José Lázaro Galdiano
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de xaneiro de 1862 Beire, España |
Morte | 1 de decembro de 1947 (85 anos) Madrid, España |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
1 de abril de 1919 – 2 de maio de 1919 ← Manuel Ruiz Valarino (pt) – Luis Barcala Cervantes (pt) → Circunscrición electoral: Orihuela | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político, banqueiro, coleccionista de arte |
Período de actividade | 1877 - 1947 |
Partido político | Partido Liberal Fusionista |
Familia | |
Cónxuxe | Paula Florido y Toledo (1903–1932) |
José Cecilio Lázaro Galdiano nado en Beire, Navarra, o 30 de xaneiro de 1862 e finado en Madrid o 1 de decembro de 1947, foi un financeiro, empresario, intelectual, editor, coleccionista e bibliófilo, que doou os seus bens ao Estado español.
Formación
[editar | editar a fonte]Naceu en Beire, localidade navarra próxima a Tafalla na madrugada do 30 de xaneiro de 1862 e foi bautizado ao día seguinte na parroquia de San Millán. No bautizo, o seu padriño foi o vigairo da parroquia de San Pedro de Olite, Pedro Suescun, en nome e comisión do doutor Cecilio Lázaro, maestrescuela da catedral de Lleida.
O seu pai foi Leoncio de Lázaro Garro e a súa nai, Manuela Gregoria de Galdiano Garcés de los Fayos. Leoncio e Manuela eran modestos terratenentes, aínda que fidalgos sen o menor renunciamiento á súa prosapia persoal e histórica. Leoncio Lázaro Garro levou a ostentación da súa fe católica até o extremo de ter sempre (e dende os sesenta anos na súa propia alcoba) o cadaleito en que había ser enterrado. Tódolos anos, en determinada época, tomaba sobre os seus ombreiros unha pesada cruz, e levábaa, en sucesivas xornadas, aos ombreiros e descalzo, até o afastado santuario da Virxe de Ujué. A súa esposa, moi bela e de costumes refinados, faleceu cando aínda era neno José Cecilio, e foi substituída na crianza por Sotera Echarri, a súa ama de chaves até entón. José Cecilio foi o maior de sete irmáns, seguírono Josefa Apolonia, Rogelio María José Miguel, Jesús Mª Bernardo, Carmen Polonia, Ángel Remigio e Asunción Josefa. Tralo seu paso pola escola rural onde aprendería as primeiras letras, o seu pai dispuxo que estudase o bacharelato nos Escolapios de Sos del Rey Católico obtendo o grao de Bacharel no Instituto de Zaragoza. Non destacou especialmente polo seu rendemento escolar. Un irmán da súa nai, Esteban Galdiano Garcés de los Fayos, un rico financeiro de Olite, alcalde de Pamplona e director da sucursal do Banco de España en Navarra, foi quen de orientar ao seu sobriño.
Mocidade
[editar | editar a fonte]Cando tiña quince anos entrou a traballar como escribinte na sucursal do Banco de España en Pamplona. Alí permaneceu até aproba-lo exame para o ingreso na escala xeral de empregados de sucursais. Tomou posesión do seu cargo o 9 de outubro de 1880 e dous días despois foi a Valladolid, onde intentou compaxina-lo seu traballo cos estudos cando se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras onde cursou tres materias: dúas dos estudos preparatorios (Literatura Xeral e a Historia Universal do primeiro curso) e a terceira, da Licenciatura en Dereito (Dereito romano do primeiro curso) e conseguiu aprobalas. Tamén se converteu nun gran lector:
Coñezo polos seus libros, a tódolos que, con ou sen razón, escribiron algo en España. Lin moito e aprendín pouco e teño, máis que entusiasmo, delirio polas súas letras.
Barcelona (1880-1888)
[editar | editar a fonte]Persoa con grande intelixencia, atractivo físico, ambición e sensibilidade artística, José decidiu buscar oportunidades na Barcelona modernista orientando os seus gustos cara á arte e as humanidades aínda que frustrase os seus estudos superiores e se descoñece o seu medio de vida e os seus apoios durante estes anos. Os seus numerosos haxiógrafos resaltaron a súa vasta cultura autodidacta pero obviaron as orixes do seu, relativamente rápido, enriquecemento polo que non existe unha biografía financeira ou empresarial de Lázaro. O esquema para un mozo ambicioso con aspiracións de ascenso social era o seguinte: o capital xorde dunha simbiose entre a antiga aristocracia e os novos burgueses. A aristocracia achegaba prestixio social e a burguesía o emprendemento. Co poder económico este grupo acaparaba o poder político e cultural (literatura, arte, modas, consumo). El comezaría achegándose á xente que importaba.
Nos seus comezos mostrou unha gran versatilidade como xornalista. Dotado dunha gran soltura, impartiu conferencias nos Ateneos sobre o seu tema favorito: as «Relacións entre artistas e literatos nas historias artística e literaria españolas»[1] axudándose de diapositivas, daquela, un sistema revolucionario. Iniciado no círculo do xornal catalán La Dinastía, tanto se anunciaba nas sesións culturais do Ateneo barcelonés como colaboraba nun xornalismo lixeiro, do corazón, dedicado ás mulleres. Tamén levou unha sección desenfadada en La Vanguardia (1887-1888) titulada «Damas e Salóns» na que, mesmo, adquiriu reputación como gacetilleiro esnob.[a] Foi crítico literario e de arte en El Imparcial e en El Liberal de Madrid, medios nos que continuou escribindo sobre arte, cultura e política.
