L'homme armé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

L'homme armé ("O home armado") é unha antiga canción francesa do Renacemento, orixinaria dos círculos musicais da corte borgoñoa. Trátase do ton máis popular utilizado como cantus firmus para o ordinario da misa: dos séculos XV e XVI sobreviven arredor de 40 composicións de diferentes compositores tituladas Missa L'homme armé.[1]

Notación e texto[editar | editar a fonte]

The tune "L'homme armei"
Francés orixinal[2] Galego
L'homme, l'homme, l'homme armé,

L'homme armé
L'homme armei doibt on doubter, doibt on doubter.
On a fait partout crier,
Que chascun se viengne armer
D'un haubregon de fer.

O home, o home, o home armado,

O home armado
O home armado debe ser temido, debe ser temido.
Mandouse dicir por todas as partes
Que cada home debe armarse
Cunha loriga de ferro.

Orixe[editar | editar a fonte]

A orixe da popularidade da canción e a importancia do "home armado" son obxecto de debate. Unhas teorías suxiren que representa a San Miguel Arcanxo.[3] O compositor Johannes Regis (1425-1496) utiliza precisamente esa alusión na súa Dum Sacrum Mysterium / Missa L'homme Armé, baseada nesta melodía, incorporando varios textos adicionais na honra de San Miguel Arcanxo. Outros, porén, consideran que este nome representa só o nome dunha popular taberna (Maison L'Homme Armé) preto da casa de Guillaume Dufay, en Cambrai.[4] Tamén pode representar o cabaleiro da nova cruzada contra os turcos. Hai unha ampla evidencia que indica que posuía unha importancia especial para a Orde do Vélaro de Ouro. É significativo que a primeira aparición da canción fose contemporánea á Caída de Constantinopla tomada polo Imperio turco en 1453, un acontecemento que tivo un efecto psicolóxico devastador en Europa; compositores como Guillaume Dufay crearon obras que lamentaban este acontecemento. Mesmo é posible que as tres teorías sexan certas, debido ao sentimento de inquedanza ante a necesidade de organización da defensa militar fronte aos otománs que ameazaban tamén o centro e o norte de Europa naquel momento, e a necesidade de reconquistar Constantinopla.

Unha proposta recente afirma que a orixe do tema musical é unha combinación idealizada a partir de berros na rúa e a chamada de trompeta ás armas, que puido orixinarse a finais do século XIV ou a principios do XV, debido ao maior uso da prolación, que era a medida musical máis común naquel tempo.[5]

Uso na misa latina[editar | editar a fonte]

L'homme armé é especialmente salientable porque foi moi usado como cantus firmus polos compositores do Renacemento para a misa latina. É probable que fose máis utilizado para este propósito que calquera outra canción profana: coñécense arredor de 40 composicións. Moitos compositores do Renacemento crearon polo menos unha misa con esta melodía; as dúas obras de Josquin des Prés, a Missa L'homme armé super voces musicales, e a Missa L'homme armé sexti toni están entre as máis coñecidas. Outros compositores que escribiron máis dunha obra inspirada nesta melodía son Pierre de la Rue, Cristóbal de Morales e Giovanni Pierluigi da Palestrina. Un ciclo de seis composicións, todas anónimas aínda que probablemente do mesmo compositor, consérvase no Manuscrito Napolitano, que foi, supostamente, un agasallo a Beatriz de Aragón por parte dalgún dos músicos favoritos de Carlos o Temerario.[6]

A maioría das composicións de L'homme armé, unhas 30, proveñen do período de 1450 a 1510.

Un dos primeiros usos desta melodía foi a canción Il sera pour vous conbatu / L'homme armé, atribuída a Robert Morton, que se cre escrita probablemente en 1463, por algunhas das referencias do texto. Tamén é posible que a primeira obra composta sobre esta melodía fose unha ópera anónima para tres voces. En 1523, Pietro Aron, na súa obra teatral Thiscanello, suxire que o creador da melodía foi Antoine Busnois. Malia ser verosímil esta opción, xa que o ton é estilisticamente consistente a partir de Busnois, non hai outra fonte que poida corroborar a afirmación de Aron, dándose ademais a circunstancia de que Aron fixo esta afirmación 70 anos despois da primeira aparición da melodía. Richard Taruskin propuxo que Busnois escribiu a misa máis antiga coñecida con esta melodía, pero esta afirmación é posta en dúbida por moitos eruditos, que prefiren como candidato a Guillaume Dufay como o creador da primeira misa co tema de L'homme armé.[7] Outros compositores cuxas versións do tema musical poden datarse desde 1450 son Gillaume Faugues, Johannes Regis e Johannes Ockeghem.

A melodía é especialmente apta para o tratamento contrapuntístico. As frases están claramente delineadas e proporciona moitas posibilidades para a construción de canons. É tamén doada de recoñecer dentro dunha estrutura contrapuntística.

Vixencia[editar | editar a fonte]

Hai compositores que volven a esta melodía para procurar inspiración temática ou espiritual. En 1968, o compositor Peter Maxwell Davies escribiu a súa Missa super l'homme armé. O compositor estadounidense Mark Alburger inclúe variacións sobre o tema no seu Deploratio Passacaglias (1992) no primeiro movemento (Ockeghem) e no décimo (Bach). O compositor galés Karl Jenkins continuou tamén a tradición con The Armed Man: A Mass for Peace, escrita en 1999 por encarga da Royal Armouries para celebrar a entrada do novo milenio. Christopher Marshall escribiu en 2003 L’homme armé (variacións para conxunto de vento).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fallows, David. "L'homme armé" En Grove Music Online. Ed. L. Macy.
  2. "L'homme armé". Brooklyn College. The City University of New York.
  3. Robertson & Stevens. Penguin Histury of Music. Volume 2. 1963.
  4. Pryer. "Dufay". En New Oxford Companion to Music. Ed. Arnold. 1983.
  5. Bonnie J. Blackburn. "Masses on Popular Songs and Syllables". En Richard Sherr, ed., The Josquin Companion. Oxford University Press, 1999. Páxinas 53-54. [ISBN 0-19-816335-5]
  6. Bonnie J. Blackburn. "Masses on Popular Songs and Syllables". En Richard Sherr, ed. The Josquin Companion. Oxford University Press, 1999. Páxina 54. [ISBN 0-19-816335-5]
  7. Taruskin, Richard. The Oxford History of Western Music, Oxford University Press, 2005. Páxina 485, 498-499. [ISBN 0-19-516979-4]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Planchart, Alejandro Enrique. "The Origins and Early History of 'L'homme armé'". En The Journal of Musicology, Volume 20. Número 3 (verán de 2003). Páxinas 305-357.
  • Wright, Craig. The Maze and the Warrior. Harvard University Press, 2001. [ISBN 0-674-01363-8]