Gertrude Bell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGertrude Bell

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Gertrude Margaret Lowthian Bell Editar o valor em Wikidata
14 de xullo de 1868 Editar o valor em Wikidata
Washington (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte12 de xullo de 1926 Editar o valor em Wikidata (57 anos)
Bagdad Editar o valor em Wikidata
Causa da mortevalor descoñecido Editar o valor em Wikidata (Sobredose Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaIraq Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
EducaciónLady Margaret Hall (en) Traducir
Queens' College (Londres) (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoArqueoloxía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónexploradora , fotógrafa , espía , asirióloga , política , diplomática , escritora , montañista , arqueóloga , arabista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa, árabe e lingua persa Editar o valor em Wikidata
Deportealpinismo Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
Cónxuxesen valor
PaisSir Hugh Bell, 2nd Baronet (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Maria Shield (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsHugh Lowthian Bell (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

WikiTree: Bell-11653 Find a Grave: 19726067 Editar o valor em Wikidata

Gertrude Margaret Lowthian Bell, nada en Washington (condado de Durham, Inglaterra), o 14 de xullo de 1868[1][2] e finada en Bagdad (Mandato británico de Mesopotamia) o 12 de xullo de 1926[3], foi unha escritora, viaxeira, arqueóloga, espía e funcionaria do goberno británico. Realizou múltiples viaxes por Oriente Medio, Suíza e dúas viaxes ao redor do mundo en 1897-1988 e 1902-1903.[4] Foi a primeira muller en recibir un premio da Royal Geographical Society[5] e a primeira muller que chegou a oficial na intelixencia militar británica.

Recoñécese, de xeito xeral, que ela mais Lawrence de Arabia foron os principais instigadores do levantamento árabe durante a primeira guerra mundial que rematou coa instalación da dinastía Haxemita en Xordania e Iraq. Ao remata-la guerra, ela estableceu as fronteiras de Mesopotamia e incluíu as tres vilaias (ou wilayas) que deron lugar ao Iraq actual.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antecedentes familiares[editar | editar a fonte]

Gertrude Bell naceu nunha familia moi influente de industriais británicos. O seu avó, por parte de pai era Sir Lowthian Bell, cofundador e copropietario dunha empresa en Northumbria que produciu un terzo das necesidades de ferro de Gran Bretaña na década de 1870. Sir Bell non só foi un dos industriais máis ricos de Gran Bretaña senón tamén un respectado científico que recibiu a medalla de ouro Bessemer e foi membro da Royal Society, entre outras. No seu salón aparecían, de cando en vez, figuras relevantes coma Charles Darwin, Thomas Huxley, o reformador social John Ruskin e o artista William Morris e chegou a ser membro do Parlamento polo Partido Liberal de Benjamin Disraeli

O pai de Gertrude Bell, Thomas Hugh Bell, era o fillo máis vello de Lowthian Bell e tamén recibiu unha formación completa. Estudou química na Sorbona en París; en Alemaña química orgánica e matemáticas. Cando regresou ao Reino Unido, paseniñamente asumiu o liderado do imperio creado polo seu pai e foi un capitalista progresista e propietario de fábricas nas que procurou que os seus traballadores recibiran unha paga xusta e coidados.[6] Tamén participou na política no eido da educación e da saúde dende o punto de vista liberal.

En 1867, casou con Mary Shield, filla dun comerciante, que morreu en 1871, pouco despois do nacemento do segundo fillo, Maurice Bell. Daquela Gertrude tiña tres anos e foise achegando a seu pai, con que consultou varios asuntos políticos en diferentes momentos da súa vida. En 1876, Thomas Bell, volveu casar coa escritora Florence Ollife, coa que Gertrude desenvolveu unha próxima e íntima relación, mantendo unha estreita con ela até o final da súa vida. Tamén se levou ben cos seus tres irmáns que naceron posteriormente. As actividades de Florence Bell coas esposas dos traballadores do ferro de Bolckow Vaughan en Eston, preto de Middlesbrough, puideron influír na posterior conduta de Gertrude a prol da promoción da educación das mulleres iraquís.[7]

Educación e mocidade[editar | editar a fonte]

Florence Ollife, do mesmo xeito que Thomas Hugh Bell, era progresista e mandaron a emprendedora Gertrude en 1884 ao Queen's College, unha escola para nenas en Londres. Daquela, era unha conduta pouco usual pois as nenas da súa clase social adoitaban ter titores privados.