Discretas damas fermosasfinas, alegres e honestas, en quen están todas estas e otras mil grazas e cousas
excelentes manifiestas.[2]
Como hobby, e seguindo unha moda, comezou a significarse por coleccionar antigüidades, que distribuía pola súa casa. A súa personalidade metódica plasmouse nun coleccionismo activo, ordenado e coidadoso, con certa tendencia obsesiva a buscar, acumular, clasificar e catalogar series de bens tanxibles.[3]
Participou nalgunhas comisións menores da Exposición Universal de Barcelona de 1888.[4] Traballou algún tempo na Transatlántica, compañía navieira onde había posibilidades de grandes beneficios co transporte de soldados e subministracións á illa de Cuba. Tivo amizades con personalidades que lle proporcionaron contactos, como o catalanista Narcís Oller, e relacións máis estreitas con Emilia Pardo Bazán[5][6] e co político Emilio Castelar, bastante maior que el. Ámbolos dous axudaríano, máis tarde, en Madrid no seu proxecto cultural: a que foi considerada como mellor revista culta da época La España Moderna e na que colaborarían Pardo Bazán e as plumas máis brillantes e influentes.[7]
Madrid (1888-1914)
[editar | editar a fonte]Negocio editorial
[editar | editar a fonte]En 1888, José Lázaro, instalouse en Madrid, provisto dunha primeira acumulación de capital; viviu na Cuesta de Santo Domingo, nunha casa que pronto se converteu nun auténtico museo. O seu espírito emprendedor levouno a fundar e dirixir un negocio editorial: unha revista literaria para persoas cultas á que chamou La España Moderna. Parece indudable que conseguiu axuda, non só moral, da escritora Emilia Pardo Bazán.[8]
Sempre me pareceu que fundar unha revista é o menos problemático. O fundador consultoume sobre diversos usos que tiña previsto dar ao seu capital e ás ocupacións ás que tiña previsto dedicarse, deixando ao meu criterio a resolución do seu futuro. Rexeitei resolver unha cousa tan seria; e con respecto á revista, indiquei e sinalei tódolos obstáculos, tódolos problemas. Falei dos reiterados fracasos. En resumo, non omitín nada que puidese ser un aviso e un saudable consello. A pesar diso, e deixándoo completamente libre de escoller, escolleu o mesmo que lle presentei con tanta dúbida. Respectei esta iniciativa e ofrecín a miña decidida colaboración, que non aforro [...] En canto aos intereses, non se falou nin unha palabra.Carta de Pardo Bazán a Pérez Galdós, contra 1890.
A revista conseguiu saír á rúa e xa na portada do primeiro número, Lázaro, expresou a súa intención e desexo de que a revista:
.. fose na nosa patria e, en xeral, nos países que falan a nosa lingua, o que en Francia é a Revue des deux mondes: suma intelectual da idade contemporánea.
-
Rubén Darío (1867-1916). Poeta e admirador de Lázaro.
-
Emilia Pardo Bazán (1851-1921). Escritora e valedora de Lázaro.
-
Miguel de Unamuno (1864-1936). Protexido e valedor de Lázaro.
A estrutura da revista literaria La España Moderna respondía ao seguinte esquema: un relato ou unha novela curta distribuída en varias entregas; unha poesía, notas bibliográficas asinadas por especialistas, crónicas, seccións e artigos. Na revista colaboraron mediante contrato moitos dos grandes escritores españois da xeración do 98 como Emilia Pardo Bazán, Unamuno, Echegaray, Clarín, Palacio Valdés, Zorrilla, Pérez Galdós ou Menéndez Pelayo, políticos e pensadores como Giner dos Ríos, Rafael Altamira, Silvela, Castelar, Cánovas e Pi i Margall. Tamén se publicaron na revista, en moitas ocasións por primeira vez en español, obras de escritores estranxeiros como Dostoievsky, Tolstoi, Balzac, Daudet, Flaubert, Gorki e Zola, por exemplo.
A editorial editou, ademais de centenares de títulos literarios, outras revistas máis especializadas como La Revista Internacional, Revista de Derecho y Sociología e La Nueva Ciencia Jurídica que, como La España Moderna pretendían mellorar o acceso dos lectores españois ás novas máis interesantes da ciencia e as letras. Cara a 1919, José Lázaro abandonou definitivamente o negocio editorial.
En Madrid, fixo boas relacións frecuentando os salóns de amizades importantes, como Cánovas del Castillo.[9] Aínda que non tiña ningún soporte académico, Lázaro presentouse, sen éxito, á oposición da cátedra de «Concepto e Historia del Arte», que estaba vacante na Escola Central de Artes e Oficios.[b] A instancias dos seus amigos rematou, en maio de 1898, a carreira de Dereito con trinta e seis anos de idade.
En 1899, amosou a súa casa a un admirado Rubén Darío, que puido contempla-lo cadro O Salvador adolescente, atribuído, daquela, por Lázaro a Leonardo da Vinci, calificándoo como a Santa panagia da súa colección. O escritor nicaraguano destacou a glamorosa disposición da casa (Cuesta de Santo Domingo, nº 16) e describe ademais a José Lázaro como «solteiro, novo e moi rico».[10] Daquela, xa era un home de mundo que viaxaba moito e que se defendía bastante ben en francés.[11]
Casamento
[editar | editar a fonte]En París, coñeceu a un rapaz novo arxentino, Juan Francisco Ibarra y Florido, recentemente casado e con aspiracións literarias a quen lle publicou unha poesía en La España Moderna[12] e fíxose amigo del, naquel ambiente cosmopolita. Este, escribiu a súa nai:
Recibimos do cabaleiro Lázaro, un poético saúdo dende Bruxelas, de paso para a histórica Bruxas.
