Saltar ao contido

Generalitat de Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Generalitat de Cataluña
Logo
Tipoinstitución, goberno autonómico, información e axencia gobernamental
Campo de traballogoberno
Data de fundación19 de decembro de 1359
Presidente/aSalvador Illa (-) Editar o valor en Wikidata
SedePalau de la Generalitat de Catalunya
PaísEspaña
Na rede
https://web.gencat.cat/
Facebook: gencat Twitter: gencat Instagram: gencat Telegram: gencat Youtube: UCjBrRaezbkH0DDvenIJDVFw Flickr: 37074368@N06 BNE: XX84758 Dialnet: 3703485 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Emblema da Generalitat de Cataluña.

A Generalitat de Cataluña[1], nalgúns casos indicado como Xeneralidade de Cataluña[2][3] (en catalán: Generalitat de Catalunya), é o órgano que exerce o poder executivo autonómico en Cataluña. Está composta polo Parlamento, o Presidente e o Goberno.

A Deputación do Xeneral

[editar | editar a fonte]
Selo da Deputación do Xeneral do Principado de Cataluña de finais do século XV que representa ao seu patrón portando un escudo coa Cruz de San Xurxo que eran as armas da Generalitat de Cataluña. En torno a lenda: S(igillum) : CORTIUM : ET : PARLAMENTORUM : GENERALIUM : PRINCIPATUS : CATHALONIE ('Selo das Cortes e o Parlamento do Xeneral do Principado de Cataluña').[4]

A Generalitat de Cataluña debe a súa orixe ás Cortes Catalás, que, durante o reinado de Xaime I o Conquistador, reuníanse convocadas polo rei de Aragón como representantes dos estamentos sociais da época: eclesiásticos, nobreza militar e o real ou "de vilas".

Baixo o reinado de Pedro o Grande, as Cortes Catalás tomaron forma institucional. O rei obrigábase a celebrar Corte Xeral anualmente. As Cortes exercían funcións de consello e tamén lexislativas por medio dos denominados "tres brazos": o eclesiástico, o militar e o popular ou cámara real.

O primeiro paso cara á institución da Generalitat produciuse nas Cortes celebradas en 1289 en Monzón (Huesca), ao designarse unha Deputación do Xeneral, comisión temporal para recadar o "servizo" ou tributo que se concedía ao rei. Este imposto era coñecido popularmente como xeneralidade, nome que se exportou a Francia onde se crearon as generalités ou distritos fiscais. Co paso do tempo, o nome oficioso de Generalitat terminou suplantando o nome oficial de Deputación do Xeneral.

Nas Cortes de 1358-1359 celebradas en Barcelona, Vilafranca del Penedès e Cervera, as Cortes designaron doce deputados con atribucións executivas en materia fiscal, así como uns "oíntes de contas" que controlaban a administración baixo a autoridade do que está considerado como primeiro presidente da Generalitat, Berenguer de Cruïlles.

No interregno producido pola morte de Martiño o Humano, a Generalitat asumiu responsabilidades políticas. O sistema de elección dos deputados foi obxecto de constante discusión. Nas Cortes do 1455, e para evitar o nepotismo oligárquico, introduciuse o sistema de insaculación: os deputados saíntes elixían doce candidatos entre os que se elixía un ao chou.

Aínda que na Guerra de Sucesión a Generalitat ocupou un lugar secundario, foi liquidada mediante o Decreto de Nova Planta de 1716.

Período republicano

[editar | editar a fonte]

O 2 de agosto de 1931 restáurase a Generalitat de Cataluña. Tras a malograda proclamación do Estado Catalán en outubro de 1934, a Xeneralidade é suspendida, non sendo restaurada ata o triunfo do Fronte Popular, en febreiro de 1936. En 1939 co triunfo do xeneral Franco, é disolta. Aínda que se reconstitúe no exilio (1940-1977). Coa volta á democracia é restaurada o 29 de setembro de 1977.

Período democrático

[editar | editar a fonte]

Coa morte de Franco, e a chegada da democracia a España, devolveuse o autogoberno a Cataluña, restablecéndose a Xeneralidade de Cataluña como poder executivo da nova Comunidade Autónoma de Cataluña. O primeiro presidente da Generalitat, tras a ditadura, foi Josep Tarradellas, a quen lle seguiron Jordi Pujol, Pasqual Maragall, José Montilla, Artur Mas, Carles Puigdemont, Quim Torra e o actual presidente, Pere Aragonès.

Institucións

[editar | editar a fonte]

Parlamento

[editar | editar a fonte]
Palau de la Generalitat.

