Escola de Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Guillaume Dufay á esquerda e Gilles Binchois á dereita. Martin le Franc, Champion des Dames.

A Escola de Borgoña foi un grupo de compositores activos no século XV no que actualmente é o norte e nordés de Francia, Bélxica e os Países Baixos, centrados na corte dos Duques de Borgoña. Os nomes dos principais protagonistas desta escola son Guillaume Dufay, Gilles Binchois, Antoine Busnois e John Dunstable (este en Inglaterra, que dependía nesa época de Francia). A Escola de Borgoña foi a primeira fase de actividade da escola francoflamenga, a máis importante do Renacemento en Europa.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A finais da Idade Media e principios do Renacemento en Europa, os centros culturais tendían a moverse dun lugar a outro debido a unha cambiante estabilidade política e á presenza do poder, xa fose espiritual ou xa temporal (por exemplo o papa, o antipapa ou o emperador). No século XIV, os principais centros de actividade musical estaban no norte de Francia, en Aviñón e en Italia, representados por Guillaume de Machaut e a ars nova, e Francesco Landini e a ars subtilior, respectivamente.[2][3] Aviñón tivo un florecemento cultural breve pero importante, porque era a localización do papado durante o Grande Cisma de Occidente. Cando Francia foi devastada pola Guerra dos Cen Anos (1337-1453), o centro cultural emigrou ao leste, cara ás cidades de Borgoña e os Países Baixos.[4]

Durante o reinado da Casa de Valois, Borgoña foi a área política máis poderosa e estable en Europa occidental, e engadiu, un pouco á vez, Flandres, Brabante, Holanda, Luxemburgo, Alsacia e Lorena. Sobre todo durante os reinados de Filipe o Bo (1419-1467) e Carlos o Temerario (1467-1477), toda esta zona vagamente coñecida como Borgoña era un centro de creatividade musical. A maior parte da actividade musical non se levou a cabo no que é hoxe en día Borgoña, que ten a súa capital en Dijon (aínda que os duques de Borgoña mantiveron un centro administrativo alí). Os principais centros de creación musical foron Bruxelas, Bruxas, Lille e Arras, así como en cidades máis pequenas nesa mesma área xeral.[5]

Retrato de Johannes Ockeghem

Durante o reinado de Filipe III de Borgoña, Dijon tiña unha das mellores capelas musicais do mundo occidental, na que se destacou Gilles Binchois, que cultivou a canción polifónica de tema amoroso. No campo da música sacra iniciouse en Borgoña un novo estilo polifónico con Guillaume Dufay e Johannes Ockeghem. Carlos I de Borgoña, O Temerario, deulle unha grande importancia á música e contratou a Antoine Busnois, que compuxo case exclusivamente cancións polifónicas profanas con texto francés, forma musical que de 1450 a 1490 adquiriu unha grande calidade artística[6]. Compositores de diferentes países atopáronse na corte de Borgoña, que serviu de berce das diferentes formas musicais europeas; isto foi decisivo na formación da linguaxe musical internacional propia da Europa do século XV.

Os músicos da rexión viñeron a Borgoña a estudar e a seguir as súas propias carreiras, xa que a reputación da zona se propagou. Os gobernantes borgoñóns non eran simplemente mecenas das artes, senón que tamén tomaban parte activa en actividades musicais: Carlos o Temerario tocaba a arpa e mesmo compuxo cancións e motetes (aínda que non se conserva ningún deles cunha atribución fiable). Os duques tamén asumían a composición de música profana nun grao poucas veces visto antes na historia da música europea, unha característica que define a época de Borgoña como un fenómeno do Renacemento.[7]

Esta migración da cultura musical cara ao leste, desde París a Borgoña, tamén se corresponde coa división convencional (aínda que non universalmente aceptada) da historia da música en etapa medieval e etapa renacentista. Así, Guillaume de Machaut adoita considerarse un dos derradeiros compositores medievais e a Dufay como o primeiro compositor do salientable do Renacemento.

Carlos o Temerario foi asasinado en 1477 na batalla de Nancy, durante un dos seus intentos de engadir o territorio ao seu imperio. Tras a súa morte a música continuou florecendo como antes. Pero a rexión foi dividida politicamente, quedando o ducado de Borgoña absorbido por Francia e a maioría dos Países Baixos, e pasando a formar parte das propiedades dos Habsburgo de España. Tanto a corte de Francia como a dos Habsburgo foron mecenas da música. Con todo, o estilo francés comezou a ser distinto do estilo dos Países Baixos, sobre todo na música profana e no período posterior a 1500.