Aínda foi máis estraño que seus pais a mandasen en 1886 a estudar a Oxford: "Polo menos quero saber que podo facer unha cousa dende cero. Síntoo por esta aprendizaxe diletante. Quero mergullarme en algo", explicoulle a seu pai.[8] Gertrude Bell ingresou, con dezaseis anos, no instituto Lady Margaret Hall da universidade de Oxford[9] a pesar de que na sociedade vitoriana, a presenza da muller na universidade non estaba ben vista, mais o Margaret Hall estaba moi separado da cidade e da universidade, o que implicaba que, en realidade, estaba segregado da universidade e, ademais, as mulleres non podían acudir á biblioteca da universidade[10]. Ela mailas súas compañeiras participaron só como estudantes invitadas e, xeralmente, estaban acompañadas por un titor. En 1888, xusto antes de cumpri-los vinte anos, rematou os estudos de historia moderna en dous anos e foi a primeira muller en recibir a máis alta distinción.[5][11] Porén, ao título mantiña a forma masculina pois non foi até 1920 que Oxford tratou as mulleres en igualdade cós homes.

Primeiras viaxes (1888-1899)[editar | editar a fonte]

Dende finais de 1888 e 1889 viaxou por Bucarest e despois a Constantinopla, onde coñeceu importantes personalidades. Ao volver a Londres non se sentía atraída pola vida social e, dada a súa educación e experiencias, tampouco atopaba un pretendente que a interesase. As cartas enviadas á Florence Ollife demostran que Gertrude sabía que ía camiño dunha existencia social marxinal e que permanecería solteira.[12]

Primeiras viaxes a Oriente[editar | editar a fonte]

No outono de 1892 comezou a aprender persa e na primavera de 1893, acompañando á súa tía Mary Lascelles marchou a Teherán, onde seu tío, sir Frank Lascelles, era o embaixador británico na corte do Sha Nasseredin.

Ao chegar, quedou baixo a custodia do secretario da embaixada, Gerald Cadogan, con que comezou a coñecer o deserto e a poesía árabe e de quen namorou. Cando informou á familia que pensaba casar con el, o pai negouse absolutamente pois chegáranlle novas de que era un xogador con débedas que andaba á procura dunha rica herdeira.[13] En 1894 aparece o seu libro Persian pictures[14] (reimpreso en 2005) no que relata as súas experiencias.

Alpinismo[editar | editar a fonte]

En 1899 e 1904, para esquecer a experiencia anterior, dedicouse a facer montañismo nos Alpes. Probabelmente, foi a primeira persoa de nacionalidade británica en ascender a Meije, en 1900 o Drus, e en 1901, cos seus guías Ulrich e Heinrich Fuhrer, conseguiu a primeira ascensión por sete sendeiros no Engelhöner, unha pequena montaña nos Alpes do cantón de Berna. Un destes picos, Gertrudspitze (2 632 m), foi denominado así no seu honor[5] despois de ser cruzado por ela e mailos seus guías. Porén fracasou na conquista, en 1902, da cara nordeste de Finsteraarhorn, cando as inclemencias do tempo como a neve, a sarabia e unha tormenta con raios obrigaron a pasar "corenta e oito horas na corda" cos seus guías, aferrándose á rocha en terribles condicións que estiveron a piques de lles costa-la vida.[15][16] Este feito foi descrito por John Percy Farrarcomo coma unha das máis grandes aventuras nas expedicións dos Alpes.[17]

Arqueóloga[editar | editar a fonte]

Continuou coas viaxes por Oriente, en concreto, por Palestina, Siria e Arabia (que cruzou seis veces) e publica un segundo libro: Syria, the desert and the sown.[18] Neste libro describiu, fotografou e detallou a súa viaxe ás vilas e cidades da Gran Siria, como Damasco, Xerusalén, Beirut, Antioquía e Alexandreta. As pormenorizadas descricións contribuíron a abrir os desertos árabes ao mundo occidental.