A súa nai, unha viúva moi nova con outros dous fillos pequenos adoitaba pasar, como tamén facía a clase alta arxentina da época, longas temporadas en París, Londres e Madrid con obrigada visita á Santa Sé. Nunha das viaxes a París, tivo ocasión de visita-la colección de Galdiano e escribiu a seu fillo poeta, Juan Francisco Ibarra para lle notificar:
Que ía contraer novo matrimonio precisamente con ese personaxe español que tan ben lles caera, quen non perdera oportunidade para facerse grato
En 1903, José Lázaro casou, con 41 anos, con Paula Florido y Toledo de 47 anos (San Andrés de Giles, Arxentina, 1856-Madrid, 1932)[13] na embaixada de España en Roma, unha muller moi rica que se convertera en viúva xa en tres ocasións e que contribuíu con tres fillos. Ela, con só dezasete anos casara co español residente na Arxentina, Francisco Ibarra Otaola, que lle deixara unha gran fortuna e co que tería o único fillo que sobrevivía. Despois de quedar viúva, casou co galego de Padrón, Manuel Vázquez Castro "Barros", quen lle deu unha filla;[14] este segundo matrimonio foi moi breve e tres anos despois, viúva de novo, uniuse ao porteño Rodolfo Gache,[15] co que tería outro fillo.
Presenza social e editorial
[editar | editar a fonte]José Lázaro estabilizou a riqueza do matrimonio (procedente principalmente da explotación de gandarías agrícolas e gandeiras da zona de Bolívar, na Arxentina, xestionada polo irmán de Paula) cos seus coñecementos financeiros e os seus investimentos estratéxicos na arte, nas empresas e nos bancos, como o Banco Hispano Americano, do que foi un dos seus fundadores. Cun carácter altivo e duro para os negocios, foi capaz de facer fronte á grande actividade económica xurdida na Restauración co retorno do capital das colonias recentemente perdidas, co proteccionismo nacionalista ou cos negocios de guerra. Poucos anos despois publicou un folleto sobre divisas e a valoración da peseta.[16] Estableceu lazos financeiros e comerciais con persoas importantes da Arxentina ás que entretiña na súa casa, coñecido do outro lado como El Palacio de los Argentinos [17] e cuxa opulenta economía era moi receptiva a Europa.
O seu espírito expeditivo quedou de manifesto no artigo "Un forjador de cultura" que solicitara a Unamuno[18] para ser publicado no xornal porteño La Nación. Con motivo dunha viaxe a Arxentina coa súa muller, pediulle ao seu amigo un artigo enxalzador sobre el e o seu traballo para non chegar á terra natal da súa muller como calquera desafortunado emigrante. O artigo publicouse en La Nación, o 8 de agosto de 1909 e comezaba: «... José Lázaro está de novo alí, nesa cidade de Bos Aires. E quen é José Lázaro?, A maioría dos meus lectores de La Nación preguntaranse sen dúbida ao ler isto [...] E remataba:" E agora que está alí, nesa terra arxentina, de onde Ela é a compañeira da súa vida. Creo que é o meu deber saudalo dende estas columnas e presentalo aos meus lectores de La Nación. E podo engadir que se me estás lendo aquí con frecuencia, débollo a el, a Lázaro, máis que a outro, porque sen el, non sei se non tería que colga-la miña pluma». Parece que Lázaro descubrira as posibilidades de Miguel de Unamuno, un profesor descoñecido que acababa de ingresar en Salamanca a quen Lázaro Galdiano publicara os seus primeiros traballos e a quen lle ofrecera traballo como tradutor de grego e alemán a pesar de que, como comentara a Gómez de Baquero, o 13 de novembro de 1893:
A maioría dos que me traducen son profesores en universidades provinciais e fano a un prezo indiscutiblemente baixo. É por iso que me convén darlles as traducións (...)[19]
Dado que en España se lía moi pouco, a editorial non era un negocio moi lucrativo mais consolidouse grazas ao incipiente mecenado de José Lázaro Galdiano, cuxas intencións eran claras, segundo explicou por carta ao Doutor Thebussem, en xullo de 1889:
«[...] seguir mentres as perdas non sexan tan grandes que quebranten notablemente o meu patrimonio: non arelo gañar, mais si cubrir gastos» [20]
Estaba a se construír unha imaxe de persoa adiñeirada con carisma intelectual, empregando a revista entre a xente que importaba:
Non teño La España Moderna como unha empresa, senón coma unha arma, coma unha forza, coma un medio mellor dito. Por iso, o meu grande interese está en que circule, non tanto polo que me produza coma pola influencia que me dea, tanto máis grande canto maior sexa o número de lectores.Carta de Lázaro a Juan Cortina[21]
Entendidos en arte
[editar | editar a fonte]José Lázaro utilizou unha nova estratexia de promoción persoal: o culto da propiedade artística como mito aristocrático. Interpretou o coleccionismo como unha construción intelectual nobre, establecendo conexións ideolóxicas entre status social e a provisión de determinados artefactos artísticos ou culturais, que adquirirían valor simbólico e servirían para acompañar determinadas prácticas sociais.[22][23]
Asiduos de Biarritz, Deauville e establecementos termais á moda, onde se desprazaba toda a familia, compartían ámbolos dous cónxuxes a paixón exquisita polo coleccionismo, os seus coñecementos do mercado de arte internacional e o seu gusto polas xoias valiosas.[c] A súa importante fortuna común permitiulles a construción do seu fogar en Madrid no palacete de Parque Florido (Serrano, 144), de estilo neorrenacentista (en flagrante contraste co estilo modernista que recentemente coñecera José en Barcelona). Decorárono con materiais nobres e converteuse na sede das súas coleccións de obxectos preciosos. Proxectado en 1904 polo arquitecto José Urioste Velada, os seus planos foron modificados, segundo instrucións do propio Lázaro, polos arquitectos Joaquín Kramer e Francisco Borrás, os cales se sucederon na dirección das obras até a súa conclusión en 1908. Os teitos das estancias principais foron pintados, ao óleo sobre lenzo, por Eugenio Lucas Villaamil. Para o visitante tiña o atractivo engadido de dispor de luz eléctrica e dun ascensor (aparello descoñecido en Madrid).
