Virelai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Virelai titulado Douce Dame Jolie, de Guillaume de Machau

Un virelai é unha das formas fixas (as outras son a balada e o rondó) da música e da poesía medievais francesas. Foi unha das formas máis comunmente adoptadas na música europea desde finais do século XIII ata o século XV.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Audio do virelai Douce Dame Jolie, de Machaut

Atopamos a forma do virelai na música francesa desde os derradeiros troveiros (trouvères) do norte, pasando pola Ars Nova, ata os compositores francoflamengos do século XV. A balada italiana (ballata), moi similar, utilizárona os compositores do Trecento, especialmente Francesco Landini.

Un dos compositores máis recoñecidos de virelais foi Guillaume de Machaut (c. 1300-1377). Outros compositores de virelai foron Jehannot de l'Escurel, un dos máis temperáns (d. 1304) e Guillaume Dufay (c. 1400-1474), un dos máis serodios. A mesma forma musical aparece con frecuencia nas Cantigas de Santa María[2], case sempre coa forma métrica do zéxel, e é a base tamén dos vilancicos polifónicos dos séculos XV e XVI.

Cara a mediados do século XV, as formas poéticas acadaron a separación das musicais e compuxéronse numerosos exemplos de vilerais (tamén de baladas e de rondós) que ou ben non estaban acompañados de música, ou ben este acompañamento musical non chegou a nós.

Un virelai composto por unha soa estanza coñécese tamén como bergerette.[3]

Virelai antigo e novo[editar | editar a fonte]

Desde o século XV en adiante o virelai xa non se utilizou con regularidade nas composicións musicais e pasou a ser unha forma puramente literaria, e a súa variedade estrutural proliferou. No século XVII, Père Mourgues estableceu a diferenza entre o que el chamou virelai ancien (vello) e vilerai nouveau (novo). O vello mantiña algunha similitude co que fora característico dos séculos XIV e XV,  cunha estrutura sen refrán e cun esquema de rima entrelazada entre as estanzas: na primeira estanza, as rimas son aab-aab-aab, coas liñas "b" máis curtas que as "a"; na segunda estanza, as rimas "b" móvense aos versos máis longos, e introdúcese unha nova rima "c" para os máis curtos (bbc-bbc-bbc), e así sucesivamente. Na outra forma descrita por Père Mourgues, o virelai nouveau, cada estrofa remata cunha repetición do primeiro ou o segundo verso do refrán alternativamente, e a última estrofa termina en ambos os versos do refrán en orde invertida. Estas formas utilizáronse ocasionalmente na poesía inglesa posterior, por exemplo por John Payne (co vilerai antigo Spring Sadness) e por Henry Austin Dobson (co vilerai novo July)[4].

Forma musical[editar | editar a fonte]

O virelai como forma de canción do século XIV e principios do século XV normalmente ten tres estanzas, ademais dun refrán que se coloca despois da primeira estanza e, sucesivamente, a continuación de cada unha das seguintes. Dentro de cada estanza, a estrutura é a coñecida como de "forma bar", con dúas seccións que comparten as mesmas rimas e a música, seguidas dunha terceira. A terceira sección de cada estanza comparte as súas rimas e a súa música co refrán.[5] Xa que logo, pódese representar esquematicamente como AbbaA, onde "A" representa o refrán repetido, "a" o verso coa mesma música que o refrán, e "b" os versos restantes cunha música diferente.[6]

Dentro desta estrutura xeral, o número de liñas e o esquema de rima son variables. O refrán e a terceira sección poden ser de tres, catro ou cinco liñas cada un, con esquemas de rima como ABA, ABAB, AAAB, ABBA, AAAB ou AABBA[7]. A estrutura implica adoito unha alternancia entre unhas liñas máis longas e outras máis curtas. Habitualmente as tres estanzas comparten as rimas, o que significa que o poema enteiro pode ser construído en apenas dúas rimas, se as dúas primeiras seccións tamén comparten as súas rimas co refrán.

Douce Dame Jolie, de Guillaume de Machaut, é un exemplo dun virelai con rimas AAAB no refrán e "aab" (cun acurtado segundo verso) en cada unha das segundas seccións.[8]

Douce dame jolie,
Pour dieu ne pensés mie
Que nulle ait signorie
Seur moy fors vous seulement.
Qu'adès sans tricherie
Chierie
Vous ay et humblement
Tous les jours de ma vie
Servie
Sans villain pensement.
Helas! et je mendie
D'esperance et d'aïe;
Dont ma joie est fenie,
Se pité ne vous en prent.
Douce dame jolie,
Pour dieu ne pensés mie
Que nulle ait signorie
Seur moy fors vous seulement.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrada "virelai" En Encyclopédie Larouse.
  2. Anglés, Higinio. La música de las cantigas de Santa María del rey Alfonso El Sabio. 3ª parte: estudio crítico. Barcelona. Diputación Provincial. 1958. Páxina 236: Alfonso prefirió, como forma apta para so colección mariana, la forma del virelai francés, practicado con tanto éxito por los músicos parisienses hacia 1250.
  3. Differences between virelai (forme fixe) and Bergerette. En Reddit. Historical Musicology.
  4. Holmes, U. T. "Virelai". En Roland Greene. The Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics. Princeton University Press. Páxina 1.522.
  5. Heldt, Elisabeth. Französische Vilerais aus dem 15. Jahrhundert: Kritische Ausgabe mit Anmerkungen, Glossar und einer literahistorischen Untersuchung. Halle, Niemeyer, 1916. Páxinas 27 a 34.
  6. Ross W. Duffin (Ed.). A Performer's Guide to Medieval Music. Indiana University Press. 2000. [ISBN 0-253-21533-1]. Páxina 192.
  7. Harding, Carol E. "Virelai (Virelay)". En Michelle M. Sauer. The Facts on File Companion to British Poetry Before 1600. Páxina 450.
  8. Un virelai de Guillaume de Machaut (análisis). En Historia de la Música. La Segunda Edad de la música occidental.