Peggy Guggenheim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPeggy Guggenheim

(1937) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento26 de agosto de 1898 Editar o valor em Wikidata
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte23 de decembro de 1979 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Camposampiero, Padua, Italia
Datos persoais
ResidenciaVenecia Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónCalhoun School (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Venecia Editar o valor em Wikidata
Ocupacióncoleccionista de arte , marchante de arte , mecenas , socialité Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1938 Editar o valor em Wikidata - 1979 Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
FamiliaGuggenheim family (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeMax Ernst (1942–1946)
Laurence Vail
FillosPegeen Vail Guggenheim (pt) Traducir
 () Laurence Vail (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisBenjamin Guggenheim Editar o valor em Wikidata  e Floretta Seligman (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 276736 WikiTree: Guggenheim-84 Find a Grave: 3487 Editar o valor em Wikidata

Marguerite Guggenheim, nada en Nova York o 26 de agosto de 1898 e finada en Padua o 23 de decembro de 1979, foi unha coleccionista e mecenas estadounidense de arte, coñecida como Peggy Guggenheim.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Guggenheim naceu no seo dunha familia de magnates. Era filla de Benjamin Guggenheim, home de negocios, e de Florette Seligman. O creador da Fundación Guggenheim, Solomon R. Guggenheim, era tío seu. O pai de Peggy era de orixe suíza-alemá e a súa nai alemá-neerlandesa.

Os pais de Peggy proviñan de familias xudías que emigraran dende Europa e levaban dúas xeracións facendo fortuna nos Estados Unidos. Nas súas memorias, Peggy lembra que todos na súa familia estaban tolos ou eran moi estraños. Un dos seus tíos maternos, chamado Washington, "tiña o hábito de mascar carbón, o que lle deixou os dentes negros. Mesmo tiña unha chaqueta con petos especiais para gardar o carbón e o xeo, que tamén mascaba. Suicidouse aos cincuenta e seis anos dándose un tiro cunha pistola".[1] Florette, a nai de Peggy, tamén tiña as súas excentricidades; entre elas, o costume de repetir tres veces todo o que dicía.

Á idade de 21 anos, Peggy Guggenheim herdou unha fortuna de 2,5 millóns de dólares (aproximadamente 20 millóns de dólares actuais).[2] O pai de Peggy Guggenheim, Benjamin Guggenheim, faleceu no afundimento do Titanic e non chegou a amasar a fortuna dos seus irmáns; polo tanto, a cantidade que Peggy herdou foi pouca, comparada coa gran riqueza dos seus curmáns.

Vida en Francia[editar | editar a fonte]

Tras terminar os seus estudos, atopou traballo nunha libraría vangardista, onde, guiada polas súas compañeiras, coñeceu a arte vangardista europea por primeira vez. En 1920 mudouse a París, Francia. Unha vez alí trabou amizade cos artistas e escritores das vangardas, moitos dos cales vivían na pobreza no barrio de Montparnasse. En París, Peggy percorreu os museos e as rúas e quedou marabillada pola cidade. En 1921, Peggy viaxou de volta a Nova York para asistir á voda do seu irmán. Nesta mesma estancia en Nova York, Peggy coñeceu a Laurence Vail, que foi o seu primeiro marido, en casa de Helen e Leon Fleischman. Peggy describiu máis tarde o impacto que este home lle causou:

"O seu fermoso, ondulado e dourado cabelo axitábase atrapado polo vento. Eu estaba escandalizada pola súa liberdade e con todo tamén cativada. El vivira en Francia toda a súa vida, tiña acento francés e arrastraba os erres. Era como unha criatura salvaxe. Non parecía importarlle o que a xente pensaba sobre el. Sentín, mentres camiñaba rúa abaixo con el, que podía irse en calquera momento, tiña tan pouca conexión co comportamento ordinario".[3]

Peggy Guggenheim casou con Laurence Vail o 10 de marzo de 1922 e xuntos pasaron a súa lúa de mel en Roma e Capri.

A través de Laurence, Peggy fíxose amiga de Mary Reynolds (con quen Laurence tivera un amorío anteriormente), que axiña foi a acompañante de Marcel Duchamp, e de Djuna Barnes (tamén ex-amante de Laurence). Entre outros artistas, Peggy coñeceu a Tristan Tzara e varios dadaístas nestes primeiros anos da súa estancia en París.