Os Lázaro abriron os seus salóns á vida social madrileña, ofrecendo continuas festas, mesmo benéficas, á sociedade opulenta e ociosa da Restauración.[d] Os comentarios sociais de xornais como La Época, El Heraldo e ABC[24] están cheas de citas a estas sesións nas que se admiraba a arte, se comía e se bebía té, champagne☃☃ e se xogaba ao bridge.☃☃☃☃ O mesmo día da súa inauguración (29 de maio de 1908) rendeulles visita a tía do rei, infanta Eulalia, acompañada dos seus fillos e un numeroso cortexo para admira-las súas antigüidades.[25] Ó igual que os papas e algúns príncipes laicos, a cotidianeidade dos Lázaro practicamente se desenvolvía entre obxectos preciosos e pezas únicas, cuxo acopio estaba xustificado non só polo efecto do seu valor intrínseco senón pola relación que os seus propietarios mantiñan con eles.[26][27] En 1913, a súa colección de pinturas constaba de 466 obras e xunto ás pinturas e debuxos, aparecían esculturas, armas, medallas, libros, marfiles, miniaturas, mobles, tapices, abanos e todo tipo de obxectos fermosos. Encaprichárase da espada do conde de Tendilla que vira nunha exposición e como os propietarios, da casa de Salient, non querían vendela en España, houbo que pagarlles, en 1912, a uns marchantes de Múnic, 120.000 pesetas.[28] Todo iso configurou unha colección enorme, cara e heteroxénea -como dixo Sánchez Cantón" cuxa abundancia é nociva para o gozo"-[29] pero conforme ao recargado gusto pompier da época. Un dos trazos máis característicos de Lázaro Galdiano era a súa paixón por posuír, atesourar, mesmo por riba da emoción estética. O marqués de Lozoya afirmara:
"Semella imposible que aquilo puidese se-la obra dun só home, aínda cando a Providencia fose con el xenerosa cunha longa vida, gustos selectos e amplísimos medios de fortuna"Marqués de Lozoya[30]
Aínda que Lázaro tiña, no estranxeiro, certa reputación de entendido, especialmente nos Estados Unidos e Francia, onde foi elixido presidente do XXIII Congreso Internacional de Historia da Arte de París (1921), o seu mérito intelectual como autoridade sobre arte e antigüidades non foi plenamente recoñecido entre o estamento institucional, político e académico español.
Lázaro tamén optou por participar na política. Nas eleccións parlamentarias para deputado xudicial en marzo de 1914, presentouse por Madrid[31] cos liberais-romanonistas coa coalición monárquica, sen obter escano. Máis tarde substituíu brevemente a Manuel Ruiz Valarino como deputado por Orihuela (Alacant) en 1919. Entre 1912-18 foi un membro moi activo do Padroado do Museo do Prado onde desenvolveu unha importante actividade[32]. Por desacordos con algúns dos seus membros e por mor da indolencia da dirección que, segundo Lázaro Galidano, permitiu o saqueo de varios dos fondos do Museo,[33][34] deixou de asistir ás súas reunións, dimitiu e marchou en 1920. A súa figura tamén destaca entre os columnistas que defenden o patrimonio artístico español, centrando a súa actividade na recuperación de obras que saíran das nosas fronteiras, e opoñéndose firmemente á pillaxe comercial do art.56. Desde 1924, é membro do Ateneo de Madrid (aínda que non estivo incluído nas comisións de arte). Por outra banda, non pertenceu á elitista Sociedade Española de Amigos da Arte, que editaba unha revista trimestral chamada Revista Española de Arte. Sempre autosuficiente, entre 1925 e 1928 Lázaro publicou pola súa conta nada menos que oito obras académicas. A falta de crédito universitario, a súa solicitude para ingresar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando non foi aceptada, respondendo ao conde de Romanones, entón presidente da Academia, así como presidente do Consello de Ministros:
Pero vostede, don José, para que quere ser académico?[35]
Aínda que a casa dos señores De Lázaro acadou un perfil singular como punto de referencia no elegante Madrid, os problemas familiares de Paula Florido provocaron o peche definitivo dos salóns e a súa desaparición das columnas "mundanas" da prensa conservadora. Primeiro, foi a morte da súa primeira neta Laura e o posterior divorcio do seu fillo máis vello en 1914; despois, a morte en plena mocidade do seu fillo Rodolfo Gache, en 1916, cando xa amosara as súas cultas afeccións artísticas e literarias e, finalmente, a desaparición temperá da súa medio irmá Manolita Vázquez Barros en 1919.[36]
Lázaro e a Segunda República
[editar | editar a fonte]Dende 1928 era conselleiro do Banco Hispano Americano e ao proclamarse a Segunda República, José Lázaro Galdiano foi presa de certas dúbidas e foi acusado[37] e procesado xunto cun grupo de monárquicos en 1932, por unha cuestión de evasión de capitais a grande escala. Para gozar da liberdade provisional, tivo que depositar nun xulgado especial 2.000.000 de pesetas de fianza e outros 14.000.000 de pesetas pola responsabilidade,[38][39] que evadiu por Suíza. Durante a etapa posterior, denominada coloquialmente como Bienio Negro, en 1934, foron amnistiadas sendo ministro de Xustiza Ramón Álvarez-Valdés, que fora un excompañeiro no consello de administración do Banco Hispano Americano. Precisamente durante o debate da lei de amnistía, promovido polos partidos de dereitas, o parlamentario socialista Indalecio Prieto formulou a cuestión de que con tal amnistía xeral favoreceríanse accións de todo tipo, como a evasión de José Lázaro[40]. Despois da morte da súa muller en outubro de 1932, José Lázaro quedou moi illado a nivel social, aínda que seguiu a coleccionar con obsesión compulsiva.
