Sos del Rey Católico (en aragonés:Sos d'o Rei Catolico) é un municipio español da comarca de Cinco Villas, ao noroeste da provincia de Zaragoza, comunidade autónoma de Aragón. O municipio está composto por cinco asentamentos de poboación: Sos del Rey Católico, Barués, Campo Real, Mamillas e Sofuentes.
A localización desta poboación nunha elevación do terreo rochosa converteuno durante moito tempo en praza forte. No século X foi reconquistada, e desde entón tivo grande importancia como cidade fronteiriza. En 1044 foi incorporada por Ramiro I ao Reino de Aragón.[1]
No ano 1452, en plena Guerra de Navarra, a raíña Xoana Enríquez desprazouse á vila, chamada por entón simplemente Sos. Alí deu a luz ao infante Fernando, que logo se convertería en Fernando o Católico. Ese nacemento engadiu o sobrenome del Rey Católico ao nome da poboación.[1] En 1711 foi nomeada Capital das Cinco Villas.[1]
Todo o seu centro histórico está moi ben conservado e a vila está declarada Conxunto Histórico Artístico e Ben de Interese Cultural desde o ano 1968. A excepcional conservación do seu centro urbano fai que un paseo por esta localidade se converta nunha viaxe ao pasado destacando as murallas, igrexas, a praza da vila e o Palacio de los Sada, onde naceu Fernando o Católico no ano 1452.
Xudaría de Sos del Rey Católico, adxacente ao Palacio de los Sada
En Sos del Rey Católico rodouse a película La vaquilla (1985) de Luis García Berlanga, na que actuaron como extras moitos dos veciños da localidade.[2]
Igrexa de San Esteban: A igrexa de San Esteban está situada xunto ao castelo. O conxunto está formado pola igrexa en si, destinada ao culto, a cripta e o claustro, que dá acceso desde a rúa que sobe da praza da vila, á portada principal da igrexa.
Cripta da Virxe do Perdón: s. XIV
Planta da cripta de Sta. Mª do Perdón. Marcas de cantaría.
Castelo: Como vila fronteiriza entre os veciños reinos de Navarra e Aragón, Sos contou co seu castelo fortificado para reforzar a liña defensiva.
Casa da vila: É un edificio, de estilo renacentista, que foi construído polo concello a finais do século XVI, reformado durante o século XIX, e restaurado para a adaptación á súa actual función como sede administrativa das dependencias municipais, nos anos oitenta.
Palacio dos Sada: Casa palacio, é un edifico de perpiaños, que data de finais do século XV. Foi a vivenda da familia nobiliaria dos Sada, e a casa onde foi acollida dona Xoana Enríquez, para dar a luz ao futuro monarca Fernando II de Aragón.
Portas da muralla: Consérvanse sete portais da muralla, que dan acceso ao recinto intramuros.
Santuario de Valentuñana: Construído polos Carmelitas Descalzos, a finais do século XVII, o Convento de Nosa Señora de Valentuñana.
A xudaría: Chamada hoxe en día "barrio alto". Estivo en orixe formada por unhas trinta casas ó redor dunha rúa principal desde a que se podía acceder ao centro da vila e desde a cal xorden diversos canellóns sen saída.