Cantos Ciprios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Cantos Ciprios, ou Ciprias (en grego antigo: Κύπρια, en latín: Cypria 'chipriota'), é unha obra da literatura grega que formou parte do ciclo troiano e que non se conservou. Descoñécese a súa autoría, e os antigos atribúeno a Estasino, Hexesias e mesmo a Homero.

Argumento[editar | editar a fonte]

Os cantos ciprios explicaban as causas, os precedentes e os inicios da guerra de Troia, todo o que non está contido na Ilíada, e parece que quería ser unha introdución. A obra perdeuse, pero grazas ao resumo de Proclo e aos fragmentos existentes podemos facernos unha boa idea do seu contido. Gaia, a terra, cansa da carga da raza dexenerada dos homes, pídelle a Zeus que reduza o seu número. Zeus concede a petición e prepara dous personaxes principais para cumprila, Helena e Aquiles. A beleza de Helena propiciará a causa da contenda entre homes, e a espada de Aquiles será o elemento de exterminio. A obra explica o nacemento de Helena e o matrimonio de Peleo con Tetis, o Xuízo de Paris ata o secuestro de Helena, o encontro dos pretendentes, o rescate de Ifixenia por Artemisa e a viaxe dos heroes a Troia. A guerra non estaba causando suficientes mortos, polo que Zeus provocou a discusión entre Aquiles e Agamenón.

Posíbeis autores[editar | editar a fonte]

A fonte principal dos Cantos Ciprios, e tamén do Ciclo Épico, é a Chrestomatia de Proclo, que, aínda que afirma que o poema foi escrito por Estasino, tamén di que se lle atribúe a Hexesias de Salamina e mesmo ao propio Homero. Estasino, o probábel autor da obra, dicíase que era o xenro de Homero, quen, segundo a tradición, compuxera o poema e llo dera a Estasino cando casara coa súa filla. Ateneo de Naucratis, falando dos Cantos chipriotas, descoñece o autor, e di "quen sexa", aínda que noutra pasaxe di que foi escrito por Hexesias ou Estasino, e engade que Demódamas de Halicarnaso atribuíu a obra a un nativo de Halicarnaso. Os estudos modernos fan que Estasino sexa o autor da obra sen moitas dúbidas, e considérase contemporáneo de Arctino de Mileto, arredor do século -VIII.

O número de libros dos que constaban os Cantos Ciprios é dubidoso. Só se sabe que Ateneo cita o undécimo libro[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Stasinus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. III Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 899-900

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]