Lázaro e os Lucas
[editar | editar a fonte]Dende que Lázaro descubira, en 1905, a pintura de Eugenio Lucas, pai e fillo, intentara monopolizalos e situalos nos circuítos internacionalis da arte. Comprara e vendera obras de Eugenio Lucas Velázquez e Eugenio Lucas Villaamil, reunindo unha importante colección dos seus cadros. Esta colección foi mostrada ao público na Sala Iturrioz de Madrid en 1912 e, posteriormente, formaron parte dunha exposición realizada na Galería Heinemann de Múnic ese mesmo ano e, tamén, en Berlín onde vendera varias das obras.
Entre 1913 e 1928, Lázaro seguiu expoñendo e vendendo obras dos Lucas e adquirindo outras no mercado da arte, de tal xeito, que chegou a reunir un importante conxunto de cadros e debuxos que gardou ata a súa presentación en París, onde o sorprendeu o golpe de estado de xullo de 1936, onde tamén amosou os seus mellores libros na Exposición de la estética del libro español. A súa presenza nesta exposición probablemente foi o que lle salvou a vida. No que se refire á pintura contemporánea, sábese que comerciaba con coleccionistas na Arxentina aínda que non formaba parte da súa colección.[41]
Coa súa herdanza nun lugar seguro, pasou os anos da Guerra civil española resgardado no estranxeiro, primeiro en París e despois en Nova York, onde continuou procesando antigüidades nun mercado dislocado pola guerra,[42] insensible á arte contemporánea, exhibindo as súas mellores obras e impartindo conferencias de alto contido estético.[43] Despois do estalido da Guerra Civil, moitas residencias en Madrid, como palacios, mansións, casas rurais, leiras urbanas, etc., foron abandonadas polos seus propietarios, deixando atrás aqueles obxectos de arte e do patrimonio bibliográfico e documental que non puideron levar na fuxida. O goberno da República apoderouse do Palacio Florido,[44] como residencia de artistas xubilados. Foi confiscado pola Asociación Xeral de Actores de España da UGT, alentada por Josefina Díaz de Artigas. Porén, os seus tesouros non foron saqueados senón protexidos e trasladados a Valencia polo goberno republicano. O palacio non foi sometido a bombardeos por parte da aviación rebelde xa que os pilotos nacionais tiñan orde de non destruír o distrito de Salamanca. Regresou a Madrid despois da guerra e en boa sintonía co réxime franquista. Sábese que Lázaro Galdiano reclamou o seu patrimonio (Decreto do 22 de abril de 1938 e Orde do 13 de xaneiro de 1940), que lle foi devolto, agás unha parte da súa biblioteca -hoxe na Biblioteca Nacional- e un conxunto de documentos que permaneceron no Arquivo Histórico Nacional. A súa casa estaba tan ateigada de xente que viviu no hotel Ritz, morrendo en 1947 aos 85 anos cunha reputación de "ancián malhumorado, arbitrario e esquivo coa xente". O seu irmán Jesús vivía en Madrid e tiña trece sobriños, pero, temendo a dispersión das súas coleccións, José Lázaro Galdiano concertara unha importante acción filantrópica que perpetuaría a súa memoria e a da súa muller, como fixera anteriormente o marqués de Cerralbo. Legou a súa herdanza ao Estado español, a través dunha sólida Fundación que leva o seu nome.
Doulle a España algo moi meu que non compartín con ninguén: o meu sentimento estético, co que tremei emocionalmente tantas veces e que vale máis do que puiden reunir ... e este sentimento estético só persistirá se estas paredes continúan como agora están porque as ordenei e coidei con deleite [...] o meu espírito, aí queda.[45]
O 26 de decembro de 1947 apareceu no Boletín Oficial do Estado a aceptación da herdanza de José Lázaro e pouco despois, o 18 de xullo de 1948, a Fundación Lázaro Galdiano. Sempre discreto co tamaño do seu diñeiro, ao morrer sóubose que era a fortuna máis grande de España e unha das cinco máis grandes de Europa. Foi o maior accionista do Banco Hispano Americano, por encima de Basagoiti, que foi presidente e cofundador. Posuía accións en Nestlé, participacións en cines de París, cartos no Morgan Bank e en bancos suízos, ingleses e americanos. Curiosamente, a pesar da súa pegada navarra, non se sabía que tiña relacións coa igrexa católica española.