Os problemas na súa relación con Laurence non se fixeron esperar. Peggy foise dando conta de que Laurence era demasiado agresivo, golpeábaa en público e nunha ocasión mergullouna dentro da bañeira por tanto tempo, que Peggy sentiu que ía asfixiar. Segundo a súa biógrafa Mary Dearborn, Peggy Guggenheim tiña un forte complexo de inferioridade, que tiña dúas causas principais: o seu nariz de aguia e as súas raíces xudías. Isto provocou que moitas veces Peggy fose abusada tanto física como psicoloxicamente sen que ela fixese nada para impedilo.

Pouco despois da súa voda, Peggy deuse de conta de que estaba embarazada e durante este tempo pasou os seus días na localidade de Le Trayas, e comprou o seu primeiro automóbil de luxo, un Gaubron convertible que Laurence aprendeu a manexar.

O neno naceu o 15 de maio de 1923, e foi bautizado (polos amigos de Peggy e Laurence) como Michael Cedric Sindbad Vail. Tralo seu nacemento, o matrimonio foi a pasar o tempo en Normandía, onde Peggy Guggenheim coñeceu a James e Nora Joyce e Man Ray, entre outros. Tras isto volveron viaxar a Capri, e de aí a Amalfi e Exipto. Ao seu regreso de Exipto, deron unha festa na súa casa de Montmatre. Este tipo de festas aburrían a Peggy, bebía moito e non se achaba cos invitados que tamén estaban bébedos, tampouco lle gustaba que as demais persoas fixesen o amor na súa cama, e iso sucedeu máis dunha vez.

Por esta época Man Ray tomoulle as famosas fotos onde ela usa un vestido longo e folgado.[4]

Tras volver de Exipto, o matrimonio volveu emprender unha viaxe, esta vez os destinos foron Venecia e Rapallo, onde visitaron o poeta Ezra Pound. Peggy volveu quedar embarazada e durante este tempo viaxou a Nova York e de regreso quedou en Suíza, onde naceu a nova criatura, unha nena que foi bautizada como Pegeen Vail Guggenheim.

En 1927, mentres estaba en París, Peggy Guggenheim coñeceu a Isadora Duncan, que pasaba por tempos difíciles. Probablemente Isadora esperaba que Peggy a axudase economicamente, pero se era así, Peggy decepcionouna enormemente. A pesar de todo, Peggy fixo unha festa en honra de Isadora. A esa reunión asistiron Cocteau, Hemingway, Pound, Gide, Natalie Barney e Jules Pascin. Á festa tamén asistiu Marcel Duchamp, que mantiña unha relación con Mary Reynolds.

Os primeiros meses de 1928, os Vail, pasáronos no sur de Francia con Emma Goldman. Durante ese tempo as actitudes de Laurence volvéronse máis agresivas. Nas súas memorias, Peggy lembra unha ocasión en que Laurence a fixo meterse no mar e, coa roupa mollada, obrigouna a ir ao cine. Noutra ocasión, ese mesmo ano, Laurence lanzouna escaleiras abaixo, queimou un dos seus xerseis e camiñou sobre o seu estómago máis de catro veces durante a mesma tarde. A finais de decembro de 1928, Peggy Guggenheim abandonou a Laurence, obtendo, de paso, a custodia de Pegeen, mentres Laurence quedou coa de Sindbad.[5]

Inglaterra[editar | editar a fonte]

Apoiándoa para escapar de Laurence Vail estaba un escritor inglés de nome John Holms; unha vez que Peggy se liberou de Laurence, namorouse de Holms.

Durante un ano, a parella alugou o Hayford Hall, ao que os amigos rebautizaron Hangover Hall ("Salón da Resaca"), en Devon. Durante ese período, a escritora Djuna Barnes, que viviu coa parella durante un tempo, terminou de escribir a súa novela Nightwood.

Cando o prazo da renda de Hayford Hall terminou, a parella mudouse a Londres. Da súa relación con Holms, Peggy escribiu: "El sabía que eu era metade trivial e metade extremamente pasional, e esperaba poder eliminar o meu lado trivial". A morte de John por mor dun infarto en 1934 foi un duro golpe para ela.

Próxima aos 40 anos de idade, a vida privilexiada de Peggy tomou unha nova dirección. En 1937, a súa nai morreu, deixando a Peggy con outros 450 000 dólares dos cales dispor. Decidiu establecer unha galería, por consello dos seus amigos. En palabras de Peggy: "Alguén suxeriu que puxese unha galería ou unha casa editorial, e eu pensei que unha galería sería menos cara. Por suposto, nunca pensei nas grandes cantidades de diñeiro que podería chegar a gastar".

