Wassily Kandinsky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Wassily Kandinsky
Nacemento 16 de decembro, 1866
Lugar de nacemento Moscova, Rusia
Morte 13 de decembro, 1944
Lugar de morte Neuilly-sur-Seine, Francia
Nacionalidade Rusa
Eido Pintura
Movemento Expresionismo, arte abstracta
Traballos Der Blaue Reiter
En Branco II

Wassily Kandinsky ou Vasily Kandinsky, en ruso: Василий Кандинский, nado en Moscova o 16 de decembro de 1866 (4 de decembro segundo o antigo calendario ruso) e finado na Illa de Francia o 13 de decembro de 1944, foi un pintor ruso e teórico da arte, precursor da abstracción na pintura e un dos artistas de máis sona do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Kandinski naceu en Moscova, aínda que pasou a súa infancia en Odessa. Estudou leis e económicas na Universidade de Moscova e non foi ata os 30 anos cando empezou a pintar.

En 1896 estableceuse en Múnic e estudou na súa Academia de Belas Artes. Promoveu numerosas actividades artísticas e organizou diversos grupos nos que xuntou a importantes artistas da vangarda europea, destacando en 1911 a fundación de Der Blaue Reiter, aberto a diferentes tendencias pero no que os integrantes defendían unha linguaxe non convencional con preocupacións teóricas pola cor. Nas súas primeiras pinturas hai influencias de Claude Monet, dos fauvistas e dos expresionistas de Die Brücke, pero a partir de 1908 a cor esténdese en superficies amplas e os elementos naturalistas tenden a desaparecer. As obras posteriores a 1910 (ano no que fixo a súa primeira acuarela abstracta) pódense cualificar en xeral de abstractas, son expresións espontáneas de carácter interior e substancia espiritual. A linguaxe baséase en exclusiva en formas e cores que traducen simbolicamente as emocións anímicas de Kandinsky.

Volveu a Moscova en 1918 despois da Revolución e adicouse a tarefas de organización cultural e artística, pero recibiu inspiracións dos vangardistas rusos. Por cousa dos seus conflitos cos teóricos da arte oficiais volveu a Alemaña en 1921, foi profesor na Bauhaus desde 1922 ata que foi pechada polos nazis en 1933. Durante a súa etapa da Bauhaus racionaliza a súa linguaxe empregando elementos máis xeométricos sen perder cromatismo, tratando de establecer unha mellor comunicación co espectador facéndoo partícipe da súa emoción e pensamento mediante ordenacións expresivas e determinantes. Os últimos anos pasounos en Francia e fíxose cidadán francés en 1939.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

No ano 1901 funda o grupo Phalanx, cuxo propósito principal é introduci-las vangardas francesas no provinciano ambiente muniqués, para o cal abre unha escola na que dá clases. As súas pinturas dos primeiros anos do século son paisaxes executadas con espátula, nun comezo sombrías, para logo adquirir unha intensidade case propia do fauvismo; tamén pinta temas fantásticos baseados nas tradicións rusas ou na Idade Media alemá. Este período está marcado pola experimentación técnica, en particular no uso da temple sobre un papel escuro, para dar unha impresión de superficie transparente, iluminada dende atrás. A consistencia tonal do claroescuro enfatiza o esquema borrando a distinción entre as figuras no fondo, resultando unha composición case abstracta.

No ano 1902 expón por primeira vez coa Secession de Berlín e realiza as súas primeiras xilografías. Nos anos 1903 e 1904 viaxa por Italia, Países Baixos, África e visita Rusia. En 1904 expón no Salón de Outono de París.

En 1909 é elixido presidente do Neue Künstlervereinigung München (NKVM). A primeira exposición do grupo ten lugar na galería Thannhauser de Múnic ese mesmo ano. Cara o final da década, as pinturas de Kandinsky denotan unha gran tendencia á planitude pola equivalencia na intensidade das áreas de cor e a superficie relucinte que destrúe toda ilusión de profundidade. As series de cadros de xinetes en combate comenzan no ano 1909 e, nelas, a liña do horizonte vaise erradicando gradualmente, ó igual que outras referencias espaciais.

