Agrarismo
O movemento agrario ou agrarismo foi un movemento de masas no cal o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e de sindicatos agrícolas no primeiro terzo do século XX. O agrarismo é o termo co que se denomina a organización dos labregos en sociedades agrarias ou en sindicatos agrícolas en Galiza a fins do século XIX e sobre todo a partir de 1907 cando apareceu Solidaridad Gallega que axudou a dinamizar o movemento. Os obxectivos do agrarismo era a loita contra o sistema foral e contra o caciquismo ademais de promover a renovación técnica do sector agrario galego.
O agrarismo constituíu o primeiro movemento de masas da idade contemporánea, da súa implantación por toda Galicia resulta revelador que nos anos vinte existisen máis de mil sociedades agrarias, e durante a República diversificouse ideoloxicamente desaparecendo ao estalar a Guerra Civil española.
Índice |
Orixe [editar]
O 28 de xaneiro de 1906 promúlgase a lei de sindicatos agrícolas. Dita lei permite a asociación de campesiños en cámaras agrarias ou comunidades para a adquisición de abonos, trebellos, ou para acadar unha correcta exportación de produtos. Así a todo, o movemento agrario rematou por se-la expresión do conflito social de maior relevo, un conflito que acontece no primeiro terzo do século XX ó reaccionaren os campesiños ante a problemática que se estaba a sufrir no rural, ante o caciquismo, ante os foros...
Pódense establecer catro etapas na evolución dos movementos agrarios:
1ª etapa [editar]
- Na primeira etapa (1907-1915, Restauración borbónica en España) nace o agrarismo. Solidaridad Gallega recolle o testemuño de Acción Regionalista de Alfredo Brañas (desaparecida en 1900) e expresa violentamente a vontade campesiña con graves motíns que culminan cos 9 mortos e 27 feridos dos acontecementos de Oseira en 1909.
Cando o rexionalismo estaba xa case extinguido, no que tiña de acción política organizada, xorde unha nova formación do galeguismo: Solidaridade Gallega.
A orixe deste movemento está na experiencia iniciada con éxito en Cataluña cando Salmerón concibe un pacto electoral pragmático, superador das diferencias partidistas [...] En 1907 preséntase Solidaridade que obtén un clamoroso éxito[1].
No programa de Solidaridad Gallega predomina a idea de defender Galicia, inda que, como sinala Barreiro Fernández, o programa resulta moi inconcreto. Fórmana republicanos, carlistas e rexionalistas (Murguía, Pondal, Uxío Carré Aldao). Recollen a radicalización da loita agraria, conseguen multitudinarias concentracións, e parciais vitorias nas eleccións municipais, inda que non representación parlamentaria. O seu órgano de expresión será A Nosa Terra e constituirán o vencello entre o rexionalismo e o nacionalismo.
Outras organizacións agrarias relevantes desta primeira etapa son Unión Campesiña e Acción Gallega, fundada en 1910 por Basilio Álvarez.
2ª etapa [editar]
Na segunda etapa (1917-1923), a combatividade dos labregos é enorme. Chegan a se enfrontaren coa Garda Civil por procuraren a redención dos foros pretendendo que no haxa ningunha indemnización ós antigos propietarios. A consecuencia da presión exercida serán as redencións masivas de foros que a Ditadura de Primo de Rivera promulgou co decreto de 1926, decreto que permitía ós campesiños ser donos do seu terruño.
3ª etapa [editar]
Nos anos da Ditadura de Primo de Rivera proliferan sindicatos de signo católico que tenden a se confundir co poder do Estado. As súas actividades redúcense á organización da agricultura e á divulgación de abonos e maquinarias polas aldeas galegas.
4ª etapa [editar]
Na segunda República o movemento agrario diversifícase por mor de múltiplas tendencias ideolóxicas (católica, comunista, nacionalista) minorando a súa forza.
Tanto Antonio Noriega Varela como Ramón Cabanillas foron escritores comprometidos co movemento agrarista.
Notas [editar]
- ↑ Barreiro Fernández: Historia de Galicia IV. Galaxia. Vigo 1981