Duchamp e Beckett[editar | editar a fonte]

Peggy non sabía moito de arte moderna ("os meus coñecementos de arte chegaban ata o impresionismo"), pero axiña aprendeu de Duchamp, que lle ensinou a diferenza entre arte abstracta e surrealismo, entre outras leccións (máis tarde Peggy dixo de Duchamp que "foi a persoa máis influente na miña vida"). "Tomei consellos dos mellores... escoitei e como escoitei! Así foi como finalmente me convertín na miña propia experta".

Peggy viaxou a París para buscar os artistas que exporían na súa galería. Entre reunións con pintores e escultores, tivo un amorío co escritor irlandés Samuel Beckett, de quen chegou a escribir: "As súas idas e vindas eran completamente impredicibles, cousa que eu atopaba moi excitante, presentábase a media noite con catro botellas de champaña e non me deixaba erguerme da cama por dous días"; con todo, Beckett "sufría de horribles momentos de crises, cando sentía que se estaba sufocando" cousa que tiña que ver con "os seus terribles recordos da súa vida no ventre da súa nai".[6]

En 1938, a galería de Peggy, Guggenheim Jeune, situada no número 30 de Cork Street (xunto á galería de Roland Penrose e a de E. L. T. Mesens) de Londres foi inaugurada cunha exposición de Jean Cocteau. A arte surrealista e abstracta que Cocteau exhibiu era descoñecida no Reino Unido. Moita xente estaba desconcertada, se non molesta, por este tipo de "arte nova" e poucos compraron os cadros. En afán de fomentar as vendas e consolar os artistas, a mesma Peggy comezou a comprar as obras secretamente. "Así foi como comezou a colección", escribiu máis tarde.

A exposición da obra de Cocteau foi seguida por exhibicións de Wassily Kandinsky (sendo esta a primeira vez que Kandinsky expuña no Reino Unido), Yves Tanguy, Wolfgang Paalen e outros artistas, tanto famosos como emerxentes. Peggy Guggenheim convocou a exposicións de colaxe e escultura, coa participación de artistas como Antoine Pevsner, Henry Moore, Alexander Calder, Raymond Duchamp-Villon, Constantin Brâncuși, Jean Arp, Max Ernst, Pablo Picasso, Georges Braque e Kurt Schwitters. Peggy admiraba tamén o traballo de John Tunnard e é acreditada como a súa descubridora na historia modernista.

Francia[editar | editar a fonte]

A resposta negativa do público inglés obrigou a Peggy a pechar a galería en 1939 (tras perder 600 libras) e regresar a París nunha nova misión de compras, esta vez apañando obras para un museo de arte moderna que pensaba abrir en París, na Praza Vendôme. Levaba consigo unha lista elaborada polo filósofo Herbert Read (quen fora director da súa galería en Londres) con varios nomes de escultores, fotógrafos e pintores, dos que debía comprar obras.

Peggy estaba aínda en París cando a segunda guerra mundial estalou. En lugar de retirarse á seguridade de Nova York, Peggy alugou un apartamento e comezou a comprar obras como tola. O seu lema era "unha pintura ao día", e co exército alemán entrando polo norte do país, o que menos faltaba eran vendedores. "Todos sabían que eu estaba no mercado comprando o que fose". Gastou preto de 40000 dólares en pinturas e esculturas, a miúdo comprando directamente aos artistas a prezos de rebaixa.

Max Ernst[editar | editar a fonte]

O 12 de xuño de 1940, dous días antes de que os alemáns invadisen París, Peggy finalmente fuxiu a Grenoble, no sur de Francia. A súa colección fora almacenada no celeiro dun amigo na Francia central para salvagardala da rapina nazi (Peggy estaba furiosa de que o Louvre se negou a almacenala, argumentando que era demasiado moderna para gardala). Pero pronto volveu ao de costume, despois de que un grupo de amigos pintores (incluído Max Ernst, que escapara dun campo de concentración) lle pedise que os axudase a escapar de Francia. Tras varios meses vivindo en Marsella, onde tivo un "luxurioso amorío" con Ernst, Peggy e os artistas rescatados escaparon aos Estados Unidos en xullo de 1941.

Nova York[editar | editar a fonte]

De volta en Nova York, Peggy e Max aloxáronse nunha mansión en East River, e casaron en decembro dese mesmo ano. En outubro de 1942, Peggy abriu en Manhattan unha nova galería chamada "The Art of This Century Gallery" (Galería "A arte deste século"). A galería estaba dividida en diferentes salas, cada unha cun tema artístico, así pois, había unha sala para o surrealismo e outra para cubismo, ademais dun espazo para a venda de obras.

