Saltar ao contido

Abadexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Badexo»)
Abadexo
Pollachius pollachius
Carl von Linné 1758 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Nome curto
P. pollachius Editar o valor en Wikidata
Conservación
Clasificación taxonómica
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
ReinoAnimalia
FiloChordata
SubfiloVertebrata
InfrafiloGnathostomata
SuperclaseOsteichthyes
ClaseActinopterygii
SubclaseNeopterygii
InfraclaseTeleostei
OrdeGadiformes
FamiliaGadidae
XéneroPollachius
EspecieP. pollachius
Identificadores
Freebase/m/05b6sy6 Editar o valor en Wikidata
UNIIJ8J32S7MII Editar o valor en Wikidata
ITIS164728 Editar o valor en Wikidata
OTT1014047 Editar o valor en Wikidata
UICN18125103 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

O abadexo,[1][2][3] badexo [1][4] badeixo,[5] Pollachius pollachius, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.[6][7]

A primeira descrición da especie foi feita por Carl von Linné en 1758 na 10ª edición do seu Systema Naturae [8], data e obra que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas, baixo o nome de Gadus pollachius.

Os exemplares novos (é dicir, os de tamaño pequeno ou mediano) denomínanse cerretas[2] corbelos,[2] corobinas [9], curubelos,[2] paleotas[10], sarretas[2], serretas,[2] sarretos[11] ou zarretas.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ten un corpo alongado e esvelto que mide, habitualmente, entre 40 e 80 cm de lonxitude, se ben pode chegar aos 130 cm (dato rexistrado por Svetovidov).[5] Ten unha cor parda olivácea no dorso, que se vai facendo máis pálida nos flancos ata chegar á branca de prata brillante no ventre.[5] Está cuberto de pequenas escamas revestidas de mucosidade.
Os ollos son grandes, de diámetro maior que a a unha vez e media da lonxitude do fociño. A mandíbula inferior é prominente (sobre todo nos adultos) e carece de barbelas no queixo.[5] Os dentes son pequenos, agudos e subiguais, existindo en ambas as dúas mandíbulas e no vómer; na mandíbula superior forman como unha carda e na inferior dispóñense en dúas filas dianteiras e unha a cada lado das ramas mandibulares. O bordo posterior do maxilar acaba na vertical que pasa polo bordo anterior do ollo.[Cómpre referencia]

A altitude máxima do seu corpo equivale á cuarta ou quinta parte da súa lonxitude e posúe o contorno transversal redondeado. As aberturas nasais están no terzo superior da lonxitude do rostro e a primeira, redonda e pequena, posúe no seu bordo posterior unha membrana que, rebatida, lle serve de opérculo; a posterior, oval e de maior tamaño, carece de membrana dérmica marxinal.

Abadexo pescado en mar aberto cun peso de 7,5 kg.

A primeira aleta dorsal orixínase un pouco antes da vertical que pasa pola abertura anal; é triangular e nos adultos está precedida por un suco. A segunda dorsal ten a base o dobre de longa que a primeira e a primeira aleta anal é a máis longa de todas. As aletas adoitan ser da cor do dorso corporal ou máis claras, semellantes ás manchas dos flancos ou manchadas de cor amarela. A liña lateral do corpo do abadexo destaca pola súa cor escura; nalgúns exemplares pode ser parda, violácea ou agrisada, separada sen transición da cor metálica dos flancos.

A primeira aleta anal é longa, e ten a súa orixe debaixo da metade posterior da base da primeira das tres aletas dorsais. A aleta caudal ten forma de media lúa.[5] A liña lateral é negra e, por riba das aletas pectorais, cúrvase cara ao dorso.[5][12]

Os adultos adoitan posuír unha coloración máis uniforme que a dos novos, aínda que menos intensa e dunha tonalidade máis ocre; no seu dorso poden existir bandas de cor amarela, transversais á dirección dos raios.

Segundo Moreau, nos exemplares novos as dúas primeiras aletas dorsais son dun fondo azulado atravesado por dúas bandas alaranxadas, agás a terceira aleta, que só posúe unha; as anais son vermellas, co bordo pardento, e na axila das pectorais adoita existir unha mancha negra diminuta.

