livermore y Salas, filla do matrimonio formado polo rico comerciante inglés Tomás Livermore Page e Petronila Salas y Rosales, e irmá, á súa vez, de Isabel Livermore y Salas, esposa do rico industrial malagueño Manuel Agustín Heredia. Do matrimonio nacerían dous fillos, Fernando e Josefa de Salamanca y Livermore. Os vínculos con familias destacadas de Málaga proporcionáronlle, xunto ás súas xogadas na Bolsa, un rápido ascenso social.

Deputado, ministro e exilios[editar | editar a fonte]

Establecido en Madrid, Salamanca desenvolveu un gran talento para os negocios, que lle reportaron ao longo da súa vida grandes alegrías e tamén momentos difíciles. Na capital ampliou o seu círculo social coa burguesía financeira coa que emprendeu negocios. En 1839 obtivo o monopolio do sal, comezando ademais a investir na Bolsa de Madrid. O seu poder adquisitivo multiplicábase e aumentaban os seus contactos entre a alta sociedade madrileña. O seu control sobre o negocio do sal granxeolle a animadversión do xeneral Narváez, con quen se enemistou temporalmente.

A súa carreira política tamén ía en ascenso, ao ser nomeado ministro de Facenda polo presidente Joaquín Pacheco en 1847. Tras a dimisión deste en outubro do mesmo ano, Salamanca pasou a exercer de facto a presidencia do goberno até que o novo presidente, Florencio García Goyena, destitúeo debido a que unha comisión parlamentaria estaba investigando supostas actividades irregulares no seu ministerio. Isto suporía unha gran paralización á súa ascensión na política.

A situación volvería a cambiar ao intervir a raíña Isabel II, destituíndo ao goberno en pleno e nomeando novo presidente a Ramón María Narváez y Campos, que tomaría posesión do cargo por terceira vez en catro anos. A chegada ao poder de Narváez empuxou a Salamanca a exiliarse a Francia, onde permaneceu até 1849.

Cinco anos máis tarde tería de marchar por segunda vez, ao producirse a revolución de 1854 (da cal personaxes como Salamanca constituían as súas bestas negras) que daría pé ao Bienio Progresista.

Existiu ate o célebre 28 de xuño [de 1854] unha sociedade en comandita para a explotación de todos os axios, de todos os negocios que o país tiña que pagar co seu sangue. Capitaneábaa Cristina e seu xerente Salamanca, monstro de inmoralidade; era, como o vulgo adoita dicir, o seu home de palla. Presentarse ao negocio dos ferrocarrís na España comercial e abalanzarse a todos a comandita como manda de lobos famentos, foi cousa que a ninguén admirou, porque non era de admirar.
Xornal La Ilustración, 24 de xullo de 1854, durante o Bienio Progresista e estando exiliado Salamanca

Ao termo deste, en 1856, Salamanca obtería o título de senador vitalicio nas Cortes españolas.[1]

Auxe especulador[editar | editar a fonte]

Palacio do Marqués de Salamanca no Paseo de Recoletos de Madrid (1846-1855).

Durante os 42 anos da súa vida que estivo establecido en Madrid, Salamanca desenvolveu a súa intensa carreira empresarial e financeira que lle valeu o seu renome.

Ao regresar do seu primeiro exilio ingresou cerca de 300 millóns de reais ao arrendar durante cinco anos ao Estado o seu monopolio sobre o negocio do sal. Esta cantidade era o duplo de todo o que ganara desde a obtención de dito monopolio.

Refixo as súas relacións con Narváez, quen chegaría a ser, xunto a Fernando Muñoz (duque de Riánsares e marido da raíña rexente), o seu socio por excelencia en multitude de negocios.

Construción[editar | editar a fonte]

No sector da construción, o futuro marqués destacou pola construción do hoxe chamado Barrio de Salamanca de Madrid. Este pertenceu á primeira fase do Ensanche de Madrid proxectado por Carlos María de Castro onde o marqués de Salamanca comprou soares para construír vivendas para a alta burguesía.

Por outro lado, Salamanca investiu os beneficios que obtivo nas súas xogadas en Bolsa en reunir unha notábel colección de arte,[2] e na construción do seu palacio no Paseo de Recoletos. O encargado da súa construción foi o arquitecto Narciso Pascual y Colomer, que tamén construíu unha propiedade para Salamanca en Aranjuez.

Ferrocarril[editar | editar a fonte]

O Tren de la Fresa circulando tirado por unha locomotora da serie 140 de RENFE. Fotografía de 2012

Salamanca invirtíu tamén no ferrocarril, empezando pola construción da liña Madrid-Aranjuez. En decembro de 1845 constitiuse a Sociedad del Ferrocarril de Madrid a Aranjuez cun capital de 45 millóns de reais. Esta vez contou como socios ap banqueiro Nazario Carriquiri e ao conde de Retamoso, cuñado da raíña rexente.

