Felice Romani

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Felice Romani
Felice Romani.jpg
Nacemento31 de xaneiro de 1788
 Xénova
Falecemento28 de xaneiro de 1865
 Moneglia
SoterradoBoschetto Irregolare
NacionalidadeReino de Italia
EtniaPobo italiano
Alma máterUniversidade de Gênova
Ocupaciónlibretista, poeta, escritor e tradutor
editar datos en Wikidata ]

Felice Romani, nado en Xénova o 31 de xaneiro de 1788 e finado en Moneglia o 28 de xaneiro de 1865, foi un poeta, libretista e profesor de literatura e mitoloxía italiano. Escribiu numerosos libretos para óperas de compositores como Donizetti e Bellini. Romani é considerado como un dos mellores libretistas xunto a Metastasio e Boito.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado como Giuseppe Felice Romani no seo dunha familia burguesa de Xénova, estudou leis e literatura en Pisa e Xénova.[3] Na Università degli Studi di Genova traduciu literatura francesa e, cun compañeiro, elaborou un dicionario de seis volumes de mitoloxía e antigüidades, incluíndo a historia dos celtas en Italia. A experiencia de Romani na literatura e a antigüidade francesa refléxase nos libretos que escribiu; a meirande parte deles estaban baseados en literatura francesa e moitos, como Norma, empregan fontes mitolóxicas.

Tras non poder obter un posto na Universidade de Xénova, parete que viaxou por Francia, España, Grecia e Alemaña antes de regresar a Milán contra 1812 ou 1813.[3] Aló entablou amizade con importantes figuras do mundo da música e a literatura. Rexeitou un posto como peta na corte de Viena, e no seu lugar comezou unha carreira como libretista de ópera. Escribiu dous libretos para o compositor Simon Mayr, que lle fixeron ser nomeado libretista do Teatro alla Scala. Romani converteuse no máis apreciado dos libretistas italianos do seu tempo, realizando cerca dun centenar. A pesar do seu interese na literatura francesa, rexeitou traballar en París.

Por norma xeral, Romani non creou a súas propias historias; continuando co que se estaba a facer no teatro de París e adaptou as obras de teatro que eran populares na capital francesa, mais esta non foi sempre unha estratexia segura, dada a vaga lexislación sobre propiedade intelectual da época. Nun caso, Romani realizou un libreto baseado na obra Lucrezia Borgia de Victor Hugo para a ópera Lucrezia Borgia de Gaetano Donizett, mais cando por representada en París en 1840, Hugo obtivo unha medida cautelar contra futuras producións. O libreto foi reescrito e retitulado como La Rinegata, cos personaxes italianos cambiados por turcos.

Romani escribiu os libretos das óperas de Vincenzo Bellini Il pirata, La straniera, Zaira, I Capuleti e i Montecchi, La sonnambula, Norma e Beatrice di Tenda, para as de Rossini Il turco in Italia e Bianca e Falliero, e as de Donizetti Anna Bolena e L'elisir d'amore (que adaptou de Le philtre de Eugène Scribe). Tamén escribiu un libreto (orixinalmente para o compositor Adalbert Gyrowetz) que Verdi usou para a súa ópera temperá Un giorno di regno.

Romani foi considerado un complemento ideal para Bellini, a quen se atribúen as palabras: "Dádeme bos versos e eu vos darei boa música". Bellini buscaba nos libretos situacións dramáticas e mesmo extravagantes, "deseñadas para retratar as paixóns do xeito máis vívido", segundo unha carta a Francesco Florimo do 4 de agosto de 1834, e as atopou en Romani.

Os dous, porén, tiveron unha disputa sobre o incumplimento dos prazos de Beatrice di Tenda. Despois de compoñer I puritani sobre un libreto de Carlo Pepoli, Bellini propúxose non compoñer outra ópera italiana sobre un libreto que non fora de Romani. I puritani foi a súa derradeira ópera, xa que o compositor morrería poucos meses despois da estrea. Romani chorou sentídamente e escribiu un obituario no que expresaba o seu profundo arrepentimento polos desacordos que tiveran.

En 1834 Romani converteuse en editor da Gazzetta Ufficiale Piemontese para a cal escribía críticas literarias. Mantivo este cargo ata a súa morte, agás o período 1849-1854. Un volume dos seus poemas foi publicado en 1841.

Libretos[editar | editar a fonte]

Por cada libreto se indican os compositores que o musicalizaron, a data de composición e o novo título se o hai.

Ás veces as modificacións do libreto comportaban reedicións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Branca, Emilia (1882). Felice Romani ed i più riputati maestri di musica del suo tempo
  2. Roccatagliati, Alessandro (1996). Felice Romani librettista, Quaderni di Musica, Lucca, Italy - ISBN 88-7096-157-5
  3. 3,0 3,1 Roccatagliati, Allesandro (2001). "Romani, (Giuseppe) Felice" in The New Grove Dictionary of Music and Musicians, 2nd edition. London: Macmillan. ISBN 978-1-56159-239-5 (hardcover). OCLC 419285866 (eBook).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ashbrook, William. Donizetti and His Operas. Cambridge University Press (1982). ISBN 0-521-27663-2
  • Branca, Emilia. Felice Romani ed i più riputati maestri di musica del suo tempo, 1882
  • Roccatagliati, Alessandro. Felice Romani librettista, Quaderni di Musica/Realtà 37, LIM, Lucca 1996. - ISBN 88-7096-157-5