Saltar ao contido

Billetes da Generalitat de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Billetes da
Generalitat de Cataluña

Os billetes da Generalitat de Catalunya conforman unha emisión de papel moeda levada a cabo por ese organismo catalán en 1936, por mor das circunstancias especiais da guerra civil española naquel territorio.

Historia[editar | editar a fonte]

A grande escaseza de moeda fraccionaria motivada polo atesouramento das moedas de prata por parte da poboación, a modo de moeda refuxio, agravada polo feito de que a propia Generalitat retiraba tamén da circulación as moedas de prata, para o pagamento das súas compras no estranxeiro, afectou notablemente a actividade económica e financeira de Cataluña na época da guerra civil.[1]

Neste contexto, consonte un Decreto do 21 setembro de 1936, a Consellería de Economía da Generalitat de Catalunya, dirixida naqueles meses por Josep Tarradellas i Joan, creou o denominado "papel moeda nacional catalán" (paper moneda nacional català), dotado de curso legal en todo o territorio catalán, coa mesma consideración oficial e poder liberatorio que os billetes emitidos polo Banco de España.[2][3]

O decreto proxectaba que se fixesen probas de cor e de deseño para unha serie completa de billetes, con valores faciais desde as 1.000 pesetas ata unha peseta,[4] aínda que os únicos valores emitidos finalmente foron os de 10, 5 e 2,5 pesetas, que non chegaron a solucionar o problema da carencia de efectivo fraccionario. Cómpre ter en conta que en 1936 o soldo medio dun traballador era de entre 8 e 12 pesetas ao día, polo que os céntimos se utilizaban moito. Por este motivo, á parte do papel moeda oficial da Generalitat, os comercios e outras institucións emitiron os seus propios vales e bonos para facilitar os cambios, e finalmente tamén os propios municipios foron tamén autorizados para a emisión de moeda miúda circulante nos seus territorios.[1][2]

En 1938, o Goberno da República Española prohibiu a emisión deste tipo de moeda, ao non contar co beneplácito do Banco de España, e durante ese mesmo ano os billetes foron retirados da circulación.[5]

Algunhas das entidades que hoxe conservan exemplares deste papel moeda son o Museo de Historia de Cataluña,[2] o Museo Nacional de Arte de Cataluña,[4][6][7] e a Universidade de Barcelona.[3]

Deseño e produción[editar | editar a fonte]

O deseño dos billetes encomendóuselle ao artista novecentista Josep Obiols i Palau, que xa aceptara con anterioridade outras encargas de diversas entidades civís e políticas catalás, e que deseñou tamén os billetes municipais de Viladrau. A impresión dos billetes da Generalitat encargóuselle ao Institut Gràfic Oliva, de Vilanova i la Geltrú, que utilizou para iso un papel de seguridade especial dotado de marcas de auga.[5]

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso dos billetes presenta un deseño común aos tres billetes, que reproduce na parte central o escudo de Cataluña xunto cunha espiga de trigo e un martelo, como elementos alegóricos da agricultura e da industria, respectivamente. Na parte esquerda presentan unha coroa de pólas de loureiro —que se reproduce simetricamente no reverso—, en cuxo interior se ve unha marca de auga consistente nunha cabeza masculina de estilo clásico.[8][9]

No pé do anverso aparece a inscrición BITLLET DE CURS OBLIGATORI A CATLUNYA ("Billete de curso obrigatorio en Cataluña), xunto con outras alusivas á institución emisora, o valor facial, a referencia lexislativa da súa aprobación e a data de emisión: 25 de setembro de 1936.[8][9]

Reverso[editar | editar a fonte]