Jackson Pollock[editar | editar a fonte]

En 1943, Peggy Guggenheim estaba a buscar novos talentos para a exposición do Salón de Primavera que sería exhibida na súa nova galería, e como parte desta procura de talentos colocou un anuncio na revista Art Digest. O anuncio especificaba que calquera artista norteamericano menor de trinta e cinco anos podía presentar mostras da súa obra. Os finalistas serían elixidos por un xurado conformado por Peggy Guggenheim, Piet Mondrian, Marcel Duchamp, James Joseph Sweeney e James Thrall Soby.

Un dos artistas que tiñan que considerar foi Jackson Pollock. O secretario e conselleiro de Peggy, Howard Putzel, resultou ser un temperán impulsor de Pollock, referíndose a el como "xenio" e Matta tamén recomendara a Pollock. Pero Peggy parecía non poder apreciar o xenio de Pollock. Putzel, insistíndolle a Peggy que considerase a Pollock para o próximo Salón de Primavera, foi ao estudo de Pollock na Oitava Avenida e levou unha selección da súa obra á The Art of This Century Gallery para consideración do xurado. Mentres Mondrian examinaba Figura Estenográfica (Stenographic Figure) (1942) de Pollock, Peggy comentou: "Bastante fea non si? Iso non é unha pintura ou si?" Despois de que Mondrian estivese fronte á pintura por varios minutos, ela continuou a súa crítica: "Hai unha absoluta falta de disciplina nisto", agregando que ela non cría que Pollock fose admitido para a exhibición. Mondrian respondeu, "Peggy, non o sei. Teño o sentimento de que esta pode ser a pintura máis emocionante que vin desde fai moito, moito tempo, aquí ou en Europa". Peggy protestou dicindo que non era a clase de cousas que esperaba que fosen do gusto de Mondrian, el respondeu que só porque fose diferente da súa propia obra non significaba que debía de desgustarlle, agregando, "eu non sei suficiente sobre este autor como para cualificalo de grande, pero sei que me obrigou a determe e observar. Onde ti ves falta de disciplina eu teño a impresión de percibir unha enerxía tremenda".

Cando a exposición foi inaugurada, Figura Estenográfica foi incluída. E os críticos, como Mondrian, estaban emocionados. A exhibición recibiu moi boas críticas da prensa estadounidense, pero a que realmente salientou a inclusión da obra de Pollock apareceu escrita por Jean Connolly (amiga de Peggy) o 29 de maio no xornal Nation e dicía: "Por primeira vez o futuro revela un brillo de esperanza", comentaba algunhas obras de Matta, Motherwell e outros como "pinturas que sería un pracer posuír", e logo agregaba, "hai un gran Jackson Pollack (sic) que, dixéronme, fixo que o xurado entornase as pestanas".

Anos máis tarde, Peggy Guggenheim dixo que "o descubrimento de Pollock foi, por moito, o meu máis notable logro individual". Mais en anos posteriores, Peggy resentiu que a súa asociación co artista fose subestimada ("todo o que fixen por Pollock foi minimizado ou completamente esquecido"). Cando ela apoiaba a carreira de Pollock, vendía as súas pinturas por non máis de 1000 dólares; hoxe en día as súas pinturas valen máis de 100 millóns.

Diariamente, Peggy ía acompañada dos seus cans á galería. De noite, organizaba festas salvaxes ás cales asistían convidados do medio artístico. Peggy dixo que, durante cinco anos, foi á cama en estado de ebriedade. Pollock de cando en cando era convidado a estas festas, xa que "bebía demasiado e, cando o facía podía chegar a ser incómodo por non dicir diábolico". Nunha ocasión, Pollock, tras deixar na súa casa unha gran pintura que lle encargaron (Mural, 1944), foi directo ao minibar de Peggy e, tras embriagarse coas botellas que alí había, ouriñou na cheminea.[7]

En 1943, Max Ernst e Peggy Guggenheim separáronse. En 1947 Peggy Guggenheim pechou a súa galería. "Estaba exhausta polo meu traballo na galería, a cal me converteu nunha especie de escrava".

Venecia[editar | editar a fonte]

Tumba de Peggy Guggenheim, xunto á plama que lembra os seus Lhasa Apsos

Peggy decidiu regresar a Europa, establecéndose en Venecia, unha das súas cidades favoritas, onde permanecería polo resto da súa vida.