Estilo e formas musicais[editar | editar a fonte]

Quant ce vendra. Misa de Antoine Busnois

Os compositores borgoñóns favoreceron formas de música profana, polo menos mentres estiveron a traballar nas terras de Borgoña. Consérvase moita música sacra, sobre todo a dos compositores que pasaron tempadas en Italia, por exemplo no coro papal. As formas seculares máis importantes utilizadas polos borgoñóns eran as formas fixas (rondó, balada e virelai). Das catro, o rondó foi con moito o máis popular, e sobreviviron máis rondós que calquera outra forma. A maioría deles foron escritos a tres voces e en francés, aínda que tamén hai algúns noutros idiomas. En case todos os rondós, a voz máis aguda (o "superius") contiña texto, e as outras voces o máis probable é que fosen interpretadas por instrumentos. O bergerette foi outra forma musical desenvolvida polos propios borgoñóns. Era como o vilerai pero máis curto, con só unha estrofa.[8]

Manuscrito da misa O Crux Lignum, de Antoine Busnois

A maioría dos compositores tamén escribiron música sacra en latín. Deste xeito permanecían fieis para as xeracións seguintes. Escribiron misas e motetes, así como ciclos de magnificats. Durante esta época, a misa pasou de ser un grupo de seccións individuais escritas por diferentes compositores, seguindo adoito a técnica do motivo principal, para unificar ciclos baseadas nun mesmo cantus firmus. Dufay, Binchois, Busnois, Reginald Liebert e outros, escribiron as misas cíclicas. Unha das melodías favoritas para ser empregadas como cantus firmus foi o soado L'homme armé, que foi utilizado non só polos músicos borgoñóns senón tamén por compositores de séculos posteriores; de feito, é a melodía máis comunmente usada como base para a composición de misas en toda a historia da música, con máis de corenta misas conservadas que conteñen esta melodía[9]. David Fallows escribiu sobre iso en New Grove Dictionary of Music and Musicians: "É difícil pensar en calquera outra melodía na historia da música que dea tanta música da máis alta calidade".[10]

Ao longo deste período, o motete vaise transformando partindo do modelo isorrítmico do século XIV cara á composición por seccións levemente polifónica que se amosa na produción musical de compositores borgoñóns posteriores, como Busnois. Nos motetes, así como nas misas e noutras formas de música sacra, unha técnica musical comunmente empregada foi o faux-bourdon. Trátase dunha harmonización dun canto existente en acordes paralelos 6-3, ocasionalmente adornados para evitar a monotonía. A composición con faux-bourdon permitía que o texto cantado se entendese claramente, á vez que evitaba a sinxeleza do canto plano. Os motetes borgoñóns tendían a ser en latín, escritos a tres voces das que a superior era a máis importante. Un exemplo dun motete de Borgoña é "Quam pulchra es", escrito por Dunstable no século XV.[11]

A música instrumental tamén se cultivou nas cortes de Borgoña, adoito para a danza. Unha peculiaridade do estilo instrumental borgoñón é que os duques preferían a música para instrumentos ruidosos (trompetas, pandeiretas, chirimías e gaitas); consérvase máis música deste tipo que para outros instrumentos correntes daquela, como o laúde ou a arpa. Na práctica contemporánea, os instrumentos ruidosos tocábanse normalmente desde un lugar elevado como un balcón, entanto que os outros instrumentos se tocaban máis preto dos bailaríns.

As formas instrumentais inclúen a basse danse (ou bassadanza), que era unha danza cerimonial de carácter máis ben solemne e ritmo relativamente lento. Polo xeral escribíase nun compás binario subdividido en grupos de tres (en notación moderna, 6/8), e moitas veces era inmediatamente seguido por unha danza rápida como o tourdion ou pas de Brabant.

A escola borgoñoa foi a primeira xeración do que se coñece ás veces como a escola francoflamenga, varias xeracións de compositores que abranguen 150 anos e que compuxeron no estilo polifónico asociado coa corrente principal da práctica musical renacentista. As xeracións posteriores, que xa non estaban relacionadas especificamente coa corte nin coa rexión de Borgoña, pero están relacionadas entre si pola xeografía adxacente e a práctica musical común, inclúen nomes como Johannes Ockeghem, Jacob Obrecht, Josquin des Prés, Adrian Willaert e Orlando di Lasso.

Compositores[editar | editar a fonte]

Gilles Joye retratado por Hans Memling

A historia da música de Borgoña comezou coa organización da capela en 1384. Vinte anos despois rivalizaba en esplendor coa famosa organización de Aviñón. Os nomes asociados a esta primeira fase da música borgoñoa inclúen a Johannes Tapissier e Nicolas Grenon, que levaron a tradición cara á seguinte fase da capela, cando se reorganizou en 1415. Houbo outros compositores temperáns, como Hugo e Arnold de Lantins, aos cales coñecería Dufay máis tarde en Italia.[12]

De todos os nomes asociados á escola borgoñoa, o máis soado foi Guillame Dufay, que era probablemente o compositor máis famoso de Europa no século XV. Escribiu música en moitas das formas correntes daquela, unha música que era melódica, cantable e memorable (por exemplo, máis da metade da súa música sacra consiste en harmonizacións sinxelas de canto plano). Entre os contemporáneos de Dufay figuran compositores tales como Gilles Binchois, que estivo na corte de Borgoña aproximadamente entre 1430 e 1460, e Hayne van Ghizeghem, compositor, cantante e soldado que puido ser asasinado na derradeira campaña militar de Carlos o Temerario.