Especies semellantes

[editar | editar a fonte]

O abadexo pode ser facilmente confundido con outros membros moi próximos da familia dos bacallaus: o fogueiro ou burro (Melanogrammus aeglefinus), ou o carboeiro (Pollachius virens), pero existe unha serie de características que os diferencian. O fogueiro ten unha liña lateral recta de cor clara mentres que o abadexo posúe unha liña lateral escura, que se encontra curvada por riba da aleta pectoral. A mandíbula do carboeiro é bastante uniforme, mentres que o abadexo se caracteriza por presentar a mandíbula inferior saínte e sen barbelas no queixo, características propias dos gádidos, e por presentar tres aletas dorsais e dúas anais; as aletas pectorais son pequenas, e as abdominais, que son diminutas, están preto da gorxa.

Características principais

[editar | editar a fonte]
  • Peso máximo: 14 kg.
  • Peso medio (cerca da costa): uns 2,7 kg; no mar aberto, 4,5 kg.
  • Lonxitude máxima: 1,30 m; xeralmente non chega a 1 m.
  • Ciclo de vida: de 8 a 10 anos.

Distribución e ciclo vital

[editar | editar a fonte]

Área de distribución

[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución esténdese polo océano Atlántico nororiental, desde as costas de Islandia e Noruega setentrional, polo norte, ata as costas norteafricanas, polo sur.[13] Abunda fronte as costas de Escocia, e é das especies máis costeiras desta familia.

Aínda que o abadexo é un peixe que procede do Atlántico norte, estendeuse por toda a costa galega, sobre todo polas zonas da Coruña, Vigo e Pontevedra. Atópase en abundancia sobre fondos de rocha aínda que non deixa de existir nos de area e noutros fondos chans de análoga natureza. Adoita verse preto da superficie cando hai bancos de peixes ós que persegue con insistencia.

A súa presenza en augas galegas foi citada por primeira vez por Cornide en 1788, como Gadus pollachius.[14] De Buen (1935) tamén o rexistra como G. pollachius, así como Steindachner en Lozano y Rey (en 1960), que o observou na Coruña e Vigo, e o propio Lozano y Rey, tamén en 1960, na Coruña, Pontevedra e Vigo. Xa co nome actual, Pollachius pollachius, cítanos Lens (1978) en Ribeira; Fernández el al. en Galicia (1978), e sobre fondos da plataforma continental desde o alfoz do Miño ata Fisterra (1979); Iglesias (1981), en polígonos de bateas mexilloeiras na ría de Arousa e Iglesias e González Gurriarán (1984) en polígonos de mexilloeiras na ría de Pontevedra.[15]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Demersal ou de zonas intermedias, vive en augas costeiras, os máis novos (curubelos) máis preto da beiramar, ata os 200 m de profundidade.[5][12] Os individuos de gran tamaño viven en fondos altos, rochosos e abruptos en torno a illotes; os animais pequenos prefiren os fondos areosos, cerca do litoral. Conforme van crecendo, desprázanse a augas máis profundas, onde adoitan vivir cerca das rochas.

Os adultos so nadan en cardumes na época da reprodución.[5]. Esta ocorre na primavera no sur de Noruega e no norte do mar do Norte, ao oeste e sur das illas Británicas e na Península Ibérica, a profundidades de entre 100 e 200 m. Os ovos e as larvas son peláxicos; os ovos eclosionan á semana da desova, e as crías peláxicas permanecen preto da costa durante 2 ou 3 anos, a miúdo en cardumes semellantes aos dos fogueiros.[12]

A desova transcorre entre febreiro e maio, cando a auga está a unha temperatura de 8 a 10 °C. Cada femia pon até catro millóns de ovos. Os ovos flotan cerca da superficie á deriva nas capas superiores do mar; as larvas e crías aliméntanse de plancto na proximidade das costas, crecen ata unha lonxitude duns cantos centímetros e adoptan unha dieta de camaróns, cangrexos e outros crustáceos. Os abadexos novos fan migracións para estenderse por toda a costa.