O 30 de setembro de 1948 a XXIV Bienal de Venecia dedicoulle un pavillón exclusivo a algunhas obras da colección de Peggy Guggenheim; entre estas obras atopábanse seis de Jackson Pollock (Eyes in the Heat, The Moon Woman e Two). A exposición emprendeu unha xira por Italia, sendo exhibida en Florencia (febreiro de 1949) e Roma (xuño de 1949). Peggy escribiu unha carta á galerista Betty Parsons datada o 8 de outubro de 1949: "Aquí na Bienal, Pollock foi considerado con moito, o mellor de todos os pintores americanos".[8]

Mentres a súa colección viaxaba por Italia, Peggy comprou o Palazzo Venier dei Leoni e adecuouno ao seu modo de vida. Compartíao cos seus serventes, os seus invitados e os seus once cans. En 1951 abriu as portas do seu palazzo ao público. Tres tardes á semana, o público podía entrar a ver a magnífica colección (mesmo había pinturas no baño). A adega do palacio foi convertida nun estudio de artista para os que quixesen traballar aí. O seu costume de organizar festas seguiu vixente e na súa casa reuníanse celebridades como Yoko Ono ou Truman Capote.

A principios dos anos 60 deixou de coleccionar, aínda que prestaba as súas obras a exposicións.

En marzo de 1967, a súa filla, Pegeen, faleceu en circunstancias misteriosas na súa casa de París. Pegeen, que era unha pintora alcohólica e adicta ao Valium e ás pílulas para durmir, tentara suicidarse previamente e foi atopada tirada no piso da súa habitación polo seu esposo, o artista inglés Ralph Rumney. Peggy, que foi informada da morte da súa filla por medio dun telegrama mentres estaba de viaxe en México, nunca se recuperou da perda.

En 1962, Peggy foi nomeada cidadá honoraria de Venecia e podía ser vista con frecuencia percorrendo as canles de Venecia na súa góndola privada. Nunha ocasión escribiu a un amigo: "Adoro flotar até tal punto que non podo pensar en nada máis fermoso dende que deixei o sexo, ou mellor dito, dende que o sexo me deixou".

Pouco antes de morrer, Peggy escribiu: "Vexo cara atrás na miña vida con gran alegría. Creo que foi unha vida con moi éxito. Sempre fixen o que quixen e nunca me importou o que os demais pensasen. Liberación da muller? Eu era unha muller liberada antes de que houbese un nome para iso".

Marguerite "Peggy" Guggenheim morreu por mor dunha apoplexía o 23 de decembro de 1979 en Camposampiero, preto de Padua.

Legou o seu palazzo e a súa colección á Fundación Guggenheim, a condición de que as obras de arte se mantivesen xuntas e expostas en Venecia (Colección Peggy Guggenheim). Iso explica que non sexan trasladadas a Nova York, salvo para exposicións temporais.

Peggy Guggenheim foi enterrada no xardín da súa mansión veneciana, preto dos seus queridos cans.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Peggy Guggenheim foi interpretada por Amy Madigan no filme Pollock (2000), dirixido e protagonizado por Ed Harris, baseado na vida do pintor.
  • O 10 de marzo de 2005 estreouse no Promenade Theatre en Broadway unha obra de teatro de Lanie Robertson baseada na vida de Peggy Guggenheim, que foi interpretada por Mercedes Ruehl.
  • Fiona Shaw interpretouna na obra para radio de Bethan Roberts My Own Private Gondolier, sobre a súa filla Pegeen. Emitiuse por primeira vez en BBC Radio 4 o 19 de outubro de 2010.
  • En abril de 2015 estreouse o documental Peggy Guggenheim: Art Addict.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mistress of Modernism. The life of Peggy Guggenheim. Mary V. Dearborn. Google Libros.
  2. Peggy Guggenheim. Wikipedia en inglés. 2010.
  3. Confessions of an Art Addict. Peggy Guggenheim.
  4. "Fotografías". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  5. "Lifestyle Yahoo. Peggy Guggenheim: Mistress of Modernism.". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2010. Consultado o 31 de marzo de 2017. 
  6. Kuspit, Donald. "Free Online Library. Confessions of an Art Addict". 
  7. "Early 1944: Jackson Pollock paints a mural for Peggy Guggenheim who later spreads a rumour that he urinated in her fireplace on the day of its installation. www.warholstars.org". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2018. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  8. Deborah Solomon, ``Jackson Pollock: A Biography. Nova York: Cooper Square Press, 2001.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Confessions of an Art Addict, Peggy Guggenheim, Ecco Press, Hopewel, N.J. 1997, ISBN 0-88001-576-4
  • Peggy Guggenheim: Mistress of modernism (Peggy Guggenheim: Amante del Modernismo), Mary V. Dearborn, Houghton Mifflin Books, 2004, ISBN 0-618-12806-9
  • Memorias de una "Femme Fatale" del arte, Bastei-Lübbe, Bergisch Gladbach 1988, ISBN 3-404-10442-0
  • Peggy Guggenheim, Francine Prose, Turner 2016, ISBN 978-84-16714-00-1

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]