Harold Abrahams

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de medallas
Atletismo
Xogos Olímpicos
Ouro París 1924 100 m
Prata París 1924 4x100 m

Harold Maurice Abrahams, (15 de decembro de 1899 — 14 de xaneiro de 1978) foi un atleta británico valedor da Orde do Imperio Británico. Foi campión nos Xogos Olímpicos de verán de 1924 en 100 metros lisos, feito no que se inspirou a película Chariots of Fire de 1981.

Biografía[editar | editar a fonte]

O pai de Abrahams, Isaac, emigrou a Inglaterra desde a antiga Polonia (que formaba parte do Imperio Ruso) dunha zona que actualmente é Lituania. Traballou nas finanzas e asentouse en Bedford coa súa muller galesa, Ester. Abrahams foi o irmán máis novo doutro atleta británico, o saltador de lonxitude sir Sidney Abrahams. Estudou en Bedford no Repton School e no Gonville e Caius College da Universidade de Cambridge, despois preparouse para ser avogado. Antes de ir a Cambridge foi tenente primeiro do exército británico.

Sprínter e saltador de lonxitude desde a súa nenez, continuou competindo mentres estivo a estudar en Cambridge. Conseguiu praza no equipo británico dos Xogos Olímpicos de verán de 1920. Estes xogos non foron moi exitosos para Abrahams que foi eliminado en cuartos de final de 100 e 200 m. lisos, e rematou vixésimo en salto de lonxitude. Tamén competiu en relevos 4 x 100.

Despois de dominar os torneos nacionais de carreiras de sprint e de salto de lonxitude, Abrahams preparouse por libre para conseguir as medallas dos Xogos Olímpicos de verán de 1924, en París, Francia. Eric Liddell presentoulle ao adestrador Sam Mussabini, e Abrahams, apoiado polo seu irmán, contratouno.

Durante seis meses Sam Mussabini adestrou a Abrahams nos 100 metros lisos, cos 200 metros lisos como obxectivo secundario. Cun vigoroso adestramento Abrahams perfeccionou a súa saída, zancada e estilo. Un mes antes dos Xogos de 1924, Abrahams fixou o récord de salto de lonxitude en 7,3787 metros, un récord que se mantería durante os próximos 32 anos. Ese mesmo día correu as 100 iardas en 9,6 segundos, pero o récord non se recoñeceu porque a pista tiña unha lixeira inclinación cara abaixo.

Abrahams gañou os 100 m. lisos, batendo a todos os favoritos estadounidenses (incluído o gañador da medalla de ouro de 1920 Charlie Paddock). En terceiro lugar quedaría Arthur Porritt, máis tarde gobernador xeral de Nova Zelandia. A carreira de 100 m. lisos da Olimpíada de París de 1924 tivo lugar o 7 de xullo ás 7,00 PM, desde ese día, todos os anos, o 7 de xullo ás 7,00 PM Porritt e Abrahams cearon xuntos, ata a morte de Abrahams. Na carreira de 200 m. chegou á final, rematou no sexto e derradeiro posto, (Eric Liddell tamen correu os 200 m. e rematou terceiro). Como corredor de apertura no equipo de relevos 4x100, Abrahams gañou unha segunda medalla olímpica, unha de prata. Abrahams non competiu en salto de lonxitude.

En maio de 1925, Abrahams racha unha perna mentres posaba para os fotógrafos e a súa carreira atlética rematou. Volve á avogacía. En 1928, foi capitán do equipo olímpico británico en Amsterdam e editor do Official British Olympic Report para eses Xogos. A raíz deste feito traballou como xornalista deportivo durante corenta anos, comezando como comentarista radiofónico de deportes na BBC. En 1936, retransmitiu para a BBC a Olimpíada no Berlín nazi. Posteriormente, foi presidente da Asociación Atlética Xudía. Máis adiante foi presidente da Asociación Atlética Amateur. Abrahams converteuse ao catolicismo en 1934.

En 1935 Abrahams casou coa soprano Sybil Evers (mal chamada Sybil Gordon na película “Carros de fuego”). Escribiu numerosos libros, entre outros “The Olympic Games, 1896-1952” e “The Rome Olympiad, 1960”. Foi cronometrador para a milla de 4 minutos de Roger Bannister.

Harold Abrahams morreu en Enfield o 14 de xaneiro de 1978, aos 79 anos. Foi soterrado no cemiterio de San Xoán o Batista en Great Amwell, Hertfordshire.

Harold Abrahams foi homenaxeado polo English Heritage cunha placa azul na súa antiga casa en Golders Green, noroeste de Londres. A placa foi descuberta pola súa filla Sue Pottle e o seu sobriño Tony Abrahams. Viviu en Hodford Lodge, nº 2 de Hodford Road, de 1923 a 1930, anos durante os que acadou grandes éxitos, incluída a súa famosa vitoria en París nos 100 metros lisos.

Abrahams foi inmortalizado na película de 1981 “Carros de fuego”, que gañou catro Óscar incluíndo o da mellor película. A homenaxe no seu funeral serve como argumento da película, que conta a súa historia, así como a de Eric Liddell. Foi incorporado ao International Jewish Sports Hall of Fame (Sala da Fama do Deporte Xudeu Internacional) en 1981.

Abrahams foi moi respectado. O defunto Norris McWhirter, fundador do Libro Guinness dos Records Mundiais, comentou unha vez que Abrahams “guiado pola súa pura forza de vontade e con moi poucos apoios ergueu o atletismo dun deporte minoritario a un importante deporte nacional”.

Citas[editar | editar a fonte]

Sempre crin que Harold Abrahams foi o único sprínter europeo que podería correr con Jesse Owen, Joe Candito, Ralph Metcalfe, e os outros grandes esprínters dos EE.UU. Foi na súa clase, non só polas súas características naturais (o seu magnífico físico, o seu espléndido temperamento na carreira, a súa aptitude nas grandes ocasións) senón tamén porque entedeu o atletismo e adicoulle máis intelixencia e traballo á materia que calquera outro corredor da súa época.

Phil Noel-Baker, capitán británico na Olimpíada de 1912 e gañador do Premio Nobel.