Freixo de folla estreita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Freixo de folla pequena
Follaxe da subespecie oxycarpa
Follaxe da subespecie oxycarpa
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Oleaceae
Xénero: 'Fraxinus'
Especie: ''F. angustifolia''
Nome binomial
''Fraxinus angustifolia''
Vahl
Sinonimia

O freixo de folla estreita ou freixo de folla pequena (Fraxinus angustifolia), é unha árbore da familia das Oleaceas. É o freixo máis común na Península Ibérica, en Galiza abunda no sur do país, sendo substituído no norte polo freixo común (Fraxinus excelsior).

Características[editar | editar a fonte]

Árbore caducifolia que pode acadar os 18 m de altura, coa copa ampla e o toro cunha cascacinsenta e rugosa e gretada. Follas opostas con 7-9 folíolos de forma ovado-lanceolada, coa base enteira e finamente dentados na metade superior. Limbo verde claro na face superior, con pubescencia nos nervios da cara posterior. Pecíolos con peliños. As xemas son de cor castaña clara.

Flores aparecendo ao principio da primavera despois de desfacerse das súas follas xeralmente ao comezar o inverno ou con posterioridade. Son dioicos, e dispóñense en mestas panículas terminais e axilares. Florea en febreiro-abril. Froito en sámara linear-lanceolada, truncada oblicuamente. Os froitos atópanse onde empeza a poliña do último ano.

Hábitat[editar | editar a fonte]

En Galiza[editar | editar a fonte]

Soen aparecer individuos illados, raramente formando freixedos en lugares frescos, pasteiros, sebes, brañas, lameiros, coma especie das fragas ou nos bosques de ribeira xunto a amieiros, salgueiros, pradairos, abeleiras, acivros, sabugueiros, loureiros, estripeiros, bidueiros e carballos.

No Mediterráneo[editar | editar a fonte]

No Mediterráneo os freixedos forman parte dos bosques de ribeira e se instalan con preferencia en terreos silíceos, onde existe un nivel de auga freática oscilante ao cabo do ano. As árbores coas que se mestura o freixo no mediterráneo son, nos terreos máis frescos, lamigueiros e salgueiros pero tamén con umeiros e aciñeiras nas veigas. Nas montañas da España occidental é moi corrente que aparezan os freixos formando unha paisaxe característica, de sebes lineares densas e muros de pedra, flanqueados de árbores demoucadas. En menor medida os freixos mestúranse con abeneiros nos solos húmidos así como con lamigueiros brancoss nas veigas chairas. As camposas máis estendidas nos freixedos están cubertas de gramíneas vivaces de talle medio, como o feo de Castela (Agrostis castellana) Festuca ampla, Lolium perenne e un tapiz de flores como o cáncaro.

Onde o gando e a fauna descansa adoitase desenvolver un arbusto, o sabugueiro e por todas as partes medran as coñecidas ortigas (Urtica dioica) e diversas labiadas de follas moi semellantes, chamadas por iso ortigas mortas (Ballota nigra, Lamium maculatum, Lamium purpureum etc.), carapichos (Arctium minus), lingua de boi (Pentaglottis sempervirens), grama das boticas Elymus repens e os altos herbais de cicutas (Conium maculatum). Na época de choivas estas paraxes convértense en verdadeiros criadeiros de cogomelos comestíbeis, sobre todo de bola de neve (Agaricus arvensis) e pés azuis e violetas (Lepista nuda e Lepista personata). Se este lugar é máis avesío proliferan as comunidades escianitráofilas coa herba alleira (Alliaria petiolata), a herba roqueira (Convolvulus sepium) e a medicinal magarza (Chrysanthemum parthenium).

Nos lugares onde se rega no verán con canles ou regueiras, fórmanse os produtivos prados de sega con abundancia de gramíneas altas como aArrhenatherum bulbosus, Dactylis glomerata), feo branco (Holcus lanatus), rabo de rato (Phleum pratense) e feo de Castela (Agrostis castellana). Os troncos e pólas dos freixos vístense a miúdo cunha camada cinsenta prateada de liques (Parmelia glabra, Physcia leptalea, e Physcia ascendens) e, con frecuencia, do lique alaranxado Xanthoria parietina , ligado a árbores iluminados e moi frecuentados polas aves.[1]. Son importantes os freixedos que aparecen nas vertentes norte e sur do Sistema Central, nas provincias de Ávila, Segovia, e Madrid. Tamén son importantes os freixedos nos vales de algunhas montañas en Andalucía.

