Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Estatuto de Autonomía de Cataluña (en catalán: Estatut d'Autonomia de Catalunya) é a norma institucional básica de Cataluña de acordo co establecido ao título oitavo da Constitución española de 1978. Denomínase tamén Estatuto de Miravet porque foi en Miravet onde se reuniron parlamentarios cataláns de todos os partidos por ver de botalo adiante.

O Parlamento de Cataluña aprobou o 30 de setembro de 2005 a Proposta de Novo Estatuto de Autonomía de Cataluña que foi aceptada a trámite polo Congreso dos Deputados o 2 de novembro de 2005. Foi aprobado polo Congreso dos Deputados o 30 de marzo de 2006 e polo Senado de España o 10 de maio de 2006 despois dunha substancial modificación. Foi aprobado tamén en referendo polo pobo de Cataluña o 18 de xuño de 2006. Está vixente dende o 9 de agosto de 2006 aínda que foi modificado por unha sentenza do Tribunal Constitucional do 28 de xuño de 2010.

Estrutura[editar | editar a fonte]

  • Preámbulo
  • Título preliminar (art. 1 - 14)
  • Título I: Dereitos, deberes e principios reitores (5 capítulos / art. 15 - 54)
  • Título II: Das Institucións (7 capítulos / art. 55 - 94)
  • Título III: Do poder xudicial en Cataluña (3 capítulos / art. 95 - 109)
  • Título IV: Das competencias (2 capítulos / art. 110 - 173)
  • Título V: Das relacións institucionais da Generalitat (3 capítulos / art. 174 - 200)
  • Título VI: Do financiamento da Generalitat (3 capítulos / art. 201 - 221)
  • Título VII: Da reforma do Estatut (art. 222 - 223)
  • Disposicións adicionais (15 preceptos)
  • Disposicións transitorias (2 preceptos)
  • Disposición derogatoria (1 precepto)
  • Disposicións finais (4 preceptos)

Un estatuto polémico[editar | editar a fonte]

O Estatuto de Miravet, foi presentado ao Congreso dos Deputados o 2 de novembro de 2005, por tres relatores do Parlamento de Cataluña. Os relatores, Artur Mas (CIU), Manuela de Madre (PSC) e Josep-Lluís Carod-Rovira (ERC), que explicaron por que era necesaria a Reforma do actual Estatuto de Autonomía de Cataluña que foi redactado a Sau e aprobado o ano 1979, fundamentando que Cataluña é unha nación, e relatando os cambios que sufriu a sociedade nos últimos 26 anos, desde a entrada de España na Comunidade Europea.

O mesmo día da súa aceptación a trámite, o 2 de novembro de 2005, o Partido Popular, presentou un Recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional. Máis tarde rexeitouse, posto que o tribunal considerou que non se pode presentar un recurso de inconstitucionalidade por unha lei non aprobada.

Logo dunha longa e crispada negociación de emendas entre os partidos con representación no Congreso dos Deputados, fixéronse variacións en numerosos artigos. En maio de 2006, a proposta de Estatuto foi aprobada no Senado, co voto favorable do PSOE, CIU e IU, a abstención de ERC, EA e o PAR, e o voto contrario do PP.

O estatuto aprobarase en referendo popular o 18 de xuño, con 73,9% dos votos a favor, un 20,76% en contra e un 5,34% de votos en branco. Os votos nulos non chegaron ao 1%. A xornada estivo claramente marcada pola baixa participación, pouco máis do 49% do censo electoral.

Tras ser aprobado en referendo, e logo de que o rei dese o seu visto e prace, o estatuto foi publicado no BOE e entrou en vigor o 9 de agosto de 2006.

A sentenza do Tribunal Constitucional do 28 de xuño de 2010 recortou o Estatut, declarando 14 artigos inconstitucionais (1 totalmente e 13 parcialmente), e reinterpretando 27 máis. En contra desta resolución celebrouse o 10 de xullo de 2010 a manifestación "Som una nació, nosaltres decidim" (Somos unha nación, nós decidimos), cunha asistencia de máis dun millón de persoas.

Recursos ao Tribunal Constitucional[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Despois da súa entrada en vigor o 9 de agosto de 2006, o Estatut recibiu sete recursos de inconstitucionalidade[1] :

O bloqueo da renovación do Tribunal Constitucional por parte do PSOE, que rexeitaba os candidatos propostos polo PP, impediu a renovación de catro maxistrados, incluída a presidenta María Emilia Casas, que foran elixidos en 1998 por un mandato de nove anos e que levaban tres anos máis no cargo.

Durante a espera pola sentenza e as predicións claras que sería negativa, unha docena de xornais cataláns publicaron o 26 de novembro de 2009 un editorial conxunto titulado La dignitat de Catalunya ("A dignidade de Cataluña") para denunciar que un tribunal con varios membros mortos o co mandato acabado non debería ditar sentenza sobre unha lei referendada polo pobo de Cataluña, ademais de denunciar que levaban tres anos sen ditar resolución algunha.

Ante o recurso do PP, o Tribunal Constitucional ditou sentenza o 28 de xuño de 2010, despois de tres anos de deliberacións e, sobre todo, pola parálise na que se atopaba o tribunal, e despois de catro anos de vixencia e de desenvolvemento lexislativo do Estatut.

