Nicolas Grenon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nicolas Grenon
Nacemento1375
Falecemento17 de outubro de 1456
 Cambrai
NacionalidadeFrancia
Ocupacióncompositor
editar datos en Wikidata ]

Nicolas Grenon, nado entre 1375 e 1380, e finado na localidade francesa de Cambrai o 17 de outubro de 1456, foi un compositor francoflamengo da escola de Borgoña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1385 pasou a formar parte dos músicos da corte do duque Filipe II de Borgoña en Dijon. Foi cóengo do capítulo de Santo Sepulcro en París, en 1399, posto no que sucedeu o seu irmán, e alí ficou ata 1401.

Foi nomeado mestre de nenos  da catedral de Laon (1403 -1408) e máis tarde mestre de gramática en Cambrai (1408). Foi tamén mestre dos coristas novos do duque de Berry en 1412 e mestre de música na catedral de Cambrai (1421-1424), e entrou ao servizo do duque Xoán Sen Medo. Chegou a ser cantante da capela papal (1425-1427) de Martiño V en Roma. En 1437, foi resudir a Bruxas e, posteriormente, regresou a Cambrai, onde remata a súa existencia en 1456.[1]

Obra[editar | editar a fonte]

A súa música, tanto a profana como a relixiosa, está asociada ao final da Ars nova, como evidencian as súas cancións Je say defait  e Se ne vous say, dunha escrita complexa, e os seus motetes, construídos baixo o principio da isoritmia. Así e todo, áchanse tamén nel os trazos característicos da música borgoñoa do século XV, na súa procura dunha simplificación melódica e rítmica, e na adopción dun canto silábico. Entre as súas obras destacan cinco cancións para tres voces, tres cancións para catro voces, catro motetes e un fragmento dunha misa titulada Et in terra.[2]

Estas son as composicións hoxe coñecidas, segundo a clasificación feita por Reaney:[3]

  • Se je vous ay bien loyaulment amée (rondó).
  • La plus jolie et la plus belle (rondó).
  • Je suy defait se vous ne me refaites (rondó).
  • Je ne requier de ma dame (balada).
  • La plus belle et doulce figure (virelai).
  • Et in terra (Gloria; voz tenor dunha misa?).
  • Ave virtus virtutum, caritas / Prophetarum fulti suffragio / Infelix, propera (motete).
  • Ad honorem sancte trinitatis / Celorum regnum sempiternum / Isti semper celestibus (motete).
  • Plasmatoris humani generis / Verbigine mater ecclesia (motete).
  • Nova obis gaudia (motete).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Notas biográficas de Nicolas Grenon en Allmusic.com. (En inglés)
  2. Composicións de Grenon en Allmusic.com. (En inglés)
  3. Reaney, Gilbert. Early Fifteenth-Century Music. Volume 7. American Institute of Musicology. Roma, 1983.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Wright, Craig. "Nicolas Grenon". En Sadie, Stanley. The New Grove Dictionary of Music and Musicians. Macmillan. Londres, 1980. Páxina 702.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]