John Dunstable

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
John Dunstable
Data nacementoc. 1390
Nado enInglaterra Dunstable, Bedfordshire
Falecemento24 de decembro de 1453 St Stephen's, Walbrook, Cidade de Londres
 Londres
SoterradoLondres
Ocupacióncompositor, matemático e astrónomo
Xéneromúsica sacra vocal
Tempo en activoMediados do século XV
Na rede
Spotify: 3DL7TTcfjDAJiDrhBl3q2H Musicbrainz: 462d9425-18f8-4b2e-a56f-db711040ef2f Discogs: 1025303 IMSLP: Category:Dunstaple,_John Allmusic: mn0002285240 WikiTree: Dunstaple-1 Deezer: 1639975 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
O rosa bella, de Jonh Dunstable

John Dunstable ou John Dunstaple[1], nado arredor de 1390, probablemente en Dunstable, condado de Bedfordshire, e finado en Londres o 24 de decembro de 1453, foi un compositor (sobre todo da música sacra vocal), matemático e astrónomo inglés, cuxas innovacións harmónicas exerceron unha fonda influencia sobre determinados compositores de principios do Renacemento, tales como Guillaume Dufay e Gilles Binchois.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Retrato de Xoán de Lancaster

John Dunstable debeu ter recibido unha educación de boa calidade, aínda que non hai testemuños escritos sobre este aspecto. Suponse que estivo ao servizo do primeiro duque de Bedford, Xoán de Lancaster (cuarto fillo de Henrique IV de Inglaterra e irmán deHenrique V) antes de 1427, con quen tería viaxado a Francia, onde o duque exerceu os cargos de rexente de Francia (1422-1429) e gobernador de Normandía (1429-1435).

Probablemente sexa por este motivo polo que as súas composicións foron conservadas sobre todo en manuscritos do continente e polo que se aprecien no seu estilo tantas influencias da música do centro de Europa. O duque de Bedford teríalle facilitado coñecer a música italiana: "Dunstable acepta as suxestións, mais escribe sobre todo segundo o gusto inglés"[4] .

A data en que comeza a compoñer é tamén incerta; ningunha das súas pezas figura no manuscrito Old Hall, a principal colección de música inglesa da fin do século XIV e o comezo do XV. Con todo, o seu motete Preco preheminencie foi, sen dúbida, cantado ante Henry V e Sexismundo I na catedral de Canterbury, co gallo da misa de acción de grazas polo final do sitio de Harfleur e a batalla do Sena[5].

Tras a morte do duque de Bedford, traballou para a raíña Xoana de Navarra (1427-1436) e para Humphrey de Lancaster, duque de Gloucester. Os rexistros fiscais de 1436 reflicten que Dunstable tivo propiedades en Normandía, en Cambridgeshire e en Londres. E de maneira diferente á maioría dos compositores da súa época, non hai indicio ningún de que fose crego.

O epitafio de Dunstable na igrexa de San Estevo de Walbrook, en Londres, di que era "príncipe da música, matemático e astrónomo". A igrexa foi destruída no grande incendio de Londres, pero este epitafio, que se conservaba por escrito, desde o século XVII, foi gravado novamente en 1904, na nova igrexa construída por Christopher Wren.

Obras[editar | editar a fonte]

A edición completa da súa obra, publicada en 1953 na colección Musica Britannica, conta con cincuenta e cinco composicións, nove das cales son de atribución dubidosa. Con todo, podería ser o compositor de máis de setenta pezas que chegasen á época contemporánea[5]. Principalmente conserváronse en fontes continentais (Norte de Italia, Alpes do Sur). Cómpre ter en conta que case todos os manuscritos musicais producidos en Inglaterra foron destruídos durante a disolución dos mosteiros, entre 1536 e 1540. Trátase principalmente de motetes isorrítmicos en latín. A melodía é fluída e cantable. O cantus firmus, baixo unha forma ornamentada, pasa por todas as voces.

Entre as composicións de Dunstable que chegaron a nós hai exemplos de todos os principais tipos e estilos de polifonía que existían no seu tempo: motetes isorrítmicos[6], seccións de misas, cancións profanas e diversos textos litúrxicos musicados para tres voces. Os seus doce motetes isorrítmicos amosan que esa a forma antiga aínda estaba de moda.

As composicións historicamente consideradas como máis importantes de Dunstable son as pezas sacras para tres voces, musicacións de antífonas, himnos e outros textos litúrxicos ou bíblicos.

E as súas obras máis coñecidas son a balada italiana O rosa bella e os motetes Quam pluchra es e Veni sancte spiritus. Tamén é autor de, polo menos, unha obra profana: o rondó en francés, Puisque M'amour. Outras dúas cancións que lle foron atribuídas en ocasións son, máis probablemente, obra de John Bedingham.

Misas

  • Missa rex seculorum.
  • Missa Da gaudiorum premia.
  • Gloria e credo Jesu Christe fili Dei.
  • Gloria e credo MB 11 e 12.

Motetes

  • Alma redemptoris (para tres voces; tamén atribuído a Leonel Power).
  • Ave maris stella (para tres voces).
  • Ave regina celorum (para tres voces).
  • Gaude virxe salutata (para catro voces).
  • Preco preheminencie (para catro voces).
  • Quam pulchra es (para tres voces).
  • Regina celi letare (para tres voces).
  • Salve Regina misericordie (para tres voces; de atribución dubidosa, xa que probablemente sexa de Gilles Binchois).
  • Salve scema sanctitatis (para catro voces).
  • Speciosa facta es (para tres voces).
  • Sub tuam protectionem (para tres voces).
  • Veni sancte spiritus (para catro voces).

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 1996. Dunstaple: Sacred Works, Orlando Consort. Metronome METCD1009.
  • 2003. Canticum Canticorum. In Praise of Love: The Song of Songs in the Renaissance. Capilla Flamenca. Eufoda 1359. Contén a gravación de Quam pulchra es.
  • 2012. O rosa bella, Ave maris stella e Quam pulchra es. Lumina Vocal Ensemble.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nas fontes musicais inglesas da época vense as dúas ortografías en igual proporción, o cal se mantén ata a época contemporánea. Con todo, nas outras fontes (non musicais) consta sempre "Dunstaple", o que conduciu a musicóloga Margaret Bent a preferir esa ortografía.
  2. John Dunstable. En El poder de la palabra. (en castelán)
  3. "John Dunstable". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2020-03-29. 
  4. Ulrich Michels, Guide illustré de la musique, p. 235.
  5. 5,0 5,1 Richard K. Emmerson, Key Figures in Medieval Europe: An Encyclopedia, Routledge, 2013, p. 186.
  6. Isorritmo (do grego, co significado de "ritmo igual"): repetición nunha das voces dunha composition musical (xeralmente o tenor), dun modelo rítmico durante unha sección ou unha composición enteira.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Margaret Bent. "Dunstaple". En Oxford Studies of Composers. Oxford University Press. Londres, 1981. ISBN 0-19-315225-8]
  • Gustave Reese. Music in the Renaissance. W.W. Norton & Co. Nova York, 1954. [ISBN 0-393-09530-4]
  • Ulrich Michels. Guide illustré de la musique. Fayard, 1995. [ISBN 2-213-02373-5]
  • Donald Jay Grout; Claude V. Palisca. A History of Western Music. Norton, 1996. [ISBN 0393969045]
  • Dr. Christian Zentner; Claudia Richter. Musik, Ottus Verlag. Saint-Gall, 2005.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]