A partir de 1905 participa en campañas de investigación arqueolóxica xunto co arqueólogo británico sir William Ramsay,[19] participou na escavación de igrexas cristiás primitivas en Asia Menor. As escavacións en Binbirkilise foron narradas en A Thousand and One Churches.[20] Aínda que esta obra aparece co nome de Ramsay en primeiro lugar, este escribiu 80 páxinas mentres Gertrude Bell escribiu 460 e se converteu nun libro de referencia para coñecer os monumentos bizantinos en Asia Menor e as primeiras igrexas cristiás.[21]

Ao volver a Inglaterra, decidiu escribir sobre as súas experiencias e de aí naceu, en 1906, The Desert and the Sown. Posteriormente, na Royal Geographical Society realizou cursos de topografía, cartografía e astronomía.[22]

Traballadores de Gertrude Bell nas escavacións de igrexas bizantinas en Binbirkilise (Turquía, 1907)

En 1907, volveu con Ramsay a Turquía onde descubriron un campo de ruínas no norte de Siria, na beira oriental do curso superior do Éufrates, até a empinada ladeira do antigo val do río. Elaborou un plano e describiu as murallas e os arredores fortificados de Mumbayah (actual Munbaqat) «onde se montaron as miñas tendas e onde o nome árabe significa literalmente "lugar elevado"; era probablemente o Bersiba da lista de nomes establecida por Ptolomeo. Este lugar componse dun dobre terraplén situado sobre a ribeira do río».[23] Alí coñeceu a Charles Doughty-Wylie, vicecónsul británico en Konia, con que anos despois tería unha relación sentimental.[22]

En xaneiro de 1909, visitou Mesopotamia e chegando preto de Bagdad descubriu as ruínas do palacio de Ukhaidiry do que realizou os planos; finalmente estivo en Babilonia e Najaf. En 1911, de novo en Mesopotamia, decidiu volver á cidade hitita de Carquemis, a visitar o arqueólogo, e amigo, David G. Hogarth, e alí coñeceu a outros dous arqueólogos: Reginald Campbell-Thompson e ao seu asistente, T.E. Lawrence (coñecido posteriormente como Lawrence de Arabia).[22]

Gertrude Bell calculou mal a localización de Bersiba, pero identificou, pola toponimia do lugar, a significación do nome deste promontorio en ruínas, participando no descubrimento desta cidade oriental. Nun rectángulo de gran dimensión atópanse as ruínas dunha cidade moi fortificada, á que fan referencia documentos e estudos elaborados en 1964, cando se inspeccionou esta zona. En 1968 a sociedade alemá Deutsche Orient solicitou o permiso de escavación do montículo de ruínas[24]

Liga anti-sufraxistas[editar | editar a fonte]

En novembro de 1908, fundouse en Londres a Women's National Anti-Suffrage League (en galego: Liga Nacional de Mulleres contra o sufraxio). A súa primeira presidenta foi a popular novelista, Mary Ward[25] e Gertrude Bell foi secretaria honoraria.[26] Os líderes desta Liga defendían que a maior parte das mulleres inglesas non querían votar e, de feito, alertaban sobre os perigos de facelo. Os seus argumentos foron que, mentres as mulleres cresen que o seu sitio estaba na cociña e no dormitorio, non poderían formar parte do debate político e serían totalmente incapaces de tomar parte nas decisións sobre a forma na que a nación debía ser gobernada[27].

Primeira guerra mundial e carreira política[editar | editar a fonte]

Misión no Medio Oriente[editar | editar a fonte]

En 1913, completou a súa derradeira e máis importante viaxe por Arabia, viaxando case 1 800 millas dende Damasco até Hail e, de volta, a través da península arábiga até Bagdad e, de novo, Damasco. O obxectivo era coñecer e entrevistarse cos dous maiores xefes tribais da península: Ibn Rashid (apoiado polos turcos) e Ibn Saud (contrario aos turcos), para avaliar unha posible alianza cos británicos contra os turcos.[22] Ela foi a segunda muller estranxeira en percorre-la zona despois de que o fixese Lady Anne Blunt (neta de Lord Byron) en 1878.[28]

Harry S. Philby ambientado con roupas árabes.