Madurez[editar | editar a fonte]

No ano 1910 fai a súa primeira acuarela abstracta, na que "(...) nas manchas máis escuras predominan dúas cores, o vermello e o azul, que evidentemente están relacionadas porque sempre están xuntos. O vermello é unha cor cálida e tende a expandirse; ó azul é frío e tende a contraerse a si mesmo. Kandinsky non aplica a lei dos contrastes simultáneos senón que a comproba; e segundo os casos, é dicir, segundo os impulsos que sinte, válese de ámbalas dúas para que se limiten ou se impulsen mutuamente. Hai tamén signos lineais, filiformes; son, en certo modo, indicacións de posibles movementos, son trazas que suxiren a dirección e o ritmo das manchas que vagan polo papel. Poñen en movemento a toda a acuarela(...)" (Argan).

Na Composición IV de 1911, as figuras están tan simplificadas, a cor é tan arbitraria e o espazo tan confuso que é imposible distingui-lo tema sen a referencia dos cadros anteriores da serie. Especialmente desorientador para o espectador é o xeito no que se usa a liña, tanto como elemento independente, ou ben como límite para a cor.

En 1911 Kandinsky e Franz Marc retíranse do NKVM e sentan as bases do Der Blaue Reiter, editando un almanaque en 1912. A primeira exposición ten lugar en decembro, na galería Thannhauser de Múnic.

No ano 1911 Kandinsky publica Do Espiritual no Arte; en 1912 publícase o almanaque con obras de Kandinsky e Marc, e ten lugar a segunda exposición do Blaue Reiter na galería Hans Goltz. Este mesmo ano ten lugar a primeira exposición individual de Kandinsky na galería Der Sturm de Berlín. Os temas preferidos de Kandinsky nesta época son violentos e [[Apocalipse|apocalípticos], e teñen a súa orixe nas imaxes relixiosas populares de Alemaña e Rusia. Cara o ano 1912 o seu traballo xa pasou por varias evolucións produtivas.

En 1913, cando pintaLiñas negras, xa non se pode falar de abstracción a partir dun tema; a cor e a liña tomaron por sí mesmas tal expresividade que xa non seguen un modelo preestablecido. Obras como esta son as primeiras verdadeiramente abstractas.

Arte abstracta[editar | editar a fonte]

Fuga 1914

O desenvolvemento de Kandinsky cara a abstracción atopa a súa xustificación en "Abstracción e empatía" de Wilhelm Worringer, que se publicara no ano 1908. Worringer argumenta que a xerarquía de valores ó uso, baseada nas leis do Renacemento, non é válida para considera-la arte doutras culturas; moitos artistas crean dende a realidade pero cun impulso abstracto, que fai que as últimas tendencias da arte se dean en sociedades menos materialistas.

Kandinsky, ó igual que Piet Mondrian, estaba interesado tamén na teosofía, entendida como a verdade fundamental que subxace detrás de doutrinas e rituais en todas as relixións do mundo; a crenza nunha realidade esencial oculta tralas aparencias, proporciona unha obvia racionalidade á arte abstracta.

En Do espiritual na arte, fala dunha nova época de grande espiritualidade e da contribución da pintura a ela. A arte nova debe basearse nunha linguaxe de cor e Kandinsky dá as pautas sobre as propiedades emocionais de cada ton e de cada cor, a diferenza de teorías sobre a cor máis antigas, el non se interesa polo espectro senón só na resposta da alma.


En 1913 unha obra súa preséntase no Armory Show de Nova York e, ó estoura-la Primeira Guerra Mundial, volve a Rusia, instalándose en Moscova, ata o ano 1921.

A partir da Revolución de Outubro do ano 1917, Kandinsky desenvolve un traballo administrativo para o Comisariado do Pobo para a Educación; entre os proxectos deste organismo está a reforma do sistema educativo das escolas de arte. En 1920 foi un dos fundadores en Moscova do INKhUK (Instituto para a Cultura Artística), ó longo dese ano xurdiu o conflito entre Kandinsky, Malevitch e outros pintores idealistas fronte ós produtivistas (ou construtivistas), Vladimir Tatlin e Alexander Rodchenko. Este último grupo atopou un forte apoio no "plan de propaganda monumental", ideado polas autoridades políticas da Revolución. A situación de tensión propiciou a saída de Kandinsky de Rusia.

En 1922 trasládase a Weimar (Alemaña), onde imparte clases teóricas para a Escola da Bauhaus. En 1926 publícase o seu libro Punto e liña sobre o plano. Contribución á análise dos elementos pictóricos, unha continuación orgánica do seu traballo anterior Do espiritual no arte. Permanecerá na Bauhaus ata o ano 1933 cando o Terceiro Reich clausura a institución.

Dende 1933 establécese en París, onde continuará a súa carreira como artista ata a súa morte no ano 1944.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Wassily Kandinsky Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]