O 9 de setembro de 2010, o tribunal rexeitou os recursos presentados polos gobernos aragonés, balear e valenciano.[3] No caso de Aragón e Baleares, a decisión adoptouse co voto particular do maxistrado Jorge Rodríguez-Zapata, mentres que no da Comunidade Valenciana manifestaron a súa discrepancia Vicente Conde, Javier Delgado, Jorge Rodríguez-Zapata e Ramón Rodríguez Arribas. Os recursos de Aragón e Baleares rexeitaban que os fondos cataláns do Arquivo da Coroa de Aragón se integraran no sistema de arquivos de Cataluña, mentres que o da Comunidade Valenciana centrábase no financiamento e na transferencia das augas do río Ebro.[4]

Quedan pendentes de resolución os recursos presentados polos gobernos de Murcia, A Rioxa e do Defensor do Pobo, que denunciou aspectos fundamentais do estatuto para impugnar.[3]

Resolución do recurso do PP[editar | editar a fonte]

O 28 de xuño de 2010, o Tribunal Constitucional, ante o recurso presentado polos deputados e senadores do Partido Popular, ditou sentenza por maiorías variables. Publicou o veredicto no mesmo día e a sentenza completa o 9 de xullo. Deixou clara a "ineficacia xurídica" do Preámbulo (en referencia ao termo "nación" para referirse a Cataluña) aínda que mantivo a definición de Cataluña como nación. Declarou 14 artigos inconstitucionais (1 totalmente e 13 parcialmente) e reinterpretou outros 27.

A sentenza foi redactada finalmente pola presidenta do tribunal, María Emilia Casas, e a votación tivo lugar por bloques:

  • O primeiro, respecto ao Preámbulo, resolveuse por 6 votos a favor e 4 en contra, resultando no mantemento do termo nación pero advertindo da falta de eficacia xurídica interpretativa, xa que non forma parte do texto normativo.
  • O segundo, que facía referencia aos 14 artigos declarados inconstitucionais, resolveuse por unha maioría de 8 a 2.
  • O terceiro, que establecía os preceptos estatutarios declarados constitucionais sempre que se interpretaran de acordo cos fundamentos xurídicos establecidos na sentenza, foi avalado por 6 votos a 4.
  • O cuarto, que declaraba a plena constitucionalidade do resto de preceptos impugnados por este recurso, tamén obtivo unha maioría de 6 a 4.

Catro maxistrados, pertencentes ao denominado "sector conservador", presentaron un voto particular en contra da sentenza, e o único maxistrado catalán, Eugeni Gay Montalbo, tamén presentou un voto particular onde, malia declararse favorable á sentenza, criticaba por innecesaria toda a parte referente ao préambulo, xa que os preámbulos da leis non tiveron nunca "eficacia xurídica". Este maxistrado tamén señalaba a incongruencia de declarar inconstitucionais varios artigos do Estatut que se atopan cunha redacción idéntica noutros estatutos de autonomía aprobados durante a VIII Lexislatura española (2004-2008), especialmente no de Andalucía, e que foron votados a favor polos mesmos deputados do PP que presentaron o recurso.

Reaccións[editar | editar a fonte]

Manifestación do 10-X[editar | editar a fonte]

Cabeceira da manifestación na confluencia do Passeig de Gràcia e o carrer d'Aragó.

O 10 de xullo de 2010 celebrouse unha manifestación en Barcelona, baixo o lema Som una nació, nosaltres decidim (Somos unha nación, nós decidimos)[5], en contra da resolución do Tribunal Constitucional, co apoio de todos os partidos políticos do Parlamento de Cataluña agás o PPC e Ciutadans. A asistencia foi de 1.500.000 persoas segundo os organizadores e de 1.100.000 segundo a Guàrdia Urbana.[6]

Na cabeceira foron os seis presidentes e expresidentes da Generalitat e do Parlament: José Montilla, Ernest Benach, Pasqual Maragall, Jordi Pujol, Joan Rigol i Heribert Barrera.[6]

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

  • 9 de febreiro de 2004: constitución do relatorio parlamentario de redacción do Estatuto.
  • 30 de setembro de 2005: aprobación no Parlamento de Cataluña.
  • 2 de novembro de 2005: aceptación a trámite nas Cortes Xerais españolas.
  • 2 de novembro de 2005: presentación do PP dun recurso de inconstitucionalidade, posteriormente rexéitase.
  • 2 de novembro de 2005: presentación no Congreso dos Deputados por parte de tres parlamentarios cataláns.
  • 10 de maio de 2006: aprobación nas Cortes Xerais españolas.
  • 1 de xuño de 2006: inicio de campaña de ratificación en referendo.
  • 18 de xuño de 2006: aprobación do texto en referendo popular.
  • 19 de xullo de 2006: sanción e promulgación do Estatut por parte do rei.
  • 20 de xullo de 2006: publicación do texto estatutario no BOE e no DOGC.
  • 9 de agosto de 2006: Entrada en vigor do Estatut.
  • 28 de xuño de 2010: Sentenza do Tribunal Constitucional que recorta o Estatut.
  • 10 de xullo de 2010: Manifestación "Som una nació. Nosaltres decidim" en Barcelona pola sentenza do TC.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]