A construción desta liña supúxolle a Salamanca algúns malos tragos económicos, pero vencendo as dificultades inaugurou por fin a liña o 7 de febreiro de 1851. Presidiu este acto a raíña Isabel II, e máis de mil invitados acudiron a unha xenerosa festa pagada integramente polo bolso de Salamanca. Tres meses máis tarde, a liña ferroviaria xa lle reportaba 50 000 reais ao día.

Hoxe en día esta liña forma parte da que leva a Alcázar de San Juan e se desdobra cara a Andalucía ou cara ao Levante. Existe un tren turístico, o chamado Tren de la Fresa, que realiza moitos domingos do ano un percorrido entre Madrid e Aranjuez recordando esa primeira liña. A actual estación de Aranjuez está lixeramente desviada da cabeceira da liña orixinal que chegaba directamente ao Palacio de Aranjuez.

A inversións de Salamanca non se limitaron ao territorio español, senón que se estenderon por Europa e América. Na actualidade, dúas poboacións do Estado de Nova York (como Salamanca, Nova York) situadas nunha encrucillada de vías, deben seu nome ás súas importantes inversións na Atlantic and Great Western Railroad. Salamanca foi o fundador da Companhia Real dos Caminhos de Ferro Portugueses ("Compañía Real de los Ferrocarriles Portugueses"), hoxe Comboios de Portugal ("Trens de Portugal") e Infraestruturas de Portugal.

Pelotazo bolsista na Bolsa de Madrid[editar | editar a fonte]

Un día histórico para o bolso de Salamanca e os dos seus socios produciuse no outono de 1844.

A Bolsa de Madrid viviu unha serie de xornadas entusiastas nas que a maior parte dos investidores xogaban á alza. O optimismo reinaba ante a estabilidade subministrada polo goberno de Narváez. Porén, tras algúns días de análise, Salamanca empezou a xogar á baixa nunha estratexia aparentemente torpe.

Porén, a realidade era outra: mediante a súa privilexiada posición nos asuntos públicos, o futuro marqués coñecía a disposición dunha serie de xenerais de levantarse en armas, habendo incluso chegado o seu socio Narváez a manter correspondencia con algúns nun intento de facelos desistir do seu intento.

Facendo uso desta información, Salamanca esperou durante varias sesións até que chegaron as noticias do pronunciamento do xeneral Martín Zurbano en Nájera, do cal Salamanca e os seus achegados encargáronse de facer eco con clara intención de causar pánico entre os investidores. Os valores da bolsa, tan sensíbeis como sempre a calquera cambio brusco nos asuntos públicos, caeron en picado e Salamanca, que xogara á baixa durante as sesións nas que todos facían o contrario, embolsou cerca de 30 millóns de reais nun só día. O marqués de Riánsares e o xeneral Narváez recibiron dous millóns cada un.

(...) É moi cuquiño, e aínda que me fixo rabiar moito, son flaco, quéroo... pero non llo diga vostede, porque de contado virá a propoñerme un negocio no que imos dar a España moitos millóns.
Onde máis se faltooua á lei é nos camiños que se concederon ao señor Salamanca, e a razón é porque dito señor está asociado a un home poderoso que ten demasiada e fatal influencia sobre este.
Xeneral Manuel Gutiérrez de la Concha, progresista, no Senado, refiríndose á amizade de Salamanca co duque de Riánsares, padrastro de Isabel II.

Negocio fracasado: o Banco de Isabel II[editar | editar a fonte]

A maior mancha no historial financeiro de Salamanca foi o Banco de Isabel II. Ideado por el, convenceu á raíña da súa creación. Fundado en 1844, era a primeira entidade financeira de crédito privada de España, xunto co Banco de San Fernando, e tiña un capital de 100 millóns de reais para concesión de créditos, xenerosamente distribuídos entre o emerxente capitalismo investidor da época.

A pesar de que o banco nunca despegou, Salamanca utilizou seu capital para realizar compras, como un lote de 71 cadros que adquiríu á duquesa de San Fernando de Quiroga, María Luísa de Borbón y Vallabriga, utilizando para pagar un talón do Banco de Isabel II por 1 millón de reais. A mala marcha da entidade xerou problemas á hora de liquidar talóns como este, o cal xerou a Salamanca un problema singular: cando propuxo á raíña que lle comprase os cadros adquiridos, esta lle pagou coas súas accións no ferrocarril Madrid–Aranjuez, que lle costaran 4 millóns de reais, pero que nese momento non valían case nada. Desta forma Isabel II vingouse astutamente de Salamanca, que lle fixera perder diñeiro (aínda que noutras ocasións lle fixo ganar moito máis).