Despois da morte de Dufay en 1474, o músico máis salientable de Borgoña foi Antoine Busnois, quen tamén foi un prolífico compositor de cancións e que posiblemente escribiu a famosa melodía L'homme armé.

Cancioneiros[editar | editar a fonte]

Consérvanse aproximadamente unhas 65 fontes manuscritas que conteñen música de compositores borgoñóns. Os máis salientables son:

  • Manuscrito Canonici: contén música desde 1400 ata 1440. Áchase na Biblioteca Bodleiana en Oxford, Inglaterra. O seu nome vénlle dun propietario anterior, Matteo Luigi Canonici, un xesuíta veneciano do século XVIII. Recolle 380 composicións en total, que inclúen obras de 60 compositores. Tanto a música sacra como a secular están ben representadas nesta colección.[13]
  • Cancioneiro Laborde: contén música composta maioritariamente durante o reinado de Carlos o Temerario, entre 1467 e 1477. O seu nome débese ao marqués de Laborde e actualmente atópase na Biblioteca do Congreso dos EEUU,en Washington, D.C. Contén 106 pezas musicais.[14]
  • Cancioneiro Mellon: contén música de 1440 a 1477 aproximadamente. Leva o nome de Paul Mellon, quen llo doou á Universidade Yale, onde hoxe se atopa, na Biblioteca Beinecke. Conta con 57 composicións e inclúe algunhas pezas de música non borgoñoa, por exemplo obras de compositores contemporáneos ingleses e italianos.[15]
  • Cancioneiro de Dijon: contén música de aproximadamente 1470 a 1475. Algunhas pezas foron escritas polos compositores normalmente asociados coa Escola de Borgoña, como Ockeghem, Loyset Compère e Johannes Tinctoris. Está na biblioteca pública en Dijon e contén 161 pezas de música en total.[16]
  • Cancioneiro do Escorial: contén música de arredor de 1430 a 1445. Atópase na Biblioteca do Mosteiro do Escorial. Contén 62 composicións, das que só unha se lle atribúe a Gilles Binchois, aínda que moitas das restantes se lles atribuíron por razóns estilísticas a Gilles Binchois, John Dunstable, Dufay, etc.[17]

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 1954 – Music at the Burgundian Court. Dufay, Ockeghem, Obrecht. Prol Musica Antiqua, Safford Cape (Vanguard Everyman).Información en medieval.org (en inglés)
  • 1995 – Music in Flemish Cities and Beguignages 1400-1500. Capela Flamenca (Eufoda).Información en medieval.org (en inglés)
  • 2001 – Arnold de Lantins: Missa Verbum incarnatum. Capela Flamenca, Psallentes, Oltremontano (Ricercar)Información en medieval.org (en inglés)
  • 2008 – The St. Emmeram Mensural Codex. Munich, Bayerische Staatsbibliothek, clm 14274. Stimmwerck (Aeolus)Información en medieval.org (en inglés)
  • 2011 – The Flemish Polyphony. Varios intérpretes (Ricercar)Información en medieval.org (en inglés)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gleason, Harold et al.: Music in the Middle Ages and Renaissance. Alfred Music, 1988. Páxinas 95 a 105.
  2. Ars Antiqua y Ars Nova. En Historia de la música online. Unidad 4.
  3. Ars subtilior. En Todd M. McComb Editorial Archive Index.
  4. Wright, Craig. "Burgundy". En New Grove Dictionary of Music and Musicians. Ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001.
  5. Escuelas Franco-Flamencas I: Escuela de Borgoña (Dufay, Binchois). En Caminodemusica.com. 6 de novembro de 2008.
  6. Strauchler, Sebastián. Pequeño acercamiento a la chanson francesa. 2012
  7. Reese, Gustave. Music in the Renaissance Arquivado 03 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. W. W. Norton. 1954. Páxinas 4 a 8.
  8. Arenas López, Leonardo. La música en los países borgoñones en la primera mitad del siglo XV.
  9. Guillaume Dufay: Missa l'Homme Armé 1. Kyrie.
  10. Fallows, David. "L'homme armé". En Grove Music Online. Ed. L. Macy.
  11. Guillaume de Machaut e John Dunstable. En Historia da Música. Universidade do Estado do Amazonas.
  12. Compositores. En Musicarenacentista.
  13. Wayne Spurbeck, Samuel. A study of the Canonici Manuscript. University of Rochester Press. 1956
  14. Laborde Chansonnier. Washington D.C., Library of Congress, MS M2.1 L25 Case.
  15. Cowderoy, A. et al. The Mellon Chansonnier. An index by page, song and composer.
  16. Dijon Chansonnier. Dijon, Bibliothèque Municipale, Ms. 517.
  17. Cancionero de El Escorial. En IMSLP Petrucci Music Library.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]