O Parlamento de Cataluña (Parlament) representa o pobo de Cataluña. Exerce a potestade lexislativa, aproba os orzamentos da Generalitat e controla e impulsa a acción política e de Goberno. Exerce así mesmo as outras competencias que lle son atribuídas polo ordenamento xurídico e en especial polo Estatuto de Autonomía de Cataluña.

Presidente da Generalitat

[editar | editar a fonte]

O Presidente da Generalitat de Cataluña (President) ostenta a máis alta representación da Generalitat e a ordinaria do Estado en Cataluña. Dirixe e coordina a acción do Consello Executivo ou Goberno. Ten sede no Palau de la Generalitat, na cidade de Barcelona.

O Consello Executivo (Consell Executiu) ou Goberno de Cataluña (Govern) é o órgano superior colexiado que dirixe a política e a Administración da Generalitat de Cataluña. É así mesmo o titular da función executiva e da potestade regulamentaria.

Consello Consultivo

[editar | editar a fonte]

O Consello Consultivo da Generalitat de Cataluña (Consell Consultiu) é un organismo de carácter consultivo que ditamina, nos casos que a lei establece, sobre a adecuación ao Estatuto de autonomía dos proxectos ou proposicións de lei sometidos a debate e aprobación do Parlamento de Cataluña. Vela ademais, na súa actuación, pola observación e o cumprimento da Constitución e do Estatuto de Cataluña.

O Síndic de Greuges

[editar | editar a fonte]

O Síndic de Greuges ten a función de protexer e defender os dereitos e as liberdades recoñecidas pola Constitución e o Estatuto. A tal fin supervisa a actividade da Administración da Generalitat, a dos organismos públicos ou privados vinculados que dependen dela, a das empresas privadas que xestionan servizos públicos ou realizan actividades de interese xeral ou universal ou actividades equivalentes de forma concertada ou indirecta e a das persoas cun vínculo contractual coas administracións públicas. Así mesmo, supervisa a actividade da Administración local de Cataluña e a dos organismos públicos ou privados vinculados que dependen dela. Tamén pode estender o seu control á Administración do Estado en Cataluña, nos termos que establezan os acordos de cooperación co Defensor do Pobo.

A Sindicatura de Contas

[editar | editar a fonte]

A Sindicatura de Contas é o órgano fiscalizador externo das contas, da xestión económica e do control de eficiencia da Generalitat, dos entes locais e do resto do sector público de Cataluña. Depende organicamente do Parlamento, exerce as súas funcións por delegación deste e con plena autonomía organizativa, funcional e orzamentaria, de acordo coas leis.

O Consello Audiovisual de Cataluña

[editar | editar a fonte]

O Consello Audiovisual de Cataluña é a autoridade reguladora independente no ámbito da comunicación audiovisual pública e privada. O Consello actúa con independencia do Goberno no exercicio das súas funcións. Os criterios de elección dos seus membros e os seus ámbitos específicos de actuación son delimitados por unha lei do Parlamento.

A Comisión Xurídica Asesora

[editar | editar a fonte]

A Comisión Xurídica Asesora de Cataluña é o alto órgano consultivo do Goberno da Generalitat de Cataluña. Exerce as súas funcións con autonomía orgánica e funcional, para garantir a súa obxectividade e a independencia, de acordo co Estatuto de Autonomía e a Constitución.

Delegacións no exterior

[editar | editar a fonte]

A Generalitat ademais de contar cunha representación en Madrid e Bruxelas dispón ao amparo dos artigos 193 e 194 do Estatuto de Autonomía de diversas delegacións no estranxeiro co fin de promover os intereses propios de Cataluña:[Cómpre referencia]

Están pendentes de apertura as seguintes delegacións:[Cómpre referencia]

Pecharon ou non prosperaron as seguintes delegacións:[Cómpre referencia]

  1. Segundo a RAG:A recomendación que figura no Manual de estilo do DOG parece adecuada, de tal xeito que o mellor pode que sexa manter a institución sen traducir (Generalitat). Con todo, se se prefire trasladar ao galego o termo, non se considera incorrecta a opción de substituílo polo equivalente en galego.
  2. DOG
  3. Monteagudo Romero, Henrique (1988). Diccionario normativo galego-castelán. Editorial Galaxia. p. 986. ISBN 9788471546418. 
  4. Alberto Montaner Frutos, El señal del rey de Aragón: Historia y significado, Zaragoza, Institución «Fernando el Católico», 1995, p. 156, fig. 68. ISBN 84-7820-283-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]