O banco finalmente desapareceu ao fusionarse co de San Fernando nacendo así o Banco de España.

Ocaso dos seus éxitos nos negocios[editar | editar a fonte]

Estatua do marqués de Salamanca na praza homónima, en Madrid.

A partir de 1860 a carreira de Salamanca comezou a declinar. O seu patrimonio diminuía rapidamente por sucesivos negocios que non terminaban de arrincar. Nesta época obtivo o seu renomeado título de marqués de Salamanca de mans da raíña (en 1863), e o de conde de los Llanos (1864) co que obtivo a Grandeza de España.

En 1876 viuse obrigado a vender o seu palacio, un dos máis elegantes e de mellor factura da época, situado no paseo de Recoletos de Madrid, e que actualmente pertence ao banco BBVA.

Ademais deste, posuía o palacio de Vista Alegre en Carabanchel Bajo, o de Buena Esperanza en Carabanchel Alto, outro en Aranjuez, posesións en Los Llanos, o palacio de Mitra en Lisboa, un hotel propio en París e outro alugado en Roma, todos eles cun exército de criados ás súas ordes.

Durante a Restauración, conseguiu en 1879 os dereitos de construción do canal del Duero, aínda que iso non lle ía permitir refacer a súa case extinguida fortuna, e contribuíu ao proxecto de reforma das prisións de iniciativa privada impulsado polo xurista e político conservador Francisco Lastres, que foi aprobado pola Real Orde de 29 de decembro de 1875 e que daría lugar á construción da Escola de Reforma Santa Rita en Madrid. O marqués de Salamanca formou parte da súa Xunta de patróns como Presidente, xunto ao conde de Morphy (Vicepresidente) e Manuel María Álvarez (Tesoureiro).[3]

Finalmente morreu, en 1883, endebedado por valor de seis millóns de reais. Ao longo dunha vida de luxo e sibaritismo extremos, José de Salamanca fora revolucionario, avogado, conspirador, alcalde, xuíz, banqueiro, contratista de obras, empresario de teatros, director de empresas, enxeñeiro, agricultor, gandeiro, ministro, senador, deputado, marqués, conde e Grande de España.

Existen actualmente rúas dedicadas ao marqués de Salamanca en Málaga, Alacant, Talayuela, Navalmoral de la Mata, Torremolinos, Monóvar e Castellón de la Plana. En San Sebastián unha rúa da cidade denomínase paseo de Salamanca no seu honor. En Madrid, ademais do Barrio de Salamanca deu nome á praza del Marqués de Salamanca. Esta praza foi proxectada polo arquitecto municipal Pablo Aranda, ao igual que tamén proxectou o pedestal da estatua de José de Salamanca situada na mesma praza. Nos Estados Unidos de América, no estado de Nova York, a vila de Salamanca cambiou seu nome en honor ás xenerosas doazóns á comunidade indíxena do pobo seneca.


Predecesor:
Nova creación
Marqués de Salamanca
1866-1883
Sucesor:
Fernando de Salamanca y Livermore
Predecesor:
Nova creación
Conde de los Llanos
1866-1883
Sucesor:
Fernando de Salamanca y Livermore

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Senado de España, Expediente personal del senador. "Salamanca y Mayol, José de". Consultado o 4 de febreiro de 2022. 
  2. Eva Mª Ramos Frendo. Universidad de Malaga: "El Marqués de Salamanca, un apasionado coleccionista"
  3. Lastres, Francisco (1887). Estudios penitenciarios. Est. Tipográfico de Pedro Nuñez. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • González Solano, Juan (2014): El camino de Hierro. Retrato del marqués de Salamanca. Madrid: Ed. Suma de Letras.
  • Hernández Girbal, F. (1963): José de Salamanca, marqués de Salamanca: el Montecristo español. Madrid: Ediciones Lira.
  • Lacomba, Juan Antonio (1986): Personajes en su historia. Málga: Ed. Arguval.
  • Rico, Eduardo G. (1994): Yo, José de Salamanca, el "Gran Bribón". Barcelona: Ed. Planeta. ISBN 978-84-0801-068-5.
  • Sánchez García, Raquel (2003): "El Marqués de Salamanca y la amortización de los ferrocarriles". Cuadernos de Historia Contemporánea, nº 25, pp. 199-215. (Ler en liña).
  • Torrente Fortuño, José Antonio (1969): Salamanca, bolsista romántico. Marid: Ed. Taurus.
  • Zavala, José María (2006): "María Cristina de Borbón, en la picota". La Aventura de la Historia, nº 91. Arlanza ediciones S. A.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]