A finais da década de 1940, creouse a Comisión da Fundación para administrar e xestionar este volume de activos. Máis tarde instituíuse un Padroado para asumir as funcións de dirección deste órgano. Estivo composto polo xefe de Estado e varios ministros, xunto co director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, a Real Academia da Historia e o Consello Superior de Investigacións Científicas. En 1951, o Museo Lázaro Galdiano (na rúa Serrano 122, Madrid) foi inaugurado por Franco acompañado da súa muller,[46] notoria coleccionista de obxectos de arte, na súa mansión do Parque Florido, despois dunhas reformas dirixidas por Fernando Chueca Goitia para adaptalo á nova función. Na actualidade, a Xunta de Goberno está formada polo titular do Ministerio de Cultura, o subsecretario de cultura, a interventora xeral do Estado, os directores xerais de Patrimonio, Belas Artes e o fiscal xeral do Estado. O museo mantívose inalterado ata xaneiro de 2001, mes no que pechou as portas para acometer as importantes obras de rehabilitación arquitectónica e reorganización museolóxica e museográfica inauguradas o 13 de febreiro de 2004 e que se realizaron segundo os proxectos dos arquitectos Fernando Borrego e Jesús Moreno, respectivamente.
Coleccionista
[editar | editar a fonte]As coleccións que José Lázaro reuniu ao longo da súa vida inclúen unhas 12.600 pezas dos máis diversos xéneros artísticos, sempre dentro da arte clásica (Lázaro non recolleu arte da súa época) e moi centrada na arte española, por cuxo patrimonio loitou por manter en España, ante a importante presión dos coleccionistas e museos internacionais.[47] Neste papel como promotor da conservación da arte española mantén un interesante paralelismo co coleccionista norteamericano Archer Huntington, fundador da Hispanic Society de Nova York. Destaca a súa excelente galería de arte con máis de 750 cadros, na que destaca a representación da pintura española con autores que van desde o Renacemento ata o Romanticismo como: Sánchez Coello, El Greco, Zurbarán, Ribera, Murillo, Velázquez, Carreño de Miranda, Mateo Cerezo, Claudio Coello, Luis Paret, Goya (cuxa colección é unha referencia moi relevante) ou Leonardo Alenza ... e nos que a colección de paneis góticos e do primeiro renacemento español pode considerarse entre os mellores do mundo. A colección de pintura tamén inclúe unha interesante representación da escola inglesa: Peter Lely, Reynolds, Constable ou Romney así como dos primitivos flamengos e alemáns, con obras tan importantes como Meditacións de san Xoán Bautista do Bosco. Un dos cadros máis singulares da galería é o anónimo cadro renacentista O Salvador adolescente, que aínda que se atribúe actualmente a un dos seus discípulos, pasou durante moitos anos como o único cadro de Leonardo da Vinci en España.
A súa faceta de bibliófilo reflíctese en pezas notables da súa biblioteca, como o incunable L´Antiquité Judaique de Flavio Xosefo, datado entre 1460 e 1470, o Libro de horas de Gian Giacomo Trivulzio, unha obra milanesa de arredor de 1500 ou o Tratado de la Pintura Sabia de frei Juan Ricci, sen esquecer unha das xoias bibliográficas que reuniu: o Libro de descripción de verdaderos Retratos, de Ilustres y Memorables varones, manuscrito autógrafo de Francisco Pacheco, mestre e sogro de Velázquez e un dos grandes teóricos españois do século XVI. Cómpre salientar que á súa excelente biblioteca engadiu ao redor de mil libros do do seu gran amigo Antonio Cánovas del Castillo, que adquiriu despois do seu asasinato en 1897, así como o seu arquivo.[48]
Tamén son importantes as coleccións de esculturas e outras artes decorativas como esmaltes, marfís, ourives, bronces antigos e renacentistas, xoias, armaduras, mobles, cerámica e cristalería.
Obras
[editar | editar a fonte]- 1925, Los incunables bonaerenses. Madrid: Tipografía Blass
- 1925, El vandalismo en una catedral: la Seo de Urgell. Madrid: La España Moderna
- 1925, El robo de la Real Armería y las coronas de Guarrázar. Madrid: Tipografía Blass
- 1925, Un retrato de Gilbert Stuart en España. Madrid: Tipografía Blass
- 1926, La Colección Lázaro. Madrid: La España Moderna
- 1927, Un museo español en París. Madrid: Tipografía Blass
- 1928, Un supuesto breviario de Isabel la Católica (comunicación ao Congreso de Historia da Arte, celebrado en París en 1921, sobre o Manuscrito... do British Museum denominado "Isabella Book" ou "Breviario de Isabel a Católica". Madrid: Tipografía Blass
- 1928, La valorización de la peseta. Madrid: Tipografía Blass
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ As colaboracións do mozo Lázaro en La Vanguardia dirixíronse á nobreza e á burguesía femininas en forma de cartas confidenciais a unha imaxinaria condesa ou marquesa amiga. Describiu con precisión os detalles da casa e a vestimenta das azafatas e dos hóspedes que cría que impactarían nos seus lectores. As súas triviais críticas literarias trataron sobre autores pouco relevantes da época.
- ↑ Os opositores presentados para prove-la cátedra de Concepto é Historia del Arte, vacante na Escuela Central de Artes y Oficios, foron: Francisco Borras Soler, Juan Bosch y Tombas, Rafael Campillo y del Hoyo, Bernardino Martín Mínguez, Pedro Izquierdo y Corral, Joaquín Adsuar y Moreno, Vicente Lampórez y Romea, Manuel Rodríguez Codolá, José Almendros Campa, Arturo López Alonso, Marcos Jesús Bertrán, José Lázaro y Galdiano, Manuel Gómez Moreno y Martínez, José Ramón Mélida y Alinari y Rafael Balsa de la Vega y López. Gaceta de Instrucción Pública de 15/1/1897, páx. 721.
