As eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2024 celebráronse o 12 de maio de 2024, e nelas elixíronse os deputados da 14ª lexislatura do Parlamento de Cataluña. 5.460.337 cidadáns estiveron chamados a votar nunha das 8.940 mesas electorais.
Estes comicios deron a vitoria en escanos e votos ao Partit dels Socialistes de Catalunya con 42 deputados, encabezado polo exministro de SanidadeSalvador Illa, co escenario incerto dun Parlamento moi dividido. As forzas independentistas sufriron unha importante derrota electoral e perderon a maioría absoluta da que gozaban dende a vitoria de Junts pel Sí e a CUP nas eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2015:[1] Só Junts+ aguantou, ascendendo a 35 escanos mentres ERC e a CUP descenden a 20 e 4 escanos respectivamente. Unha cuarta forza independentista entrou na cámara catalá, a Aliança Catalana de extrema dereita, con dous deputados. O PP conseguiu ser a cuarta forza no parlamento, pasando de tres a quince deputados, e Vox mantívose en once escanos, os Comúns caeron a seis e Ciutadans desapareceu do Parlamento, sete anos despois de gañar as eleccións.