Tradicionalmente os freixos esmoucáronse, polo que presentan troncos moi desenvolvidos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Habita no sur de Europa, suroeste de Asia e noroeste de África. Na Península Ibérica atópase en case todo o territorio, tamén en Galiza. Ás poboacións o nordeste da península Ibérica con pubescencia no envés dos folíolos considéranse da subespecie oxycarpa. Escasea nas provincias da Coruña e Lugo, onde é substituído por Fraxinus excelsior. No norte de África é habitual en ríos e arroios do extremo norte desde Marrocos até Tunisia. Polo sur chega até o Alto Atlas e o Atlas Sahariano.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Hai 4 subespecies[2][3]

  • Fraxinus angustifolia subsp. angustifolia. Europa occidental até o norte de Francia, noroeste de África.
  • Fraxinus angustifolia subsp. oxycarpa (M.Bieb. ex Willd.) Franco & Rocha Afonso (sin. F. oxycarpa M.Bieb. ex Willd.). Freixo 'Raywood';[4] Freixo do Cáucaso. Europa oriental até a República Checa no norte, suroeste de Asia e no leste ata o norte do Irán.
  • Fraxinus angustifolia subsp. syriaca Oriente medio e oeste de Asia.
  • Fraxinus angustifolia subsp. danubialis (descrito por Zdeněk Pouzar) Europa central.

Usos[editar | editar a fonte]

Os freixedos foron utilizados historicamente como devesas para pasto, das cales aínda quedan bastantes aos pés dos montes da provincia de Madrid, aínda que agora se atopan moi ameazadas pola presión urbanística. A madeira dura, flexíbel é resistente aos golpes repetidos, considerándose madeira nobre. Estas características fana idónea para facer arcos, mangos de ferramentas, bates de cricket, bates de béisbol, hurleys, paus de hóckey, raquetas de tenis e outros usos que esixen gran forza e resistencia. Tamén adoita usarse coma material para instrumentos musicais como guitarras.

No agro galego, estimábase moito para a fabricación das distintas partes do carro, coma o eixo ou as cangas; tamén para os mangos de instrumentos e aínda hoxe en día emprégase para facer partes curvas de mobles e barcos. A Armada Española utilizou os freixos do norte da península na industria da cordoaría dos barcos e outras pezas de artillería. Ademais subministra excelente leña e carbón.

No eido das menciñas populares, as follas en infusión teñen servido coma laxante, diurético, para combater as enfermidades renais e o reuma, mentres que a casca (moumiña) serve para baixar a febre e curar as dores de cabeza.

Empréganse tamén en paisaxismo e xardinaxe coma especies ornamentais.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Outros nomes para a mesmo árbore son:

  • Fraxinus vailhei Aubouy 1904
  • Fraxinus oxyphylla subsp. montagnei Nyman

Nome común[editar | editar a fonte]

Ademais de freixo, a forma máis común en toda Galiza, outras denominacións galegas son: afereixo, afreixo, freixa, freixeira e frinxo. Para o colectivo existen as denominacións freixal, freixedo, freixeiro e freixido.

Ter en conta que freixa ten o significado de caída de auga nun río, fervenza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guía de Árboles y Arbustos de Castilla y León. ISBN 84-95018-46-2. 
  2. Flora Europaea: Fraxinus angustifolia
  3. Trees of Britain and Europe. ISBN 0-00-220013-9.. 
  4. Árboles: guía de campo; Johnson, Owen e More, David; traductor: Pijoan Rotger, Manuel, ed. Omega, 2006. ISBN 13: 978-84-282-1400-1. Versión en español da Collins Tree Guide.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Freixo de folla estreita
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Freixo de folla estreita

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bean, W. J. (1976). Trees and shrubs hardy in the British Isles 8ª ed. revisada. John Murray
  • Rushforth, K. (1999).Trees of Britain and Europe. HarperCollins ISBN 0-00-220013-9

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]