Os abadexos adultos aliméntanse de peixes pequenos, como espadíns, lanzóns, xardas, arenques e sardiñas, que viven en augas de pouca profundidade, e de crustáceos peláxicos (camaróns ect).[12] Os exemplares máis pequenos acostuman alimentarse de crías de bacallau, ás que acometen por sorpresa dende atrás. O seu método favorito de alimentarse é roldar, mirando cara a arriba entre as algas ou no medio de escollos, agardando nesta posición a que a marea lles traia o alimento, e raras veces descende ata o fondo para alimentarse de vermes, crustáceos e moluscos.

Pesca e consumo

[editar | editar a fonte]

A súa carne é boa e fortemente coloreada, pero consérvase mal. As embarcacións comerciais pescan o abadexo con volantas (os grandes) e trasmallos (os corbelos), sendo tamén frecuente a pesca con liñas e corricán.

Considérase unha excelente peza de pesca deportiva, pois pode pescarse doadamente dende a beira con cana e liñas, e cando prende no anzol deféndese e nada buscando refuxio entre as rochas. Pola noite é facilmente atraído polas luces, feito aproveitado polos pescadores de xarda que o pescan por acometividade, con corricán.

Son unha parte importante das pesqueíras de Inglaterra e o Atlántico norte onde se extrae como pesca adicional nas do bacallau e o fogueiro. As capturas anuais europeas son dunhas 15 000 t.[12]

A súa pesca está en perigo pola sobrepesca, tanto de adultos como de xuvenís. En Galicia, a venda total nas lonxas ascendeu a 302 113 kg en 2009.[16]

É un dos reis da caldeirada, no seu punto xusto de cocción. Pódese preparar tamén á romana e grellado, formando parte adoito das zarzuelas de peixe. Clasifícase dentro dos peixes brancos, polo seu baixo contido en graxa.

Orixe e difusión do nome

[editar | editar a fonte]
Abadexo no Aquarium Finisterrae da Coruña.

Abadexo é voz de orixe castelá, de onde pasou ás demais linguas peninsulares e deu no portugués badejo, en galego abadexo ou badexo, en asturiano abadexu e traducido ao catalán como capellà (de todas formas hai que facer notar que o capellà catalán non é o mesmo peixe que o castelán abadejo, que é exclusivamente atlántico, senón o nome doutras especies de gádidos de menor tamaño, como Gadus luscus, G. minutus e G. capelanus.[17] É un diminutivo de abad (abade, crego), e a súa relación semántica pódese explicar de dúas formas. A primeira, como variación do curadiño,[17] que significaba "bacallau seco" e era o nome que recibía o bacallau en tempos de Cervantes, segundo consta no Quixote (I, 2): «A dita, acertou a ser venres aquel día, e non había en toda a venda senón unhas racións dun peixe que en Castela chaman abadexo, e na Andalucía bacallao, e noutras partes curadiño, e noutras troitela». A segunda posibilidade é que abadexo sexa unha evolución semiculta galego-luso-leonesa do baixo latín abbadagium, que era como se chamaba a contribución en especie que se pagaba aos abades e aos relixiosos. A primeira das dúas posibilidades é a que parece ter máis aceptación.

A primeira documentación da voz abadexo está no Vocabulario do Humanista de Palmireno, de 1569, onde figura como sinónimo de molva e está considerada palabra castelá (s.v. aselli). Ata a publicación do estudo sobre esta obra considerábase como primeira data de documentación a de 1582, nunha obra de santa Tareixa. Pola definición de abadexo que fixo o naturalista malagueño García de la Leña vese que a súa información é libresca: Abadexo ou bacallao: peixe común, coñecido baixo de moitos nomes; algúns distínguennos e téñennos por peixes distintos, por ser menos grosos e máis parduscos que o bacallau, en ter a cabeza máis delgada e longa, e outras pequenas diferenzas. Linneo pono co nome latino de "Gadus pollachius". Viera e Clavijo identifican o abadexo co Gadus pollachius de Linneo, e sinalan que "vulgarmente chamase tamén abade". A documentación da voz dende o século XVI é moi extensa, como consta no Diccionario Histórico.