Cando se declarou a guerra, Gertrude Bell solicitou ser enviada a Oriente Medio, o que lle foi denegado. Entón presentouse voluntaria na Cruz Vermella francesa. Porén, en novembro de 1915, foi convocada pola Arab Bureau, (en galego, Oficina Árabe) recentemente creada no Cairo (Exipto) e dirixida polo Xeneral Gilbert Clayton, e alí reencontrouse, de novo, con Lawrence.[29]

Inicialmente, non lle foi asignou ningún rol oficial, aínda que axudou ao Comandante David Hogarth a organiza-lo servizo de información sobre as localizacións e o estado de ánimo das tribos árabes sobre a posibilidade de alianza cos británicos contra o Imperio Otomán. Lawrence e o capitán William Henry Irvine Shakespear empregaron esta información para coñece-los árabes e convencelos nunha alianza anti-otomá. Tanto Bell como Lawrence estudaran en Oxford e conseguiran boas notas en Historia Moderna, ámbolos dous falaban árabe con fluidez e tamén viaxaran amplamente polo deserto árabe e estableceran contactos e relacións coas tribos locais antes da Primeira guerra mundial. Posteriormente, o comandante Hogarth, que tamén era un recoñecido arqueólogo e historiador, recoñeceu o valor da experiencia de Lawrence e Bell e, trala súa recomendacións, primeiro Lawrence e despois Bell, foron asignados á Army Intelligence Headquarters (en galego: Xefatura de Intelixencia do Exército) no Cairo en 1915, para o resto da guerra.

O 3 de marzo de 1916, o xeneral Clayton enviou a Gertrude Bell a Basora, que fora conquistada polas tropas británicas en novembro de 1914, para asesorar o oficial político Percy Cox sobre como comportarse nunha zona que Bell coñecía moi ben. Bell preparou mapas topográficos para axudar ao exército británico para chegar a Bagdad con relativa seguridade. Converteuse na única muller que sumiu o cargo de oficial político nas forzas armadas británicas e recibiu o posto de oficial de enlace no Cairo na Arab Bureau. Foi tamén conselleira de campo de Harry St. John Philby, ao que introduciu nas complexas metodoloxías políticas sobre a intelixencia e a espionaxe. Cando as tropas británicas tomaron Bagdad, o 10 de marzo de 1917, foi enviada por Percy Cox a Bagdad co título de "secretaria para Oriente".[22]

Creación de Iraq[editar | editar a fonte]

Despois da Primeira guerra mundial, trala caída do Imperio Otomán, en xaneiro de 1919, encargóuselle un informe sobre a administración de Mesopotamia entre o final da guerra e a rebelión iraquí de 1920, onde máis tarde axudou a determinar as fronteiras en tempos de posguerra. Debido ao seu coñecemento e relacións coas tribos da zona, tiña boas ideas sobre o liderado en Iraq. Pasou os seguintes dez meses realizando o que foi considerado coma un informe oficial maxistral, titulado "Self Determination in Mesopotamia".[30] Con todo, as súas conclusións foron favorables aos árabes, porén o seu superior, o comisario británico, A. T. Wilson, tiña ideas diferentes sobre como debía ser dirixido Iraq, pois prefería un goberno árabe baixo a influencia e o control de funcionarios británicos que terían o control real porque opinaba que as poboacións mesopotámicas aínda non estaban listas para gobernar e administra-lo país de xeito eficiente.

Percy Cox regresou e pediulle que continuase como secretaria para Oriente, actuando como enlace co próximo goberno árabe. Bell, a miúdo, tivo que mediar entre os diversos grupos de Iraq, a poboación xiíta maioritaria no sur, os sunnitas no centro e os kurdos no norte, que desexaban ser autónomos. O mantemento da unidade era esencial para o equilibrio político en Iraq e para os intereses imperiais británicos, pois interesaban non só os recursos petrolíferos senón que actuaría, coa axuda dos kurdos do norte como exército permanente na rexión, como zona de amortecemento e protección fronte a Turquía, Persia (Irán) e Siria.

