Guillaume Dufai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Guillaume Dufay (Du Fay, Du Fayt) (5 de agosto de 1397 – 27 de novembro de 1474) foi un compositor francoflamengo e teórico da música dun período de transición entre o final da Idade Media e de comezo do Renacemento. Trátase dunha figura relevante da Escola de Borgoña, e un dos compositores máis influentes da Europa de mediados do século XV.

Guillaume Dufay (esquerda) e Gilles Binchois (dereita), Martin le Franc, "Campión das Damas", Arras 1451

Vida[editar | editar a fonte]

Segundo o seu testamento, naceu probabelmente en Beersel, preto de Bruxelas. Foi o fillo ilexítimo dun crego descoñecido e dunha muller chamada Marie du Fayt. Marie trasladouse co seu fillo a Cambrai, sendo este aínda moi novo, onde quedaron na casa dun parente que era coengo da catedral. O talento musical de Dufay foi recoñecido de seguido polos músicos da catedral, polo que lle deron formación musical; estudou con Rogier de Hesdin no verán de 1409, e foi neno do coro entre 1409 e 1412. Neses anos estudou con Nicolas Malin, e as autoridades deberon quedar moi impresionadas polas cualidades do rapaz, xa que lle deron unha copia do Doctrinale de Villedieu en 1411, feito inusual para unha persoa tan nova. En xuño de 1414, cando contaba con 16 anos, xa conseguira o cargo de chapelán de St. Géry, xusto á beira de Cambrai. Despois dese ano probabelmente se movese a Konstanz, onde ficaría ata 1418, ano do regreso a Cambrai. De novembro de 1418 ata 1420 foi subdiácono da catedral de Cambrai, cidade que deixaría de novo para marchar a Rimini e quizais a Pesaro, onde traballaría para a familia Malatesta. Aínda que non se conserven restos do seu traballo aí, si hai varias composicións que se poidan datar neses anos; conteñen referencias que parecen dar a entender que residiu en Italia. Foi aí onde coñeceu os compositores Hugo e Arnold de Lantins, que se atopaban entre os músicos que traballaban para a familia Malatesta. En 1424 regresa de novo a Cambrai, desta volta debido á enfermidade e á posterior morte do parente co que vivía a súa nai. Porén, arredor de 1426, regresou a Italia, desta vez a Boloña, onde formaría parte do servizo do cardeal Louis Aleman. Nestes anos fíxose diáconom e por 1428 ordenaríano sacerdote. O cardeal Aleman foi trasladado de Boloña pola familia rival Canedoli en 1428, polo que Dufai tivo que marchar, agora a Roma. Formou parte do coro papal, servindo primeiro ao papa Martiño V e, dende 1431, a Uxío IV. En 1434 nomeárono mestre de capela en Savoy, ao servizo do duque Amédée VIII; evidentemente, a súa marcha de Roma debeuse a unha crise financeira do coro papal, e á necesidade de escapar das trubulencias e da inestabilidade durante as loitas entre o papado e o Concello de Basilea. Xa en 1435 volvería ao servizo da capela papal, pero en Florencia — o papa Uxío fora enviado dende Roma en 1434 polo estabelecemento dunha república insurrecta, que simpatizaba co Concello de Basilea e co momemento Conciliar. En 1436 Dufay compuxo o motete festivo Nuper rosarum flores, unha das súas obras máis célebres, que se dedicou ao domo de Brunelleschi da catedral de Florencia, onde vivía Uxío durante o seu exilio.