A difusión actual da palabra é moi grande, ó ter correspondentes en todas as linguas peninsulares. Porén, na gran parte do litoral non é coñecida a especie ou o nome se aplica a outras especies. É voz común e xeral en todo o Cantábrico e en Galicia, mentres que en Andalucía só se coñece na costa gaditana.

Outras denominacións e homólogos estranxeiros

[editar | editar a fonte]

Nas Canarias recóllese abae como nome deste gádido, aínda que tamén designa en varios puntos ao Serranus alexandrinus, o Serranus cabrilla (cabriña) ou o Serranus guaza (cherna común). O –e final da palabra revela a súa orixe portuguesa, malia iso nesta lingua perdeuse e a denominación deste e outros gádidos é badejo, que é un castelanismo.

En Galicia, xunto con badexo e as súas diversas variantes de tipo fónico, tamén ten certa difusión o nome cerreta ou serreta para designar os abadexos novos, ó igual que en todo o Cantábrico. Trátase dunha voz derivada do galego cerro (pronunciado serro nas Rías Baixas, que significa "espiñazo" e que procede do latín cĭrrus, do mesmo significado.[18] Tamén en Galicia os abadexos novos reciben outro nome: curubelo, que se presenta en numerosas variantes como corobelo, corubelo ou corbelo. A pesar de que algunhas destas formas podería facer cavilar que se trata dun derivado de corvo, non parece que sexa esta a orixe, senón que máis ben crese que é unha corrupción dunha forma antiga "curadelo", que é o equivalente galego do nome castelán sinalado por Cervantes curadiño, que designaba primeiro o peixe curado e máis tarde o peixe vivo.[19]

  • Galego: Abadexo, Abadeixo, Badexo ou Corbelo
  • Portugués: Badejo, Juliana
  • Castelán: Abadejo
    • Canarias: Abad
    • Cantabria: Sarreta
  • Catalán: Abadejo
  • Éuscaro: Serrata ou Bakailo
  • Inglés: Pollock, Lythe
  • Francés: Lieu Jaune, Merlan Jaune, Lieu Noir
  • Alemán: Pollack Klamottendosrch, Seelachs
  • Dinamarca: Lubbe, Sej
  • Holanda: Witte Koolvis, Pollack
  • Islandia: Lyr
  • Italia: Merluzzo Giallo
  • Malta: Bakkaljaw
  • Noruega: Lyr
  • Polonia: Grazniak
  • Suecia: Lytorsk
  • Balcans: Ugotica

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1 2 "Dicionario da RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 01 de agosto de 2013.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 Ríos Panisse, M. C. (1997)
  3. Lahuerta e Vázquez (2000)
  4. Rodríguez Solórzano et. al. (1983)
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 Rodríquez Villanueva et al. (1955)
  6. Cohen et al. (1990)
  7. Pollachius Nilsson en WoRMS. (en inglés)
  8. Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp. (Systema Naturae Ver en liña
  9. Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27 .
  10. Camiño Noia Campos et al. (1997): Diccionario de sinónimos da lingua galega. Vigo: Galaxia.
  11. Eladio Rodríguez (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego castellano, 3 vols. Vigo: Galaxia
  12. 1 2 3 4 5 Muus, Bent J. et al. (1998)
  13. Ver mapa de distribución en FishBase Mapa de distribución e imaxes.
  14. Cornide, Joseph (1788)
  15. Solórzano et. al. (1988)
  16. Pescadegalicia.com Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine..
  17. 1 2 Antón Santamarina, en notas etimolóxicas a badexo e curubelo, en Ríos Panisse, Op. cit.
  18. Antón Santamarina, nota etimolóxica en § 360. Gadus merlangus (L.), en Ríos Panisse, Op. cit.)
  19. Véxase nota etimolóxica de Antón Santamarina en Curubelo, no § 362. Gadus pollachius (L.), de Ríos Panisse, Op cit.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cohen, D., Inada, T., Iwamoto, T. & Scialabba, N. (1990): Gadiform Fishes of the World (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fisheries Synopsis, 125, volume 10, pp. 77–81.
  • Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago: Xunta de Galicia.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Verba. Anuario Galego de Filoloxía, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]