Indulto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O indulto é unha causa de extinción da responsabilidade penal, que supón o perdón da pena. É unha situación diferente á amnistía, que supón o perdón do delito, xa que polo indulto a persoa segue sendo culpable, pero perdoóuselle o cumprimento da pena. Por iso só se pode indultar respecto da parte da pena que non fose xa cumprida, mentres que a amnistía pode implicar rehabilitar o amnistiado en dereitos xa perdidos ao cumprir a pena imposta.

O indulto pode ser total ou parcial. Á súa vez pode ser xeral ou particular:

  • O indulto total comprende a remisión de todas as penas a que fora condenado o reo e que aínda non foran cumpridas.
  • O indulto parcial supón a remisión dalgunha ou algunhas das penas impostas ou a súa conmutación por outras menos graves.

Diferenzas entre indulto e amnistía[editar | editar a fonte]

  • En xeral, para outorgar o indulto é necesario un acto administrativo; para a amnistía é necesaria unha lei.
  • A amnistía extingue os antecedentes penais, mentres que o indulto non o fai necesariamente.
  • Para outorgar un indulto é necesaria sentenza firme; para a amnistía non é necesario.
  • A amnistía, polo xeral, aplícase ós delitos políticos.

Regulación por países[editar | editar a fonte]

Alemaña[editar | editar a fonte]

O dereito de conceder o perdón en Alemaña recae na oficina do Presidente (Bundespräsident), aínda que el pode transferir esta decisión a outras persoas, tales como o Chanceler ou o Ministro da Xustiza. A amnistía pódese conceder soamente mediante unha lei federal.

Canadá[editar | editar a fonte]

No Canadá, os perdóns son xestionados polo National Parole Board baixo as directrices do Criminal Records Act, do Código Criminal e doutras leis. O Código Criminal establece un período de tres anos de espera para os delitos menores, e un período de cinco anos para os graves. O período de espera comeza tras rematar o xuízo.

A resolución da concesión dun perdón en Canadá é un complexo e longo proceso, e calquera erro na aplicación pode causar innecesarios e custosos atrasos. Moita xente usa axencias privadas para xestionar os seus documentos co obxecto de evitar erros respecto diso.

O custo da obtención dun perdón é variable e depende dun número de circunstancias específicas de cada aplicación.

España[editar | editar a fonte]

O indulto é unha medida de graza, de carácter excepcional, que se atopa regulada na Lei de 18 de xuño de 1870 que establece regras para o exercicio da graza de indulto, que consiste na remisión total ou parcial das penas dos condenados por sentenza firme, que outorga El-Rei, a proposta do Ministro de Xustiza, previa deliberación do Consello de Ministros».[1] A Constitución española concede ao Rei o dereito de graza, sometido á lei e prohibe os indultos xerais (segundo o seu artigo 62.I) (artigo 62 CE: Funcións do Rei.)

Este "dereito de graza" supón unha renuncia ao exercicio do poder punitivo do Estado, fundada en razóns de equidade, oportunidade ou conveniencia pública (Política).

Poden indultarse as penas accesorias con exclusión das principais e viceversa, a non ser que aquelas sexan inseparables destas. A remisión da pena principal implica, igualmente, a das accesorias, fóra da inhabilitación para cargos públicos e dereitos políticos, as cales non se entenderán comprendidas, se delas non se fixese mención especial na concesión.

O procedemento e requisitos para a concesión do indulto particular atópanse recollidos na Lei de 18 de xuño de 1870 modificada pola Lei 1/1988 de 14 de xaneiro. O trámite de solicitude dos indultos particulares pode levarse a cabo polos penados, os seus parentes ou calquera outra persoa no seu nome. Se o indulto se realiza como "beneficio penal" previsto no Regulamento Penal, achégase o informe do equipo técnico da prisión, proposta da Xunta de Tratamento e petición de aplicación do indulto do Xuíz de Vixilancia Penal.

As solicitudes serán sometidas a informe do Tribunal que ditou a sentenza, debendo ser escoitados o Ministerio Fiscal e o ofendido, se o houbese. A concesión compete ao Rei, a proposta do Ministro de Xustiza, previa deliberación do Consello de Ministros e acordarase mediante real decreto, que deberá inserirse no Boletín Oficial do Estado.

Ademais, non é posible indultar os delitos de traizón e contra a seguridade do Estado cometidos polo Presidente do Goberno ou os seus Ministros (artigo 102 Constitución Española).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]