Arctino de Mileto
Nome orixinal | (grc) Ἀρκτῖνος ὁ Μιλήσιος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | valor descoñecido Mileto, Turquía |
Morte | valor descoñecido |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, mitógrafo |
Período de actividade | (Con vida en: século VIII a. C. ) |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Encyclopædia Britannica |
Arctino de Mileto foi un poeta épico grego de fama lendaria que nacera, segundo a tradición, en tempos da 9ª olimpíada, é dicir entre -744 e o -741.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dicíase que foi discípulo de Homero, aínda que Dionisio de Halicarnaso o consideraba como o poeta coñecido máis antigo[1]. Fanías de Ereso afirmou que fora derrotado por Lesques de Pirra nunha competición. Arctino é un dos chamados «poetas cíclicos» e compuxo a Etiópida e o Saqueo de Troia, que contribuíron a engrosar o ciclo troiano. Tamén lle atribúen a Titanomaquia.
Estes poemas perdéronse, aínda que se conservan breves fragmentos, ademais de resumos dos dous primeiros na Crestomatía atribuída a Proclo, neoplatónico do século V.
A Etiópida (Αιθιοπις), en cinco libros, chámase así por Memnón, o rei etíope que foi aliado dos troianos despois da morte de Héctor. De acordo con Proclo, este poema continúa a serie de narracións con que acaba a Ilíada.
A Etiópida empeza co anuncio da chegada da amazona Pentesilea para combater en axuda dos troianos e conclúe coa morte e o funeral de Aquiles, e a disputa entre Áiax Telamonio e Odiseo polas súas armas.
O Saqueo de Troia (Iliupersis) narra os acontecementos do final da guerra concernentes ao Cabalo de Troia, Sinón e Laocoonte, a toma da cidade e a marcha dos gregos provocada polo enfado de Atenea ante o rapto de Casandra a mans de Áiax de Oileo. A Pequena Ilíada, normalmente atribuída a Lesques de Pirra, encheu o espazo narrativo entre a Etiópida e o Saqueo de Troia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dionisio de Halicarnaso, Historia antigua de Roma i,68,2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alberto Bernabé Pajares, Fragmentos de épica griega arcaica, Madrid: Gredos, 1979, ISBN 84-249-3524-1.