Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Letreiro co plano da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén; ordenou Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.

A antiga lenda xacobea, recollida nos textos medievais, relata que tralo martirio algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia. A travesía fixérona na célebre "barca de pedra"; a tradición conta que foi no Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno, onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.

Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar espelidos para se enfrontar á obstinación da raíña Lupa e a furia dos lexionarios romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). No carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón (Santiago de Compostela).

A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto[1]. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea[2][3].

Translación do Apóstolo na Fonte do Carme en Padrón.

Historia[editar | editar a fonte]

A estrela sobre a arca de mármore. Escudo de Arzúa.

No ano 813, durante o reinado de Afonso II, o ermitán Paio divisou preto do castro Libredón unha estrela sobre unha arca de mármore, avisou de contado ó bispo de Iria Flavia Teodomiro, quen acudiu axiña. Atoparon un sepulcro onde había tres corpos, un deles degolado e coa cabeza baixo do brazo; atribuíronlle os restos ó apóstolo Santiago.

Onde se descubriu o sartego foi erixido un mausoleo no que repousan os tres corpos, coincidindo coa tradición de que os discípulos Atanasio e Teodoro foron soterrados a carón de Santiago apóstolo.

Decatándose o rei Afonso II da transcendencia do descubrimento do sepulcro ou Inventio Xacobea, peregrinou ó sartego no mesmo ano. Ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba, estendendo a nova por toda a Europa cristiá. O achado do sepulcro daríalle ós cristiáns o pulo necesario na loita contra os musulmáns na Península Ibérica.

Afonso III o Magno peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena; ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899. O culto a Santiago foise estendendo progresivamente[4].

A lenda xacobea[editar | editar a fonte]

Cidade vella de Iafa.

Xorden arredor da figura do apóstolo Santiago unha serie de lendas que se acrecentan tralo descubrimento do sepulcro, aumentando a súa sona. Segundo a tradición cristiá predicou o apóstolo na Hispania romana, regresando logo dun tempo a Xerusalén, foi daquela cando Herodes Agripa I o mandou apresar arredor do ano 44, ordenando que fose decapitado.

A lenda xacobea recollida nos textos medievais relata que os discípulos de Santiago apóstolo Anastasio e Teodoro recolleron o corpo decapitado e trasladárono dende o porto de Iafa a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia, facendo a travesía na "barca de pedra", que amarraron no Pedrón, logo da longa viaxe.

O Pico Sacro.

Presentáronse os discípulos diante da raíña Lupa coa intención de atopar un lugar onde dar repouso ó seu mestre; Lupa desconcertada enviounos perante o gobernador de Dugium, preto de Fisterra, quen manda apresar ós intrusos de contado. Mais conseguen escapar os discípulos regresando xunto á raíña.

Solicitáronlle á señora que ós asistise novamente. Dispuxo a raíña Lupa que trasladasen o corpo de Santiago apóstolo nun carro, ofrecéndolle ós discípulos un par de bois bravos; tentando enganalos outra vez enviounos ó monte Ilianus (o pico Sacro) onde tiveron que vencer ó dragón, traendo consigo os bois que se viraron mansos de súpeto. Impresionada a raíña ante os prodixios do santo tomou a determinación de converterse ó cristianismo.

Bautismo da Raíña Lupa por Santiago Apóstolo na Fonte do Carme de Padrón.

Transportaron os bois o corpo do apóstolo, detivéronse os animais no monte Libredón, resolveron entón Anastasio e Teodoro que nese lugar soterrarían o corpo de Santiago[5].

O Códice Calixtino.

O texto medieval máis importante que narra a Translación do Apóstolo, dende Iafa a Iria e dende alí ó lugar onde repousa finalmente, en Compostela, é o célebre Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, no seu Libro III: Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, no prólogo e no capítulo 1[6].

En Xerusalén a Igrexa Apostólica Armenia edificou a catedral de Santiago no lugar onde se di que foi decapitado e depositada a súa cabeza[7].

Etapas[editar | editar a fonte]

Ría de Arousa - Padrón[editar | editar a fonte]

 Os portos da Ría de Arousa - Padrón  

A Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla consta dunha única etapa de 44 millas náuticas. Fíxose o primeiro remonte da ría no ano 1965 contando amais coa implicación do cardenal-arcebispo de Santiago Quiroga Palacios[8], reproducindo a Ruta Marítima Xacobea da translación do Apóstolo a Galicia no século I, segundo indica a tradición.

O punto referente de partida é o Porto de Pedras Negras en San Vicente do Mar ou o de Ribeira, aínda que se pode iniciar a singradura en portos anteriores xeograficamente.

No porto de saída e nos concellos integrantes da ruta facilitarase a "cartilla de navegación"; colocarase obrigatoriamente o primeiro selo antes de comezar o percorrido marítimo. O navegante deberá obter polo menos dous selos máis nalgún dos portos da ría de Arousa ou do río Ulla[3].

O itinerario marítimo-fluvial comeza na boca da ría de Arousa, deixando a estribor as illas Ons, espreitando a illa de Sálvora no setentrión. Pasa fronte a Sanxenxo e ó contorno da Lanzada, e fronte a Ribeira amais a Pobra do Caramiñal.

A singradura prosegue, pasando a carón do Grove e a súa illa da Toxa, distinguíndose xa as terras de Meaño e Cambados.

De seguido a Illa de Arousa, avanzando logo rumbo a Vilanova de Arousa e Vilagarcía, fronte a Carril e á illa de Cortegada, de camiño cara á Catoira, para penetrar no río Ulla.

O tramo fluvial discorre entre os concellos de Dodro e Valga, arribando en Pontecesures, onde o río deixa de ser navegable. Dende Pontecesures a ruta segue cara a Padrón e Iria Flavia. Continua o camiño a Santiago de Compostela seguindo a derradeira etapa do Camiño Portugués[9].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Aparecen no póster orixinal da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, obra de Sánchez Gallego, os seguintes monumentos:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, descrición do percorrido marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla.
  2. Requisitos para la Compostela Arquivado 26 de outubro de 2014 en Wayback Machine., no blog Camino de Santiago, en castelán.
  3. 3,0 3,1 Diploma Traslatio Xacobea, en pdf. Requisitos e condicións para a obtención das cartillas náuticas e o Diploma Traslatio Xacobea establecidas polo Club Náutico de San Vicente do Mar, no traxecto da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
  4. La Catedral de Santiago, La gran obra del maestro Mateo. National Geographic España, en castelán.
  5. La Reina Loba y la llegada del Apóstol Santiago a Galicia Arquivado 24 de decembro de 2014 en Wayback Machine., no blog Excursus: Disgresiones y Leyendas, "un análisis somero del patrimonio cultural gallego", en castelán.
  6. Codex Calixtinus: Códice Calixtino Libro III; relata a translación do apóstolo Santiago a Galicia, en castelán.
  7. Barrio Armenio de Jerusalen ~ Guias de Viajes Online; Catedral de Santiago, en castelán.
  8. A recuperación dunha ruta Arquivado 26 de outubro de 2014 en Wayback Machine., na web Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
  9. Etapa: Ría de Arousa - Padrón, na web Xacobeo Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]