Gran Muralla Chinesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 40°20′37.079″N 116°00′5.8860″E / 40.34363306°N 116.001635000°E / 40.34363306; 116.001635000

Patrimonio da Humanidade - UNESCO
A Gran Muralla
GreatWall6.jpg
A Muralla da China
Flag of UNESCO.svg Información Flag of UNESCO.svg
Inscrición: 1987
País: China
Localización: 40°21'16"N

116°00'23"E

Rexión: Non dispoñible
Tipo: Non dispoñible
Criterios: C (i)(ii)(iii)(iv)(vi)
Descrición UNESCO: fr en
Lonxitude da Muralla Chinesa dende o espazo
Vista xeral da Gran Muralla no tramo de Badaling.

A Gran Muralla Chinesa (chinés tradicional: 長城, chinés simplificado: 长城, pinyin: Cháng Chéng, "Longa fortaleza") é unha antiga fortificación chinesa construída para protexer o imperio da China desde o século III adC dos ataques dos bárbaros de Mongolia e Manchuria. O principal propósito do muro non era impedir que fora atravesado, senon máis ben impedir que trouxeran cabalos con eles.

A muralla é extraordinariamente longa, con 6.400 km desde a fronteira con Corea ao lado do río Yalu (Yalu Jiang) até o deserto de Gobi abarcando sete provincias.

A Gran Muralla está formada por unha serie de murallas construídas e reconstruídas por diferentes dinastías durante máis de 1.000 anos.

Historia[editar | editar a fonte]

A muralla construíuse durante o reinado do Primeiro Emperador da dinastía Qin, de curta duración. Non se construíu toda dunha vez, senón que é a unión de varios muros construídos durante un período de aproximadamente mil anos. A súa forma actual acabouse durante a dinastía Ming.

Houbo catro grandes renovacións na súa construción:

  1. en -208 pola dinastía Qin
  2. durante o século I pola dinastía Han
  3. entre 1138 e 1198 no Período das cinco dinastías e os dez reinos
  4. en 1368 pola dinastía Ming

A gran muralla da dinastía Ming iníciase no extremo leste, no paso de Shanhai (山海关 shān hǎi guān), Qinhuangdao, en Hebei, provincia próxima ao golfo de Bohai. Atravesa nove provincias, 100 condados, para terminar no extremo oeste no paso de Jiayu (嘉峪关 jiā yù guān), na provincia Gansu, ao noroeste. O paso de Jiayu era a porta para a rota da seda. A pesar de que a muralla finaliza no paso Jiayu, a partir de alí seguen torres de vixilancia (烽火台 fēng huǒ tái) por toda a rota da seda. Estas torres comunicábanse entre elas con sinais de fume para informar de posíbeis invasións.

Unha vez, os manchús cruzaron a muralla convencendo o xeneral Wu Sangui para que lles deixase atravesar no paso Shahai. A lenda di que as tropas tardaron tres días en pasar. Unha vez conquistada China, a muralla deixou de ter utilidade estratéxica, dado que aqueles de quen se quería protexer a China eran agora os gobernantes, converténdose na Dinastía Qing.

Durante a súa construción os obreiros estaban a mercede de bandas de asaltantes e moitos morreron nesa construción, de maneira que a muralla é denominada ás veces como o cemiterio máis longo do mundo.

Principais portas[editar | editar a fonte]

«Primeira porta baixo o ceo», en reparación.

As portas máis importantes (關口 simplificado: 关口) incluen:

  • Paso Sha-nhai (山海關)
  • Paso Ju-yo-ng (居庸關)
  • Paso Niángzi (娘子關)

Estado[editar | editar a fonte]

As partes da muralla máis visitadas polos turistas mantivéronse en bo estado ou foron reparadas, mais en moitas partes a muralla foi descoidada, servindo como zona de xogo para os habitantes ou como fonte de pedras para a reconstrución de casas e rúas. Algunhas seccións da muralla tamén están cubertas de graffiti. Outras partes destruíronse voluntariamente para impedir o paso a novas vías de comunicación. A Asociación Gran Muralla Chinesa ten por obxectivo a preservación da muralla. Na actualidade, (xuño de 2003), o goberno Chinés non ditou leis de protección para preservar a muralla. Porén, en Pekín lexislouse a favor da muralla prohibindo a visita de partes de non preservadas da gran muralla ou partes non abertas ao público; e esta lei estase cumprindo desde agosto de 2003.

Torres de vixilancia e barracas[editar | editar a fonte]

Torre de vixilancia perto de Pekín

A muralla interrompese nalgúns puntos para dar lugar a puntos de defensa, aos cales os soldados podían retroceder de ser necesario. Cada torre ten escaleiras únicas e de acceso difícil co obxectivo de confundir o inimigo.

As barracas e os centros administrativos foron situados a maiores distancias.

Defensa da muralla[editar | editar a fonte]

Ademais das armas usuais da época, desenvolvéronse armas especializadas para a defensa da muralla, as cales foron reproducidas e aínda podemos ver na muralla.

Materiais[editar | editar a fonte]

Os materiais usados son aqueles disponíbeis nos arredores da construción. Cerca de Pekín utilizouse pedra calcaria. Noutros sitios utilizouse granito ou ladrillo cocido. Basicamente, era unha longa tapia de arxila e area, cuberta con varias paredes de ladrillo. Iso fíxoa moi resistente aos impactos de armas de asedio.

Recoñecemento (desde o espazo)[editar | editar a fonte]

A gran muralla en imaxe vía satélite

A muralla foi nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.

En 1938 Richard Halliburton, no seu Segundo libro de marabillas, predixo que a gran muralla sería a única obra dos seres humanos visíbel desde a Lúa. Esta afirmación persistiu como lenda urbana até a actualidade. Interpretada como a muralla percíbese desde a lúa sen necesidade de aparatos de visión, a afirmación é falsa, pois ao orbitar ao redor da terra, a unha milésima parte da distancia da lúa, pódese percibir a muralla se as condicións son favorábeis. Diferentes astronautas observaron máis ou menos ben a muralla; por exemplo, Gene Cernan afirmou:

En órbita ao redor da terra, a unha altura entre 160-320 km da superficie, a Gran Muralla percíbese directamente ao ollo humano.

En maio de 2004, a NASA anunciou que a fotografía da Muralla Chinesa desde o espazo non era en realidade a construción, senón un tramo dun río entre as montañas, e recoñeceu publicamente que a Gran Muralla Chinesa non é visíbel sen axuda desde o espazo.

En xeral, pódese afirmar que desde o espazo a Gran Muralla é menos visíbel que outras construcións feitas polo ser humano.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Grande Muralla Chinesa