Os funcionarios británicos en Londres, especialmente Churchill, estaban moi preocupados por reducir os altos custos das colonias, incluído o mantemento da paz por mor das loitas entre tribos e tamén tentaron crear unha nova identidade para que as tres comunidades se chegasen a identificar como unha soa nación.[31], polo que chegaron á conclusión de que sería máis barato un Iraq como estado autónomo.

Conferencia do Cairo (1921)[editar | editar a fonte]

En 1921, celebrouse a Conferencia do Cairo para determinar a estrutura política e xeográfica do que sería o Iraq e o Próximo Oriente actual.[32] A participación de Gertrude Bell foi moi relevante na creación do país. Bell e T.E. Lawrence influíron para que a Transxordania e Iraq fosen dirixidas por Abdalá bin Hussein (futuro Abdalá I de Xordania) e Faisal bin Hussein dous fillos de Hussein ben Ali, xerife da Meca, rei do Hedjaz, que fora un dos promotores da rebelión árabe de 1916 contra o Imperio Otomán.

Destacaron que Faisal bin Hussein (o fillo de Hussein) era ex comandante das forzas árabes que axudaran aos británicos na guerra e entraran en Damasco na culminación da revolta árabe e que viña de ser deposto, por Francia, como rei de Siria. Finalmente, foi aceptado polos británicos como primeiro rei de Iraq, pois pensaban que debido a súa liñaxe como Haxemita e ás súas habilidades diplomáticas, sería respectado e conseguiría uni-lo país. Os xiítas respectaríano pola liñaxe de Mahoma, os sunnitas -incluídos os kurdos - porque era sunnita dunha familia relevante. Cando Faisal chegou a Iraq, en xuño de 1921, Gertrude púxoo ao corrente dos asuntos locais, en concreto dos problemas relativos á xeografía das tribos e a economía local. Supervisou, ademais, os nomeamentos dos diferentes cargos do goberno. Faisal foi coroado rei de Iraq o 23 de agosto de 1921. Gertrude chegou a ser confidente do rei, e botoulle unha man ao principio do seu reinado para establecer a súa autoridade sobre os xefes tribais. Debido á súa influencia sobre o novo rei, Gertrude Bell foi alcumada a "raíña sen coroa de Iraq". Por outra banda, os británicos rexeitaron un estado separado para os kurdos con vistas a te-lo control dos campos de petróleo que se atopan nos seus territorios. Os británicos elixiron os sunnitas para gobernar o país porque consideraban que os xiítas eran fanáticos relixiosos. No seu informe, Gertrude Bell escribe:

Non dubido un instante de que o poder debe volver aos sunnitas, a pesar da súa inferioridade numérica [...] pois en caso contrario teredes un Estado teocrático, que podería ser moi perigoso.

Outras actuacións[editar | editar a fonte]

Ao longo da década de 1920 Bell tivo unha participación integral na administración de Iraq. Entre as súas actuacións destaca a creación dunha bandeira propia. A nova monarquía haxemita empregaba a bandeira do sherife da Meca, Hussein, que consistía nunha banda negra que representaba o califato abasí, unha banda branca que representaba o califato omeia e unha banda verde para a dinastía fatimí e, finalmente, un triángulo vermello para establecer as tres bandas que simbolizaba o islam. Bell considerou relevante personalizala para Iraq engadindo unha estrela dourada.[33] Porén, as rivalidades entre as diferentes comunidades relixiosas continúan provocando, aínda hoxe, choques en Iraq. Ademais, atopou moitas dificultades para traballar co novo rei: "Podes confiar nunha cousa: nunca volverei crear reis: é unha gran tensión".[34]

En novembro de 1919, Bell foi invitada nunha reunión a prol da creación dunha biblioteca pública en Bagdad para ser nomeada entre 1921 e 1924 presidenta do Comité de Bibliotecas. A Biblioteca da Paz de Bagdad (Maktabat al-Salam) creada en 1920 era privada mantida por subscrición, mais en 1924 foi asumida polo Ministerio de Educación e pasou a ser coñecida como Biblioteca Pública de Bagdad (ou ás veces como a Biblioteca Xeral).[35] En 1961, converteuse na Biblioteca Nacional de Iraq.