- ↑ ("O coleccionista tenta racionalizar o subxectivismo das súas preferencias coa obxectividade do seu valor de mercado. O concepto de mercado da arte inclúe: o creador de artistas, o coñecedor da información de mercado nas canles de distribución (concesionario) e o comprador ou coleccionista final. Pola súa banda, o coleccionista adquire o produto artístico por espírito de coleccionista ou con fins de prestixio, estética ou, de novo, especulativos. No comercio da arte, só as canles de distribución teñen boa información veraz sobre o que está a suceder no mercado; os artistas e coleccionistas teñen información imperfecta e defectuosa. Isto leva a unha especulación máis fría e provoca un xuízo deficiente por parte dos compradores e unha inestabilidade do mercado".) Peraza & Iturbe 1990, p. 17
- ↑ Nesta época, a pesar do volume das súas riquezas, a numerosa nobreza, radicada na súa maioría en Madrid, vivía á marxe do país, volta de costas ás letras, ao traballo, ao estudo, á política e á carreira das armas «ao movemento das ideas que axita e conmove ao mundo»; e pasaba a súa existencia cotiá «dividíndose, descansando, folgando e queixándose do que non ten remedio». Ver Fernández de Bethencourt, Francisco (1914). Las letras y los Grandes. Madrid: Librería Tormos (Oliva). páx. 45 e ss.
- Referencias
- ↑ La Dinastía de 17 de marzo de 1888.
- ↑ Versos de Lázaro tomados do seu comentario dunha festa ofrecida pola Sra. de Monteys e publicada en La Vanguardia do 12 de marzo de 1887
- ↑ Ver Pinillos Costa, I. op.cit.
- ↑ Comisións como as do Torneo a la moderna, Fuegos artificiales y Cabalgata animadora.
- ↑ Freire, Ana María: «Emilia Pardo Bazán: amores con Lázaro Galdiano: Insolación» .
- ↑ Thion Soriano-Mollá, Dolores: Pardo Bazán y Lázaro. Del lance de amor a la aventura cultural (1888-1919). Ed. Fundación Lázaro Galdiano / Ollero y Ramos. Madrid, 2003.
- ↑ Ronald Hilton, op.cit.
- ↑ O catalanista Narcís Oller afirma nas súas Memorias: «La España Moderna, empresa na cal, segundo din en Madrid, tiña por aqueles tempos moitas cartos colocados a ilustre galega». Ver Oller, Narcís (1962). Mèmories litèraries. Història dells meus llibres. Barcelona: Aedos. páx. 132.
- ↑ La Época (Madrid) de 16/1/1896, páx. 2.
- ↑ Véxase en "Don José Lázaro. Visto por Rubén Darío y Miguel Unamuno".
- ↑ Nas súas viaxes ao estranxeiro, Lázaro, mantiña a súa correspondencia en tarxetas postais publicitarias editadas polas súa empresas como a colección «Cien Obras Artísticas del Director de la España Moderna, Sr. Lázaro», das que ía ben provisto.Ver en cervantesvirtual.com
- ↑ Juan Francisco Ibarra: «Poetas americanos. Marché a estudiar». Revista Nueva España de 1/8/1902, páx. 77.
- ↑ Montero, Pepa (6 de agosto de 2012). "Paula Florido, la gran mujer detrás de Lázaro Galdiano". cumulosylimbos.blogspot.com (en castelán). Consultado o 3 de decembro de 2020.
- ↑ Peppino 2011, p. 16.
- ↑ Peppino 2011, p. 17.
- ↑ 1928, La valorización de la peseta. Madrid: Tipografía Blass
- ↑ ""CARAS Y CARETAS" EN EUROPA. El "Palacio de los Argentinos" en Madrid". hemerotecadigital.bne.es. Nos medios arxentinos, o Palacio Florido tamén era coñecido coma «El palacio de los Argentinos». 6 de xullo de 1907. p. 66. Consultado o 5 de decembro de 2020.
- ↑ Unamuno 1997, p. 167.
- ↑ Serrano 1969, p. 593.
- ↑ Davies 2002, p. 546.
- ↑ Recollido de Carta de Lázaro a Juan Cortina, 27/10/1890; citado por Maryse Villapadierna, op. cit., páx. 86.
- ↑ Urquízar Herrera 2007, p. 3-27.
- ↑ «Madrid artístico. Coleccionadores de antigüedades». La Ilustración Española y Americana, nº 19 ,de 22 de maio de 1904, páx. 303.
- ↑ En casa de los señores de Lázaro. ABC de 11 de maio de 1911, páx. 6.
- ↑ La Época (20 e 30 de maio de 1908)
- ↑ Unha descrición periodística do contido do palacio dos Lázaro. Ver: «La Correspondencia de España» de 29 de maio de 1909
- ↑ Un tópico non tratado polos historiadores é o da seguridade das mansións: o de evita-los roubos de tantos materiais valiosos expostos perante tanta xente.
- ↑ Arriba de 28 de xaneiro de 1951.
- ↑ Álvarez Lopera 1999.
- ↑ «Inauguración del Museo Lázaro Galdiano», Archivo Español de Arte, nº 93. páx. 90, 1951,
- ↑ "El Sr. D. José Lázaro y Galdiano". Chamberí (en castelán) (Madrid) II (8): 2. 28 de febreiro de 1914. ISSN 2171-3456.
- ↑ P., A. "Lázaro Galdiano, José". museodelprado.es (en castelán). Consultado o 8 de decembro de 2020.
- ↑ Redacción (28 de setembro de 1918). "Conferencia del señor Lázaro Galdiano". El Sol (en castelán) (Madrid) (300): 2. ISSN 2171-262X.
- ↑ Redacción (29 de setembro de 1918). "CONFERENCIA DEL SEÑOR LÁZARO GALDIANO. El Museo del Prado y el robo del Tesoro del Delfín". El Sol (en castelán) (Madrid) (301): 2. ISSN 2171-262X.
