Woody Allen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Woody Allen
Woody Allen at the premiere of Whatever Works.jpg
Nacemento Allan Stewart Konigsberg
1 de decembro de 1935
Nova York, Estados Unidos
Profesión Guionista (1950 - presente)
Páxina web oficial
Ficha na IMDb

Allan Stewart Koningsberg, coñecido como Woody Allen, nado o 1 de decembro do ano 1935 en Nova York, é un director de cine, guionista, actor, músico e cómico estadounidense.

Ao longo da súa carreira gañou varios Oscar.O seu elevado número de traballos e o seu peculiar estilo convérteno nun dos directores de cine máis respectados e prolíficos dos últimos tempos. Escribe e dirixe tódalas súas películas e mesmo adoita actuar en gran parte delas. As súas obras inspíranse en múltiples temas: literatura, filosofía, psicoloxía, cine europeo e, sobre todo, na cidade de Nova York, lugar onde naceu e onde viviu toda a súa vida.

Biografía[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Nace en Nova York no seo dunha familia xudía de ascendencia rusa e austríaca. Os seus pais son Martin Köningsberg (Nova York, 1900-2001) quen tivo diversos traballos, como taxista ou camareiro, e a contable Nettea Konigsberg (Nova York, 1908-2002), ambos de crenzas xudías. Tamén ten unha irmá pequena, a produtora Letty Aronson (Nova York, 1943).

Woody Allen pasou a súa infancia na poboación de Flatbush, unha zona de Brooklyn, Nova York. Estudou oito anos nunha escola xudía, logo nunha escola pública e finalmente no instituto Midwood High School. Pese a ser un rapaz intelixente nunca destacou especialmente nos estudos.

Xa de mozo comezou a gañar cartos escribindo chistes para un axente que llelos vendía ós xornais. Durante a súa infancia aprende a toca-lo violín, o que lle axudaría máis tarde na creación das bandas sonoras das súas películas e a converterse nun grande intérprete do clarinete, que adoita tocar en público xunto cunha banda de jazz.

Cinema[editar | editar a fonte]

Escultura de Woody Allen en Oviedo

Con dezaseis anos comeza a escribir para xente famosa coma o actor e escritor Sid Caesar. É nesta época cando troca o seu nome polo de Woody Allen. Ós dezaoito anos matricúlase na New York University, na que estuda cinematografía, pero ante as malas cualificacións acadadas abandona os estudos.

Ós dezanove anos comeza a escribir guións para programas norteamericanos coma The Ed Sullivan Show ou The Tonigh Show. Mentres traballa para o programa de Sid Caesar, Caesar's Hour, coñece a Danny Simon, un famoso guionista de comedias ó que lle pide axuda á hora de estruturar os seus escritos. É tamén neste tempo cando comeza a escribir relatos curtos, a maioría para The New Yorker, e representacións teatrais.

Na década de 1960 inicia a súa carreira como monologuista. Nesta década comeza tamén a escribir guións para a serie de televisión Candid Camera, na que mesmo actúa nalgúns dos episodios. Co tempo os seus traballos caracterizaranse pola súa personalidade neurótica, nerviosa e tímida, trazos característicos das súas personaxes cinematográficas posteriores.

A finais dos anos sesenta escribe pezas de teatro en Broadway, entre as que destacan Play it again Sam. Será en 1969 cando Woody Allen dirixa un guión propio que lle tiña ofrecido ó director británico Val Guest e a Jerry Lewis. Esa película é Take the money and run.

Nos anos setenta xermola a súa relación con Diane Keaton, protagonista da maior parte das súas películas desa época. É unha década de películas de corte narrativo, cómico e surrealista como Sleeper, ou Love and death.

No ano 1977, a carreira de Woody Allen xira de xeito importante logo de dirixi-la película Annie Hall, coa que será galardoado con catro premios Oscar: mellor director, mellor fotografía, mellor actriz e mellor guión. Destaca o feito de que non acudiu a recollelos, senón que preferiu ir a tocar coa súa banda ao Michael's Pub, como cada luns.

Nos anos oitenta Mia Farrow substitúe a Diane Keaton tanto no amor como nos filmes. Nesta época realiza películas como The Purple Rose of Cairo, ou Hannah and Her Sisters, Oscar ó mellor guión.

A comezos dos anos noventa a súa relación con Mia Farrow entra nunha crise e remata cunha violenta ruptura.

Actualmente, Woody Allen vive con Sonn Yi, unha das fillas adoptivas da súa ex-muller Mia Farrow (que a adoptou xunto co seu marido naquel tempo, o director de orquestra e excelente pianista André Previn).

Filmografía[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Woody Allen