Tamén axudou a crear o Museo Nacional de Iraq, en Bagdad. A pesar da oposición europea, tiña a convicción de que as antigüidades extraídas nas escavacións deberían permanecer no seu país de orixe e comezou a reunilas ao principio nas salas do palacio real para, finalmente, crea-lo museo. Dirixiu escavacións e examinou os achados. O museo abriu as portas oficialmente en xuño de 1926. Trala súa morte, o seu testamento permitiría a creación da Escola Británica de Arqueoloxía de Iraq.

Relacións[editar | editar a fonte]

Bell nunca casou nin tivo fillos pero si varias relacións. Durante unha visita a Singapur co seu irmán Hugo en 1903, fíxose amiga do administrador colonial británico Sir Frank Swettenham con quen mantivo un "breve pero apaixonado romance" despois do seu retiro en Inglaterra en 1904,[36] e seguiu mantendo correspondencia seguida até 1909.[37] Tamén tivo unha aventura sen consumar co maior Charles Doughty-Wylie, que estaba casado, e intercambiou cartas de amor de 1913 a 1915.[38][39] Durante unha travesía do deserto ao non poder comunicarse con el, decidiu realizar un diario para el mais tras coñecer que morrera na campaña de Gallípoli, en 1915, decidiu centrarse no traballo.

Morte[editar | editar a fonte]

Gertrude Bell volveu brevemente a Gran Bretaña en 1925, atopouse fronte a problemas familiares, e caeu enferma. A fortuna da súa familia declinara. Volveu a Iraq, pero sufriu unha pleuresía. Cando se recuperou dela, coñeceu a morte do seu irmán de febre tifoide. O 12 de xullo de 1926 descubrírona morta na súa casa de Bagdad, aparentemente dunha sobredose de somníferos. Non se sabe se foi un accidente ou un suicidio.[40]

O seu traballo foi citado como exemplar no parlamento británico e foi recompensada coa Orde do Imperio Británico. Tivo dereito a uns funerais grandiosos, en presenza do rei de Iraq e contemplados por un gran número de persoas. Repousa no cemiterio británico de Bagdad.[3]

En 1927, un ano despois da súa morte, a súa segunda nai Lady Florence Bell publicou dous volumes da correspondencia recollida de Bell escrita durante os 20 anos anteriores á Primeira guerra mundial.[41]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Safar Nameh, Persian Pictures (1894). Londres: Bentrley.
  • Poems from the Divan of Hafiz (1897). Londres: Heinneman.
  • The Desert and the Sown (1907). Londres: Heinneman.
  • Mountains of the Servants of God (1910)
  • Amurath to Amurath (1911). Londres: Heinemman.
  • The Palace and Mosque of Ukhaidir: a Study in Early Mohammadan Architecture (1914). Oxford:Clarendon Press.
  • The Civil Administration of Mesopotamia (1920). Londres: H.M. Stationery Office.

No cine[editar | editar a fonte]

A súa vida foi levada en repetidas veces á pantalla, ben en forma de película, ben en documental:

