Ars subtilior

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Canon circular de Baude Cordier.
Partitura da canción de amor "Belle, bonne, sage" de Baude Cordier, en forma de corazón, con notas en vermello que indican alteracións rítmicas.

A ars subtilior (en galego: "a arte máis sutil") é un estilo música caracterizado pola complexidade no ritmo e na notación, centrado arredor de París e Aviñón, no sur de Francia, e tamén na Coroa de Aragón a finais do século XIV.[1] Este estilo tamén se atopa no repertorio chipriota francés. O termo utilízase adoito en contraposición ao de ars nova, que se aplica ao estilo musical do período anterior, que abrangue desde arredor de 1310 ata 1370, aínda que algúns investigadores prefiren considerar a ars subtilior como unha subcategoría do estilo anterior.

Balada Fuions de ci, de Jacob de Senleches.
Fumeux fume par fumée, de Solage
O Padua, sidus praeclarum, de Johannes Ciconia

O termo ars subtilior foi cuñado pola musicóloga Ursula Günther en 1960 para evitar as connotacións negativas dos termos "estilo manierista" e "notación amaneirada". Günther baseouse nas referencias existentes no Tractatus de diversis figuris, atribuído a Philippus de Caserta, sobre como os compositores se movían cara a un estilo "post modum subtiliorem comparantes" e desenvolvendo unha "subtiliter magis artem").[2][3]

Caracterización[editar | editar a fonte]

Musicalmente, as obras pertencentes á ars subtilior son moi refinadas, complexas, difíciles de cantar e probablemente fosen creadas, cantadas e gozadas por un público reducido de especialistas e coñecedores. Hoppin suxire o superlativo ars subtilissima, afirmando que habería que esperar ata o século XX para que a música chegase a alcanzar novamente os máis sutís refinamientos e as complexidades rítmicas do estilo manierista.

Trátase de cancións seculares case exclusivamente e teñen como tema o amor, a guerra, a cabalaría e as historias da antigüidade clásica, e hai mesmo algunhas escritas para louvar figuras públicas (por exemplo, o papa Clemente VIII). Daniel Albright compara a énfase das vangardas e da música modernista do século XX en xerar música mediante a experimentación técnica, co precedente establecido polo movemento ars subtilior co seu deleite autónomo en ampliar os reinos do son. Albright cita o canon perpetuo titulado Tout par compas suy composés, de Baude Cordier, escrito nun pentagrama circular. Albright contrapón esta motivación coa "urxencia expresiva" e a "obediencia ás regras de arte".[4]

Un dos centros de actividade deste estilo é Aviñón a finais da catividade babilónica do papado e durante o Grande Cisma de Occidente (1378-1417), tempo durante o cal a Igrexa de Occidente tiña un papa en Roma e outro en Aviñón. A cidade no Ródano converteuse nun centro cultural activo e produciu o corpus máis importante que se conserva de canción profana de finais do século XIV. O estilo estendeuse pola Coroa de Aragón e ata Chipre (que era un enclavefrancés de avanzada cultural naquel momento).

Formas musicais e técnicas compositivas[editar | editar a fonte]

No tocante ás formas musicais seguiranse empregando as da ars nova. Xa que logo, cultivaban a balada, o rondó e o virelai, o motete isorrítmico e o madrigal, aínda que as levarán a un nivel de complicación moi elevado.

Moitos dos procedementos utilizados primeiro polos compositores da ars subtilior convertéronse en técnicas compositivas estándar na música renacentista, o cal indica que algunhas das súas pezas foron amplamente coñecidas e distribuídas.

Notación[editar | editar a fonte]

Unha das técnicas da ars subtilior consistía no uso de notas vermellas, que indicaban unha alteración dos valores das notas dun terzo. Os propios manuscritos das obras da ars subtilior ás veces presentaban formas inusuais e expresivas, como un xeito de música visual. Por exemplo, o do canon circular Tout par compas suy composés, de Baude Cordier, ten forma de varios círculos; Belle, bonne, sage, do mesmo autor, ten forma de corazón; e La harpe de Melodie, de Jacob Senleches, adopta a forma dunha arpa.

