Lenda urbana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lenda urbana é un termo cuñado nas décadas recentes e apropiado pola ciencia folclórica e a etnografía para designar narracións e contos populares propios das sociedades contemporáneas altamente urbanizadas, que reúnen características análogas ás dos relatos tradicionais, en canto o marabilloso e inefábel é parte importante de moitas destas historias recentes. Alternativamente emprégase o termo lenda contemporánea, que está avalado pola Sociedade Internacional para o Estudo da Lenda Contemporánea (ISCLR), institución creada en 1987, precisamente coa finalidade de analizar e describir a lenda urbana, termo este que ela mesma utiliza dado o seu enraizamento na bibliografía folklorista internacional.

O termo[editar | editar a fonte]

O vocábulo semella que apareceu primeiro nos Estados Unidos de América. En 1978 Alan Dundes e Carl R. Pagter utilizaron o termo “Urban Folklore”, e tres anos despois, en 1981, o estudoso Jan Harold Brunvand, profesor na Universidade de Utah, publicou o libro The Vanishing Hitchhiker: American Urban Legends and Their Meanings (A autoestopista esvaescente: lendas urbanas americanas e os seus significados), no que analizaba eses novos “folktales” e os poñía en relación con materiais tradicionais; esta obra popularizou o termo. Rapidamente o termo foi, máis que traducido, calcado a outros idiomas: lenda urbana en portugués, legende urbaine en francés, leggenda urbana ou mesmo leggenda metropolitana en italiano, leyenda urbana en español, Grosstadt Sage ou Städtische Sage en alemán, llegenda urbana en catalán, miejska legenda en polonés etc.

Caracteres[editar | editar a fonte]

As lendas urbanas son tales en virtude de que transmiten feitos fabulosos, pero como se fosen reais, como ocorre coa lenda tradicional. O seu carácter fabuloso, é dicir non verdadeiro ou irracional, só se evidencia para a persoa crítica ou para o analista que o investiga, porque para o seu transmisor popular é algo real ou, polo menos, verosímil ou ilusorio.

Analogamente, como nas lendas tradicionais, as urbanas posúen unha estrutura definida: protagonistas arquetípicos (un home, unha muller, un mozo, un matrimonio etc) que se moven polo xeral nun lugar concreto (unha estrada de Cantabria, a cidade de Madrid ou Nova York, o hospital dun determinado lugar etc) e nun tempo sempre pasado, pero que a diferenza das lendas tradicionais non é remoto, senón máis ou menos inmediato, o que resalta a súa contemporaneidade. Do mesmo xeito que nas lendas e contos tradicionais, o moderno recitador, que narra en terceira persoa, alude con frecuencia a fontes de información máis ou menos verificábeis, das que a máis utilizada acostuma ser a de “un amigo dun amigo”, o que a emparenta coas simples anécdotas e sucedidos vulgares. A pesar de toda esta estrutura narrativa, o ambiente espazo-temporal resulta impreciso, dunha vaguidade que novamente entronca a lenda urbana co conto folclórico tradicional.

Motivos[editar | editar a fonte]

A lenda urbana ten xerado motivos ou argumentos básicos tan tipificábeis como os motivos dos contos e lendas tradicionais. Estes motivos, con diversas variantes, alcanzaron, en varios casos, difusión internacional, ben por vías de transmisión oral, ben por medio dos modernos medios de comunicación de masas. Algúns destes motivos mesmo foron xa obxecto de estudo á parte e publicación por parte de especialistas.

Velaí algún deles:

  • A rapaza autoestopista que aparece nun curva dunha estrada onde ela mesma perdeu a súa vida.
  • O mozo raptado para lle roubar un ril que será usado para transplantes.
  • A cunca de váter que explota, queimando ao seu usuario, un fumador.
  • Os grandes saurios ou réptiles que viven nas cloacas das grandes cidades.
  • As mulleres secuestradas nos probadores das tendas de roupa.
  • Calcomanías impregnadas de droga para conseguir novos adeptos á mesma.
  • Audición de mensaxes satánicas nos discos dos grupos de música rock se son escoitados facendo xirar o tocadiscos ao revés.
  • A persoa “cocida” ou esterilizada por exposición aos raios UVA.
  • O can traído dunha viaxe ao estranxeiro e que resulta ser unha variante de rata xigante que ataca os animais domésticos autóctonos e, incluso, os nenos.
  • A Gran Muralla Chinesa é a única construción humana visíbel desde a Lúa.
  • As Asociacións ecoloxistas soltan lobos no campo. Ou cobras, ou esquíos, ou ratos.
  • O leite en cartón pode ser recollido polas fábricas e pasteurizado de novo ata cinco veces, tal como indica un código do 1 ó 5 impreso no propio envase [1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brunvand, Jan Harold, The Vanishing Hitchhiker: American Urban Legends and Their Meanings. Nova York / Londres. Norton. 1981.
  • Brunvand, Jan Harold, Encyclopedia of Urban Legends. Nova York / Londres. 2002.
  • Campion-Vincent, Véronique; Renard, Jean Bruno, Légendes urbaines: Rumeurs d’aujourd’hui. París. Payot. 1992.
  • Halperín, Jorge, Mentiras verdaderas. Buenos Aires. Atlántida. 2000.
  • Pedrosa, José Manuel, La autoestopista fantasma y otras leyendas urbanas españolas. Madrid. Páginas de Espuma. 2004.
  • Ortí, Antonio; Sempere, Josep, Leyendas urbanas. Madrid. Edic. Martínez Roca. 2007