  • A Dangerous Man: Lawrence After Arabia (1992)[42]. TV Movie, dirixida por Christopher Menaul; Gillian Barge interpreta a Gertrude Bell.
  • Queen of the Desert (2015),[43] longametraxe dirixida por Werner Herzog; Nicole Kidman interpreta a Gertrude Bell.
  • Von Britannien nach Bagdad – Die Geschichte von Gertrude Bell (2015),[44] (en alemán). Película documental, dirixida por Zeva Oelbaum e Sabine Krayenbuhl. Emitida o 22-08-2017 na cadea Arte.
  • Gertrude Bell – Briefe aus Bagdad, (2018),(en alemán). Documental da cadea ORF na serie Universum History (emitido o 2-03-2018),[45] como conmemoración do día da Muller.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Johnson (2007), p. 10
  2. O'Brien (2000), p.4
  3. 3,0 3,1 Buchan, James (12-03-2003). "Miss Bell's lines in the sand". theguardian.com. Consultado o 13-08-2018. 
  4. "Gertrude Bell archive". Newcastle university. Consultado o 06-08-2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Portrait of Gertrude Bell, CBE". Lady Margaret Hall (en inglés). Consultado o 2021-05-24. 
  6. Howell (2008), pp. 33-34
  7. O'Brien (2000), pp. 5-6
  8. Bell (1993), p.12
  9. "Prominent alumni". Lady Margaret Hall. Consultado o 12-08-2018. 
  10. O'Brien (2000), p. 7
  11. Bell (1993), p.13
  12. Wallach (1999), p. 66
  13. O'Brien (2000), p. 9
  14. Denison, Ross Sir E. (1928/00/00). Gertrude Bell Persian Pictures With A Preface. Ernest Benn Limited. 
  15. O'Brien (2000), p. 10
  16. Berry, Helen (setembro de 2013). "Gertrude Bell: adventurer, diplomat, mountaineer and anti-suffragette". BBC History Magazine. Consultado o 16-05-2017. 
  17. "Der Hölle am Finsteraarhorn entronnen". agesanzeiger.ch. 16-08-2012. Consultado o 11-08-2018. 
  18. Bell, Gertrude Lowthian ([1919]). Syria, the desert & the sown : with a map. London : Heinemann. 
  19. Johnson (2007), p.18
  20. Cohen (2006), p. 167
  21. Cohen (2006), p. 168
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 Morató (2012)
  23. Werner Maurer, Alfred (2007). Mumbaqat 1977 report on the resources of the University of Saarbrücken, undertaken by the German Oriental Society excavation. Basilea: Philologus Verlag. 
  24. Alfred Werner Maurer : Mumbaqat 1977, Bericht über die von der Deutschen Orient-Gesellschaft mit Mitteln der Universität Saarbrücken unternommene Ausgrabung. Philologus Verlag, Bâle, 2007.
  25. "Anti-Suffrage Society". spartacus-educational.com. Consultado o 06-08-2018. 
  26. "THE WOMEN'S NATIONAL ANTI-SUFFRAGE LEAGUE. The wiser women of Britain". The spectator archive. 25-07-1908. p. 5. Consultado o 06-08-2018. 
  27. Griffiths, Jack (22-10-2015). "Anti-Suffrage: the British women who didn’t want the vote". historyanswers.co.uk. Consultado o 06-08-2018. 
  28. Howell (2007), pp. 218-219
  29. Howell (2007), pp. 160-161
  30. Sobel (2001), p. 64
  31. Wallach (1996), p.6
  32. Howelll (2008), pp. 365-369
  33. Lukitz (2006), p. 149
  34. Bell, Gertrude. "The Gertrude Bell Archive. The Letters: 08-07-1921". web.archive.org. Arquivado 20-05-2009. Archived from the original on 20-05-2009. Consultado o 15-08-2018. 
  35. Johnson, Ian (2017). "Gertrude Bell and the Evolution of the Library Tradition in Iraq". En Tripp, Charles; Collins, Paul. Gertrude Bell and Iraq: A life and legacy. Actas de la Academia Británica, Libro 205 (en inglés). Oxford: Oxford University Press. pp. 257–271. ISBN 978-0197266076. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2018. Consultado o 15 de agosto de 2018. 
  36. Barlow (1997), p. 333
  37. Barlow (1995), pp.654-655
  38. O'Brien (2000), pp. 20-31
  39. Amoia (2005), p. 154
  40. Wallach (1999).
  41. Bell, Gertrude (1927). Bell, Florence, ed. The Letters of Gertrude Bell (en inglés). Londres: Boni and Liveright. 
  42. "A Dangerous Man: Lawrence After Arabia". imdb.com. Consultado o 15-08-2018. 
  43. "Queen of the Desert". imdb.com. Consultado o 06-08-2018. 
  44. "Von Britannien nach Bagdad: Gertrude Bell". arte.tv. (arquivada en internet archive 20-09-2017). Archived from the original on 28-09-2017. Consultado o 15-08-2018. 
  45. "„Gertrude Bell – Briefe aus Bagdad“: „Universum History“ erinnert an eine der Schlüsselfiguren des Orients nach dem Ersten Weltkrieg". ots.at. 15-05-2018. Consultado o 15-08-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]