- ↑ Tomás López, Mariano: «José Lázaro y sus colecciones». Madrid. 1925
- ↑ Redacción (1e de agosto de 1920). "Doña Manuela Vázquez Barros y Florido de Albarrán". abc.es (en castelán). Consultado o 8 de decembro de 2020.
- ↑ Redacción (18 de outubro de 1932). "Evasión de capitales". El Heraldo de Madrid (en castelán) (14.576) (Madrid). p. 14. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ Redacción (27 novembro 1932). "La evasión de capitales. Varios procesamientos. Fianzas cuantiosas.". La Vanguardia (en castelán) (21.453) (Barcelona). pp. 6–7. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ Redacción (17 de decembro de 1932). "La evasión de capitales". La Vanguardia (en castelán) (21.470) (Barcelona). p. 22. Consultado o 9 de decembro de2020.
- ↑ Redacción (12 de abril de 1934). "La evasión de capitales y el ministro de Justicia". El Sol (en castelán) (5.198) (Madrid). p. 2. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ Junquera Mato 2003, p. 162.
- ↑ Nunha entrevista concedida un ano antes da súa morte, dixo: «Desde o goberno da URSS, en París, a través do Banco das Rexións do Norte, merquei pezas estupendas, vendidas moi caras, é certo, no Hermitage de San Petersburgo. Pero déronme a escoller entre o mellor do catálogo. Principalmente, querían desfacerse da arte relixiosa. Serrano, E.: «J. Lázaro Galdeano. Coleccionista y banqueiro », Fotos do 1 de xuño de 1946
- ↑ Conferencia en Nova York sobre a elegancia da raza española na orfebrería. La Vanguardia, 19 de maio de 1944, páx. 6
- ↑ A Mesa de Defensa do Tesouro Artístico Nacional (figura con nomes similares á Mesa de Defensa e Protección do Tesouro Artístico Nacional) foi un organismo creado durante a Segunda República Española que tiña como obxectivo protexer o patrimonio cultural español. Poucos días despois do comezo do concurso, o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes da República creou, mediante os Decretos do 23 de xullo e do 1 de agosto de 1936, a Mesa de aprehensión e protección do patrimonio artístico. No Decreto do 23 de xullo de 1936 constituíuse unha Xunta que, en virtude do seu artigo 2, «intervirá con amplos poderes todos os obxectos artísticos ou históricos e científicos atopados nos pazos ocupados, adoptando as medidas que considere necesarias para a súa mellor conservación e instalación e trasladalos provisionalmente, se así se estima, aos museos, arquivos ou bibliotecas do Estado ».
- ↑ Dr. Blanco Soler. Lázaro Galdiano. ABC de 6 de xaneiro de 1948, páx. 13
- ↑ ABC (Madrid) de 28 de xaneiro de 1951, pp. 15-16
- ↑ Ver descrición gráfica da mansión Lázaro en ABC do 15 de febreiro de 1923 (pp. 31-33) e do 13 de xaneiro de 1924 (pp. 32-35).
- ↑ Real Biblioteca, P. N. (1999). Cánovas y Lázaro: Dos bibliófilos de fin de siglo. AVISOS. Noticias De La Real Biblioteca, 5(16), 6-7
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Lázaro Galdiano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Lopera, José (Abril de 1999). "Promotores y mecenas: José Lázaro Galdiano". Descubrir el Arte (Arlanza editores) (2): 76–77. ISSN 1578-9047.
- Davies, Rhian (2002). Galdós y Lázaro (Una breve y fructífera colaboración, 1889-1891). Colección: Archivo epistolar de "La España moderna" nº 5 (en castelán). Madrid: Fundación Lázaro Galdiano / Ollero y Ramos. ISBN 8478951768. OCLC 51803688.
- Fernández de Bethencourt, Francisco (1914). Las letras y los Grandes (en castelán). Madrid: Librería Tormos (Oliva).
- Junquera Mato, J. J. (2003). "Parque Florido: una casa, unos muebles, unos dueños". Boletín del Museo e Instituto Camón Aznar (en castelán) (Zaragoza: Museo Camón Aznar) (92): 153–168. ISSN 0211-3171.
- Peppino Barale, Ana Mª (2011). "Paula Florido y Toledo. Identidad relegada". Fuentes Humanísticas (Azcapotzalco, México) 23 (42): 7–30. ISSN 0188-8900. Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2020. Consultado o 03 de decembro de 2020.
- Peraza, M.; Iturbe, J. (1990). El arte del mercado en arte (en castelán). México: Universidad Iberoamericana. ISBN 968-842-855-8.
- Pinillos Costa, Isabel (2007). "El coleccionista y su tesoro: la colección". Decisiones basadas en el conocimiento y en el papel social de la empresa. XX Congreso anual de AEDEM (en castelán). Vol I (Ponencias). Asociación Española de Dirección y Economía de la Empresa (AEDEM). pp. 809–822.
- Serrano, Carlos (1986). "Sobre Unamuno traductor". En Kossoff, A. David; Kossoff, Ruth H.; Ribbans, Geoffrey; Amor y Vázquez, José. Actas del VIII Congreso de la Asociación Internacional de Hispanistas (PDF) (en castelán). Madrid: Istmo. pp. 581–590. ISBN 84-7090-163-X.
- Unamuno, Miguel de (1997). "Un forjador de cultura". De patriotismo espiritual. Artículos en "La Nación" de Buenos Aires (1901-1914) (en castelán). Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 978-8474818802.
- Urquízar Herrera, Antonio (2007). Coleccionismo y nobleza (en castelán). Madrid: Marcial Pons. ISBN 978-84-96467-39-2.