Pola contra, os deseños do reverso son particulares para cada un dos tres billetes. O de 10 pesetas (75 x 168 mm), impreso en dous tons de verde, presenta barcas de pesca, en alusión á tradición mariñeira de Cataluña;[5][8][10] o de 5 pesetas (70 x 168 mm), en dous tons de marrón, amosa un feixe de fusís e unha fita de metralladora, símbolos da guerra, xunto cun obreiro cunha chave fixa sobre un fondo fabril e un labrego cun monllo de trigo baixo o brazo sobre un fondo de espigas;[11][12] e o de 2,50 pesetas (68 x 163 mm), en dous tons de gris, reproduce a escultura El forjador (1914), de Josep Llimona, xunto cunhas fábricas con chemineas fumegantes ao fondo,[13] como símbolo da industria e do progreso.[7][14][15]

No pé do reverso, todos os billetes locen unha cartela coa seguinte inscrición:[9]

Qualsevol intent de resistència o falsificació per tal de dificultar o pertorbar la circulació d'aquests bitllets, serà castigat amb les màximes sancions aplicables en temps de guerra (Article quart del Decret del 21 de setembre del 1936).

Tradución: "Calquera intento de resistencia ou falsificación para dificultar ou perturbar a circulación destes billetes será castigado coas máximas sancións aplicables en tempos de guerra (artigo cuarto do Decreto do 21 de setembro de 1936).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Marimon, S. (2015). "A Catalunya, durant la II República, 720 municipis tenien moneda pròpia". En Ara.cat. 21 de outubro.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Paper moneda català del 1936 al 1939". Museu d'Història de Catalunya (mhcat.cat).
  3. 3,0 3,1 "Paper moneda del Pavelló de la República". Universitat de Barcelona, Memòria Digital de Catalunya (mdc.csuc.cat).
  4. 4,0 4,1 "1000 pessetes (proves no adoptades)" / "100 pessetes (prova)". Museo Nacional d'aArt de Catalunha (museunacional.cat).
  5. 5,0 5,1 5,2 "Bitllet de 10 pessetes. Generalitat de Catalunya, 1936". Museu Nacional d'Art de Catalunha (museunacional.cat).
  6. "5 pessetes". Museu Nacional d'Art de Cataluña (museunacional.cat).
  7. 7,0 7,1 "2,50 pessetes". Museu Nacional d'Art de Cataluña (museunacional.cat).
  8. 8,0 8,1 8,2 "Catalunya - 10 ptes". Universitat de Barcelona, Memòria Digital de Catalunya (mdc.csuc.cat).
  9. 9,0 9,1 9,2 "Generalitat de Catalunya". Banknote.ws
  10. "10 Pessetes. Generalitat de Catalunya". Banknote.ws
  11. "Catalunya - 5 ptes". Universitat de Barcelona, Memòria Digital de Catalunya (mdc.csuc.cat).
  12. "5 Pessetes. Generalitat de Catalunya". Banknote.ws
  13. "2,50 Pessetes. Generalitat de Catalunya". Banknote.ws
  14. "Catalunya - 2,50 ptes". Universitat de Barcelona, Memòria Digital de Catalunya (mdc.csuc.cat).
  15. Marot i Salsas, T. (2002). "La moneda medieval, moderna i contemporània. Els bitllets". En Art de Catalunya = Ars Cataloniae. L'Isard, Barcelona. Páxina 278. ISBN 84-921314-5-4

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Olabarria, L. de. (1973). Catálogo de las monedas obsidionales emitidas en Catalunya durante la Guerra Civil 1936-1939. Numismática Castells, Barcelona.
  • Turró Martínez, A. (1982). El paper-moneda català i altres signes monetaris: emissions de la Guerra 1936-39. L'Avenç, Barcelona ISBN 9788485905072
  • Vélez i Vicente, P. (1990). "Josep Obiols, la imatge gràfica noucentista". En Josep Obiols (catálogo de exposición). Páxinas 97-120. ISBN 9788476093481
  • Vélez i Vicente, P. (1994). "Josep Obiols. Obra cívica". En Josep Obiols 1894-1994. Obra cívica (catálogo de exposición). Generalitat de Catalunya, Barcelona. Páxinas 29-40. ISBN 9788439330707