Códices e manuscritos[editar | editar a fonte]

Entre as fontes primarias da ars subtilior están os seguintes manuscritos:

  • Códice de Chantilly (Museo Condé MS 564, Chantilly).
  • Códice Faenza (Biblioteca comunal, Faenza).
  • Códice Ivrea (Biblioteca capitular, Ivrea).
  • Códice de Módena (Biblioteca Estense e Universitaria , Módena).
  • Códice Apt (Biblioteca municipal de Apt).
  • Manuscrito Mancini (Arquivo do stato, Lucca).
  • Manuscrito de Londres (British Library, Londres).
  • Manuscrito de Sevilla (Biblioteca Colombina, Sevilla).

Compositores[editar | editar a fonte]

Compositores franceses, flamengos, españois e italianos que practicaron este estilo:

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 1983: Ce diabolic chant. Medieval Ensemble of London. (L'Oiseau-lyre)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1986: Codex Chantilly. Airs de Cour du XIVe siècle. Ensemble Organum. (Harmonia Mundi)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1987: Chantilly Codex. Ars Magis Subtiliter. Ensemble Project Ars Nova. (New Albion)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1992: Febus Avant! Musique à la cour de Gaston Febus. Folgas Ensemble. (Sony Classical)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1993: Ars Subtilis Ytalica. Polyphonie pseudo-Française en Italie. Mala Punica. (Arcana)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1994: Musique de la cour du roi Janus à Nicosie. Folgas Ensemble. (Sony Classical)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1996: Fleurs de vertus. Chansons subtiles de la fin du s. XIV. Ferrara Ensemble. (Arcana)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1997: Beauté parfaite. L'automne du moyen-age. Alla Francesca. (Opus 111)Información en medieval.org (en inglés)
  • 1997: En doulz chastel de Pavie. Ferrara Ensemble. (Harmonia Mundi)Información en medieval.org (en inglés)
  • 2004: Zodiac, Ars Nova and Ars Subtilior in the Low Countries and Europe. Capilla Flamenca, Dirk Snellings. (Eufoda)Información en medieval.org (en inglés)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hoppin, Richard. Medieval music. W. W. Norton, 1978. Páxinas 472 e 473. [ISBN 0393090906]
  2. Josephson, Nors S. "Ars Subtilior". New Grove Dictionary of Music and Musicians. Ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001.
  3. Günther, Ursula. "Die Anwendung der Diminution in der Handschrift Chantilly 1047". En Archiv für Musikwissenschaft, 17:1–21, 1960
  4. Albright, Daniel. Modernism and Music: An Anthology of Sources. University of Chicago Press, 2004. Páxina 10.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Berger, Anna Maria Busse. "The Evolution of Rhythmic Notation". En Cambridge History of Western Music Theory. Cambridge University Press, 2002. Páxinas 628 a 656.
  • Günther, Ursula. "Das Ende der Ars Nova". En Die Musikforschung, 16:105-120, 1963.
  • Günther, Ursula. "Zur Biographie einiger Komponisten der Ars Subtilior". "n Arkiv für Musikwissenschaft, 21:172-99, 1964.
  • Günther, Ursula. "Die Ars subtilior". En Hamburger Jahrbuch für Musikwissenschaft, 11:277-88, 1991.
  • Hentschel, Frank. "Der Streit um die Ars Nova: Nur ein Scherz?". En Arkiv für Musikwissenschaft, 58:110-30, 2001.
  • Josephson, Nors S. "Ars Subtilior". En New Grove Dictionary of Music and Musicians. Ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001.
  • Köhler, Laurie. Pythagoreisch-platonische Proportionen in Werken der ars nova und ars subtilior. Bärenreiter, 1990. ISBN 3-7618-1014-8]
  • Newes, Virginia Ervin. "Imitation in the Ars Nova and Ars Subtilior". En Revue belge de musicologie, 31:38-59, 1977.
  • Plumley, Yolanda M. Tonal Organization and Compositional Process in the Chansons of Guillaume de Machaut and the Ars Subtilior. Tese. Garland, 1996.
  • Tanay, Dorit. The Intellectual Context of Rhythmic Notation, 1250–1400. American Institute of Musicology, 1999. ISBN 3-7751-3195-7]
  • Galo, F. Alberto; Cattin, Giulio: Historia de la música 2: El Medioevo I. Historia de la música 3: El Medioevo II. Turner, 1987.